PROXECTO EPÍSTOLAS

----

LOCALIZACIóN: Cercio

Epístolas
5 mencións
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1974-12-05
Carta de Varela Buxán a Seoane. 1974
Cercio
Bos Aires
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Varela Buxán a Seoane. 1974 en 05/12/1974


Cercio, 5 de Nadal do 1974

Sr. Dn. Luis Seoane-Bs. Aires

Meu querido e nunca esquencido Seoane:

Perdóame que che haia cansado por mediación do noso amigo Tacholas co gallo de lograr un dibuxo pra ilustrar as tapas de dúas pezas miñas O ferreiro de Santán e Taberna sin dono, as dúas nun volume, prolongadas por Otero Pedrayo, e que sairán do prelo pra fins de xaneiro que vén. Remesaríache un orixinal, pero, antre doña Censura (que borrou Viva Galiza ceibe i outras cousas polo estilo) i a imprenta, deixáronme sin ningún. Dareiche algús datos: O meu teatro é realista-naturalista; moi aldeán, tudo discurre antre xentes labregas, de bons sentementos e ideias, tenras, intuitivas, inxenuas, de homildosa condición. A liña que eu adoito é a cómico-sentimental, anque, no fondo, decote hai algo de tráxico. Na peza O ferreiro de Santán, está composta de dezasete persoaxes, pero son tres os principaies: o vello Ferreiro, a súa dona i o fillo de ambos. Denredor distes tres persoaxes xira o tema i o argumento, que é unha loita política antre o fillo do Ferreiro (que é socialista) i o cacique da bisbarra. Entón, un dibuxo que persentara un pendello a modo de forxa galega, co pai i o fillo mallando no ferro i a muller pendurada na palanca do barquín (un fuelle antergo aicionado a palanca), simbolizaría moi ben ao pobo que traballa pra forxar ideias e sentementos. Pero... ¿que podo decirche eu distas cousas, irmán Seoane? Fai o que poidas, que se algo te diñas faguer, decote estará moi ben feito. En canto á outra peza, Taberna sin dono, trátase dun taberneiro tan nobre e sin caráiter que fía a todos e queda sin ren. En canto a coores, o mesmo me ten que seia a unha tinta coma a dúas ou tres; iso deixo ao teu bon criterio. A túa portentosa intelixencia de artista universal, nascido na nosa Galiza, saberá atopar un dibuxiño que de algún xeito simbolice as nosas aldeias ou a os seus parroquianos pra ilustrar as tapas do meu libro. Sosmentes debo acrararche que as miñas pezas desenrólanse en calisquera aldeia de Pontevedra aló polo ano de 1917.
A traveso dos xornaies (son corresponsal informativo de La Voz de Galicia en Lalín i a súa bisbarra do Deza), decote fun seguindo a túa laboura artística e festexando coma meus os teus muitos éisitos e trunfos, e fago votos porque a saúde che acompañe por muitos e longos anos pra poderes continuar a túa honrosa laboura, enoutecedora pra ti, pra tódolos teus, pra os amigos e pra Galiza inteira. E cando voltes á Terra (teño entendido que será pronto), non esquenzas que eiquí, en Cercio-Lalín, hai unha pequena casa pra ti, cuios mouradores che recibiremos cos brazos abertos.

Con muitos desexos de que teñas felices festas de Nadal i Aninovo, prégoche saúdes no meu nome á túa distinta compañeira e recebas fonda e fraterna aperta do teu vello amigo e irmán.

Varela Buxán

P.D. Direille a Tachola que che fale pra recoller o dibuxo e mo mande; ben entendido, eh: se é que mo podes faguer.

1974-12-16
Carta de Seoane a Varela Buxán. 1974
Bos Aires
Cercio
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Varela Buxán. 1974 en 16/12/1974



Buenos Aires, 16 de decembro de 1974

Sr. D.
Manuel Varela Buxán
Cercio

Meu querido amigo:

Recibín a túa carta do 5 de decembro, que agradezo nos seus eloxios, pero onde non me dis o tamaño do teu libro, de xeito que poda facer a tapa sin complicacións. Eu pediríalle a Tacholas que ti lle dixeses as medidas dela e non debeu entenderme. Envíame as medidas, tratarei de mandarcha inmediatamente, pois eu viaxo a España en xaneiro, arredor do día 10, estarei pola Cruña a fins dese mes ou nos primeiros días de febreiro, e sinón fágocha alí. Mais si teño tempo logo que me contestes, tratarei de facela e remitireicha dende eiquí.
O noso enderezo na Cruña é, Paseo de Ronda 15, 6º izquierda e o teléfono é 25-57-56.

Recibe unha fonda aperta e saúdos pra os teus, desexándovos a todos felices festas de Nadal e Ano Novo:

[Seoane]

1974-12-24
Carta de Varela Buxán a Seoane. 1974
Cercio
Bos Aires
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Varela Buxán a Seoane. 1974 en 24/12/1974



Cercio, 24 de Nadal do 1974

Sr. Dn.
Luis Seoane
Bos Aires

Querido Seoane:

Recibín onte a túa moi grata de data 16 dos correntes, na que me pregas che remese as medidas do libro, cousa que xa debín faguer na anterior, pero que se me pasou lamentabelmente. Non foi culpa de Tacholas, non; il ben me avisou. A derradeira vez que estiven na Editorial CELTA, falamos do tamaño e quedamos en que será de 14 x 20. Pode variar medio centímetro máis ou menos, pero iste será o tamaño do libro.
Celebro que voltes á nosa Terra, que ben cómpre que homes coma ti permañezan nela. Que veñas con sorte, contento e con moitos azos pra continuar a túa laboura inteleitual, que nos honra a tudos por igoal.
Muitas e sentidas gracias pola túa boa voluntades pra me compraceres. Non agardaba menos de ti, querido Luis. Fai o que poidas, pois o libro entrará en máquinas a comenzos de xaneiro. Craro, cómpre tere en conta que as tapas é o derradeiro que se fai, polo que non debemos desesperarnos.
Comenzade ben o ano e que tudo saia ben. Que teñades bon viaxe a ista Galiza que vos agarda. Percurarei poñerme á fala contigo pra concertar unha visita.

Fortes apertas do teu invariábel amigo e irmán de sempre.

Varela Buxán

NOTA:
Cando che cadre ver a Cuadrado, dálle unha aperta da miña banda.

1975-02-14
Carta de Varela Buxán a Seoane. 1975
Cercio
A Coruña
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Varela Buxán a Seoane. 1975 en 14/02/1975



14-II-75

Sr. Dn. Luis Seoane-A Cruña

Querido Seoane:

Escollín o día 12 dos correntes pra verche na Cruña. O fixen con tan ruín sorte que non puiden darme o pracer de abrazarche dimpois de tantos anos como aló van dende que por última vegada nos vimos; tamén quería darche as mui sentidas gracias polo incomparábel dibuxiño que me remesache pra o meu libro, que sairá niste mes se a Editorial cumpre a promesa. E pra aumento da ruín sorte que ise día me acompañou, ocurriume o que nunca nos corenta anos que levo manexando coches: xa mui perto da Cruña, por deterse onde non debía faguelo, un coche que viaxaba diante de min i estar a rúa esbarexadiza por barro i auga, derrapei e fun chocar cun ómnibus que alí estaba parado. Total: unha ferida no parietal izquerdo, sangante no parietal direito, un hematoma no pómulo direito i o coche imposibilitado pra seguir camiñando. A min reparáronme eí nunha Clínica; o coche virá pra Lalín nunha grúa, onde tamén será reparado. En canto me sexa entregado, repetirei o viaxe á Cruña pra poder verche, pero non o farei sin denantes falarche polo aramio e concertar entrevista contigo. Os domingos de carnavales falei á túa casa, pero se coñece que non había ninguén.

E ren máis, querido Luis. Remeso afeituoso saúdo pra túa distinta dona e sentida e fraterna aperta pra ti, repeténdoche gracias por tudo.

Varela Buxán

1975-05-20
Carta de Varela Buxán a Seoane. 1975
Cercio
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Varela Buxán a Seoane. 1975 en 20/05/1975



Pontevedra 20-5-75

Sr. Dn. Luis Seoane

Querido Luis:

Remésoche o libro por correo que, ao fin, saíu nistes días. A saúde non me aconsellou saír da casa nistes derradeiros tempos. Penso visitarche na Cruña, mais non irei aló sin denantes falarche polo aramio pra concertar data.
Seguín de perto a traveso dos xornaies, radio e televexo a túa aituación en Madrí. Fólgome dos teus éisitos, que festexo coma propios.

Agarimosos saúdos prá túa dona e sentida aperta pra ti do teu bon i agradecido amigo,

Varela Buxán