Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Buenos Aires, 18 de xulio de 1959

Sr. D.
Domingo García Sabell
Santiago de Compostela.

Querido Domingo:

Recibín a tua carta onde me das noticia de ter recibido o artigo de Dieste, as fotos de obras miñas e material de Citania pra Insula. Todos eiquí desexamos ver o número e gostaríame que tan pronto saíse me remitises un exemprar por correio aéreo si non é pra tí moita molestia. Por Carmen, a dona de Díaz Pardo, envieiche un corto metraxe sobor dos muraes meus. A película ten ademáis de moitos defeutos, –foi feito por rapaces moi novos que están iniciándose na filmación– o moi notorio de non ter sido feita en coor, que penso é con seguranza o mais importante das miñas obras diste xénero e non abarcar ningún muro na sua totalidade. Mais de calquer xeito, pode ofrescer unha ideia aproximada do que fago. Fíxenlles reproducir un disco da Polifónica pra xunguir dalgún modo o que fago coa terra. Quixera coñecer a tua opinión e a dos amigos sobor do que se pode ver si xa a tedes pasado. Istes días envíoche un novo libro de dibuxos, Figurando recuerdos que está a sair do prelo. E posíbel que tamén a final do ano saia unha peza de teatro que teño entregada a un editor de eiquí feita sobor dun acontecido compostelán do século XVII.

¿Por qué non me escribes unha carta longa sobor dos teus proieitos? Gostaríame moito editar algunha cousa tua en Citania, ¿por qué nonos (sic) envías algún orixinal teu? Agora sal unha monografía de Del Riego. Tamén quixera coñecer os comentarios que tiveches da tua monografía sobor da miña obra. Eiquí gustou moitismo mais non sei ren do que pasou nesa. Ficamos illados de todos. Soios. Pol-a miña parte xa penso se non serei enfermo ao non tratar de esquecerme de todo o que se refire a Galiza, adicándolle tempo e loitando co seu nome nun mundo alleo. Ao remate do ano vamos a Suiza onde teño duas exposiciós, non sei si xa cho escribín, en Basilea e Berna. Estou contento de voltar a Europa, mais tamén sinto deixar de traballar nas miñas cousas durante algún tempo. Isto é todo. Escríbeme.
Un saúdo garimoso de Maruja e meu pra Elena e a aperta fonda pra tí de

Seoane.

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    18/07/1959
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Domingo García-Sabell
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Santiago de Compostela
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: