PROXECTO EPÍSTOLAS

----

LOCALIZACIóN: Guadalajara [nac. México]

Epístolas
18 mencións
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1955-05-15
Carta de Paz Andrade a Delgado Gurriarán. 1955
Bogotá
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Paz Andrade a Delgado Gurriarán. 1955 en 15/05/1955

[Bogotá] 15 mayo 1955


Sr. Don Florencio Delgado Gurriarán
Camarena, 160. Dpto. 4º
Guadalajara, Jalisco



Querido Florencio:

Fai hoxe tres meses que estóu en Colombia, asesorando como experto das Nacións Unidas, un pran de desenrolo pesqueiro. Non sei si no viaxe de retorno a Galicia, que penso emprender pol-a mesma data do mes que ven, teréi posibilidade de me deter algún día en México, como sería meu desexo.
Supóñote xa informado que, aproveitando uns días de descanso en San Miguel d’Outeiro, que pasamos antre unha e outra sahida americán, recibimos a visita d-unha de tuas irmáns, a que lle din conta dos nosos contactos en Guadalaxara, procurando no posible dar satisfacción a súa sede de novas sobre vosoutros, que era moita. Ela atópase ben, mais parez que non ocurre o mesmo con a outra irmán, si ben coido que se non trata de cousa grave.
Agardo recibir esquí algúns exemprares do poema sobre Castelao, que imprimiu o Centro Gallego de Buenos Aires, coincidindo co quinto aniversario da morte. Terei moito pracer en adicarche un, que recibirás por correio, sempre que o envío se confirme, do que non teño eiquí moita seguranza.
Non é preciso que che diga ren da miña disposición para trasmitir calquer encarrego a túa familia, aproveitando o retorno. Ainda que tentéi falar con teu irmao na Cruña, non tuven sorte en atopal-o cando alí fun. Penso que non tardará en repetirse a ocasión.
Transmite a miña mellor lembranza a Mares e Esturau, dos que conservo vivo recordo. Fai presente os meus saudos a tua dona, e con agarimos aos nenos, recibe unha cordial aperta do teu sempre bon amigo,


V. Paz-Andrade

1955-06-11
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1955
Guadalajara [nac. México]
Bogotá
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1955 en 11/06/1955

Florencio Delgado Gurriarán
Camarena, 160. Dpto. 4º
Guadalajara, Jalisco


Guadalajara, 11 de xuño de 1955


Sr. Don Valentín Paz-Andrade
Bogotá, Colombia



Benquerido amigo:

Recibín a túa do quince do derradeiro, a que chegou a casa no intre en que eu andaba de viaxe.
Xa soupen da túa entrevista coa miña irmá Rocío. Por certo que xa recibín as roupas que me remesaron polo meio que ti lles indicaches e coa intervención da túa dona a quen che prego lle transmitas o meu agradecimento. Xa sabes fico ás vosas ordes.
Coas roupas chegou un libro de poemas, que atopo moi bo, de Celso Emilio Ferreiro. Penso escreberlle.
Agardo o teu poema a Castelao. Fai como dous meses me devolveu Correos a carta que che enviei a México a primeiros do Nadal do ano pasado e na que ía o Cimiterio Mariño. Enviareicho a Vigo.
Gracias polo teu ofrecimento. Se na túa viaxe de retorno ao lar pasas polos Estados Unidos encarrégoche merques un producto farmaceutico chamado Bellacrisina (novo alcaloide da beladona) que lle recetaron á miña irmán María e que non atoparon en Hespaña nin tampouco puiden acadar eiquí. Fas o favor de enviarllo á miña familia, quen alí o pagará.
Moitas lembranzas de Mares e Esturau. Cordiales saúdos da miña dona e cativos –hoxe cinco- e unha forte aperta do teu amigo


Florencio

1955-12-11
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1955
Guadalajara [nac. México]
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1955 en 11/12/1955

Guadalaxara. Xal. 11 Nadal 1955


Sr. Don Valentín Paz-Andrade
Progreso 29-5º izq.
Vigo


Benquerido amigo:

Coido lembrar que o enderezo de Progreso 29, que é o que teño do amigo Del Riego, é o do voso bufete e por eso encamiño a el esta coa esperanza de que chegue a ti.
Recebín a túa de Bogotá, a que contestei; supoñendo chegase a tempo a miña resposta xa que non me devolveron a carta, en troques, a que che escrebera a México, na túa viaxe de fai un ano, devolvéronma. Tamén recebín o teu belo poema a Castelao, confirmándoche o xuizo que me mereceu cando ti mo liches.
Xa vin a nota que me adicas en Valdeorras –supoño será túa-; gracias por ela, inda que agora son xa cinco os paxariños e Guadalajara, e non Monterrey, é a segunda cibdade da República. Supoño que tamén será túa a nota que acompaña a interesantísima foto de Noriega e Valcarce, folgoume esa lembranza do noso poeta e a ver cando publicades unha escolma dos seus poemas.
Pra outra enviareiche a tradución de O Cimiterio Mariño de Valery.
¿Voltarás por esta algún día? Moito o quixera para poder falar longo da Terra.
Dementre non deixes de escreberme, carta longa, pois teño fame de saber de vosoutros, de Valdeorras e de Galicia.
Un garimoso saúdo á túa dona e fillo de todos nos e unha forte aperta para ti, con lembranzas de miña dona e rapaces


Florencio Delgado Gurriarán

1959-12-02
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1959
Guadalajara [nac. México]
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1959 en 02/12/1959

Guadalaxara. Jal. 2 Nadal 1959


Sr. D. Valentín Paz Andrade
Vigo


Benquerido amigo:

Recibín a túa e máis tarde a visita do teu xentil e vizoso amigo Boullosa. É coma ti dis, falador e imaxinativo, mais tamén é moi simpático e fíxonos pasar unhas horas moi agradables. Tamén ten os seus pulos de «poeta». Tróuxome o teu libro, que lin e estou voltando ler pois é interesantísimo e prodúxome un forte impacto. É triste pensar en que na realidade non pasamos de ser a terra máis probe dun dos estados máis probes da Europa e tamén é abraiante o ver que ista oportunidade que apontas pra o seu porvir –a eleitrificación- poida ser desaproveitada. ¿Non é iste o intre de dirixirse á emigrazón para que financie a industralización de Galiza? Pois eu coido que ten potencialidade económica de abondo para elo. Mais sigamos co teu libro: é valente, documentado e dun forte contido galeguista. Si a realidade é cativa non por iso imos de pechar os ollos diante dela; polo contrario, compre abrilos ben, para combatila. De acordo coa túa interpretación do problema da lingua: o galego ten sesgo de lingua universal e de acordo con iso debemos prantexar as labouras para a súa limpeza, desenrolo e insino. Teño feito moitas notas do teu libro para que as aproveiten nas emisións semanaes da Radio do Padroado.
Folgame moito o que che teña gustado Vieiros. Verdadeiramente «botámola casa pola fiestra». Agora imos ver si seguimos co noso esforzo adiante, e non recuamos, pois xa sabes que unha empresa desta categoría ten moitas dificultades de traballo, económicos etc.
Gracias pola túa oferta e pola lista de enderezos que me mandache. Agardo nos envíes algún traballo para o segundo ou terceiro nº.
Lembranzas aos teus e que teñas boa viaxe a São Paulo. A ver si escribes dende alí.
Unha forte aperta



Florencio Delgado Gurriarán

1960-12-29
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1960
Guadalajara [nac. México]
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1960 en 29/12/1960

Guadalaxara. Jal. 29 Nadal 1960


Sr. Don Valentín Paz-Andrade
Compostela 6
Vigo


Benquerido amigo:

Non quero deixar pasar ista data sin que recibades os nosos meirantes desexos d’un benditoso ano 1961 para ti e os teus.
A ver cando voltas por eiquí xa que a miña viaxe a ese ainda está un pouco serodia.
Unha forte aperta



Florencio Delgado Gurriarán

1961-12-25
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1961
Guadalajara [nac. México]
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1961 en 25/12/1961

Guadalaxara. Jal. 25 Nadal 1961


Sr. Don Valentín Paz-Andrade
Compostela 6
Vigo


Benquerido amigo:

O teu libro Galicia como tarea impresionoume moito e arestora é un dos meus libros de cabeceira; tamén gardo un artigo teu encol do galego que escribiche dispois dunha viaxe ao Brasil e que suscribo enteiramente.
Que teñades un benturoso e arrequeceleiro ano de 1962.
Moitas apertas



Florencio Delgado Gurriarán

1966-09-12
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1966
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1966 en 12/09/1966

Guadalaxara, 12 Setembro 1966



Benquerido amigo:

Folgoume moito o ler o artigo de Rosa Arcimegas que che envío con esta, xa que gaba (como é xusto) as túas dotes de conferenciante e o teu labor a prol da nosa Terra e da súa cultura. Mándocho por se ti non o coñeces.
Seguimos polas terras da Nova Galicia, aturando as saudades que me teñen comesto. Co meu traballo de sempre e viaxando polo noroeste da República Mexicana. De vez en cando sópranme as musas e fago algún cativo poema. Fixen unha tradución do «Bateau Ivre» de Rimbaud. Sigo facendo algúns «apuntes» poéticos das miñas viaxes.
No nº 9 de Grial apareceu unha tradución do «Cimiterio Mariño», feito por Lorenzana. Apuntábase que era a a primeira feita en galego. Mais eu (que fixen outra pubricada en Bos Aires o 52) escribinlles para desfacelo erro. No nº 12 acusaron recibo da miña aclaración e prometeu pubricar a miña perífrasis.
¿Que hai de novo no pequeño mundo das nosas letras? ¿Cando ves por eiquí novamente? ¡Ogallá sexa axiña!
Moitos saúdos da miña xente para todos vosoutros. Lembranzas do Ramón Esturau a quen coñeciches nista. Unha forte aperta do teu amigo


Florencio Delgado Gurriarán


Francisco Mores (o da «Casa del Arte») vive agora no Carballiño, Mosquera 34.

1967-12-00
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1967
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1967 en 00/12/1967

Guadalaxara, Nova Galiza, Nadal do 1967



Imaxes «Da Terra Asolagada»

Espellos de auga nos vales,
Ondas de arume nos tesos:
Ni-o madrigal das cerdeiras,
Nin a dôr dos castiñeiros,
Nin druídicos carballos,
Nin apolíneos loureiros,
Nin searos verdecentes,
Nin dionisiacos bacelos…
A mitade asolagada
E a mitade con piñeiros…
¡na Galiza de arastora
xa non caben os galegos!
……..
Onte, as augas brincadeiras
Dos rigueiriños brasiegos,
Bailaban a muiñeira
Pr’á lediza dos penedos.
Hoxe, danzou a go-go
En turreiros de cemento
E van por irtos aramios,
A darlle forza aos alleos.




Ledo Nadal e Benditoso Aninovo.
Deséxavos, en nome da miña familia e propio



Florencio Delgado Gurriarán

1976-12-00
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1976
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1976 en 00/12/1976

Guadalaxara, Nova Galiza, Nadal 1976



Moitas venturanzas pra ti e os teus nestas festas e decote.

Apertas

Florencio

1977-04-20
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1977
Guadalajara [nac. México]
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1977 en 20/04/1977

Guadalajara, 20 abril 1977


Sr. Don Valentín Paz-Andrade
Policarpo Sanz, 22
Vigo


Benquerido amigo:

Soupen da boa acollida que lle diche ao meu sobriño Florencio e á súa filla Tereixa, que anda a procura dun traballo en Vigo, e douche as gracias.
Polos meus parentes e por carta que che escribín dende Madrid, supóñote enterado do infarto que tiven, naquela cidade, pouco antes da data de volta a México, e que nos obrigóu a retrasar a viaxe. Agora estou moi recuperado. O doutor que me atende fíxome a proba de Bruce por fatiga muscular e respondín moi ben a ela. Di o médico: «Todo ello garantiza un perfecto estado de la función ventricular izquierda y mejora pronóstico que será dirigido a aumentar eficiencia miocárdica». Por outra parte, o doctor que me atendéu en Madrid e máis un terceiro que me viu ao chegar a México, coincidiron na boa recuperación que tiven. Queira Deus que siga a cousa ben.
Seguín, namentras estiven en Madrid e polos xornais, o labor da comisión dos nove, na que tan ben representas a Galiza. Esquí tamén veñen moitas noticias da política española, na prensa da capital e na local, pero fai tempo que non aparece nada relacionado coas vosas xestións. Leo tamén a revista Cambio 16, edición internacional, mais tampouco comenta nada nos derradeiros números. ¿Cómo vai a cousa? ¿Qué posibilidades hai para a nosa causa? Teño moitísimas arelas de coñecer o que pasa e, abusando da nosa amistade, quixera me informaras de todo aquello que non sexa segredo, pois sei que hai cousas que non compre pubricar. Por outra parte, se podo ser útil para algo, conta conmigo.
Qué todo vaia con ben pra Galiza e a democracia «civilizada». Dádesme envexa os que vivides arastora na Terra, pois podedes facer moito por ela.
Garimosas apertas da miña dona e miñas, pra ti, Pilar e o voso fillo. ¡Que a xeira do quince de xuño sexa proveitosa!


Florencio

1980-05-10
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1980
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1980 en 10/05/1980

Guadalaxara, Nova Galiza, 10 de maio do 1980




Benquerido amigo Valentín:

Recibín a túa do vinteún de abril e fólgome moito coas novas que me das da túa futura viaxe a Valdeorras. Gracias de antemao pola intervención que vas a ter na homenaxe que, en parte, vai a ser adicada a min. Supoño que nas lápidas porán «rúas» e non «calles», pois coido que ao noso bon amigo Gayoso, ao que desexo lle deas unha forte aperta no meu nome, non lle pasará inadvertido ese detalle. Xa me contarás. Sigo a libar paseniño (coma compre facer coa poesía) no teu fermoso libro.
Aceito con gosto a túa encomenda de dados para o teu futuro libro Castelao na luz e na sombra e nesta mesma carta adxunto algúns que desexo che sexan proveitosos. Dende logo o Soto é o que máis coñece das xeiras de Castelao pola América do Norte e por Cuba, xa que el foi o seu compañeiro nelas. Mais Soto tamén anda a facer un libro (millor dito, xa o ten feito segundo di el) sobre Castelao, no que sostén a tese de que o noso heroi era marxista ou, polo menos socialista, e non sei ata que ponto estará disposto a proporcionar os moitos dados que sen dúbida ten. Por se lle queres escreber o seu enderezo é: Marsella, 76, México, 6, D.F. O de Roxelio é Torquemada 118, Imprenta, Méx-8, D.F. Ehí, na Terra, podes ver ao meu amigo e compadre Francisco Mares, ao que penso que ti tamén coñeces: vive no Carballiño, Mosquera 34 (comercio) ou Margarita Taboada 73, que é onde ten o seu domicilio. O Mares era, na emposta da viaxe de Castelao, un membro moi activo das Sociedades Hispanas Confederadas e pódeche dar novas e enderezos de xente que as complete. Confidencialmente: se che interesa fala coel, xa que, por terse formado nas Américas, non se desenvolve moi ben por carta.
A carta de Castelao que che trascrebo en parte, dirixiuma cando eu estaba en Francia nos fins da guerra; nela pregúntame por amigos comúns e fálame doutras cousas que non xulgo interesantes para os fins que persigues de escolma de dados da súa viaxe polas Américas.
Da vida e traballos de Castelao en Bos Aires supoño que terás elementos de abondo para o teu libro. Eu teño xornáis e revistas daqueles tempos e supoño que ti tamén os terás.
Castelao, Picallo, Ríos e Villanueva, digo, Villaverde, xunto con Ramón Cabanillas, fillo, xantaron na miña casa cando fixeron a viaxe a México na emposta da celebración das Cortes republicanas. Falamos de moitas cousas que non lembro e daquela presenteille ao escultor mexicano Ignacio Asúnsolo, autor do monumento a Obregón. Emporiso lémbrome ben de que Castelao tomaba con humor e dinidade a xenreira que lle manifestaba Pedro Longueira, xenreira que aparece patente nas notas que che adxunto. Agardo que che sirvan de algo e, se atopo algunha cousa máis que poida servirche para o teu libro prometo enviarcha.
Ando a facer unha escolma de todos os meus poemas de loita e sátira que me gostaría publicar e, aproveitando a viaxe que vai facer á Galicia o vrao vindoiro o amigo Ramón Esturau, vou a mandar por el todo ese material. E quixera que se puxera en contacto contigo e con algúns outros amigos, para ver se é posible e comenente publicalo.
¿Qué me podes contar do grupo «Realidade Galega» de que me falaron?

Saúdos cordiais da miña muller e meus para a túa dona e fillo.

Unha moi forte aperta para ti do teu sempre amigo

Florencio

1981-01-28
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1981
Guadalajara [nac. México]
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1981 en 28/01/1981

Guadalaxara. Xal., 28 Xaneiro 1981


Sr. Don Valentín Paz-Andrade
Policarpo Sanz, 22
Vigo


Benquerido amigo Valentín:

Supoño terás recibido a miña carta co enderezo do noso amigo Rañó. Mándoche agora o definitivo, pois xa está na súa casa en: Molino de las Flores, 20 –Bosques de Echegaray- Estado de México-México. O seu teléfono é 560-51-81.
Os nosos amigos do Instituto de Estudos Valdeorreses enviáronme eiquí os «currículums» das persoas que forman a terna presentada polos socios de número para a eleizón do novo Membro de Mérito e, na imposibilidade de reunirme contigo e máis con Lauro Olmo para darlle cumprimento á obriga que nos encomenda o artigo 10 dos Estatutos do Instituto, tómome a liberdade de encarregarche votes no meu nome. Penso, sen descoñecer os méritos dos outros dous propostos, que, polo seu labor a prol da historia de Valdeorras, o máis idóneo para ser eleito é don Augusto Quintana Prieto. Emporiso, se ti e máis Lauro Olmo estades de acordo en elexir ao doutor Pérez Lista ou a Casares, adírome ao mesmo para non adiar a eleizón pois teño confianza no voso criterio.
Agardo teña poder de abondo esta credencial de eleitor.
Agardo as túas novas e agardo tamén os dados que che pedín na miña carta do 12 de decembro e que me compren para facer o traballo que me encarregaron para o Cuaderno do Instituto.
Cordiais saúdos da miña xente para a túa e unha forte aperta para ti de

Florencio

1981-06-02
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1981
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1981 en 02/06/1981

Guadalajara, Jalisco, 2 de xuño de 1981



Benquerido amigo Valentín:

Inda que chegaron cando xa tiña enviado o meu traballo ao Instituto de Estudos Valdeorreses, gracias polos datos encol da túa odisea dos anos da guerra e das túas actividades políticas e galeguistas, pois permítenme coñecer a fondo as túas xeiras de perseguido e o teu espléndido labor a prol da Terra. Emporiso penso que, aínda que sen precisar datas, puiden recoller no meu traballo, de unha maneira polo menos decorosa, os trafegos da túa vida de Valdeorrés adoptivo e galego universal, que queira Deus se prolongue moito para ben da Terra e dos teus amigos, pois aínda hai moito que facer e compre traballar deica o fin e máis agora en que están á porta unhas eleizóns que ben levadas poden mitigar o desalento que a todos nos causou o apoucado espíritu que Galiza demostrou no Referendo.
Polo que me dís, os epígonos do vello Partido Galeguista non dan moito a talla que compre ter nesta emposta da máxima importancia para o pervir de Galiza e da Democracia. Esta túa opinión ven a confirmar a que lle ouvín a Roxelio Rodríguez de Bretaña cando voltou da súa viaxe á Terra fai un ano ¡Qué dor! Mais compre non perder os ánimos e ver que é o que se pode facer e máis en qué podemos axudar os que pola nosa sorte mala vivimos lonxe de Galiza co pensamento posto sempre nela e sentindo decote as súas moitas penas e as súas poucas ledicias. Quixera unha resposta túa, a que queira Deus me traia un pouco de razonabel optimismo.
Sei das xestións que fai o noso bon amigo Gayoso, as que de corazón lle agradezo, inda que non me extrañaría o que non deran resultado, xa que penso que a Diputación de Ourense andará arastora moi ocupada coa revolta política de hoxe en día e non terá tempo nin cartos para un asunto tan secundario coma é o da miña viaxe. De toda-las maneiras gracias polo que facedes por min.
Roxelio Rodríguez de Bretaña falóu fai uns días conmigo. Está tamén moi preocupado pola pouca efectividade do Partido Galeguista. Díxome que aínda non recibira a túa carta.
O Lois Soto tenciona ir a esa a fins deste mes. A ver se tes a sorte de que che dea os datos que lle pediches; mais penso que terás que prescindir deles, e perdón se son mal pensado. De todo-los xeitos penso que lle darás bon acabamento ao libro de Castelao que arelo coñecer.
Ogallá nos vexamos este ano. Dementre cordiais saúdos para ti e a túa dona, da miña muller e meus. Unha forte aperta

Florencio

1981-06-25
Carta de Paz Andrade a Delgado Gurriarán. 1981
Vigo
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Paz Andrade a Delgado Gurriarán. 1981 en 25/06/1981

Vigo 25 de xuño de 1981


Sr. Don Florencio Delgado Gurriarán
Amado Nervo, 35 A – Sector Hidalgo
Guadalajara, Jalisco


Querido Florencio:

Recibo no seu día a túa do 2. Non volvín a ter novas de Pepe Gayoso. Supoño que se atopará en Portela. No mes de setembro teño pensado pasar uns días en Valdeorras, para que o meu neto vaia conocendo aquela terra, onde xa estuvo algúns días. Espero que terei rematada a laboura literaria en que agora ando en torno a figura de Castelao.
Teño xa feito o derradeiro capítulo, a morte en Bos Aires, mais inda me queda que preencher algúns outros dos que somentes teño feito esquemas. Ben ou mal agardo rematar a laboura no mes que ven ou no outro. Teño moito material gráfico inédito ou pouco menos, mais pouco do seu paso por México e Nueva York.
A carta a Roxelio envieina en Abril, como podes ver pol-a copia que vai anexa. Supoño que o que fallou foi o enderezo. Agradecereiche que lle envíes esa folla por si pode axudar algo na reconstrucción dos datos para os capítulos que ainda faltan.
De Luis Soto non volvín a ter novas. Como xa e a segunda vez que anuncia o seu viaxe, non confío moito en que o faga. Cecais a sua saúde non-o permita, que sería o máis lamentable. De calquera xeito, si a vista do que lle digo a Roxelio me podedes fornecer máis datos ou fotografías, agradecereivos que o fagades axiña, pois a cousa está de remate. Non quero deixala inconclusa.
En canto ao panorama político non hubo mudamento importante. Eu, despois das moitas visitas que me fixeron os dirixentes do Partido, cheguei a concebir un plan de relanzamento con a solución dos valores históricos e de outros novos que están en zonas afíns. Desventuradamente para Galicia, ainda que a proposta foi defendida pol-o Segredario Xeral sainte, e por outros elementos, non prosperou. O que para min revela algo moito máis fondo, que a falla de comprensión dos que manexan o asunto, en orden á necesidade de forxar un instrumento forte e dinámico, a altura do movemento histórico que estamos a vivir. Sospeito que se perderá novamente e no sin culpa de moita xente de boa fé, que ainda sendo galeguista non semella ter o ángulo de visión que esixe o cadro actual de forzas que mexen a política da nosa Terra.
Veu a visitarme algunha vez o irmán Cerqueira, do México, co que tuven longa conversa sobre o tema. Sei que asistiu ao Congreso do Partido. Despois non tuven ningunha noticia sua. Non sei que actitude tuvo nas deliberacións, ainda que na conversa conmigo, mostrouse d-acordo coas ideas que lle expuxen.
Supoño que terás recibido oficio da Academia nombrándote correspondente. A min nada me comunicaron, ainda sendo firmante da proposta. De todol-os xeitos penso que o acordo quedou firme.
Pilar enviache o mesmo que para tua dona sua mellor lembranza, coa miña aperta máis cordial,
[Valentín]

1982-10-21
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1982
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1982 en 21/10/1982

Guadalajara. Jal. 21 outubro 1982





Benquerido amigo:

Hoxe deille fin á leitura do interesantísimo libro Castelao na Luz e na Sombra que tiveche a xentileza de enviarme pola simpática familia Vaqueiro.
Li-no de vagar, como compre cando un libro é bon, para millor saborealo. Deulle forza ás miñas sempre vivas lembranzas da loita galeguista; entre elas a de ter acompañado a Castelao de Monforte ao Barco, xunto con outros bos amigos valdeorreses, cando ía no exprés de Castela camiño do desterro; tamén a convivencia con el en Barcelona nos primeiros meses do 1938. Agora ando a ler de novo Sempre en Galiza (meu meirande tesouro na miña cativa biblioteca pois ten una garimosa dedicatoria do autor), libro que cos naturais axustes aos tempos de arestora, segue vixente como vixente é tamén a túa Marginación de Galicia; tamén repaso a miña colección de A Nosa Terra (1921-1930 e os nos publicados en Buenos Aires), xa que eu tamén vivo sempre en Galiza.
O teu libro é moi bon, moi ameno e moi ben documentado. E a súa publicación é moi conveniente para rescatar a Castelao dos que, coma o noso amigo Soto (q.e.p.d.) queren facelo marxista, ¡Vaiche boa!, cando el, que refugaba a colmea e o formigueiro, dixo con toda craridade no «Adro» de Sempre en Galiza: «sendo galego non debo ser máis que galeguista».
Gracias, moitas gracias polo teu libro e que sigas tendo azos para escreber moitos máis.
Sigo con ansiedade a marcha da política española e galega. Que a xeira electoral do 28 sexa de proveito para a nosa Terra e para a democracia. Xa me contarás.
Aquí segue a crise financiera; mais o país coida seguir adiante pois os recursos que ten son moitos, coma ti ben sabes. Pero esto dificulta posibeis viaxes á terra porque non deixan sacar cartos.
Fortes apertas da miña dona e miños para ti e os teus


Florencio

1982-12-00
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1982
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1982 en 00/12/1982

Guadalaxara, decembro 1982




Benqueridos amigos:

Perto dun novo Nadal e dun novo ano, queremos mandar-vos os nosos desexos de Boandanza e Saúde para esas festas e sempre.
Confirmo a boísima impresión que me produciu Castelao na luz e na sombra. Agora arelo recrearme coa lectura de A galeguidade na obra de Guimarães Rosa, a ver cando cumpro ese desexo.
Que o 1983 vos sexa óptimo: a vos, a Galiza e a España e que Deus vos aforre a crise que arastora temos na Nova España.
Cordiais apertas


Florencio

A miña dona anda por México, capital

1983-12-18
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1983
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1983 en 18/12/1983

Guadalaxara,18 decembro 1983


Benquerido Valentín e Cilda:


¡Tabachín, verde e vermello,
de vernal e versátil bicromía;
vaga vermella encol da vaga verde;
verdivermella beleza fuxidía!


Co esta estampa primaveral da Nova Galiza enviamos-vos Celia e máis eu, os nosos millores desexos dunha leda Noiteboa e de saúde e felicidade pra o ano que ven e pra sempre.
Garimosas apertas de Celia e

Florencio

1985-12-00
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1985
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1985 en 00/12/1985

Guadalajara, decembro do 1985




Benquerido amigos Pilar e Valentín:

Boandanza e saúde no Nadal, no Ano que está a chegar e sempre, desexamos Celia e

Florencio

Apertas