PROXECTO EPÍSTOLAS

----

LOCALIZACIóN: Doutor Cadaval, 32, 4º esq.

Epístolas
5 mencións
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1962-11-17
Carta de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1962.
Vigo
Montevideo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1962. en 17/11/1962

Vigo
17-Novembro
1962

Sr. D. Luís Tobío
Montevideo

Meu querido amigo: Recibo agora a túa do 10 de outubro, xunto coas fotos que me devolves.
Vimos, todos os amigos, os dous exemprares da "Historia" que trouxo Meilán. Produxeron en cantos tiveron ocasión de os follear, unha fonda impresión. Dende logo, trátase de algo sin precedentes na nosa bibliografía. A presentación ten empaque, feitío estético, e unha elegancia tipográfica destacadísimas. Debo felicitarte, sinceramente, polo enorme esforzo que realizache, con evidente intelixencia e bó gusto.
Aproveitando o viaxe de Prada, xuntámonos con Ferro Couselo, Xaquín Lorenzo e outros, pra tratar da continuidade da obra. Lorenzo comprometeuse a revisar e mecanografiar o manuscrito da Prehistoria que deixóu Cuevillas. As miñas derradeiras novas son de que o traballo vai moi adiantado e de que, contra do que se pensaba, o texto encherá un volume de tamaño semellante ós dos xa editados.
En principio acordóuse, na reunión de que che falo, dar un novo pulo ô labor pra os futuros tomos, creando un a xeito de órgao centralizador que se responsabilizase da custión administrativa e máis de presionar nos colaboradores. Seguiría a direición teórica nas mans de Otero, e a realización práitica nas miñas, co asesoramento de Ferro e Piñeiro. Craro está que isto se non resolveu aínda de xeito definitivo, e tamén haberá que conocer cal é a decisión que adopta Puente. Naturalmente, o que agora urxe é rematar o tomo da Prehistoria, e mandalo decontado pra que o deades ó prelo.
Pero, según informes que recibo, resulta que hai moitas probabilidás de que tí veñas en data prósima pra Madrí. ¿É certo? Sería unha fermosa cousa térte perto de nós. A mín, particularmente, entusiásmame a idea. Pero, de ser así, habería que pensar nunha nova fórmula pra continuar a edición da Historia. Estimaríache moito, pois, que me dixeses o que hai sobre do particular.
Supoño que a túa muller me anunciará a data da súa chegada a Galicia. Tería un grande disgusto si, ô non saber cando ven, puidera atoparme fora de Vigo por calquer motivo, no día da súa chegada.
Non sei si estarás informado das novas que se van producir na Universidade. Os estudantes das cinco Facultades fixeron unha instancia, moi intelixente e razonada, solicitando a creación dunha cátedra de Lingoa Galega, no Instituto de Idiomas anexo á Facultade de Letras. Conseguiron que os Decanos a avalasen coa súa firma. E o Reitor, Echeverri, apoióunos cunha xestión aitiva i entusiasta. O resultado é que a Cátedra vai ser creada decontado.
Pero, ademáis, por xestiós do propio Echeverri, logróuse a creación da Seición de Filoloxía Románica na Facultade. No plan de estudos, figura como disciprina obligatoria no 5º curso, a de Lingua e Literatura galegas. Como ves, a vella aspiración, tanto tempo acariñada, realízase agora.
Escribín ôs Centros Gallego, Lucense, Pontevedrés e Ourensán de Bos Aires, pedíndolles que se dirixisen ô Reitor felicitándoo pola incorporación dos estudos da nosa lingua e da nosa literatura ô ensino universitario. ¿Poderías tí conseguir ahí que o Centro Gallego e a Casa de Galicia fixesen outro tanto? Coido que sería de grande interés que as entidás emigradas desen isa nota, frente ô silencio que aquí se mantén.
E nada máis. En espera das túas novas, mándache unha cordial aperta
Fernández del Riego [sinatura autógrafa]

O meu novo domicilio:
DR. CADAVAL, 32-4º Izqda.

1963-11-09
Carta de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1963.
Vigo
Madrid
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1963. en 09/11/1963

Vigo
9 - nov.
1963

Sr. D. Luís Tobío
Madrid

Meu querido amigo:
Fai unha chea de tempo que recibín a túa carta. Esperaba que no vran viñeses dar unha volta por Galicia. Pero ô parecer, as túas ocupaciós non cho permitiron. Sentíno ben. Tiñas moitos desexos de falar contigo, longo e de vagar.
O principal ouxeto distas liñas é o de che pedir un favor, por si o podes atender. Un amigo noso, ô que ti conocerás tamén inda que soio seña de nome, Celso Emilio Ferrreiro, quería completar os seus ingresos –xa que ten varios fillos– con algunha representación. Pedíume que che escribise a ti, por si a empresa na que traballas necesita un representante en Vigo e Pontevedra; i en caso afirmativo, que nomease a Ferreiro pra desempeñar isa misión.
Estimaríache moito que, de ser posíbel, atendeses o pedido. En calquera caso, rógoche que me comuniques o que haxa, pra que Ferreiro vexa que fixen a xestión. Moitísimas gracias, por adiantado.
Don Manuel Puente escribíume dúas cartas. Pídeme que nos encarguemos da distribución dos dous tomos da Historia. Xa chegaron algús exemplares co ise fin. Pero o 30% de desconto que ofrece é moi escaso, pois de facer as vendas a traveso de librerías e representantes, hai que lles dar o 25 de comisión.
Dime tamén que me poña â fala contigo, pra ver de proseguir a edición da obra. Garantizándoo e aconsellándoo ti, non ten incomenente, en principio, enque os prósimos tomos se editen en Madrid baixo a túa direición.
O traballo da Prehistoria, que deixóu Cuevillas manuscrito, estáo revisando Xocas e poñéndoo ô día. Incorporaralle material gráfico, e unha vez mecanografiado o texto, mandaramo todo a min.
Tamén os fillos de Iglesia Alvariño parecen dispostos a entregar o orixinal sobre o Idioma que se refugara polas razós que conoces. No caso de que o solicitáramos de novo, habería que llo entregar a Ferro, pra que suprimise todo o que resulta inaxeitado. De calquer maneira, non sei ate que punto resultaría comenente meter ise estudo nun tomo co da Prehistoria. Haberá primeiro que mirar si a estensión diste abonda pra encher un volume de tamaño semellante ô dos xa publicados. En fín, ti dirás.
Sería ben que me transmitises tódalas suxerencias que se che ocurran, pra lle eu escribir a Puente.
Si vou un día a Madrid, antes de que ti veñas a Galicia, ireite ver.
Entrentanto, espero as túas novas.
Moitos saúdos â túa muller e ô teu fillo, da miña dona pra todos, e pra tí a cordial aperta de sempre, de
F. del R. [sinatura autógrafa]

[Na esquina superior dereita, escrito a man con bolígrafo azul: Cont. 6-XII-63]

1963-12-00
Postal de nadal de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1963.
Vigo
Madrid
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Postal de nadal de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1963. en 00/12/1963

Meu querido amigo:

Recibín a túa carta. Xa che escribirei máis adiante sobre do asunto da Historia.
Supoño que verías os dous primeiros números da revista "Grial", que che mandei. ¿Non podemos contar con algunha axuda túa pra números sucesivos? Agora xa dispoñerás de algo máis de vagar. Si tes preparado un ensaio de anterior ocasión que poida aproveitarse, sería moi ben. En todo caso, tamén podería mandarme algunha nota ou comentario de tipo cultural, así como críticas de libros, etc., coa túa firma ou con seudónimo.
Felices festas, e unha cordial aperta de
F. del R. [sinatura autógrafa]

1981-06-13
Carta de Lois Tobío Fernández a Francisco Fernández del Riego, 1981.
Madrid
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Lois Tobío Fernández a Francisco Fernández del Riego, 1981. en 13/06/1981

Madrid, 13 de xunio de 1981

Meu querido del Riego: Por máis que esgarabello na lembranza, non chego a recoller ningún dato ou caso concreto que che puidera servir pra o que tencionas facer sobre o benquerido Casal. Moitas conversas tivemos daquela sobre moitas cousas pero él aparéceseme como unha figura enteiriza e nobre, toda xenerosidade e coraxe, que se deu á loita polos nosos ideáis con desprendimento e sacrificio. A instalación en Santiago da sua imprenta foi, en boa parte, pra que o Seminario puidese editar os seus traballos. Aló na rua das Hortas traballaba duro e sempre sorridente e optimista pra que a cultura galega dispuxese dun meio axeitado pra o seu espallamento. Cobraba cando e como podía e nunca se queixou das demoras. A veces dábame a impresión de que non precisaba do seu traballo para vivir (cousa, desde logo falsa).
Como eu saín de Galicia no ano 32 nada sei, senón por referencias tardías, da traiectoria da sua vida e labor apòs dese ano. E da sua morte.
Sinto que non che poda ser de máis utilidade para a tu empresa que espero e desexo que leves a cabo.
Unha estreita aperta.

1993-05-20
Carta de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1993.
Vigo
Madrid
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1993. en 20/05/1993

Francisco Fernández del Riego Dr. Cadaval, 32 - 4º
Teléf. 434015
36202 Vigo - 18 maio

Luís Tobío
Madrid
Meu querido amigo:
Entérome agora de que che fixeron entrega onte, do "Triskel de ouro" na cátedra de Estudios Gallegos do Ateneo de Madrid. Aínda que se trata dun mínimo recoñecemento aos teus moitos servicios, tan valiosos, á nosa cultura, quero manifestarche a miña máis expresiva felicitación.
Ben sabes o afecto e admiración que desde vello sinto por tí. Vaia, pois, con estas liñas e coa cordial noraboa, a forte aperta de sempre

F. del R. [sinatura autógrafa]