Colección: Os profetas do Pórtico e a cultura galega. Unha viaxe que non cesa
As controvertidas esculturas do Pórtico da Gloria reclamadas á familia Franco levan máis dun século a ser reivindicadas pola cultura do país. Explora, a través desta documentación histórica, a dilatada biografía destas obras maxistrais ata o seu traslado ao Pazo de Meirás, residencia estival do ditador.
Epístolas
30
A orixe das esculturas: As esculturas atopábanse nas portas exteriores do Pórtico da Gloria. Foron retiradas hai xa cincocentos anos.
A orixe das esculturas
A extensa campaña construtiva levada a cabo na Catedral de Santiago baixo o mandato do arcebispo Alfonso III Fonseca incluíu a construción do claustro renacentista e a reforma da fachada occidental que implicou o peche do nártice do Pórtico da Gloria, obra comezada en 1521 polo mestre Martín e acometida en varias fases.
A instalación das portas nas tres entradas exteriores precisou da retirada das tres parellas de esculturas que ocupaban as xambas planas en cada unha delas. Na norte estaban as efixies dos reis de Israel, David e Salomón, que se resituaron no peitoril da terraza, á que se accedía pola monumental escalinata, que tamén foi reformada nesas datas. A entrada central estaba flanqueada polas figuras de Enoc e Elías, que, como testemuñas da Apocalipse, servían de heraldos para os eventos do final dos tempos que se desencadeaban no interior. E na sur estaban Ezequiel e Xeremías, os profetas do exilio, que chamaban ao arrepentimento e á rexeneración como anticipos veterotestamentarios das condenas do xuízo final representadas nesa sección do nártice.
Disposición orixinal das catro esculturas. Enoc e Elías ocupan as xambas planas da entrada central e Ezequiel e Xeremías as xambas planas da entrada sur.
Ao final da mesma centuria, con motivo do redeseño da escalinata, retirouse a figura sedente de Santiago como miles Christi (cabaleiro de Cristo) que seguramente estaba orixinalmente disposta no piar central que presidía a entrada á cripta situada no nivel inferior do Pórtico.
O Santiago miles Christi localizábase no piar central do exterior da cripta.
Estas cinco últimas esculturas trasladaríanse aos xardíns do que hoxe se coñece como o pazo de Fonseca, o magnífico edificio construído por iniciativa do mesmo arcebispo para albergar o Colexio de Santiago Alfeo, que será a orixe da Universidade de Santiago. Alí permanecerían ata finais do século XVIII, cando foron levadas ao pazo de Ximonde en Vedra por un dos primeiros posuidores desde título nobiliario, concedido polo rei Carlos III a Juan Antonio Cisneros de Castro.
Posiblemente sería o seu fillo, Pedro de Cisneros, rexedor perpetuo e alcalde de Santiago como o seu pai, o que se interesaría por adquirir as esculturas do Mestre Mateo xa que foi un dos máis importantes mecenas das artes do Santiago da Ilustración, e impulsou a creación de institucións como a Sociedade Económica de Amigos do País e a Escola de Debuxo.
Francisco Prado-Vilar imparte a conferencia "O Pórtico da Gloria: restauración e revelación da súa fachada recuperada" no Ateneo de Santiago (17 de decembro de 2018).
Sobre: "Colección: Os profetas do Pórtico e a cultura galega. Unha viaxe que non cesa"
Ti podes axudarnos
Axúdanos a enriquecer o legado da cultura galega. Se posúes ou coñeces a existencia de fondos ou consideras que nos nosos arquivos xa publicados hai erros ou ausencias, agradecemos a túa participación. Fáinolo saber por correo electrónico ou por teléfono para incorporar nova documentación ao noso fondo dixital. epistolarios@consellodacultura.gal