Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.
Compartir en

Xunta de Galicia

Santiago, 9.1.1979

Luis Seoane
Buenos Aires

Benquerido Luis:

“Año Nuevo, vida nueva”. E veleiquí unha novedade. Estaba xa moi amolado pola miña tardanza en contestarche. Estaba na linde do intolerable, e tiña rebasado a descortesía. Sabía, e séi, da túa bondade e da túa xenerosidade cos amigos. E, abusivamente, acollínme a elas. Con todo, “ando emputesido de la cabesa”, como decía un meu amigo arxentino, malevo e atorrante. Xa non séi, ás veces, por onde ando. Non ben encetéi a miña praxis política, e xa batín coas súas interquinencias. É unha servidume non doada de aturar. Fai falla unha firmísima vocación. Descubrín en min algunhas boas dotes de político. Pero tamén descubrín a miña carencia absoluta de outras non menos necesarias. A paixón do mando, poño por caso. Eu non séi mandar. Sempre obedecín. E mesmo agora non trato máis que de obedecer aos mandados da terra. A falta de ambición é outra grave interquinencia. Unha visión irónica da vida e dos homes tampouco axuda. Pero non seguiréi co meu catálogo de carencias. Completareino nun futuro libro de Memorias. A Xunta foi ganando amodiño a confianza do país. Non a nivel popular. Porque a nivel popular ninguén ten implantación no país. Nin os partidos políticos, nin os sindicatos, nin nada. Pero sí a nivel dos estamentos sociaes (partidos, sindicatos, colexios profesionais, grupos empresariais, plataformas culturais, etc.) Todos acudiron á chamada da Xunta cando lles pediu colaboración. E así fóronlle chegando suxerencias, observaciós, bases e textos articulados para a confección dun borrador de Estatuto Galego. Mañán asistiréi en Santiago a unha xuntanza do Grupo de Traballo constituído. As cousas iban indo, mais a convocatoria de elecciós detivo a marcha do proceso autonómico. Proceso que se viña deslizando suavemente e sin estridencias gracias á sensatez, á modestia, ao bó senso e mais á paciencia do Presidente Rosón. Que dende o primeiro intre comportóuse como un galego e non como un home de partido. É de xusticia reconocelo así. Decíache que o proceso autonómico ven sufrindo unha paralización por mor das elecciós convocadas. Mais, ¿somentes por tal motivo?, ?desaparecerá o atranco cando aquelas se celebren? Os acontecimentos que estamos a vivir en España fanme pasar dun optimismo moderado a un pesimismo mesurado. Parece o mesmo e nono é. A operación de tránsito, que non deixaba de ter a súa orixinalidade, está chea de dificultades. E, incomprensiblemente, hai xentes que nonas ven, porque non as queren ver. Ou porque están cegas. Pero, en fin, 40 anos de aplicación masiva de antibióticos ao corpo social español deixárono debilitado e apenas sin defensas biolóxicas. Trataron de matar aos que coidaban infecciós e, de paso, medio acabaron coa flora social. Supoño a túa door pola perda de Lorenzo Varela. Porque si para nós desapareceu un finísimo poeta e un gran intelectual, tí, por riba, perdiches un amigo entrañable, compañeiro de exilio, de doores, de gozos e de esperanzas. Pero así veñen as cousas neste desgraciado país noso. Que vai perdendo aos seus millores homes cando máis os precisa. Non quero ser pesimista, nin fatalista. Pero os feitos non axudan. E remato por hoxe. Estanme agardando xentes que veñen cos seus problemas. E que non poderéi resolverllos. Entramentras, prometo non descuidar tanto a miña comunicación contigo. Recibe, con Maruxa, cinguidas apertas de Milagro, de Fernando, de Fernanda e miñas.

Dónega

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    09/01/1979
  • De:
    Marino Dónega
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Santiago de Compostela
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa e o membrete:]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: