Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Xosé Neira Vilas a Lois Tobío Fernández, 1982.

28/07/1982
Xosé Neira VilasEduardo PondalLois Tobío FernándezMaría ValverdePascual Veiga
Compartir en

Habana, 28 de xulio de 1982
Sr. D. Luis Tobio
Madrid

Meu estimado amigo:
Ben me recordo de vostede, como se fose hoxe; daqueles dias do Congreso da Emigración (Bs. As. 1956), e do noso encontro na casa de Maria Valverde, en 1958. Leo os seus traballos, ás veces en "Grial", e sei que dende fai uns anos reside en Madrid. Eu andiven por ahí en setembro do 81, e supen de vostede por Inés Canosa, a través de quen lle envio a presente.
Veño a molestalo por esto: estou preparando un traballo sobre o Himno Galego (de Pondal e Veiga). Quixera facerlle a vostede algunha preguntas, como:
1.- Cando recorda teña sido primeira vez que o escoutou, que o cantou que soupo del (ano, circunstancias).
2.- ¿Recorda se o cantaban os estudantes universitarios da sua xeneración compostelana? ¿En que ano?
3.- Nas Irmandades da Fala, no Seminario de Estudos Galegos, no Partido Galeguista, que vixencia tiña? ¿Cantábase como Himno Nacional propiamente, ou como unha canción máis ou menos patriótica? ¿Con qué frecuencia e en qué circunstancias?
Amáis deso, toda outra información que vostede considere de utilidade arredor do tema.
E nada máis. Agardo noticias de vostede, o antes posible. Perdoe a molestia.
O meu enderezo postal: Apartado 4269
La Habana-4
Cuba

Reciba unha forte aperta
de seu amigo
Xosé Neira Vilas [sinatura autógrafa]

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]