Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de García Sabell a Seoane. 1978

18/08/1978
Domingo García-SabellLuís SeoaneMaruxa SeoaneElena Tormo
Compartir en

Cortes/El Senador


18-VIII-1978

Querido Luis:

Xa eiquí estamos. O viaxe, excelente. Elena sigue defendéndose ben. Todo, pois, en orde.
Xurden dentro de mín as primeiras lembranzas. (As primeiras sempre son as definitivas). E vexo a Bós Aires como un balbordo de conversas, conferencias, declaracións á prensa, poucas horas de sono e moitas de actividade frenética.
De sutaque, entremedias de todo isto, aparecen os teus cadros. Unhas cores rutilantes, outras matizadas, os perfiles que cantan con voz propia, as liñas que vibran con pulo específico. Vexo os teus cadros. E como asomando por riba deles, a tua faciana sorridente e unha miga melancólica.
Vexo o contrapunto do río, alá lonxe, dende a fiestra do teu fogar. Un río tornadizo, tan pronto mar, tan pronto vieiro. Un río humanizado, individualizado, dediante do que desfila o ballet das chimeneas porteñas.
Algo dentro de mín se conmove dende o intre inicial do noso encontro. Algo que, agora, sería moi arduo concretar. ¿A ledicia da amistade sempre anovada e sempre a mesma? ¿O aconchego sereno e doce dos agarimos de Maruxa? ¿As pinturas que dende as paredes ollaban para nós como chiscándonos o ollo nún xesto de confianza –eles e eu, vellos conocidos– e de complicidade –eles e eu, no segredo derradeiro da tua arte–? Nono sei. Nós os galegos somos uns seres ben estranos. Camiñamos pola vida cangados con pesadumes morales, con preocupacións, con inquedanzas, con acedas tristuras. Pro, un día, ao doblar un recanto calisquer, fitamos para un lenzo fuxidíamente. Ou escoitamos unha música apenas audibel. Ou chega deica nós o presentimento dunha aperta amiga –e velahí, xa ficamos ledos, xa nos reconciliamos co mundo, xa formamos unidade con nós mesmos. Xa estamos en posesión de nós mesmos. ¿Comprendes?
Reaparece na miña memoria o teu mural do Teatro San Martín. A grandeira fermosura dise mural. A armonía, a elegante proporción, o lábil equilibrio, a audacia formal do conxunto, a decisión cromática. Todo. E entón –entón é agora mesmo– agroma dentro de mín un raro orgullo. O orgullo da participación. Como si eu tamén fora, por modo misterioso, o autor da obra. Como si eu, polo que teño de sensibilidade galega, axudase dalgún xeito á creación da obra. De novo, ¿comprendes?
Gracias, pois, Luis, por todo. Polo teu traballo. Pola tua hospitalidade. Pola tua fraternidade. Polo teu fogar. Polo teu fervor. Polo teu constante soerguermento da nosa terra. Do soerguemento que ha quedar porque é o único digno de perpetuarse, de resistir a proba do tempo. Porque é creación galega auténtica.
Dende ista beira, unha aperta. Unha aperta que desexo alumee un chisco, soio un chisco, a sagra luz do teu obradoiro.

Domingo

[Escrito a man]
Unha aperta para Maruxa e para ti

Elena

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    18/08/1978
  • De:
    Domingo García-Sabell
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Madrid
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa:]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: