Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Xosé Neira Vilas a Lois Tobío Fernández, 1997.

19/05/1997
Xosé B. AbrairaXosé Neira VilasRodolfo PradaLois Tobío Fernández
Compartir en

Xosé Neira Vilas

Gres, 19 de maio de 1997
Sr. D. Luís Tobío
Madrid

Meu querido e recordado amigo:
Preparo un libro sobre o Primeiro Congreso da Emigración Galega, celebrado, como vostede ben recorda, en Buenos Aires, en 1956. Pensei que era bo deixar testemuña daquel evento, e cadra que eu gardo todo, absolutamente todo (prensa, fotos, testemuñas diversas, símbolos utilizados, etc) o relacionado con tal acontecer. Estimo que é o conxunto máis completo de documentos que existe en relación co Congreso aquel.
Vostede foi clave nel. Vostede redactou o temario, o manifesto e o regulamento. Vostede participou logo nas sesións, etc. Quixera incluir neste libro en preparación unha Memoria súa, pormenorizada de todo o acontecido. Para pedirlle eses documentos creo foron a Montevideo Prada e Abraira, ou non? Como foi a relacion de vostede coa nosa Comisión Organizadora? A corenta anos, que recorda? ¿Que valoración faría hoxe do desenvolvemento do congreso e das conclusións ou resultados? En fin, a vostede non teño que mandarlle un cuestionario con apartados ou preguntas escalonadas. Abonda con esta petición global e de sobras sei que o fará como vostede ten por costume traballar: con rigor e con esa boa memoria que conserva e exerce.
Agradezo de antemám a sua colaboración. Agardo noticias súas. Mentres, reciba unha aperta fraterna, cordial de
Xose Neira Vilas [sinatura autógrafa]

[na marxe esquerda do folio continúa o texto mecanografado]:
o meu enderezo: Gres - Vila de Cruces
36587 Pontevedra

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]