Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.
Compartir en


16-IX-76

Benquerido Luis:

Estes días están en Compostela Lorenzo e Marika e botamos grandes parrafadas. Desde logo, os catro botamos de menos a vosa presencia. Como é natural, a vosa lembranza xurde de continuo nas nosas conversas. Foi unha experiencia bastante emotiva o reencontro despois de 42 anos. A Xesús atopeino moi ben e interiormente cheo de azos.
Das cousas de por aquí, xa vos supoño enterados polos xornais. Na miña opinión, a operación de apertura democratizadora irá adiante perfeitamente controlada polas forzas conservadoras. A oposición, hoxe por hoxe, é feble. Terán que pasar algúns anos para que a sociedade se politice e para que os partidos políticos de base popular cheguen a ter arraigo e consistencia.
En Galicia ocurre o mesmo, claro, pero é indudable que a conciencia galeguista é hoxe máis forte que en ningunha ocasión anterior. Si acadamos que esto prosiga no mesmo ritmo de crecemento, poderemos confiar fundadamente nas posibilidades dun futuro relativamente próximo.
Xa saíu o libro de Víctor Freixanes Conversas con unha dúcea de galegos. Tivo unha boa acollida e véndese moi ben. Mandáronche un exemplar por correo marítimo, pero como tarda bastante en chegar, díxenlles que che enviasen outro por vía aérea. Supoño que non tardarás en recibilo.
O Lorenzo estivo un día en Lugo e falou co Fole e mais co Celestino. Xantaron todos, tamén cos Díaz Pardo, acarón do Miño.
Tivemos recentemente unha xuntanza do Patronato do Museo Carlos Maside. Grande parte foi informativa dos trámites administrativos e dos atrancos xurídicos derivados dos pleitos cos socios de Isaac. Tamén se acordou o traslado provisional dos fondos do Museo a unhas salas acondicionadas no grande edificio que se está construíndo alí no Castro, acarón do futuro edificio do Museo.
En fin, os amigos de por aquí máis ou menos como sempre.
Apertas nosas para os dous

Ramón

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    16/09/1976
  • De:
    Ramón Piñeiro
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Santiago de Compostela
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: