PROXECTO EPÍSTOLAS

----

4 MENCIóNS A Luís de Góngora (1561-1627)

Poeta e dramaturgo español do Século de Ouro, máximo expoñente da corrente literaria coñecida como culteranismo ou gongorismo.
Epístolas
Mencionado/a [4]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1972-02-10 Mencionado/a
Carta de Seoane a García Sabell. 1972
Bos Aires
Santiago de Compostela
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a García Sabell. 1972 en 10/02/1972

Buenos Aires, 10 de Febreiro de 1972

Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago de Compostela

Querido Domingo:

Recibín a tua carta do 28/1/72 na que nos das noticias de Isaac. Este escribíume decíndome da sesión de sete horas que tivéchedes e participándonos a súa decisión de separarse de Mimina, remitíndome (non me lembro si xa cho escribín) unha copia dunha carta feita fai meses que pensóu remitirlle. Non me decía ren mais. Nós, que non temos os teus recursos, estamos desolados. As cartas de Isaac, encol de cuestiós da fábrica e do museo, son normales. Escribímonos coma sempre. Mimina escríbelle en troques a Maruja, desesperada. O mesmo Xosé que sufre coa nai. Tivésenos gostado facer algo, mais nós non podemos facer mais do que fixemos. Nestes asuntos de matrimonios, aínda xunguíndonos unha amistade íntima, un non pode meterse demasiado e nós, creo, xa pasamos no caso de Mimina e Isaac a liña do permitible.

Teño en conta o teu encárrego do libro de Frida Lawrence. Nono atopei nas librerías inglesas do centro da cidade, e, un destes días, cando faga menos calor, iréi as do bairro de Belgrano onde hay (sic) outras tres ou catro librerías inglesas. Perseguiréino deica atopalo.

Gostaríame moito que matinases na posibilidade de crear ahí unha editorial de bibliófilos que editase dous ou tres libros ó ano, estudiando maqueta, compaxinación tipográfica, ilustraciós, etc., de moi poucas páxinas e destinada a toda a penínsua. Libros que non terían de pasare de douscentos ou trescentos exemprares e nalgún caso aínda menos. De poucas páxinas, pois teñen de compoñerse a man. Falamos desto no vrau pasado, pero moi de paso. Eu penso calquer tídoo como Los sueños de Quevedo, A metamórfosis de Kafka, Anna Livia Plurabella de Joyce, ou Polifemo de Góngora, por poñer uns tídoos vidos de calquer xeito á memoria neste intre. Penso que é un momento bon pra unha laboura deste tipo e pra facer algús ensaios ó pasar de libro-ouxeto. Da parte literaria e artística ocuparíamonos os dous. Tería que estudarse o probrema dos suscriptores na penínsua incluíndo Portugal. Quixera que matinases nesto sin participar a ninguén aínda esta iniciativa. Penso que contribuiríamos a elevare o prestixio de Galicia en canto ós libros.
Remíteme a lista de cousas que tés encol de min y (sic) eu enviareiche as que faltan. Agradézoche as verbas, que me tivese gostado escoitar adicadas a mín, pola radio do Ferrol.

Apertas moi garimosas de Maruja e miñas pra Elena e pra tí:

1974-06-10 Mencionado/a
Carta de Dónega a Seoane. 1974
A Coruña
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Dónega a Seoane. 1974 en 10/06/1974




A Cruña, 10.6.74

Luis Seoane
Bs. As.

Meu querido e ademirado Seoane:

Contesto a tua do 23 do mes pasado. Debíache carta, sí. Ben vexo que levas unha boa contabilidade. Mais non o fixen denantes por mor dunha viaxata que argallamos polas terras do Al-Andalus pra lle facer unha visita ao noso fillo. E, xa sabes, entre o previaxe, o viaxe e o postviaxe ficóu todo demorado. Pasámolo mo ben. Impresionounos, especialmente, Córdoba. Alí batemos con vellos e conocidos amigos. Séneca, Averroes, Ibn Hassam, Maimónides, Góngora, Duque de Rivas e... mesmo Manolete, deixámolos, previo o conocemento abstracto que deles tiñamos, cáseque vivencialmente incorporados a nós. E Granada, Motril, Málaga, Ronda, Arcos, Sevilla, Cádiz, Huelva, Rábida, Palos, Moguer, pra voltar por Itálica, Mérida, Trujillo, Cáceres, Yuste, Guadalupe, Plasencia, Salamanca e Zamora. Como verás, polos camiños da millor historia galega. Porque xa sabemos, –tí nolo dixeches– que sempre haberá un paisán noso remexendo nos feitos que aqueles nomes evocan. E, claro está, non deixamos de lembrarte ao noso paso pola serranía xienense, afogada a súa soedade e desertización polos colonos galegos e cataláns –e alemáns católicos– asentados no XVIII por Carlos III nas vellas “Nuevas poblaciones...” Mais, vaiamos ao noso.
Fai xa máis de vinte días que fixen entrega ao noso amigo do anteproiecto dos Estatutos polos que se ha gobernar a nova Fundación. Entreguéillo pra que fixera nél as observacións que a ben tivera. Estóu en agarda das mesmas. Polo de pronto, vexo que do tidúo desaparez o nome de Castelao. Que era, si mal non recordo, idea túa incorporalo ao nome da Fundación. Tan axiña teña algunha nova verbo do choio, faréicha saber. Deica o de agora somentes falou de comenencia de estudar a incorporación ao Consello ou Padroado da Fundación dun representante dunha nonnata asociación de “Amigos” que, naturalmente, habería que constituír. Ben se ve que a simplicidade, que a sinxeleza e que a esencialidade non entran no canón estético e social do noso amigo. A impronta do seu delirante barroquismo fica sempre ben patente onde queira que toque. Con todo, téñolle lei.
O Día das Letras foi un éisito. Tivo moi boa acollida tanto nos medios populares como nos culturais e nos de comunicación social. Semella que é festa que callóu na concencia do país. O nome de Viqueira, cáseque esquecido, foi unha revelación pra moitos.
Tamén estivemos en Padrón co gallo da imposición a Álvaro Gil desa trapallada do Pedrón de Ouro. Vímonos amigos de toda Galicia. O Álvaro estivo algo amolado coa “festa”, mais non a puido refugar. Seica foi presionado por compromisos que non foi quen de vencer. O Isaac lanzou, no nome do Museo Maside, unha fermosa medalla conmemorativa. O etnógrafo portugués Santos Junior foi o mantedor do acto. E no xantar, en Rois, falou don Ramón Otero.
E pra rematar, queremos que seipades da nosa ledicia pola noticia do voso próisimo viaxe á Terra. Entramentras, de nolos dous pra volos dous, cinguidas apertas

Dónega

1975-06-08 Mencionado/a
Carta de Martínez López a Paz Andrade. 1975
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Martínez López a Paz Andrade. 1975 en 08/06/1975

Santiago de Compostela, 8-S. Xoan, 1975



Meu querido Valentín:

Denantes d’escrevir estas liñas xa botei no correio unha carta para o meu excelente amigo Enrique (Martínez López) que estaba no ano 1971 efectivamente na Universidade de California en Santa Bárbara (Hai 14 universidades naquel Estado). Enrique é granadino, casado e dimpois divorciado dunha rapaza brasileira que nos congresos foi considerada a miña muller por aquelo dos apelidos, etc. etc. Enrique traballou sobre todo no período barroco brasileiro –influencias do Góngora no Gregorio de Matos- e algo fixo tamén en literatura brasileña contemporánea. Ensinou en Recife dous ou tres anos denantes de vir aos EE.UU. Se me ouveras dado a data do traballo sería máis rápido pedir aos meus amigos de Texas un Xerox. De todos modos –supondo que non se foi de Santa Bárbara- non tardará en mandarme copia do seu artigo.
Xa vexo que estás metido en fariña e que a entrada será pronto. Interésame porque estoy facendo cola e ando a voltas xa con meu «rollo» que «rollo» e todo prometo non durará máis de 50 minutiños. Xa lle dixen a Isidoriño que fora un pouco longo. Perto de duas horas...
Nada sei do catalán Francisco Faus... pero coido que será fácil localiza-lo nesta nosa penínsoa.
Tan cedo como teña novas de California, craro, enviareichas. Os nosos amigos académicos según me dixo ainda hoxe Vidal Abascal están nervosos e até ameazantes contra nos os «electos»... Eu vou ver si acabo con ista tarefa despois de ti. Os nosos mellores saudos pra Pilar e pra ti unha grande aperta de

Ramón

1978-10-20 Mencionado/a
Carta de Seoane a Ledo. 1978
Bos Aires
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Ledo. 1978 en 20/10/1978


Buenos Aires, 20 de Outubro de 1978

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Querido Ricardo:

Non sei si estou en débeda contigo ou si ti me debes carta. Penso que mais ben, pódese afirmar, a primeira dúbida. Non o sei. Pasaron uns meses coa rapidez de dias, de traballos e exposicións. Fixen mostras, cinco, tres en Buenos Aires e duas fora, en Rosario e La Plata, de pintura e grabados. E non sei a data aínda, pois teño tamén outra de grabados no Museo de Santa Fe. Por outra parte, no mes que ven, en Novembro, sale o libro de grabados Imágenes de Galicia, editado por unha editorial arxentina. Comprende 72 xilografías e un prólogo meu sobre Galicia como tema e sobre o grabado. Este derradeiro publicado fai, creo, vintecinco anos, do prólogo do outro albume do que tiña feito 70 exemplares, prácticamente descoñecido. Os temas son históricos, lexendarios, de costumes, etc. Quero voltar ao tema histórico apenas tratado en Galicia no XIX e recoller o que podemos chamar mitoloxía galega que, en canto a demos ou persoaxes nocentes aínda eran vixentes na miña infancia. Matino agora cuasi vello o importante que é documentar gráficamente o pasado dunha terra como Galicia, abandoaba por séculos e rota na sua cultura. Tratados os temas coa libertade expresiva do noso tempo. Nos grabados, en canto aos temas, seguín o que comenzara a facer nos tapices. E lembrei sempre as tuas testas en papel cortado dos precursores tan boas de dibuxo, tan parecidas ao persoaxe, Pastor Diaz, Curros, etc, e moi importantes como documentos gráficos que concretan os rasgos dos retratados superando o retrato fotográfico, tan vacilante e deformador físico, pois a máquina reproduce unha realidade que non é a que perciben os nosos ollos e pola que xusgamos aos homes. Gostaríame moito que fixeras unha iconografía galega dende o século XVIII deica os mortos do XX. Algo do que fixeron Picasso e Matisse coas cabezas de Góngora e Ronsard, Baudelaire e Poe, no caso de Matisse. Podería ser un tomo moi interesante e que iniciase unha coleición de tomiños de dibuxos e grabados referentes ó pasado de Galicia. Que a Lumia, o Nubeiro, ou o Cura de Fruime, tivesen cada un a sua documentación gráfica feita por un artista.
De Galicia non sabemos nada mais que o que nos dixo Domingo cando estivo en Buenos Aires. De ahí non chega nada e as axencias ocúpanse soio de custións xenerais de España e, en todo caso, de Catalunia (sic) e Euzkadi, nada de Galicia.
Nos estamos en loita co desexo de quedarnos definitivamente en Galicia, que matinamos sería este próisimo ano, ou de ir novamente por un ano, ou cuase, e voltar no 80 pra sempre. Por outra parte eu son xa inútil pra Galicia, como en xeral os que vivimos fora tanto tempo. Temos incluso un xeito de ver os problemas totalmente difrentes.
Escribe. Perde en esto un pouco de tempo en algún fin de semana.
Unha grande e garimosa aperta pra Mimí, os fillos e pra ti, de Maruxa e miña.