Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Seoane a García Sabell. 1978

19/10/1978
Domingo García-Sabell HokusaiLuís SeoaneMaruxa Seoane TizianoElena Tormo
Compartir en

Buenos Aires, 19 de Outubro de 1978

Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago

Querido Domingo:

Lembrámonos sempre de vos. Do ben que nos fixo persoalmente o voso viaxe, independente do que lle fixo á colectividade, polo que sei. Para min eres a persoalidade mais outa de Galicia de hoxe e este non é unha frase feita como afago. Esto sínteno moitos outros, e independente, o xuicio, da nosa amistade ou da que teñan contigo as outras xentes a que me refiro. En febreiro ou marzo marcharemos a Galicia, non creo que aínda definitivamente, pois unha gran galería de eiquí quere festexar os meus setenta anos, en 1980, con unha gran mostra retrospectiva da miña obra e pra esto terei que tratar de axudar a concentrar as obras que teñen museos, galerías e particulares, pois ten de ser unha selección da pintura e mostrar tamén grabados, álbumes, libros ilustrados, etc. Un traballo no que teño que estar presente eu. O que me sorprendeu é de que a alguén se lle tivese ocurrido festexar os meus posibles setenta anos. Nunca pensei neles, nin na edade relacionada co arte nin en xeral coa miña vida. Un ten uns anos físicos que non responden a edade do seu esprito, das suas inquedanzas. En todo caso é a edade que os mais mozos matinan dos vellos cando non os coñecen ben. ¿Cal era a edade da moza de Ticiano, de Ho Kusai, etc., por poñer exemplos, a que tiñan cando cumpliron vinte anos ou a que mostraban na sua obra cando tiñan noventa? Cando tiñan vinte anos remataban unha academia, eran os mais vellos dos pintores, mais que os que estaban a morrer pola edade, mais cando tiñan arredor dos 90 era cando continuaban abrindo camiños ó seu arte, cando mais importante era a separación que houbera moitos anos denantes entre eles de 20 anos e os que entonces consideraban moi vellos, no que mais debe importar ao home, no desenrolo da cultura.
Non sei para que che escribo todo esto. Porque cando comecei a escribir matinaba soio facelo para pedirche un favor. Quero, como ti sabes, donar a miña biblioteca de arte, un dous mil tídoos, á sección de Historia do Arte, da Facultade de Letras de Santiago, e desexo que acepten o donativo. Para ofrecelos e sexan aceptados debe esistir un procedimento que descoñezo. Tamén para que o Consulado interveña no envío, pagando a Universidade ou o Estado os gastos do embarque e traslado. Naturalmente a aduana arxentina pondría dificultades, pois a maioría deses libros son moi valiosos e moitos están agotados. Outro problema son os cadros e os grabados. Cecáis o que tiña que facer o Estado pra incorporar novamente a España os intelectuais que tiveron que sair de España con motivo da guerra, e non teñen pensión, xubilación, etc., e non me refiro soio ó caso das donacións, é que se ocupasen os Consulados de lles facilitar os trámites ós membros dos consulados nos países onde están acreditados e ós funcionarios das Aduanas ao ingreso das obras de arte dos artistas nesas condicións en España. Quixera que tí nalgún intre falases desto co Ministerio correspondente, moita xente quedaríache agradecida pois, que eu sepa, é a reparación mínima para todos aqueles que non tiveron cárrego oficial algún, sendo escritores, artistas, homes de cencia, periodistas, etc., e en coarenta anos foron acumulando ouxetos, obras de arte, bibliotecas, no esterior. Mais o que nos urxe é resolver o problema da donación. Vou a iniciar o inventario dos libros, aproveitando a axuda da miña sobriña nas suas vacacións, dos que quero donar á Universidade compostelán, pois sei que en ela a biblioteca de arte é probísima.
Perdoame por esta petición. Xa faláramos algo desto polos dias que estiveches eiquí.
Unha aperta moi forte e garimoso pra Elena e pra ti de Maruxa e miña:

Seoane.

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    19/10/1978
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Domingo García-Sabell
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Santiago de Compostela
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: