Carta de Ramiro Isla Couto a Lois Tobío Fernández, 1954.
10/11/1954RAMIRO ISLA-COUTO
APARTADO 1548
CARACAS
10 de noviembre de 1954
Benquerido irmán i-amigo:
Por correio aéreo enviei-che eixemprares do Suplemento Literario de "EL Universal" –o xornal de maior circulación en Caracas– e da revista "ELITE" a de maior difusión de Venezuela.
Conseguíuse de momento, e como proba, un artigo mensual en cada unha das prubricacións devanditas.
"El Universal" paga 45 bolívares (uns 15 dólares) e "Elite" entre 75 e 100 bolívares, según o intrés que teñan.
Para "El Universal" é preferibel o artigo corto e si é mester ilustral-o ten que sere con unha soia ilustración, salvo casos especiales. Silvio Santiago, un gran galego, dono da publicidade Iberia que é o que consigue isto, me encarrega che diga que convén lle busques tidoos ben "literarios", modernos, moi "inteleituales", pra iles é un oitenta por cento do éisito. Eu non sei si me eisprico ben, pero coido que me entendes perfeitamente.
En "Elite", revista esencialmente de familias, o éisito hai que buscal-o máis que nada entre as mulleres. Amores célebres, aventureiras e amantes da hestoria, etc. etc., enfín ti verás. Eiquí pódese ser máis longo e con varias ilustracións si fosen precisas.
Isto non é definitivo. Silvio estaba traballando a colaboración no "El Nacional", pero o que se encarrega das colaboracións anda de viaxe fai bastantes meses pol-o eistranxeiro, e como non acaba de chegar, ante a insistencia miña fixo istas xestións, que non perxudican nada as futuras, porque ista colaboración de agora sirve para darse a coñecer. Logo virán outras cousas.
E agora outra cousa. Che vou a enviar os dous derradeiros números de "Galicia" de Caracas. Pol-o adicado ao Dia de Galicia ollarás que Otero Pedrayo ía a vir a dar unhas conferencias e inviado pol-o Centro Galego ía a presidir os actos da Nosa Festa. As autoridades franquistas non-o deixaron vir porque dín que iste Centro é enemigo do réxime. Con tal motivo, vaise a publicar un número eistraordinario en homaxe a Otero. Pol-o entusiasmo que espertou en Galicia vai resultar unha cousa monumental, tanto, que o Centro Galego asustou-se ante o costo que lle supón, e como se fundou fai pouco tempo un Patronato da Cultura Galega, se fixo cárrego do asunto, e hai un entusiasmo tolo por levar a cabo a obra. Calcúlanse soio de Galiza unhos 50 traballos, que xa están chegando con fotos dibuxos etc.
Non queremos que falle a túa colaboración, tes tempo atá os primeiros dias de Decembro próusimo, pois pénsase metel-o na imprensa a segunda semán de dito mes.
E nada máis, non escribín antes porque estóu traballando como unha fera, visitando médicos, boticas, viaxando etc. e eiquí o traballo é moi duro, sobre tudo o de visita, e os transportes feitos un desastre, que se perde máis tempo n-isto que no demáis. Isto é o que me impide escribir-che. Esquecía-me, tamén che vou enviar os selos ofrecidos que os estou separando aos poucos.
Meus respetos a dona, agarimos aos pequenos e unha saudosa aperta do teu
Ramiro Isla Couto [sinatura autógrafa]