Epistolario de Ricardo Carballo Calero

----

Valle-Inclán (1866-1936)

Dramaturgo, poeta e novelista que formou parte do Modernismo literario próximo á Xeración do 98.
1 Mencionado/a [62]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1967-04-07 Mencionado/a
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1967)
Lugo
Oviedo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1967) en 07/04/1967

Lugo, 7 abril 1967

Sr. Don Xosé María Álvarez Blázquez
Oviedo
Meu querido amigo: os sete cursos de alumnos que teño que controlar antre o Instituto e a Universidade, mais os traballos anexos, impedíronme ate hoxe che dar conta das xestións que realicéi sobor das consultas bibliográficas que me encarregaches. (Como non che teña xa escrito e me teña esquecido de que o fixen, o que creo improbable, pero non imposible, dado o vértigo con que me é preciso pasar dunha cousa a outra). Se que estíveches en Santiago estando eu ausente, e non sei se terás ido pola biblioteca da Universidade. Eu fun de novo e comprobéi que cos dados das papeletas relativas a “papeis varios” non é posible de momento localizar os testos que interesan. Despois de diversas procuras, e de traguerme cousas que non eran as que buscaba, dixéronme que o falecido bibliotecario Bustamente tiña reorganizado esa sección e que coas referencias que eu daba non era posible achar o que quería. Naturalmente, coido que haberá que aportar máis referencias. Paréceme que o mellor será que fagas ti persoalmente unha nova xestión perto de blibliotecaria cando dispoñas de temo para pasar algúns días en Santiago i espricar con pelos e sináis todo o que poida dar unha pista se é que tes outras referencias que dar, ou tempo para insistir e agardar que remexan dabondo. Se isto non pode ser, eu volveréi á carrega cando se me presente outra ocasión, pero polo de agora non teño conseguido máis que, en definitiva, a resposta de que non achan o que pido. Esto, polo que se refire ao resto das consultas non acraradas, agás a do libro de claustros (e a dos vilancicos do Convento de Menores). Sobre o libro dos claustros deixéi instruccións para que mo busquen, e agardo poder che mirar o material axiña. Do Convento, non adiantei un paso. Teño localizado o libro, e só falta que me poida desprazar a San Francisco nun momento en que esté alí o P. Ouro, con quen teño concertado a consulta.
Polo menos, quero que recibas esta conta rendida das miñas xestións, inda que neste periodo de tempo non teña conseguido resultados positivos. Ve que non deixéi de me coidar do asunto.
Agardando que recibiras a separata de Cadernos relativa a Valle-Inclán, e promentedo novas informacións cando as teña, envíoche unha cordial aperta, o teu bo amigo.
Ricardo.