Fondo: Xosé María Álvarez Blázquez no seu arquivo persoal

----

Fondo: Xosé María Álvarez Blázquez no seu arquivo persoal

No ano 2015 con motivo do centenario de nacemento de Xosé María Álvarez Blázquez, o Consello da Cultura Galega asinou un protocolo de colaboración coa familia deste destacado escritor galego para levar a cabo a dixitalización da súa correspondencia que está depositada no seu arquivo persoal. Este fondo consta de máis de 700 cartas, a maior parte delas dirixidas ao escritor, non se conservan apenas copias das cartas emitidas por el. Entre os case 200 correspondentes destacan os grupos de cartas recibidas de figuras senlleiras da cultura galega como Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Carballo Calero e de persoeiros da cultura portuguesa como Manuel Rodrigues Lapa ou Manuel Oliveira Guerra.
Epístolas
13

Data Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1959-01-17
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1959)
Lugo
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1959) en 17/01/1959

Fingoy, 19 xaneiro, 1959

Sr. Don Xosé María Álvarez Blázquez
Vigo
Meu querido amigo: Recibín a túa carta. Farei todo o posible por averiguar o que desexas, inda que hoxe non hai en Lugo persoa a que se dirixir con espranzas certas de que nos tire de dúbidas. Niste mesmo intre póñome en movimento e consultarei a todo o mundo que teña cara de nos poder dar unha pista. Calquer cousa que averigüe cha comunicaréi de contado. A túa carta, inda que escrita o 14, chegóu o 17, domingo. Eiquí temos peatón, e cando o tempo é duro, deixa o reparto para cando mellore.
Gracias pola oferta do manuscrito. Tamén quería ver o teu propio traballo.
Agardo con vivo interese a pubricación da Escolma II.
Unha forte aperta. R. Carballo Calero.

1960-06-05
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez
Lugo
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez en 05/06/1960

Lugo, 5, xunio, 1960

Sr. D. Xosé Mª Álvarez Blázquez
Vigo
Meu querido amigo: Recibín a túa carta. En vista de que che oferece dificuldades a leitura do soneto autógrafo, mándoche unha copia mecanográfica do mesmo. Xa non me lembraba de que fora íse o enviado, pero polo que me dis, íse ten que ser.
Iste vran teréi que ir á Cruña a escudrumar algúns días na biblioteca da Academia. Veremos se entón podo leer o sainete de 1846.
Verbo do traballo pra o boletín consagrado a Cabanillas, o meu pensamento primitivo foi que ti estudaras o teatro, e Filgueira a poesía narrativa que nos deixóu. Pero Carré Alvarellos recabóu espresamente para sí, denantes de que eu dera conta do reparto, o estudo que eu che reservaba. Filgueira, a quen escribín, non me contestóu, inda que nunha conversa con Piñeiro díxolle que me escribiría propoñéndome que en troques de estudar o que eu quería, lle deixara estudar uns inéditos e borradores que ten no Museo. Penséi que ti poderías entón encarregarte de estudar a épica de Cabanillas, xa que a dramática a collía Carré, e a Filgueira habería que deixarlle falar dos tales inéditos. No primeiro plan Cabanillas ficaba estudado sistemáticamente. Pero xa que, como non é estrano, teño que aceitar modificacións aos meus proxeitos, penso que podes traballar, ou ben sobre a narrativa, ou ben, como me suxires, sobre os sonetos. Pra que o conxunto resulto algo concreto, eu faréi o derradeiro meu traballo, fincando á espreita do que fagades os máis, a fin de orientar a miña contribución en forma que encha ate onde se poda os ocos que resulten. De todos xeitos, dime en definitiva qué decides.
Eu creo que o soneto de Pondal traducción de outro de Rodríguez Marín pode se conseguir na bilbioteca da Academia Española. É custión de llo encarregar a algunha persoa de confianza que resida en Madrid. Eu ando agora demasiado atafegado para pensar nisa xestión. Calquera de nós que dé co soneto, en calquer momento, fica comprometido a llo comunicar ao outro. Niso quedamos.
Unha grande aperta do teu amigo,
Ricardo Carballo Calero.

1961-11-28
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1961)
Lugo
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1961) en 28/11/1961

Colegio Fingoy, Lugo, 28-XI-61

Sr. Don Xosé Mª Álvarez Blázquez
Vigo
Meu querido amigo: ¿Cómo non ía firmar a proposta do teu ingreso na Academia? Del Riego i eu quixemos xa te propor na anterior vacante. Non puiden asistir á unha reunión de amigos na que se acordou quete precedese Fole. Falo de anterior vacante, pero agora decateime de que se trata da penúltima. Pra a anterior pactouse cos da Coruña que presentaran a Meijide sobre a base de que apoiarían a túa candidatura para a próxima. Fun sempre, pois, entusiasta partidario de túa inmediata academización. Ti fixeches e fas unha grande labor, e serás académico de primeira. Se falas de formación truncada, íse e tamén o meu caso. Os dous somos cabaleiros mutilados pero non estamos entereimente inutis para o servicio.
Nas miñas notas non figura expresamente a data dos números do “Heraldo” ns que se pubricóu o “Rechamo”; pero combinando dados, chego á concreción de que a pubricación debéu comezar en novembro ou decembro de 1874.
Quixera que me mandaras unha breve nota descriptiva da “Resposta ao Rechamo”, pois nunca vin tal texto , e quixen mencionalo na Historia. Supoño que está en galego. Inserta algún pequeno anaco, indícame a métrica empregada e resúmeme o contido. De paso fai o favor de me indicar as páxinas de Orensanos ilustres que D. F. Alonso adica a Nóvoa.
Interesaríame certos números do Bol. da Academia Galega. Agoa estóu pendente da resposta de Naya sobre os que a Academia me pode facilitar. Cando a teña escribiréiche sobre o asunto.
Como non dubido da túa eleición, envíoche a miña felicitación máis sincera.
Apertas
R. Carballo.

1961-12-29
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1961)
Lugo
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1961) en 29/12/1961

Fingoy, 29, XII, 1961

Sr. Don Xosé María Álvarez Blázquez
Vigo

Querido Xosé María: Moitas gracias pola túa nota referente á “Resposta ó Rechamo”.
Disme que se a pubricación do “Rechamo” no “Heraldo” é de 1874, é posterior á do “Faro” e non te interesa maiormente. Inda que como te dixen, non teño nota dos anos en que se pubricóu no “Heraldo”, creo poder afirmar que comezóu a se pubricar en novbr. de 1874, pois a páxina 336 do tomo I da coleición ten que corresponder a ise mes e ano, xa que teño nota de que a páx. 329 corresponde ao número 45, xoves 12-11-74, e por ise tempo a pubricación era semanal: de xeito que o número que nos interesa tivo que ser o 46 ou o 47, de 19 ou 26 do mesmo mes e ano. Nise caso, se no “Faro” pubricóuse en febreiro e marzo do 75, a ed. do “Heraldo”, ou pasara algún número sen incluir a continuación do “Rechamo”, o feito de que a páxina 336 perteza ao tomo i sinala o mes de nadal de 1874 como termo “ad quem”. Segundo as miñas deduccións, no “Heraldo” o “Rechamo” rematóu de se pubricar en febreiro de 1875, o que está de acordo coa data da “Resposta”, 4 de marzo dise mesmo ano. Así que creo na prioridade da ed. do “Heraldo” sobre a do “Faro”.
Agora interésame a min saber se a edición que ti tes en folleto aparte está datada; e se non o está, se se pode afirmar ou non que é unha separata do “Faro”, pois, en caso afirmativo, ficaría datada en 1875. Cando podas, me respondes a isto.
O que parez é que non é verosímil o que conxetura Couceiro (III, 97) de que a ed. princeps do “Rechamo” debe de ser de c. 1850. A data da “Resposta” parez indicar que a ed., princeps é a do “Heraldo”, pois Nóvoa fala como se respondera a un testo recente. A non ser que houbera efeitivamente unha primeira edición que Nóvoa non coñecera, e ao ver o testo (reproducido, nista hipótese), no “Heraldo” decidira contestar. Non me semella isto probable. Nóvoa, que vivía en Ourense, leería o “Rechamo”, no “Heraldo”. Pro ¿por qué non pubricóu a resposta nisa revista, en troques do “Faro”?. Eu teño papeleteados todos os traballos en galego do “Heraldo”, e a “Resposta” non está. Ademáis, ¿por qué a “Resposta” comeza “Quen queiras seas, cantore”?. Nas miñas notas o “Rechamo” do H. aparez firmado “Juan M. Pintos”. ¿É que Nóvoa non coñecía ao autor da “Gaita gallega”?. Non é imposibre; pero á verdade a súa actitude sería menos estrana se houbera lido o testo de Vigo, firmado J. M.P., que podía ser Posada. Terás que acrarar todos istes puntos nos teus comentarios, notas ou introducción á túa factura edición de Pintos. A min, polo momento, o que me interesa é a data do folleto que posees; pero indícoche todos istes armónicos da custión porque sei que non deixarán de te interesar, e no seu día teralos en conta.
Á túa dona, a ti e a toda a túa familia desexamos todos nós un feliz ano 1962, no que agardamos escoitar o teu discurso de ingreso na Academia.
Apertas
Ricardo Carballo Calero.

1962-07-11
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1962)
Orixinal Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1962) en 11/07/1962

Fingoy, 11 xulio 1962

Sr. Don Xosé Mª Álvarez Blázquez
Vigo
Meu querido amigo: Non será necesario que che felicite espresamente polo teu nomeamento de académico. O meu interese por que adquiriras tan merecida distinción, interés fundado somente nun sentimento de xusticia, fai que considere o ésito como propio.
Dentro duns días trasladaréime á Coruña, onde pasaréi dúas semás traballando na Academia. Veréi se entón aprazo o famoso sainete estraviado que pensáramos editar se o testo o merece.
Non vexo de momento posibilidades de visitar Coruxo, pero cicáis pra agosto pase algún día por ahí.
Agora ando moi afanado a correxir as probas da Historia. Veremos cómo sai iso. Os meus traballos de xerencia do Colexio consúmenme, e non teño tempo pra outras empresas.
Con moitos saúdos pra a túa familia, recibe unha forte aperta do teu amigo
Ricardo Carballo Calero

1966-04-28
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966)
Lugo
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966) en 28/04/1966

COLEGIO FINGOY LUGO

28, abril, 1966

Sr. Don Xosé Mª Álvarez Blázquez
Vigo
Meu querido amigo: Fai tempo que lin en “Cuadernos” o teu traballo sobre literatura relativa ao Mariscal. Agora recibo a separata que che agradezo moito. Ben quixera compracerte dándoche unha opinión meditada acerca do teu estudo. Non me será difícil facerche comprender que ando esmagado polas angurias e que de momento non dispoño de vagar pra manexar “o escalpelo”. Ti sabes tanto coma min diste vertixinoso vivir arrebatado por mil deberes ineludibles que lle merman a un o tempo. Incrementadas as miñas obrigas docentes e compricado todo co meu oscilar entre Santiago e Lugo, vexo aterrado cómo a duras penas salen as miñas tarefas cotiáns, e non son dono de dar abasto ás que, como a Gramática, sendo urxentes, non está suxeita a un prazo fixo, anque a súa demora me valla constantes admonicións. Final de curso este tempo, con centenares de alumnos se sumamos os dos tres centros nos que traballo, apenas por facer frente á situación. Vemos, pois, de agardar ate que poda estudar seriamente o teu traballo.
Craro está que é de grandísimo interés. Fica firmemente demostrado que Saavedra refundiu anacos de dous poemas distintos sobre o Mariscal, perfeitamente calificados por ti. É tamén indudable, ao meu xuício, que a “Relazón” prosifica algo dun deles. Cánto, en qué medida se atopan na prosa aqueles versos díste, é dicir, ata que punto a túa reconstrucción ten posibilidades de ser esacta, é o que non podería decir sen estudala verso por verso, e iso farei axiña que poda. Hai outros moitos aspeitos das túas conclusións que aportan outras luces ou plantean novos problemas e e merecen a atención máis esmerada. En fin, felicítote efusivamente por tan fremosa aportación aos nosos estudos literarios.Non che ocultarei que fai tempo crín ter achado unha noticia que resolvería o problema da verba ou verbas “Todomira” confimando i espricando a leición deFreijomil, pero agora, querendo dar con isa noticia pra cha comunicar que non a acho acho onde imaxinaba que a vira, e como a atopara por azar, cando non estaba preocupado por ista cuestión, non tomei ningunha nota, empezo a pensar que estóu trabucado, e que hai en min alguna confusión e nunca albisquei cousa sobre o particular. Endebén, hei seguir esculcando ate me convencer de que soñéi, ou ate dar de novo co dado, en cuio caso non deixaría de aportarcho.
Gostaríame ter pronto ocasión de falar contigo de todo isto e outras moitas cousas. Veremos agora as luces que Filgueira aporta no seu anunciado traballo dos “Cuadernos”.
É tamén interesante o teu descobrimento do pouco galego de Aguirre. E un grande Colón dos nosos tempos. Por certo que outra cousa sobre a que tiña tamén algo que decir é a túa reconstrucción dos versos corruptos da égloga de Belmiro e Benigno. Xa non me acordo ben. Era algo de pouco monta, pero cando fagas a edición crítica dise testo volveréi a ler o teu traballo e che indicarei o que se me ocurra sobre algún verso.
Unha forte aperta do teu amigo. Ricardo.

1966-05-08
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966)
Lugo
Oviedo
Orixinal Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966) en 08/05/1966

Fingoy, 8 maio 1966

Sr. Don Xosé María Álvarez Blázquez
Oviedo
Meu querido amigo: Pois chegóu afinal a túa carta aludida na de data 28, e tamén trai data do 28. Por ela entéirome dos teus traballos en preparación, todos de subidísimo interés, xa que darán un grandísimo pulo ao coñecimento das épocas escuras da nosa literatura. Primeiro, a colleita da poesía galega antre 1450 e 1850. Segundo, isas esculcas no campo dramático. Terceiro, a prosa política da primeira metade do XIX. Dou por descontado que pubricarás o testo íntegro de “Os rogos dun gallego”, que xa cicáis teñas conseguido, e que non deixarás de ver o manuscrito de Carré Aldao sobre a literatura en Galicia durante a Guerra da Independencia.
As consultas na Biblioteca da Universidade son hoxe imposibles, segundo resulta das xestións que pratiquéi. Como está en obras o edificio, os libros áchanse arrombados e non son accesibles. Temos de agardar, pois, a que se reorganice a Biblioteca, segundo as noticias que outiven de Don Salvador Parga.
Entremedias, sempre que haxa ocasión, oralmente ou por escrito, non deixaremos de intercambiar información.
Unha forte aperta.
Ricardo Carballo Calero

1966-06-15
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966)
Lugo
Oviedo
Orixinal Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966) en 15/06/1966

Colegio Fingoy, Lugo, 15 xunio 1966

Sr. Don Xosé María Álvarez Blázquez
Oviedo
Meu querido amigo: Estiven no Convento de San Francisco de Santiago pra localizar as “Sumptuosas fiestas”. Teño xa a signatura do volume, e na primeira ocasión consultaréino pra ver se hai nil algo que che interese. Non o puiden facer na primeira visita por falta de tempo. Conservo todas as papeletas pra evacuar as consultas cando sexa posibre.
Fai xa tempo dabondo que consultéi o manuscrito de Carré, e as miñas lembranzas do mesmo son debis. Pero non cabe dúbida que se eu atopara nil copia de testos galegos descoñecidos, hobéraos citado. Lembro que cita algunhas estrofas de “Os rogos” que non figuran en “El idioma gallego”; pero disto xa fixen uso na miña “Historia”, e xa que tes o testo íntegro agora, non hai máis que falar. Coido que, efeitivamente, niso de gran número de follas soltas en galego antre 1808 e 1823, ten que haber un pouco de fantasía. En todo caso, Carré non as tiña á vista ao redactar o seu traballo. Sen dúbida houbo algo, e algo se conservará, pero ninguén sabe ónde, e só a sorte pode depararnos cicáis algún exemprar.
Non deixaréi de lle falar a Carré como me indicas. En Boel non estiven. Ise día actuéi en Santiago. Fai tempo que non vou á Academia. Cando se presente a ocasión, trataréi do asunto.
Xa non me acordaba da miña referencia á carta de Fandiño. Vina na Academia, e xa que mo afiuzas, correxín o erro de cita no meu exemprar da “Historia”. É un erro estrano, porque a cita é de primeira man. Pero istas cousas pasan.
Verbo de Sir Robert Wilson xa chegara eu á conclusión de que o sainete de que fala Salinas tiña que se referir aos acontecimentos do ano 23. Pero que satirice aos liberás do ano 12 non quer decir que a acción se desenrole nisa data, senón que ataca aos “doceañistas”, é decir, aos que en 1820 puxeran en vigor a Constitución do 12. Polo tanto, teño, efeitivamente, que revisar o párrafo, pois, fora por imprecisión das miñas fontes, fora por interpretalas mal, admito a posibilidade de que a obra sobre Wilson fora anterior á de Fandiño, escrita no 12; o que vemos que non é probable. Creo recordar que Wilson participóu tamén na guerra da Independencia; pero todo fai supor que o sainete perdido se refería aos tempos do Cen mil fillos de S. Lois.
Podo falar sen incomenente coa Bibliotecaria de Lugo i encarregarlle que che mande unha fotocopia do testo de Pintos, anuncio da segunda setena, pubricado en “La Aurora del Miño”. Se ela non o pode facer, por non ter organizado o servicio, podo pedir que o faga a un fotógrafo. Axiña que dispoña de tempo faréi a xestión. Xa comprenderás cómo ando de trafegos nistes finás de curso. Tes que aturar que tarde en comprirche as encomendas, pero ten a seguridade de que se me das tempo iréi facendo o que poda.
Supoño que aínda estarás en Oviedo. Comunícame os teus cambios de endrezo.
Unha aperta.
Ricardo Carballo Calero.

1966-07-16
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966)
Lugo
Oviedo
Orixinal Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966) en 16/07/1966

Fingoy, 16 xulio 1966
Sr. Don Xosé María Álvarez Blázquez
Oviedo
Meu querido amigo: Puiden despachar máis unha das túas encomendas. Dempóis de varias xestións na Biblioteca Provincial conseguín que me deixaran a coleición de “La aurora del Miño” e levéina a un fotógrafo, quen, logo dun intento que non resultóu satisfactorio, outivo unha fotocopia que me parecéu suficientemente crara do diálogo de Pintos. Mandéicho certificado hai uns días, e supoño que estará xa no teu poder.
Vin o teu traballo en “Grial” sobre os versos de Aguirre. Os meus puntos de vista sobre a siñificación dos mesmos—considéroos marxinás ao noso Renacimento—espóñense nun artigo que mandéi ao “Faro”.
Conforme vaia podendo, iréiche despachando o resto das consultas. Agora estóu inmovilizado en Fingoy, con miras a rematar a Gramática.
Unha aperta do teu amigo,
Ricardo Carballo Calero

1967-01-17
Carta de Álvarez Blázquez a Carballo Calero e Bouza-Brey (1967)
Oviedo
Lugo
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da Carta de Álvarez Blázquez a Carballo Calero e Bouza-Brey (1967) en 17/01/1967

Oviedo, 17 de xaneiro 1967
Sr. Don Fermín Bouza Brey e
Don Ricardo Carballo Calero
COMPOSTELA E LUGO

Meus queridos amigos:
Vos supoño sabedores de que, na xuntanza da Academia do 18 pasado, fúchedes nomeados ensembla conmigo pra informar sobor da proposta en favor de González Garcés como académico numerario, na vacante de Rey Soto (q.e.p.d.). Dita proposta, como saberedes, foi presentada por Ferro Couselo, Cunqueiro e Freire de Andrade.
De ningún xeito trato de torcer o voso criterio; somentes os quero adiantar que eu, pola miña parte, estou disposto a informar en contra. Con toda honradez, sin que me movan razóns persoanles—que nin eisisten nin serían quens de me ditar unha inxustiza—coido que iste amigo non ten méritos bastantes, o que non é impeitizo para que os teña en outros terreos. Un só libro de versos galegos e uns artigos de prensa sobre temas máis ou menos vencellados a Galicia, non me parecen méritos dabondo, maormente pensando nas moitas xentes que na nos aterra traballan con meirande adicación e cicáves con miras máis desinteresadas pola non cultura. Tal é o caso, precisamente, de Rafael Dieste, cuia candidatura se opón á de Garcés, de xeito que si xa os méritos diste parécenme poucos, ainda resultan máis cativos opostos aos de Dieste.
Vexo, por outra parte, que nista desiñación, polo que a min toca ao menos, hai algo de maquiavelismo estreito. González Garcés e os seus amigos saben que eu non estóu ben disposto no seu favor; encomendándome o informe póñenme nun brete; si é favorábel—coma sen dúbida esperan, por respeto á tradición—non podo logo refugar o voto; si fose desfavorábel, quedaría eu nunha postura pouco airosa, coma quen dí en evidencia. Non sei si no voso caso daránse as mesmas circunstancias.
Eu teño eiquí a proposta en favor de Garcés máis o seu curriculum vitae, que é a cousa más desmesurada que na miña vida vin, somentes comparabre ao globo de Betanzos. Dígovos que non quero mediar no voso criterio, pero vos rogo que, tal e como eu fago, señades sinceros conmigo. En Compostela podedes vervos un día e parolar do asunto. Si estades dispostos a informar a favor, eu non tería máis remedio que facelo. Si coincidides conmigo, argallaríamos unha fórmula discreta, que de momento non se me ocurre.
En todo caso, un por un ou xuntos os dous, facédeme o favor de contestarme, ca posibre urxencia. É un mal trance no que nos puxeron, polo menos a min, e quero saír del o máis axiña, porque hai que rifar a cotío ca vida e precisa un home ter a meirande tranquilidade posibre.
Unha fonda aperta do voso amigo,
X.M.A.B.

1967-04-07
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1967)
Lugo
Oviedo
Orixinal Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1967) en 07/04/1967

Lugo, 7 abril 1967

Sr. Don Xosé María Álvarez Blázquez
Oviedo
Meu querido amigo: os sete cursos de alumnos que teño que controlar antre o Instituto e a Universidade, mais os traballos anexos, impedíronme ate hoxe che dar conta das xestións que realicéi sobor das consultas bibliográficas que me encarregaches. (Como non che teña xa escrito e me teña esquecido de que o fixen, o que creo improbable, pero non imposible, dado o vértigo con que me é preciso pasar dunha cousa a outra). Se que estíveches en Santiago estando eu ausente, e non sei se terás ido pola biblioteca da Universidade. Eu fun de novo e comprobéi que cos dados das papeletas relativas a “papeis varios” non é posible de momento localizar os testos que interesan. Despois de diversas procuras, e de traguerme cousas que non eran as que buscaba, dixéronme que o falecido bibliotecario Bustamente tiña reorganizado esa sección e que coas referencias que eu daba non era posible achar o que quería. Naturalmente, coido que haberá que aportar máis referencias. Paréceme que o mellor será que fagas ti persoalmente unha nova xestión perto de blibliotecaria cando dispoñas de temo para pasar algúns días en Santiago i espricar con pelos e sináis todo o que poida dar unha pista se é que tes outras referencias que dar, ou tempo para insistir e agardar que remexan dabondo. Se isto non pode ser, eu volveréi á carrega cando se me presente outra ocasión, pero polo de agora non teño conseguido máis que, en definitiva, a resposta de que non achan o que pido. Esto, polo que se refire ao resto das consultas non acraradas, agás a do libro de claustros (e a dos vilancicos do Convento de Menores). Sobre o libro dos claustros deixéi instruccións para que mo busquen, e agardo poder che mirar o material axiña. Do Convento, non adiantei un paso. Teño localizado o libro, e só falta que me poida desprazar a San Francisco nun momento en que esté alí o P. Ouro, con quen teño concertado a consulta.
Polo menos, quero que recibas esta conta rendida das miñas xestións, inda que neste periodo de tempo non teña conseguido resultados positivos. Ve que non deixéi de me coidar do asunto.
Agardando que recibiras a separata de Cadernos relativa a Valle-Inclán, e promentedo novas informacións cando as teña, envíoche unha cordial aperta, o teu bo amigo.
Ricardo.

1972-02-28
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1972)
Santiago de Compostela
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1972) en 28/02/1972

Ricardo Carballo Calero
Instituto Rosalía de Castro
Santiago de Compostela 28 febreiro 72

Querido amigo,
Moitas gracias pola túa cordial felicitación. Estarei encantado de coñecer os teus novos achados de testos galegos dos tempos escuros, que o teu labor ten crarexado tanto, unha forte aperta do teu mellor amigo.
Ricardo.

1973-11-12
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1973)
Santiago de Compostela
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1973) en 12/11/1973

Santiago 12 novbr. 73

Querido amigo:
Antre os libros que no seu día me proporciounou a editorial para preparar a miña Historia da Literatura, figuraba un que segundo creo, faicilitaches ti. Unha vez que o utilicei, devólvocho, co meu agradecento, por correo aparte. ¿Quererías acusarme recibo?
Cordialmente,
Ricardo Carballo


Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0