Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.




Buenos Aires, 5 de Abril de 1978

Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago

Querido Domingo:

Recibín a tua carta do 23/II que che agradecín moito. Tes a virtude, tan pouco frecuente, de infundir optimismo. Chegóume nun intre de decaimento. Non sei que facer. Quedar eiquí definitivamente ou voltar a Galicia xa pra sempre. Si marcho, renuncio a unha carreira feita, a unha obra que seguramente non voltarei a ver máis. Enténdese que si renuncio a esto é somente pra voltar a Galicia. En Madrid, ou Barcelona, síntome moito mais alleo que en Buenos Aires. Ben, todo esto temos que resolvelo Maruja i eu. Sabémolo. Mais dígocho a ti soio, cecáis porque decíndoo matino que alivio o meu decaimento e a preguiza que sinto.
Os meus álbumes non sairán denantes de fin de ano. Mais, tan pronto os teña impresos remitireichos. Lamento o ocurrido coa presidencia da Xunta de Galicia. Co comportamento da maioría parlamentaria. O presidente deberían de ser tí ou Piñeiro, ninguén mais. Eu non sei ben quen é Rosón, nin o grado de galeguista que é. Algúns de Lugo deiquí non falan moi ben dél. Eu non tomo partido. Un senso primario galeguista téñeno todos os galegos. Alégrome moito de que tomes partido pola xente das Encrobas. A min paréceme unha causa xusta, e nós, alleos ao comercio e á industria, necesarios, mais que todo o emporcan, temos a obriga de defender os mais débiles. Así polo menos pensei eu e sei que tamén tí. Pertenecemos á mesma escola da F.U.E. e a uns anos que nos marcaron pra sempre. Os que viñeron tras nós, somente catro ou cinco anos despois, xa non teñen a nosa formación, nin tiveron a mesma adhesión a uns principios morales que a nos asináronos pra sempre, aínda estando eles con nos. O oportunismo que seguíu inmediatamente despois da rotundidade deses principios fixéronos diferentes aínda estando, ou parecendo estar, dun mesmo lado. Os anos que nós vivimos denantes da guerra civil, constituíron un límite de duas épocas en que se dividíu o mundo. A min sorprendeume, en Galicia, dende o meu primeiro viaxe do ano 60, a coincidencia de criterios os que nos formamos a fin da década do vinte con aqueles que o fixeron pouco mais tarde. Foron os precursores, creo, do confusionismo de moito[s] dos mozos de hoxe. Supoño que esto estará estudado.
Agradecinche o envío da reseña da intervención parlamentaria de Totora, e tamén a noticia da entrada na Academia de Valentín, Moreiras e Mariñas. Trátase de personas de valor que penso poden traballar nela. Gostaríame moito que si se imprimen os discursos me gardásedes un exemplar. Tamén das conferencias pronunciadas por ti si se publican.
Recibide Elena e tí unha forte aperta de Maruxa e miña:

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    05/05/1978
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Domingo García-Sabell
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Santiago de Compostela
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: