Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Luis Bouza-Brey Trillo a Lois Tobío Fernández, 1969.

07/11/1969
Luis Bouza-BreyLois Tobío Fernández
Compartir en

Luis Bouza-Brey Trillo
ABOGADO
Villagarcía de Arosa

Calvo Sotelo, 14-1º
Teléfono: 139

7 novb. 1969

Sr. Don Luis Tobio Fernandez.
Madrid.

Meu querido Luis:
Aínda que che custe creelo non tiven tempo pra che escribir dende a vosa marcha; ou, si queres, non tiven azos pra me poñer á máquina ao rematalo dia, cada un dia, de traballo. Paramos o trafego cotián todo o mes de Agosto e aínda gran parte de Setembro, e logo acugularonse tantas cousas atrasadas e tantas novas, normente acidentes de circulación, que me fixeron estar indo e vindo polas carreteras de todos estos arredores, deica Ourense, que cando chegaba a noite (cando eu chegaba á miña casa) o que facia era estomballarme na cama, erguerme logo, ben andada a noite, pra preparar o asunto do seguinte día, deitarme outra vez e saír voando. Nin os domingos parei.
Estos días vin as cartas de túa muller á miña e tamén meu irmán faloume de que estiveras a velo na Conceución, i o meu pequeno díxome asimesmo que tivera carta da tua nena... i eu sin te escriber! Moi ben, agora teño un descanso, son as oito da noite i estou soilo e alá imos contigo.
Denantes de todo, moitas gracias polo acollemento que lle déstedes vós todos ao outro meu fillo, Carlos, cando ahí estivo, e tamén pola oferta que lle fai túa muller á miña de lle mandar calquera cousa, por acharvos máis perto de él. Xa o veremos máis adiante, si o caso ven, pero coido que tantas dificuldades tenderiades vós coma nós, pois Plasencia tampouco vos cadra ao lado. Eu penso ir calquera dia de estos alá, a Plasencia, pois seica sai un camión-frigorífico todalas semáns de eiqui, que leva unha liteira, fai o viaxe no día, e saíndo á mañanciña chega a Plasencia ás dez ou once da noite. Mellor viaxe non hai, nin indo en turismo. Ademais é unha esperencia boa.
Polo que respeita á situación do rapaz, xa ves, andamos bregando pra lle levantar ese sambenito que lle caiu enriba, cousa que vexo dificultosa polos altos principios que transgrediu. Díronlle unha torta, zorregáronlle logo outra a seguido i o rapaz protestou, sen se decatar de que as tortas son o pan ácimo de cada dia nesta terra de pan levar... ou de tortas levar, que é o nome que mellor lle acai.
Do resto a vida vaise escoando, aos poucos, coma o zurro da estrumeira. Non é deleitosa, nin útil,,, nin espranzadora. E levadeira somentes, tal que unha escrófula que non te mata, mais ha de morrer contigo. Non creas que estou desesperado, senon desesperanzado. E non somente do noso peculiar ambientío, intraibérico, senon da atmósfera universal, de ar condicionado, na que vivimos.
E coido agora, ao pasar dos anos e no remate da vida, que esto sempre pasou, pero que os homes cheganno a saber logo de vellos: os eremitas, que van á montaña ou ao deserto, sempre vellos; os poetas e filósofos, que se voltan hipocondríacos ao cabo da vida; os líderes, os nenos prodixio, os herois, que se esfumiñan na terceira década. Si Cristo chegara a vivir unha ducia de anos máis, ou Pablo, ou Santiago Zebedeu, que morren mozos, chegaran ao quincuagésimo, a doutriña da liberdade e da igualdade ainda non seria debatida na Convención. ¡E nós coidamos que os tempos eran chegados! De certo, si, chegar chegaron... baixo as bandeiras victoriosas! E logo, pra máis encarñecemento, despois de apadumarte, fálanche do crepúsculo das ideoloxías. Crepúsculo o dos vellos —"des vieux" que di Bernanos— pois as ideas non morren, debecen, pra inzar con máis forza.
Boeno, meu Luis, vai chegando a hora da cea e decontado chegará Nena i o fillo pequeno que veu de Santiago, pois axiña serán as dez. Paro; e coido que aínda pasará algún tempo deica volva a escribir. Por certo, aquelo da escrófula recordoume algo ¿non ten a Casa Roche unhas mostras gratuitas da vitamina B6 que din que eu preciso e que son moi caras? ¿Ti tes mando en eso? Son unhas pastillas pequeniñas, de 300 non sei que, que un médico me deu, mais non eran da Casa Roche, senón de outra suiza ou alemán, i eu agora penso si a túa casa tamén as terá. Non sei moi ben si debia falarche desto, pois é un descaro e non vai ben ca miña maneira, pero penso que os labouradorios espallan os seus produtos a eito... en fin, pésame habelo dito. Perdín o contralor, falando impensadamente de algo me veu ás mentes. Discúlpame.
Lempranzas pra a tua muller e pra Constanciña; ao teu fillo non o conozo, mais xa o conocerei. ¿E coma nós cando eramos novos?. Unha grande e fonda aperta

Luis Bouza-Brey Trillo [sinatura autógrafa]

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]