Carta de Seoane a García Sabell. 1960
13/09/1960Buenos Aires, 13 de setiembre de 1960
Sr. D.
Domingo García Sabell
Santiago de Compostela
Querido amigo:
Recibín onte o número de Insula co teu traballo sobre o Dr. Marañón, que me pareceu dende logo moi atinado e bon, coma todo o número en xeral. Nun artigo pubricado fai algús anos escribín verbas parescidas as túas con que comezas o teu traballo, con motivo dos mortos en España, e felicítome dista coincidencia. Tiña de haber escrito antes, mais foron pasando os días e xa os meses na volta ás miñas cousas, preparando obra pra unha exposición que tiña que facer en Lima en Outubro e que, na derradeira hora, decidín deixar pra os comezos do ano que ben (sic). Queríamos Maruja e eu agradecervos a Elena e a tí as vosas atenciós nos poucos días que estivemos en isa. Igoal agradecimento teño de eispresar a Piñeiro e á sua dona, pero vou a escribirlles aparte. Hoxe soio quero acusarche recibo do número de Insula e felicitarte pol-o teu traballo. Pasar por Galicia, aínda que fose por poucos días, mais ben fíxome daño. Aínda non podo eisplicarme por qué, e isto non quere decir que non pense en voltar en calquer oportunidade. Dende logo estou moi contento de ter estado cos meus familiares e amigos mais queridos ainda que fose por pouco tempo.
Recibide Elena e tí unha aperta de Maruja e miña, e unha mais estreita pra ti de:
Seoane.