Carta de Seoane a García Sabell. 1968
20/02/1968Buenos Aires, 20 de Febreiro de 1968
Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago
Meu querido amigo:
Non teño a man a tua carta, mais creo que vou responder a duas preguntas túas. Non me remitas a biografía de San Pedro de Mezonzo, pois coido que voltaremos a Galicia polo outono, cecáis en outubro, e non quixera perdela. Teño todalas notas tomadas pra o Ciprianillo, fai falla que tí fagas a escolma e o estudo previo ou prólogo. Os grabados fagóos ahí tan pronto chegue. Estou seguro que vai chamar a atención e imos pensar nun formato orixinal que teña que ver co caraiter máxico do texto, pódese facer a troquel. Ten de ser un libro pra poucos i extraño. Eu téñoo medio matinado. O dia 5 do mes que ven inaugúrase unha eisposición de 60 grabados meus no Museo de Bonn, i en Xulio faise eiquí unha retrospeitiva de unhas cen obras, desde o 48 ao 68, vinte anos de non chegar a facer o que un desexa.
Recibín o discurso que agradezo moito, de ingreso de Piñeiro na Academia, e a tua resposta, duas pezas notábeles que xustifican a sua eisistencia. Hoxe escríbolle a Piñeiro sobor delo. Pareceume importantísimo o estudo de Piñeiro, e o mesmo o teu encol da persoalidade deste. Supoño que terían un gran éisito e a mín gostaríame ter estado presente neses intres.
Unha aperta grande pra Elena e tí de Maruja e miña:
Seoane.