Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

8-3-78

Querido Luis:

Pra min sempre é unha ledicia ter novas tuas. Ainda cando como agora escribes magoado pola desesperanza. Teño a desesperanza por unha podremia que vai roendo na ialma e a escurece, emporiso sei que isa lus tua, ben probada tantos anos, non se deixará vencer nen desviar. Disa lus temos necesidade pra que te encenda a tí e nos alumee a outros de nos que sempre soupemos do amor conque foi dada. E sempre agardamos a saberte de novo beira do mar dos ártabros.
O tempo non vén sendo tan bó como maxinas, hai ben pouco tivemos un temporal moi fermoso; pra velo dende a casiña. Unha brilante exhibicion da forza do mar, batendo non furioso, senón poderoso contra dos penedos coma un ciclope cego que crebase rexas cadeas e pretendera mover a terra ca puxa do seu peito.
Eu, como sabes, non podo ser un bó comentador politico, entre outras razos porque non me movo nisas augas e sementes son movido por elas. Estou mergullado e podo chegar a sentireme afogado, pro para falar atinadamente encol delas, compriria velas abeirado ou dominándoas.
No meu sentir pois, o da autonomía, estase preparando como unha nova frustacion, mais outra. Vai chegar, cando chegue, lastrada por loitas e amaños que teñen en conta sucesos e intereses alleos ou alonxados de Galicia, fabricada dende Madride e atendendo ó proveito de partidos para toda España. Fanse regateirias, e fanse partillas cas rexiós: eiqui eu podo, e deixo de facer isto pra tí deixares facer acolá, onde tí podes, estoutro. Andase sen vontade de camiñar, dase un paso pra pisar ao de diante, movese ou parase pra amolar, e non por pretension firme de servir a Galicia. O tema das autonomías vaise levando do xeito mais de favor pros anti. En Cataluña, en Euskadi, en Galicia semella seguirse mais un proceder gubernamental, pensar que o millor e ver vir o tempo, e aproveitar entullos –Tarradellas pra parar ós esquerdismos, Navarra pra deter aos vascos, os socialistas pra frear a nacionalistas, os obreiros emigrados fronte dos obreiros nacionalistas, logo a ETA, CNT, FAI frente de velidades nacionalistas dos capitalistas– que señan reás ou estean agrandados non importa a ninguen, porque os partidos da oposicion metense no xogo e non saben sair dil.
E non millora a vision e comportamento dos partidos apelidados galegos. A cousa chega a sere mais ruin e cativa. Poñen peso en miudezas e entollen todo por rigorosidade en demasia cara un futuro ao que, por outra banda, non saben amosar mais que vagorosamente e xeneralizando. E moito menos queren servirense da esperencia do pasado. Primeiro por vaidade, logo autosuficiencia, e mais ainda por iñorancia, isa esperencia é cousa de outros e non lles val. Maxino agora mesmo que se lles dixeras de aproveitar un feixe –des, vinte, trinta, ou os que fosen—de dibuxos de Castelao como panfleto pra entrar na concencia dos mariñeiros, o problema da pesca axitado hoxendia por un tratado con Marruecos e unhas discusios –perdedoras, non hai que decilo– cos paises europeus, dirian que era cousa “vella e pasada”, e nembargantes a fame e o desprecio dos mariñeiros segue sendo igoaliña que hai cincoenta anos. Castelao é bó pra mitoloxías se o usan, pro o seu verbo combativo non se acolle nen sequer pra amosar que podemos repetire as verbas e istas non poden quedar disfrazadas ou acochadas por “casas do mar” ou “creditos á pesca”.
Non sei, vexo oxe mesmo nos diarios que logo dunhas semans de xuntanzas en prol da fusion do PSOE de Felipe Gonzalez e o PSP de Tierno Galvan, chegaron a acordar unha “decraración de principios” na que se afirma que o partido socialista é: “un partido de clases, de masas, marxista y democrático” e que “no pactará con el capitalismo”. Foi necesario comezar por ahí, ainda...
Ben, estácheme saindo unha carta con cara pesimista e non me defendo dele. Pro si quero crarexar que non me leva a seguir a famosa leria do “no es eso, no es eso” como non son Ortega y Gasset, non podo pecharme na miña oficiña filosofica e decirme: alá eles, por min que se maten. Seguirei poñendo o meu pequeno labor ao servicio de calquera cousa que estea marcada co nome de Galicia, fiando en que poda ter algunha utilidade pra outros, e se non fose eisi, sei cando menos que gardo fidelidade á laboura de moitos que soñaron ou profetizaron o fermoso futuro que quero pra min e pra nosa terra.
Todos nos, pais e fillos, os lembramos. Recibide Maruxa e tí unha forte aperta na agarda de vos ver de novo.

Ricardo

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    08/03/1978
  • De:
    Xohán Ledo
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Vigo
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Notas:
  • Termos clave: