Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Lois Tobío Fernández a Valentín Paz-Andrade, 1981.

30/05/1981
Xesús Canabal CastelaoValente Paz-AndradeLois Tobío Fernández
Compartir en

Madrid 30 de maio de 1981
Sr. D. Valentín Paz Andrade
Vigo

Querido Valentín: Recibín a túa carta. O labor que andas a facer encol de Castelao é de grande importancia, necesario e urxente. Pero non é doado e cada ano que pase menos doado será. Animo e avante.
Por desgracia os dados que me pides, concretos, non poderei darchos. Inda que me lembrase de algún sería pouco fiabel porque a memoria engana. Así e todo, algo vouche poder decir.
G) O acto do 30 de xunio de 1945, pra conmemorar o noveno aniversario de Plebiscito celebrouse no ateneo de Montevideo. A revista de Bos Aires "A Nosa Terra" publicóu o texto íntegro do discurso de Castelao nese acto. Teño un exemplar da folla (suplemento) do que che podo mandar fotocopia. Non sei se falaron outros no dito acto.
E) En maio de 1944 foi Castelao a Montevideo e quixo falar conmigo verbo da instalación do Consello de Galicia. Eu dinlle algunhas ideas sobre a forma xuridica que se lle podía dar. Pideume que lle mandara por escrito esas suxerencias. Fíxeno. A eso se refire a carta da que che adxunto fotocopia. O Consello constituirase logo en Bos Aires. En Montevideo nomeouse un representante que seique foi Canabal (non estou seguro). O Consello, como sabes, estaba integrado polos diputados galegos do eisilio. En Montevideo non había ningún. [nota manuscrita a lápis:] (Si estaba Somoza)
Polo demais, pra precisar esas datas e feitos a que ti aludes o mellor e máis seguro é ir á colección do xornal "El Día" que recollía con todo detalle canto se referise a estas cousas. Calquer dos nosos amigos de Montevideo pode facelo (algún dos rapaces que colaboran na audición "Sempre en Galicia"). O traballo non ten maior dificultade abonda revisar os números das datas en cuestión e inmediatamente seguintes.
A Casa de Galicia de Montevideo tirou en xulio de 1941 un número extraordinario pra que eu recollín materiais e que eu armei. Castelao mandoume un artigo "No día de Galiza. Un anaco do libro inédito Verbas de Chumbo que algún día será publicado". Teño un exemplar.
Velaí che mando tamén unha foto tomada cando chegaron de Bos Aires os oradores que viñeron participar no acto do estadio de Montevideo en 1943. Castelao aparez na segunda fía con chapeu.
Esto é todo o que che podo decir. Non é moito. Coido, emporiso, que na prensa montevideana pódense recadar todos os dados que ti ques e outros máis aínda.

Unha estreita aperta do teu vello amigo

[sen asinar: Lois Tobío]

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]