Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Seoane a Sández Figueiras e Dónega. 1976

07/06/1976
Marino DónegaJosé Rey RomeroFernanda Sández FigueirasLuís SeoaneMaruxa Seoane
Compartir en

Buenos Aires, 7 de Xunio de 1976

A Fernanda e Marino Dónega
A Coruña

Moi queridos amigos:

Recibín a carta de Marino fai dous ou tres días coas noticias da situación legal do Museo. Estas xa as conocía, mais, matino que non se pode agardar a que se resolva o pleito sen tomare denantes medidas de amparo e dotación económica acordada polo Castro. É moi difícil atendendo a soio o disposto polo código mais penso que se pode facer público o caso e iniciar unha campaña en pro da modificación do dereito de retracto cando a cesión é acordada por unha maioría de accionistas en beneficio da colectividade a traveso de institucións culturales e benéficas. As leises que rixen as sociedades fixéronse para unha época moi distinta á actual, tendo mais, ou soio, en conta os dereitos individuales e os patrimonios dos asociados que os intereses colectivos. Sería útil, penso, chegar a obter unha sentencia que modificase ese esprito ofrecendo os accionistas a posibilidade de que unha parte das acciós de unha sociedade servise á cultura ou a resolver as necesidades populares. Facer unha campaña en pro do Museo, ou desa cesión de acciós xa cedidas pra o Museo pois penso que tería de sere moi útil. O Patronato está constituído pola millor xente de Galicia, a que mais lle debe a nosa terra, e o Patronato ten que decidir que facer pra defender a donación do Castro fronte ao vertolán Pepe Rey a quen ten sen coidado o Museo, ou calquera clase de institucións culturales e Galicia enteira. Os xueces teñen que ir trocando a forza de sentencias as disposicións envellecidas dos códigos. O voso abogado contrincante non fixo outra cousa, dende que o coñezo, que defender a letra dos códigos, estorcegándoa, espreméndoa, sen nengunha imaxinación, somentes coa abelencia de calquer laberco. Perdóname este desafogo. Mais é que o abogado ten a obriga de se decatar da proieición que pode ter a sua acción e, en este caso, supoñendo que ganase o pleito, perxudica en Galicia unha institución cultural que xa é útil, podendo selo moito mais aínda no porvir. Popularmente nos imos ganar.
Eiquí en Buenos Aires primeiro vivindo, que é xa moito, e logo traballando ao que damos. No orde cultural é un gran ano en moitos aspectos, principalmente no musical, decíase fai poucos días por T.V. que en nengunha cidade se reunía nos derradeiros tempos tanta cantidade de grandes concertistas. Moito teatro, cine, conferencias, congresos internacionales, exposiciós, etc. Mais a xente, nesta cidade de noctámbulos, ten medo da noite. Na noite mátase.

Hoxe non teño mais nada que decirvos, unicamente que sinto unha fonda envexa dos que gozan da soedade. Eu tiña un tio que se fixera protestante e vivía soio nun monte que mercara para él perto de Arzúa. Tampouco sei si lendo cuasi somentes a Biblia, tan chea de mortes, un pode sentírese feliz.

Lembrámonos de todos os amigos comúns, moitas apertas. Unha grande aperta de Maruxa e miña pra os tres:

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    07/06/1976
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Marino Dónega
    Fernanda Sández Figueiras
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    A Coruña
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: