Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Seoane a García Sabell. 1953

19/06/1953
Arturo CuadradoRafael DiesteDomingo García-SabellLuís Seoane
Compartir en

Buenos Aires, 19 de xuño de 1953

Sr. D. Domingo García Sabell
Sant-Iago

Meu querido amigo:

Non te imaxinas con que fonda ledicia tuven coñecemento, tivemos todol-os teus amigos, da aceptación túa á invitazón da Xunta Direitiva do Centro Galego. Deseiosos de falar de todo, dos tempos pasados e deste presente que vivimos. Debullaremos antigos recordos, sonos aínda nidios e non esquecidos.

Agardámoste cos millores agoiros i-escuso decirche que, endemáis, contes comigo pra canto deseies.

Estarei o primeiro de todos no peirao co soio sentimento de que Dieste esté lonxe, xa que con él moi a miúdo falábamos de tí. Buenos Aires ten un intrés sotil, pouco meigoso, que tes de coñecer. Falaremos tamén desto e daquelo que fixemos eiquí, sós, soñando en Galiza. A Cuadrado e a min n-esta povoada soidade enchéronsenos os ollos de bágoas, ¿por qué non o ímos a confesar?, o lér as túas liñas e lembrar desazados a mocedade nosa perdida, lonxe de todo aquelo que máis queremos.

Recibe, deica moi logo a forte aperta de:

Seoane.

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    19/06/1953
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Domingo García-Sabell
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Santiago de Compostela
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: