Fundación Luís Seoane

----

DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/DR. TEIJEIRO, 15/TELÉFONO 1330/SANTIAGO

30-XI-1959
Sr. D. Luis Seoane
BOS AIRES

Querido Luis:

Alégrome moito que che gustara o número galego de Insula. Ten os seus defeitos, inevitábels, pro en xeral estou de acordo contigo. En Galicia e no resto de España causou moita sensación. Canito, o direitor, recibiu cartas de felicitación a eito. Todos coinciden en que o número é moito mellor que o que se adicou ás letras catalanas i eso que nós non dispoñemos das facilidades de tipo económico que teñen os nosos amigos. O artigo de Rafael é moi fermoso i o de Blanco Amor está realmente ben. Suprimiron algunha foto dos teus coadros i algunha outra ilustración por razós de espacio. Satisfáceme enormemente que fora do teu agrado o meu traballo. En realidade, penso que era mellor do que saiu na revista xa que iste apareceu seriamente mutilado. Cousas que pasan. De todos xeitos, hai que estar contentos. Non esquezamos que o número quedou parado catro anos na censura i aquí xa non nos facíamos moitas ilusiós sobor da sua aparición.

Falei moito de tí, e de todos vós, con motivo do enterro de D. Ramón Cabanillas. Acudiu xente de toda Galicia e foi unha demostración máis de cómo o noso esprito está vivo, alerta e vixiante, incruso nas xeraciós novas que non poseen vivencia algunha de moitas cousas pasadas.

Vexo que traballas como un forzado. Iso é bó. Canta máis obra teñas, máis se enriquecerá a nosa terra. Non estás esquecido nin moito menos. Ó contrario. Arredor de tí e da tua siñificación artística hai un verdadeiro halo de curiosidade, de ademiración e de respeto. Unha vida honesta e creadora non se perde endexamais. O coadro teu que eu teño na miña casa i os dibuxos que colgan na cabeceira do despacho da miña Clínica son visitados e contemprados a cotío por xentes de toda índole que coinciden no fervor hacia o arte auténtico e, por tanto, hacia Seoane. Tí eres, sin dúbida, a figura máis outa da plástica galega contemporánea e isto, que non se formula nos periódicos nin nas revistas oficiaes, o saben universitarios, artistas, inteleitoales e traballadores da nosa entrañabel Galicia. Luis Seoane, penso e digo en moitas vegadas en púbrico, é como un neno galego que se nos foi prás Américas e que alí tivo a nobleza de desenrolar un traballo heroico non pra empetar cartos senón pra aumentar, esgreviamente, o caudal artístico da nosa Patria. E Seoane sigue sendo un neno que vai pra maior e que sabe tapar as bágoas pra que a visión creadora non se lle tolde. E todo isto feito alá en Bós Aires, naquele balbordo lonxano no que ele, o artista, escoita sempre como un profundo rumor do profundo e calado pobo galego. Eisí pasan os anos, lentos e doorosos, e Seoane alá está, firme e fecundo. Galicia ten algún día de pagar a deuda contraída con este neno galego que envellece, loita e suscita inéditos mundos de fermosura.

E non sigo, querido Luis, non sigo.

Eu tamén traballo o que poido. Iste inverno teño eiquí unha xeira de dez conferencias, unhas médicas i outras de tipo cultural. O pasado 27 din a pirmeira en Lugo no Círculo de las Artes. E nela demostrei compridamente como o paisán galego pasa fame, fame material, i as consecuencias que isto trae consigo. Houbo un verdadeiro desborde emotivo no público e a inquedanza quedou suscitada. Aparte dun libro sobor da Meiciña antropolóxica, preparo outro de ensaios que espero rematar na primaveira. O “Manuel Antonio” está xa moi adiantado. Na Editorial Labor de Barcelona vai a saír un libro dun médico alemán, Heyer, con un estenso prólogo meu. E iso é todo polo momento.

Adxunto as facturas de Insula polo anuncio de Citania i o da Editorial Nós que se refire ás Cruces de Pedra… de Castelao. Xa están abonadas por mín de xeito que vós podedes remesarme o importe na forma e na data que creades máis comenente.

Elena i eu temos moitos desexos de voltar a veros. Si vés a Europa ¿non haberá maneira de que, cando menos, vos achegásedes a Portugal? Poderíamos pasar un día xuntos en Valença e iríamos varios amigos a darvos unha aperta. Pensa nisto.

Saúdos moi cariñosos de Elena e meus pra Maruxa. Lembranzas a todos os amigos. Pra ti unha aperta inmensa de,

Domingo

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Colección:
    Fundación Luís Seoane
  • Data: 30/11/1959
  • De:
    Domingo García Sabell
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Nova York
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa e membrete:]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: