Carta de García Sabell a Seoane. 1976
18/10/1976
18-X-1976
Querido Luis:
Recibín a túa derradeira carta na que me contas o ben que o pasáchedes en Tucumán. E o eisito da tua Mostra, cousa que, como sempre, se produz en coanto a xente contempla as túas creacións.
Agora entréganme a monografía de Squirru. Leereina axiña e xa che darei a miña impresión. Polo de pronto, a parte gráfica é espléndida. E supoño que tamén o será o texto.
A idea do libro a base dos anacos do meu Xornal nos que trato de tí ou da tua obra paréceme moi interesante. Dende logo, queda aceptada. Cando veñades, falaremos. E cecais nos poñamos ao traballo rápidamente.
Por eiquí, as cousas vánse acrarando. Son outimista, a pesares das aparencias contrarias. Coido que o camiño da libertade é irreversibel. E ainda que se cometen moitos erros, tanto oficiales como da oposición, o pobo está cada día máis lucidío e con maior pulo de decisión política. Ista é, polo menos, a miña impresión. Craro está que a realidade vira unha e outra vegada dun xeito desconcertante, pro con todo, o resultado final é espranzador. É cáseque como un proceso biolóxico que ninguén pode deter. Ir contra a libertade é ir contra Natura.
Culturalmente, hai poucas novedades. Non me lembro si xa che falei do libro Unha ducia de galegos. Si ainda nono tes, podo remesalo. Os que dín cousas valiosas son Piñeiro, Beiras, D. Ramón e tí1. Hai algún entrevistado que é lamentabel. A mocedade, en xeral, desnortada e petulante.
Vinde pronto. Agardamos día a día por vós.
Velahí tes a direición de Espasandín: 7501 Democracy Blvd. B-215. Bethesda, Maryland, 20034. USA.
Grandes apertas para Maruxa e para tí de
Domingo
1 Neste punto aparece unha marca a man que remite ao pé de páxina onde se escribe a man: “E Araúxo”