Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Buenos Aires, 16 de setembro de 1976

Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Querido Dónega:

Recibín as tuas cartas, a derradeira con motivo do pasamento de Emilio que agradecemos moito e cando nos dispoñíamos a acompañarvos no voso sentimento polo pasamento da vosa cuñada. Mais non queremos falar, nin escribir desto. Estamos vivindo un clima proclive, dende fai moitos meses, a este tipo de angurias, sofrimentos. Eu refúxiome no traballo e na soedade. Nunca fixen as exposicións, en cantidade, que aceptei para este ano, xa fixen duas en Buenos Aires, quédame unha pra fin de ano. Inauguro o sábado vindeiro en Tucumán, en Outubro expoño en Rosario e en Decembro ou Xaneiro en Mar del Plata. A Galicia iremos no derradeiro mes de ano. Fixen moitos grabados, algúns deles para un Bestiario que sale conxuntamente con poemas de un gran poeta arxentino, Alberto Girri, etc. Leo bastante e vexo as películas policiales e as do Oeste por Televisión. Cavilo que eu, que endexamais xuguei a nada, gostaríame agora xogar a algún[s] xogos onde homes e mulleres consumen as horas e o inxenio, o tresillo, a canasta, as cartas, etc. Posibelmente en moitos éste é un síntoma de vellez. No meu caso é a necesidade de fuxir da realidade. Xa os espectáculos que un mais quere, cine, teatro, non nos fan fuxir dela, senón que a subraian e mostran, na maioría dos casos, a nosa impotencia individual para superala. Estou desmentindo a miña vida. Non me arrepinto dela. Mais é que un comenzou moi novo a querer cambear a realidade que vivíu e cree ten dereito a sentirse canso. Na Coruña un síntese moi ben entre os amigos que temos nos que contades vos como dos mais entrañabels. Lástima que a vida de un trócanlla o primeiro periodista que lle fai unha entrevista, como ocurre coa que fixo Freixanes. Nin na miña casa teño un sillón de bimbios dende onde falo, nin atopei o galeguismo en Buenos Aires, nin a muller que pintei con un cartel no peito era unha nai que teño ido (sic) a Xinebra a visitar ao seu fillo, senón unha traballadora analfabeta que iba á sua aldea de Ourense de vacacións, e puxéronlle o cartel adevertindo que non falaba francés, italiano e alemán e que era analfabeta para que a axudasen, etc. Fun abogado na Coruña, como ti sabes ben, e non de calquer modo desafortunado. Citei sempre a Laxeiro e non a Colmeiro como dibuxante importante. Meu pai non me mandou a estudar a Coruña, a escola, senón que vivía de neno cos meus pais na Coruña, meu pai nunca foi tendeiro e non foi home de moitos suores, nin me foron a esperar a Labacolla os amigos que dí, senón outros, e esto no 49 en Vigo, e non viñamos de Roma senón de Londres. Citei moito a Dieste, nome do que prescinde ao facer a nómina de intelectuales en Buenos Aires, etc. Mais o importante é o que se refire á emigración, pois non soupo recoller o que dixen con respecto a ela. Eu non defendín os canalles (sic) e menos os ricos soberbosos, etc., senón aos emigrantes na sua totalidade, algo que Celso Emilio e parece que tamén Blanco Amor non entenderon. Cando unha multitude emigra non son intelectuales os que influien no país que os recibe senón esa enorme masa que se desplaza. Ao país onde veñen a residir déixanlle costumes, virtudes, defectos, aspectos da sua cultura herdada, que proban seu paso por él, influíndo. E a Galicia, no caso dos galegos, remítenlle o que poden, fundacións no pasado, camiños, escolas, asociacións, e sempre, deica o 36, axuda económica. Os intelectuales influien de outro xeito. Nos herdamos moito como pobo de aqueles distintos que emigraron a Galicia, celtas, romanos, suevos, etc., e non viñeron a deixarnos nada os seus intelectuales. O dereito román nono trouxeron os xurisconsultos de Roma ou de Bizancio, en troques os soldados trouxéronos moito do que aínda somos o mesmo que os celtas e suevos, fadas, leendas, etc. A xenreira venlles con seguridade de ter querido ser tutores dos emigrantes. Eu non fun nunca tutor de ningúen. Fun empleado deles cando dirixín a revista do Centro Galego e fixen o mais que puden como empleado o outro fíxeno como galeguista, e así como en Galicia non fun amigo dos comerciantes de ultramarinos, por poñer un exemplo, tampouco o fun na emigración cos novos ricos, comerciantes, etc., galegos. Aos homes que coñecín estimeinos primeiro como homes sen me preocupar si eran ricos ou probes. Polo demais as miñas amistades tiveron sempre que ver coas miñas inquedanzas e non ten que ver con esto a nacionalidade. Cecáis escriba con tempo un ensaio encol dos emigrantes. Freixanes non acertou conmigo nin tampouco entendeu o problema dos emigrantes. Creo que xa din moito a lata. Perdoame e comprende.

Unha grande aperta para Fernanda, para tí, teu fillo, Milagro, etc., de Maruxa e miña:

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    16/09/1976
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Marino Dónega
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    A Coruña
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: