Fundación Luís Seoane

----



1-XII-78
Querido Luis:

Crarexaria primeiro que era eu quen agardaba carta tua, non é que ma deberas, pois sabia por Domingo e Dónega que estabas moi atafegado, e a tua carta é pra min unha gozosa confirmación de que mantés as tuas forzas. Emporiso, nen me sinto agraviado, nen cheguei a sentirme esquecido.
Pareceme moi boa a tua insistencia no tema dos retratos; non deixo de considerala unha das tuas teimas mais xenerosas. Tes un interes real e direito polas xentes que sempre me emocioa e enleva. Decátome vendo o teu de que o meu é ben pequeno. Non sei, fixen poucos retratos e sempre ocasionalmente, somentes lembro con certo cariño unha silueta de Pondal escribindo de pé, e mais ainda un de Lamas Carvajal que non tendo ó meu ver valor estético, por outra banda, pareceme que responde a isa realidade que dis tí perciben os ollos e pola que xusgamos aos homes; e tratándose dun morto que non coñecin, teño que ademitir que axustase á irrealidade que pra min é Lamas Carvajal: unha ánima. Dos outros non fiquei moi contento e, abofé, mesmo teño esquecido habelos feito. Poderíamos falar de represion freudián dun soterrado sentemento de habelos traicioado.
O Freud e mais a beata consideracion do empedrado dos camiños do inferno poden chegar a ser consoladores, pero non absolutorios. Agora mesmo ven de aparecer no Grial, despois de moito tempo, un pequeno escrito meu adicado a Colmeiro. Forase demorando pola miña culpa, pois que posto a escribir ensarillei algo ambicioso de mais: unha disertacion encol da paisaxe pictórica rematada con unha consideracion da pintura paisaxistica galega. Ben, feita a primeira parte, a paisaxe pictórica, e prantexada a segunda, a paisaxe galega, decateime que pra lle dar ao seu cabo natural compria recurrir a unha abondosa ilustración –xa sei que posibel botando man á dotacion dos museus galegos– pro que convirtía un artigo nun libro. Cortei e peguei, pretendendo artellar, e publicouse un artigo que me tirou o desacougo e pensar polas demoras e desleixamento no comprimento da miña primeira intención pro que non chegou a ser un escrito equilibrado e lucidío.
Deiqui a pouco, como saberás, votarase a Constitucion; que non contenta a ninguen, o cal faime temer por ela. Pragmaticamente debera ser a miña opinion que mais val malo coñecido que o peor por coñecer; pro non deixo de sentireme amolado. A outra novedade é a reaparición do Partido Galeguista, que tampouco miro con optimismo. Hoxe é dia de laios. Véxoo moi virado á dereita pro meu gosto, por parte da intervención –avisada, insinuada ou verdadeira– de xentes recen chegadas ao galeguismo dan pra min un resultado desilusionador, ou cando menos desconfiado. Figurome que cando abro os ollos a lus de mencer percebo como compañeiros da viaxe no tren xente que deberon subir nas sombras da noite. Non e que en caso algun goste eu de facer coutos –pretender que vou ao meu tren– nen pretenda pedir cerimonias purificadoras –un spray por se chegan contaminados– ou pedir certificados de pureza de sangue; eu deixarei que me conten a súa vida, pero o que non quero é que veñan, de primeiras, a explicarme a miña. Vendo como os partidos, dende o comunista ao de Alianza Popular, defenden autonomias e usan a lingua galega –o que considero como un triunfo postreiro do vello partido– coido que era necesario un Partido Galeguista mais desacordado con eles, afirmando rudamente a sua raigaña galega e, levando á estremosidade o seu popularismo galego –labregos, mariñeiros e mais o obreiro baixo– e o afastamento de todo camiño capitalista.
Ledome de saber que pensas na volta definitiva á Terra. E xustamente porque penso na tua utilidade pra Galicia, unha utilidade que tí non podes medir, e unha utilidade que, dígoo, non vai ser toda a que é posibel aproveitar. Serás ti quen te vacíes como un limon, é o teu costume sen remedio.
Unha forte aperta e agarimos pra tí e Maruxa de Mimi, dos meus fillos e meus.

Ricardo.

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Colección:
    Fundación Luís Seoane
  • Data: 1/12/1978
  • De:
    Xohán Ledo
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Vigo
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: