Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.



23-II-1978
Sr. D.
Luis Seoane
BOS AIRES

Querido Luis:

Recibín a tua carta. Sinto o da gripe, pero é cousa que hoxe resulta inevitabel. Coidate sempre. Tí eres forte –xa o teñes demostrado– e non me preocupan isas pequenas doenzas, sin maior transcendencia.
Vexo que sigues a traballar dun xeito sistemático, contínuo e fecundo. Non te esquezas de remesarme, cando saian, os teus novos libros de grabados. Interésanme moito.
Sinto que non espoñas en Milán, aínda que comprendo o teu cansacio. A mín, no meu eido, acontéceme o mesmo. Son escesivas as obrigas que cangan sobor de ún. En fin, non nos laiemos.
Eu ando metido nunha actividade cáseque frenética. O Senado, as Comisións que me visitan e piden a miña intervención, –hoxe mesmo viñeron uns paisáns das Encrobas a pedir que eu os apoie, pois o resto dos parlamentarios non fan ren, e axiña lles dixen que estaba disposto a loitar polos seus dereitos onde fora e cómo fora–. Imos preparar, xa que logo, unha estratexia axeitada a ver si acadamos que non rouben o que é deles. Xa che terei ao tanto diste choio.
As conferencias –niste mes levo dadas sete, cinco en Galicia e duas en Madrid–. E, derradeiramente, o oficio de curador, que pide moito. En suma, un trafego contínuo. Agora estou tan esgotado que marcho á Coruña a descansar tres días seguidos. A leer e a escoitar música.
Os López de Gomara –apelido de conquistador español– aínda non apareceron por eiquí. Cando veñan, atendereinos con todo agarimo.
Por correo aparte envieiche a reseña periodística dunha intervención parlamentaria da Totora. Verás por ela que a miña calificación de conducta circense estaba plenamente xustificada. ¡Cánto dano fai ista muller ao bó nome de Galicia!
Xa saberás que ardeu gran parte do Pazo de Meirás. O incendio foi provocado. Por fortuna, salvóuse a biblioteca da Pardo Bazán. O resto, polo que nos contan, era morralla, bisutería, mala pintura e obxetos de valor arqueolóxico froito da rapiña disa curuxa que é a viuda do dictador. ¡Coarenta anos roubando, amasando millóns, e nin tan siquera un cadro de firma importante! Un mal gusto de militar español.
Pasado mañán ingresará na Academia Galega Mariñas del Valle. Denantes xa o fixeron Eduardo Moreiras e Valentín. Nún mes, tres numerarios novos. Coido que a cousa non vai mal. Tamén salvei un atranco económico. E o domingo celebraremos a primeira sesión ordinaria na nova casa. Polo de agora soio é unha ocupación provisional. A inauguración oficial terá lugar cando rematemos algúns detalles de instalación para os que precisamos cartos que eu ando a pedir por todas partes.
Unha apreta ecumenica de Elena e miña para Maruxa e para tí. Sempre voso,

Domingo

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    23/02/1978
  • De:
    Domingo García-Sabell
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Nova York
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa e membrete:] DR. DOMINGO GARCÍA-SABELL/DR. TEIJEIRO, 11/TELÉFONO 592116/SANTIAGO
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: