Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Basilea, 19 de Febrero de 1960

Sr. D.
Domingo García Sabell
Santiago de Compostela

Meu querido amigo:

Supoño terás recibido dende Lisboa os meus derradeiros libros, El Irlandés astrólogo e As Cicatrices. Alí estíven catro días de paso pra Suiza pra poder ver con vagar o políptico, que xa coñecía, de Nuño Gonçalves, e os doce apóstoles de Zurbarán, os dous grandes extremeños, ben xunguidos o segundo ao primeiro aínda que non se tivesen falado delo. E dende fai vinte días a nosa vida discurre entre Basilea a Zurich, preocupado pol-as exposiciós miñas que terán de facerse nesta primeira cibdade e Berna, e de museo en museo, que son, nestas duas cibdades, notábels.

Non escribín dende Buenos Aires por unha folga de correos que duróu un mes. E alá deixei pra enviar ao meu regreso unha grande carpeta de grabados en madeira, pra tí, Piñeiro e Del Riego, que pol-o seu peso, viña carregado de cadros, non poiden traguer conmigo. As miñas cousas van eiquí moi ben. Gosta moito a miña pintura y (sic) estou contento. Gostaríame saber de todos vos, ao millor é posíbel que nos vexamos. Teño verdadeiras ganas de que ísto fose posíbel. Mándame algunha noticia. Estaremos eiquí hasta fin de mes. Hoxe tamén escribo a Del Riego. Non sei ren de Galicia dende fai mais de dous meses.
Saúdos de Maruxa e meus pra Elena e pra tí, saúdos pros amigos comúns, e ti recibe unha aperta forte de:

Seoane.

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    19/02/1960
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Domingo García-Sabell
  • Orixe:
    Basilea
  • Destino:
    Santiago de Compostela
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: