Carta de Seoane a García Sabell. 1955
09/02/1955Buenos Aires, 9 de febreiro de 1955
Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago de Compostela
Querido Domingo:
Estou tan emocionado que non sei como escribir esta carta. Recibín onte a tua monografía sobor da miña obra i-eu quixera hoxe decirche con estas liñas toda a miña emoción e agradescimento e non sei como facelo. Teño a sensación de que pol-o estudo atópome xa pra sempre na Terra e que fico pra sempre convosco. É de unha grande beleza e creo que poucas monografías das feitas derradeiramente nesa, en Madride ou Barcelona e que eu conoza, son tan nidias e craras con respecto aos probremas estéticos como a tua i-está, ademais, espréndidamente escrita. Todo esto asacándolle o que poda ter de amistade túa por min. Agradézoche ise remate dela que sei fondamente sentido por ti e pol-os amigos que endexamais esquezo desa. Leína xa varias veces e fai soio unhas horas que teño iste exemplar conmigo. Non sei, non podería decirche nada que se refira ao que ti fixeches porque trata de mín i-eu non podo xusgar o que ti escrebiches que a min paréceme magnífico deducindo aquelo que pode ser producto da túa amistade. Eu soio podo decirche esto, que sempre tiven ilusión, que sempre fun home de ilusión e de ilusiós, mais que agora cando nos ollos que comezan a murcharse de tantas bágoas que non abrotaron, lles falla o brilo e a ledicia dos anos da mocedade, torno a ter unha ilusión mais afincada, unha ilusión nova i-é esta que ti me ofreces ao considerarme un pintor galego, da Terra, de isa terra, Terra, a que eu, coma todos aqueles que convimos fóra, quero un dia xunguirme pra sempre, pra eternidade. Non sei que escribirche, non sei como decirche o que sinto, quixera que o leras nestas poucas liñas desguedelladas aínda que non fique escrito. Non poido facer unha carta correcta e fria o rredor de unha obra como a tua feita de agarimo, de sentimento, tanto coma de fondo saber. Agradézocha fondamente sin mais verbas e quixera estar nesa pra darche a grande aperta que recrama o meu agradecimiento e pra que notases na miña faciana o sentimento que escribindo non podo verter.
Unha aperta pra Elena e pra ti de Maruxa e minha (sic), e ti recibe a grande e fonda de:
Seoane.