Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.
Compartir en

DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/DR. TEIJEIRO, 11/TELÉFONO 592116/SANTIAGO

28-I-1972
Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires


Querido Luis:

O asunto do noso amigo non vai nada ben. E non polo que se refire ao seu problema cerebral, hoxe xa resolto. Refírome ao problema afectivo. Tiven unha longa, longuísima conversa con ele: sete horas arreo. Nega moitas cousas, pro ademite outras. A máis grave é que a sua vida conyugal xa non ten ouxeto. Pensa separarse definitivamente. Si deica agora non tomou unha resolución seria, é porqué eu o evitei. Pro a resolución virá de seu. O programa está moi elaborado, mesmo nos seus máis mínimos detalles. Naturalmente, a dona non sabe ren disto.

I agora vamos ao que máis importa. Coido que o namoro pola mociña –que ele nega tercamente, mais que é moi evidente– xoga un papel accidental. Ainda que é un namoro antigo, como eu xa che tiña dito, e como tí agora me confirmas, ainda con todo, a cousa é secundaria. Ao meu ver, o importante é a realidade atroz do acabamento da relación matrimonial, o desexar afastarse pra sempre da dona. A tremenda incompatibilidade que ele amostra cabo de sua muller.

Como os bruídos dos ouvidos continuaban, mandeille facer unha exploración a fondo do laberinto, ouvido interno, etc. O Dr. Baquero non atopou nada e, sin imaxinarse siquera o que lle acontece ao doente, afirmoume que tales bruídos eran meramente psicóxenos, desencadeados por algún conflicto íntimo.

O noso amigo, en consecuencia, vai levando a cabo o seu plan, con moita parsimonia, pro con enorme tenacidade. Como ao mesmo tempo a súa dona escomenza a amostrar uns celos cáseque agresivos, isto está ben dramático. É un drama xordo, calado e sumamente anguriante.

De todo isto din noticia aos Dieste. Xa non estamos dediante de unha afección cerebral, nin tampouco dunha neurosis, ou mesmo psicosis, alarmantes.

Estamos dediante dun xiro na vida dun individuo que, máis ou menos estrambótico, vai ter algún día cumprimento. A Meiciña soio pode dar sedantes, ou facer psicoterapias e psicoanálisis. O resultado é sempre ben probe.

Entón o que compre é axudalo como amigo, como entranable amigo que é. Eu vou seguir usando toda a miña influencia sobor dele. E, niste senso, recabei endemais a axuda i o consello dos Dieste. Eles están en todo conformes conmigo. Dígoche isto porque nista carta, por forza esquemática e sin probas ouxetivas, podería parecerche a miña maneira de pensar un tanto arbitraria. E nono é. Ogallá o fora.

Xa vín a carta que Maruja lle escribiu á dona do noso amigo. Aconsellei que nona entregaran á destinataria. Tal e como están as cousas, potenciaría, cecais perigosamente, os celos dela e, de retruque, as agresividades verbales dele. Comprendo que Maruja, e tí tamén, queirades axudar. Pro como non estabades ao corrente dos derradeiros sucedos, non pudéchedes calibrar a importancia dos vosos datos unha vés lidos eiquí. Si algunha outra cousa sabedes, decídema a mín.

Craro que xa ando a pensar no libro teu. Calisquer días distes remesareiche a lista das cousas que teño encol de tí.

Moitas gracias polas xestiós do Lawrence. Hai que ter pacencia. Supoño que haberá axiña outra edición. A ver si atopas isto: Frieda Lawrence: The memoirs and correspondence, edited by E. W. Tedlock. (Knopf).

Fai tempo remeseiche a conferencia do Castro. Quedou moi ben.

Apertas de Elena e miñas pra Maruja. ¡Cánto vos botamos de menos! E unha moi fonda de

Domingo


[Escrito a man]

Onte estiven no Ferrol. Por casualidade fixéronme unha entrevista prá radio. Preguntáronme, entre outras cousas, por tí e por Díaz Pardo. Lanceime, e falei cáseque media hora. Especialmente do valor universal do teu arte.

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    28/01/1972
  • De:
    Domingo García-Sabell
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Nova York
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa e membrete:]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: