Fundación Luís Seoane

----

Buenos Aires, 18 de setembro de 1959

Sr. D.
Domingo García Sabell
Santiago.

Querido Domingo:

Recibín o número de Insula, cuio envío agradézoche moito e que me parece –nos parece en xeral– un grande número. Destaco pol-a miña parte a tua colaboración e a de Piñeiro, a de Celestino de la Vega, a de Carballo Calero, Fole, a de Ledo. En xeral todas son moi boas e reveladoras, escluíndo, ao meu xuicio, a de Franco Grande. Teñen de evitarse os xuicios particulares en panorámicas coma a que pretende facer, e dende logo non pode esquecerse a Lorenzo Varela nun ensaio sobre poesía galega contemporánea. Igoalmente a visión galega de Landeira Irago é ledamente caprichosa. Algús que amamos a Celtia ollamos non a xente viva do noso país marchando ao través dos séculos con unha gaita ao frente, senón unha interminábel marcha da Santa Compaña con isa gaita, iso sí, levada por un esquelete como a representaría dendo logo Peter Brueghel, autor tamén de grabados como “artículos de fondo” do mesmo xeito que nas Cantigas de Alfonso atópanse notas sociaes e periodísticas que non son o peor das Cantigas. Dende Peter Brueghel deica Ensor ou Ghelderode mixturanse a crónica, o humor, a ledicia de vivir, a traxedia e o drama, coma unha constante de todol-o arte flamenco. Ren mais céltico que o poema de Curros a Rosalía, por exempro. Nos voltaremos de América cun libro de poemas e unha úlcera de estómago, con moito mais ás veces que un libro de poemas, e tamén con doencias mais graves que a úlcera de que fala o ledo cronista, e tendo pol-a distancia cicáis unha visión deformada de Galicia, non tan parva e deformada coma a do señor Landeira Irago, que escluíu do celtismo aos eisilados Shaw, Joyce, Moore, O´Casey, ou Yeats, irlandés de Londres; Beckett ou Brendan Behan, voces distintas máis xunguidas nun mesmo “candor emocional”; ou ao Oscar Wilde de A balada da cárcel de Reading: “Aquil que vive mais dunha vida, mais dunha morte tamén ten que morrer”. Os emigrantes morren de morriña, Rosalía, Curros. Voltarán algús emigrantes, sí, voltarán cun libro de poemas, é algo mais dooroso que unha úlcera de estómago. Tí es moito mais que médico e sábelo. Que ben acougado debe sentirse o Sr. Landeira, ao que non coñezo, no carnaval de Rio, e que desacougo pra íl leere o fermoso poema “Galicia” de Pimentel, da terceira páxina dise número de Insula. Mais a pesare distas miñas reaiciós é un número notábel que supoño ten de sere dunha enorme utilidade. Eiquí aínda non chegou. O teu ensaio Europa desde Galicia tes que amplialo, é moi bon, coma tamén o de Piñeiro. Mais todo o número é importante i é un trunfo. Notábel o ensaio de Ledo sobre arte e o de Fole sobre ensaio.

Recibín a tua carta e dín a noticia da reaición encol da tua conferencia e do libro de Cunqueiro a uns poucos, non sei si é prudente facelo púbrico. Non lle dixen ren a Don Ramón, xa tería tempo de enterarse e non quixen preocupalo. As conferencias de Otero foron eistraordinarias. Fixéronno traballar e asistir a banquetes arreo. Eu traballo. Envíoche por correio aparte o meu derradeiro libro de dibuxos. Istes meses expoño, casi simultáneamente en San Pablo, Rio, Nueva York i eiquí. En Xaneiro marchamos a Suiza, e teño en preparación algunhas cousas que deixarei feitas denantes de fin de ano. Escríbeme unha carta longa, necesítoa. Síntome soio, penso que perdín unha vida. ¡Ou... ditoso señor Landeira, que pode, cego, rir…! Dende un burato, centos de cadros, grabados, dibuxos, vinte muraes, libros de varios xéneros, ¿pra qué? O señor Landeira que é un home sensíbel, soio dianostica unha úlcera de estómago. Despois de todo somentes un emigrante, ¡que outo irmán Curros!.

Saúdos de Maruxa e meus pra Elena e pra tí, e recibe a forte aperta do teu amigo:

Seoane.

Ficha documental [Imprimir]