Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Vigo
17-Novembro
1962

Sr. D. Luís Tobío
Montevideo

Meu querido amigo: Recibo agora a túa do 10 de outubro, xunto coas fotos que me devolves.
Vimos, todos os amigos, os dous exemprares da "Historia" que trouxo Meilán. Produxeron en cantos tiveron ocasión de os follear, unha fonda impresión. Dende logo, trátase de algo sin precedentes na nosa bibliografía. A presentación ten empaque, feitío estético, e unha elegancia tipográfica destacadísimas. Debo felicitarte, sinceramente, polo enorme esforzo que realizache, con evidente intelixencia e bó gusto.
Aproveitando o viaxe de Prada, xuntámonos con Ferro Couselo, Xaquín Lorenzo e outros, pra tratar da continuidade da obra. Lorenzo comprometeuse a revisar e mecanografiar o manuscrito da Prehistoria que deixóu Cuevillas. As miñas derradeiras novas son de que o traballo vai moi adiantado e de que, contra do que se pensaba, o texto encherá un volume de tamaño semellante ós dos xa editados.
En principio acordóuse, na reunión de que che falo, dar un novo pulo ô labor pra os futuros tomos, creando un a xeito de órgao centralizador que se responsabilizase da custión administrativa e máis de presionar nos colaboradores. Seguiría a direición teórica nas mans de Otero, e a realización práitica nas miñas, co asesoramento de Ferro e Piñeiro. Craro está que isto se non resolveu aínda de xeito definitivo, e tamén haberá que conocer cal é a decisión que adopta Puente. Naturalmente, o que agora urxe é rematar o tomo da Prehistoria, e mandalo decontado pra que o deades ó prelo.
Pero, según informes que recibo, resulta que hai moitas probabilidás de que tí veñas en data prósima pra Madrí. ¿É certo? Sería unha fermosa cousa térte perto de nós. A mín, particularmente, entusiásmame a idea. Pero, de ser así, habería que pensar nunha nova fórmula pra continuar a edición da Historia. Estimaríache moito, pois, que me dixeses o que hai sobre do particular.
Supoño que a túa muller me anunciará a data da súa chegada a Galicia. Tería un grande disgusto si, ô non saber cando ven, puidera atoparme fora de Vigo por calquer motivo, no día da súa chegada.
Non sei si estarás informado das novas que se van producir na Universidade. Os estudantes das cinco Facultades fixeron unha instancia, moi intelixente e razonada, solicitando a creación dunha cátedra de Lingoa Galega, no Instituto de Idiomas anexo á Facultade de Letras. Conseguiron que os Decanos a avalasen coa súa firma. E o Reitor, Echeverri, apoióunos cunha xestión aitiva i entusiasta. O resultado é que a Cátedra vai ser creada decontado.
Pero, ademáis, por xestiós do propio Echeverri, logróuse a creación da Seición de Filoloxía Románica na Facultade. No plan de estudos, figura como disciprina obligatoria no 5º curso, a de Lingua e Literatura galegas. Como ves, a vella aspiración, tanto tempo acariñada, realízase agora.
Escribín ôs Centros Gallego, Lucense, Pontevedrés e Ourensán de Bos Aires, pedíndolles que se dirixisen ô Reitor felicitándoo pola incorporación dos estudos da nosa lingua e da nosa literatura ô ensino universitario. ¿Poderías tí conseguir ahí que o Centro Gallego e a Casa de Galicia fixesen outro tanto? Coido que sería de grande interés que as entidás emigradas desen isa nota, frente ô silencio que aquí se mantén.
E nada máis. En espera das túas novas, mándache unha cordial aperta
Fernández del Riego [sinatura autógrafa]

O meu novo domicilio:
DR. CADAVAL, 32-4º Izqda.

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]