Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Lois Tobío Fernández a Argimiro Rojo Salgado, 1980.

30/10/1980
Hermann HellerDelfín MariñoArximiro RojoLois Tobío Fernández
Compartir en

Madrid, 31 de outubro de 1980

Querido amigo Argimiro: Moito me aledóu a tua carta ao saber que es profesor, nese Colexio Universitario, de Teoría do Estado, a miña máis vella afición e especialización (non sei si sabes que eu traducín a Teoría do Estado de Hermann Heller). Pra as cousas do galeguismo supoño que xa estarás en contacto co grupo de Galaxia. A Fundación Penzol coa sua estupenda Biblioteca, poderá ser un instrumento de traballo sen parello.
Sentín non estar en Madride pra asistir á leitura da tua tesis. Eu mándoche a máis afervoada felicitación polo éxito acadado con "cum laude".
Cando me chamaches eu estaba en Sitges coa miña muller. Alí púxenme malo e tivéronme que operar de urxencia (cousa da próstata). Pasei un tempo amolado pero agora xa me atopo ben.
Se eu for a Vigo non deixaréi de chamarte. Coñezo esa terra que é maravillosa. Paséi un vran na chamada "Playa América", perto de Panxón.
A organización xuvenil checa de que algunha vez falamos chamábase o "Sokol". Un amigo meu, checo, a quen lle preguntei, díxome que ese nome quer dicer "falcón". Era algo así como os "Boy-Scouts" pero andemáis con senso patriótico checo, como antagistas do réxime habsburguiano. Foi fundada en 1862. Os cataláns crearan algo semellante nos anos 20, co nome de "Palestra". En realidad, o Sokol tiña tamén unha sección de adultos.
Si ves por Madride, non deixes de chamarme pra falarmos un pouco das tuas cousas. O de ires a Bós Aires podes deixalo pra máis adiante coma dis. Por certo que hai un rapaz, Delfín Mariño, que é de Vigo e profesor na Escola de Inxenieiros de Telecomunicacións que me chamóu para informarse encol do movimento galeguista na América. Seica está a facer algún ensaio ou traballo verbo delo.
Penso que non che estaría mal que te puxeses en contacto co Seminario de Estudos Galegos (Santo Domingo de Bonaval. Santiago) que está a rexurdir con novos azos e ten varias seccións. Como sabes eu fun un dos fundadores. Ten boas perspectivas de ir adiante.
Sabes que podes contar conmigo pra o que precises e mándoche unha boa aperta.

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]