Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1951.

26/04/1951
Ramón CabanillasFrancisco Fernández del RiegoEmilio PitaAlfonso Tobío FernándezLois Tobío Fernández
Compartir en

Vigo
26-abril
1951
Sr. D. Luís Tobío
Montevideo

Meu querido amigo: Fai tempo que tiña mentes de che escribir. Diversos motivos viñeron aprazando o meu propósito. De todol-os xeitos, coido que desde que nos separamos –¿cántos anos van aló?– non deixei de seguir os teus pasos. Sempre andiven preocupado pol-a tua sorte. Non en balde che debo favores de amistade e orientacion, n-aquiles tempos universitarios. ¿Lémbraste? Por tua nai, por teu irmán Alfonso, por amigos comúns, percurei decote enteirarme dos teus recumbos. Agora Pita, infórmame adoito, e seméllame que en tantos anos non te perdín nunca de vista. A tua aititude frente ás nosas cousas preocupábame, e sentíame anceioso de saber o que facías.
Eu vivo unha vida abondo desnorteada, mergullado nun ritmo febril de traballo, sin apenas compensaciós. Todo parece afundido arredor dun. Se un acerta a atopar cun asideiros. Pasaron os anos, e siguen pasando, nun total fracaso persoal. Soio unha fe galega, n-iste pequeno mundo noso, sostén a un n-ista realidade abraiante, carregada de escenticismos e decenciós. Muitas veces teño matinado na idea de vivir, coma vós, a vida da emigración. Pero sinto un ausurdo tremor por me afastar de Galicia. A pesares de iste isolamento, de iste aturar día a día unha doenza espritual, da que cecáis non vos decatades ben, cóstame muito crebar as amarras. Aínda quedan algús amigos, bandeados coma min pol-as circunstancias. Pero bó é que haxa xentes limpas e xenerosas, capaces de sortear con enteireza o revolto balbordo que nos asolaga.
Nos minutos, poucos por certo, que podemos furtar ó traballo miltifure [?] e abafante que hai que realizar para vivir, facemos o labor cultural que nos é posibre facer. Demos comezo, con mil esforzos, a unha obra de ediciós que coidamos de interés. Iniciámola con unha "Antífona de Cantiga" de Cabanillas. Pero o primordial son uns Cadernos trimestráis que andamos a facer. O primeiro xa saíu. Por correo ordinario remeseiche un exemplar fai varios días. Impórtame muito que nos días a tua opinión sobre a sua presentación e contido. Tamén me importa grandemente que me mandes un ensaio teu pra un próisimo número. ¿Tés algún incomenente pra mo facelo? Teño a espranza de que á vista da pubricación e das xentes que a redaitamos, quererás sumarte á nosa empresa.
E nada máis por hoxe. Recibe a forte e cordial aperta de sempre, do teu vello amigo
F. del R. [sinatura autógrafa]

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]