Carta de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1961.
28/07/1961EDITORIAL GALAXIA, S. A.
Reconquista, 1
Teléfono, 8204
VIGO - 28-xulio-1961
Sr. D. Luís Tobío Fernández
Montevideo
Meu querido amigo:
Recibín a túa carta do 19, pero ningunha outra chegóu, en troques, ó meu poder. Si así non fose teríache respostado coa puntualidade con que adoito facelo.
Vexo que no envés do sobre figura unha nova direición. Nada sabía que te trasladaras de domicilio, e témome que non recibas os libros de Galaxia que seguimos remesando ó anterior enderezo.
Con relación ás encomendas que me fas, debo manifestarche o seguinte:
Hoxe mesmo, por correo aéreo certificado, mandeiche unha coleición de 42 fotos de paisaxes, vilas, etc. Algunhas delas coido que son boas. Podes escoller as que milor che parezan. Andiven de cabeza pra as precurar, valéndome dunha xente e doutra. Si me tiveras concedido algún marxe de tempo, seríame máis doado conseguir series completas.
Ontes escribinlle a Parga Pondal no senso que me indicas. Cando me conteste, informareite do que diga.
Escribo moi de presa, porque ando cheo de atafegos que non me permiten respiro. Outro día fareino máis de vagar.
Non deixes de me comunicar a receición das fotos, pra a miña tranquilidade.
A forte aperta de sempre, de
Fernández del Riego [sinatura autógrafa]