Fundación Luís Seoane

----

Isabel López García (-1989)

Casou con Ramón Piñeiro en 1952.
22 Mencionado/a [22]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1953-04-01 Mencionado/a
Carta de Piñeiro a Seoane. 1953
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1953 en 01/04/1953

Compostela, 1º de abril do 1953

Meu querido amigo:
O domingo viñeron o del Riego e máis Evelina a pasar dous dias eiquí en Santiago. O Paco aproveitou a ocasión pra me decir que tiña recibido carta tua e que estabas estranado do meu persistente silenzo. Ó mesmo tempo, o bó do Paco reprochábame isa aititude, sobre todo –alegaba il– porque non se corresponde co-a realidade da miña viva estimanza por todo o que tí fas. Tiven que acrararlle ben as cousas pra que se convencese de que non había o máis lixeiro motivo de reproche. Agora quero tamén acrararchas a tí, pois d-ise xeito quedo eu máis tranquío.
Teño que comezar por che decir que eu escribinche a tí en dúas ocasións distintas –a pirmeira, por Perfecto López, a segunda, o vran pasado por correo aéreo– i-endexamáis tiven resposta. Tamén che mandei unha separata do meu ensaio Siñificado metafísico da saudade adicada e non tiven noticia de que a recibises. Sei que o Abraira traguía unha carta tua pra mín, pro isa carta perdeuse no Atlántico e non chegou ás miñas mans. Con todo, eu escribinche no vran pasado unha carta ben espresiva da que tampouco tiven resposta. Tanto ista carta como anteriormente a separata adicada do meu ensaio, mandeichas ás señas da revista Galicia, pois eu non conocía outras. A pirmeira cousa tua que recibín foi Paradojas de la Torre de Marfil, que ma entregou Vázquez da Xesta no mes de Noviembre, e dispois chegoume por correo Fardel de eisilado. Retraseime algo en escribirche porque cando Vázquez me entregou o pirmeiro libro, eu acababa de me casar e poucos dias despois morreu a nai da miña muller, acontecemento que nos obrigou a ausentarnos novamente de Galicia. Entre ambas ausencias, prodúxose un considerabel trastorno na regularidade da miña correspondenza. Cando restablecín a normalidade nas miñas aitividás epistolares, escribinche decontado, ista vez ás señas que veñen manuscritas en Fardel de eisilado. Teño a espranza de que a recibises.
Douche todos istes detalles pra que vexas que pol-a miña parte non houbo reserva ningunha, nin podía habela, pois o certo é que non hai motivo algún pra ter reserva persoal. O único motivo que eu podía ter era talmente o teu silencio, o non recibir resposta tua nunca. Ten presente que o Vázquez entregoume en Noviembre o pirmeiro libro que recibín teu. Con todo, a través do Paco e máis do Maside sempre fun sabendo de tí, non soio de tí persoalmente, senón da tua obra, porque me prestaban os exemprares que iles teñen. E aínda che podo decir que me teño por un dos máis entusiastas propagadores das tuas cousas entre a xente moza, pois heiche de confesar que, pra a miña maneira de ver, a tua obra é unha das poucas cousas que verdadeiramente merecen estima. N-ila refréxase unha visión apasionada de Galicia, unha visión nobremente apasionada, pois sempre é nobre a pasión que nace da sinceridade; unha visión co-a que se podería ou non coincidir si se tratase de valorar ouxetivamente os feitos, mais co-a que non cabe discrepancia algunha en canto que é unha interpretación artística dictada pol-a sinceridade humanísima de un artista de gran corazón. Así é como eu a vexo. E mesmamente por iso é pol-o que penso que debe de ser conocida i-estimada entre nós.
Moito me alegraría de que ista carta servise pra levar ó teu ánimo o convencemento de que a miña aititude non foi nunca reservada, ou seña, non foi estúpida. Tan incomprensibel como lle resultaba ó Paco isa suposta reserva, resultaríame a mín mesmo se tratase de a imaxinar. Ten presente que eu, cando teño motivos de discrepancia ou de discusión con algún amigo, non reparo pouco nin moito en manifestarllo abertamente. Isto xa che indica que non cultivo a “reserva” como forma normal de relación persoal. Tan soio a utilizo no plano político.
Apresureime a escribirche en canto se marcharon Paco e mais Evelina porque quedo máis satisfeito acrarando canto antes iste asunto. Estou seguro de que, dispois de leres ista carta, trocarás de opinión no tocante ó meu comportamento, pois eu estou certo de que foi sempre plena e sinceramente amistoso.
Unha forte aperta do teu decote amigo
Ramón Piñeiro

1960-09-13 Mencionado/a
Carta de Seoane a García Sabell. 1960
Bos Aires
Santiago de Compostela
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a García Sabell. 1960 en 13/09/1960

Buenos Aires, 13 de setiembre de 1960

Sr. D.
Domingo García Sabell
Santiago de Compostela

Querido amigo:

Recibín onte o número de Insula co teu traballo sobre o Dr. Marañón, que me pareceu dende logo moi atinado e bon, coma todo o número en xeral. Nun artigo pubricado fai algús anos escribín verbas parescidas as túas con que comezas o teu traballo, con motivo dos mortos en España, e felicítome dista coincidencia. Tiña de haber escrito antes, mais foron pasando os días e xa os meses na volta ás miñas cousas, preparando obra pra unha exposición que tiña que facer en Lima en Outubro e que, na derradeira hora, decidín deixar pra os comezos do ano que ben (sic). Queríamos Maruja e eu agradecervos a Elena e a tí as vosas atenciós nos poucos días que estivemos en isa. Igoal agradecimento teño de eispresar a Piñeiro e á sua dona, pero vou a escribirlles aparte. Hoxe soio quero acusarche recibo do número de Insula e felicitarte pol-o teu traballo. Pasar por Galicia, aínda que fose por poucos días, mais ben fíxome daño. Aínda non podo eisplicarme por qué, e isto non quere decir que non pense en voltar en calquer oportunidade. Dende logo estou moi contento de ter estado cos meus familiares e amigos mais queridos ainda que fose por pouco tempo.

Recibide Elena e tí unha aperta de Maruja e miña, e unha mais estreita pra ti de:

Seoane.

1961-09-04 Mencionado/a
Carta de Piñeiro a Seoane. 1961
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1961 en 04/09/1961

Compostela, 4-IX-61

Querido Luis:

Chegamos hai dous dias de Asturias, pois Isabel é de Xixón e sempre pasamos alí parte das vacacións. O mes de agosto repartímolo entre Coruxo, Láncara, Xixón e Castropol. Por eso non puiden recibir e atender o teu amigo Jacobo Kogan, que veu a Compostela coincidindo coa nosa ausencia. Pasou igual con Canito, o direitor de Ínsula, e con un profesor brasileiro. Sinto de veras non lle ter podido amostrar Compostela ó profesor Kogan. Tódolos anos nos ocurre o mesmo, por ser o mes de Agosto de moita afluencia de forasteiros.
O de Aquilino foi abraiante. Il sentíase algo froxo de saúde, pro era debido á sua vella e descoidada diabetes. Aquiles dias andivo normalmente con uns i outros. O mesmo dia que morreu fixo vida normal e tiña un taxi agardando pra saír de viaxe cando se sentíu mal. Un súpeto infarto de miocardio estranguloulle o folgo en poucos minutos. Eiquí tivo resoanza a sua morte e veu xente de toda Galicia ó enterro. Eu estaba en Vigo e viñen co Cunqueiro, o Paco, o Ferreiro e mailo Alvarez Blázquez. Pouquiños dias antes estiveramos falando longamente no Instituto P. Sarmiento do seu Diccionario e dos problemas ortográficos do galego. Tamén falamos da sua saúde, pro non lle notei desalento. Pola contra, mostrábase disposto a se someter a un tratamento serio. E faloume dunha idea que íl tiña pra facéremos unha escursión de varios dias por Galicia. Foi unha pena que morrese tan prematuramente. Aínda tiña moito que facer na nosa cultura.
Dixéronme que estivo eiquí Rafael Dieste e que marchou a Extremadura e Madrid. Tamén lín nun xornal atrasado que se puxera A Fiestra valdeira en Rianxo. Eiquí, na Coruña e mais en Vilagarcía púxose Os vellos non deben de namorarse. Acudíu moita xente nos tres sitios.
Moitos saúdos nosos a Maruja e de Isabel pra tí. Unha aperta moi forte do teu amigo

Ramón

1961-12-27 Mencionado/a
Carta de Piñeiro a Seoane. 1961
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1961 en 27/12/1961

Compostela, 27-XII-61

Benqueridos amigos:

Nistes dias de convivencia e de evocación familiar e amistosa, lembrámonos moi especialmente dos bos amigos que están lonxe. De corazón vos desexamos un ledo Aninovo e as meirandes venturanzas pra iste ano que agora imos comenzar.
Non volvin ver a Dieste. Coido que marchou a Madrid. Un plan que había de que viñeran pasar un fin de semana á casa de Domingo quedou aplazado pola enfermedade e morte da nai diste.
A novedade máis recente de por eiquí que che podo dar non é nada grata: hai catro días, un coche pasou por enriba de Valentín Paz Andrade en Pontevedra. Fracturoulle as duas pernas, a cadeira, a clavícula i esnafroulle a cara. Hoxe fómolo ver ó sanatorio. Semella un Lázaro. Con todo, as impresións médicas son boas. Agardan que curará normalmente e que quedará ben.
Moitos saúdos nosos a Maruja e de Isabel pra tí. Unha forte e cordial aperta do teu amigo.

Ramón Piñeiro

Moito nos alegramos dos teus triunfos artísticos, que son triunfos nosos.

1962-08-12 Mencionado/a
Carta de Piñeiro a Seoane. 1962
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1962 en 12/08/1962

Compostela, 12-VIII-62
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Benquerido e lembrado Luis:

Hai dias, o matrimonio Diaz pasou pola miña casa e deixou, da tua parte, unha fermosísima xoia bibliográfica: Del diario poético de Miguel Unamuno. Sintín ben non estar na casa cando viñeron, que foi un dia que eu andaba acompañando a Prada. Como estaban de paso, non cheguei a velos. E non che escribín antes porque alguén me dixo que te cambiaras de casa –coido que foi o Dieste– e tiven que percurar as novas señas.
Con todo o rarecho i o egotista que era o gran don Miguel, estou certo que se quedaría admirado, si a vise, da espléndida edición que lle fixéstedes ós seus poemas. E, dende logo, non é pra menos, porque o libro é moi fermoso. Figúrome que nunca soñou con ver os seus poemas editados tan maravillosamente.
Ben se pode decir, meu querido Seoane, que eres tí un dos que máis teñen contribuído á diñificación –á categorización– estética do libro hispánico no século xx. A tua aitividade artística é moi amplia e diversa, pro unha das facetas dela que non deberán esquencerse é mesmamente a da renovación e valorización estética do libro.
Moito che agradezo que me teñas enviado un exemplar adicado. Tanto a Isabel como a min producíunos gran emoción. Os dous lembramos con frecuencia e sempre con agrado as horas fugaces que pasamos xuntos e que pra nós son inesquecentes.
Pasou por eiquí Francisco Romero, que é, por certo, gran amigo e admirador teu. Acompañámolo unha tarde polas Rías Baixas. Ademáis do seu interés inteleitual, que eu xa conocía a través da súa aitividade filosófica, ten tamén un gran interés humán.
Díxome o Dieste que andabas matinando en vir a Galicia. Ben sabes cánto me alegraría. Quen veu, como sabes, foi Arturo Souto. Aínda non o vín.
Ahí en B. Aires editaron os rapaces unha tradución castelán dos dous ensaios que eu escribín encol da Saudade. Acabo de recibir uns cantos exemplares. Inda que tí os conoces na súa versión orixinal, mándoche un exemplar.
Moitos saúdos nosos a Maruxa e de Isabel pra tí. Unha forte e cordial aperta do teu amigo certo

Ramón Piñeiro

1965-02-17 Mencionado/a
Carta de Piñeiro a Seoane. 1965
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1965 en 17/02/1965



Compostela, 17-II-65

Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Benquerido Luis:

Recibín o teu Homenaje a Venecia, que foi pra min unha grata e moi leda sorpresa. Contemplei moitas veces, e sempre de vagariño, ises once grabados. Non me canso de ollar pra iles. Sempre me lembran o entusiasmo con que tí nos falabas de Venecia mentres tomabamos un café con leite no Hostal. Entusiasmo ben fondo e ben persistente, como estas fermosas estampas demostran. Confesas no prólogo, impregnado de serena e sabia emoción evocativa, que lle ofreces esta presada de grabados a Venecia coa mesma intención, e quizáis co mesmo destino efímero, con que se lle podería ofrecer un ramo de rosas. A comparanza metafórica vale somentes no que se refire á intención –e tamén, dende logo, á beleza da oferta--, pro falla no tocante á duración da sua vixencia. A tua oferta é tan xentil e tan fermosa como podía ser un espléndido ramo de rosas escolleitas. Pro é superior a elas nunha cousa importante: na perdurabilidade. Nesto o arte é superior á natureza. As tuas “rosas”, por non seren pura e simple creación espontánea da vida senon obra do esprito, non son efímeras, non están fatalmente condenadas ó ritmo de caducidade vital. Viven –perduran– no tempo espritoal. Durarán máis, moito máis, moitísimo máis do que durará o seu creador, e poden, mesmo durar, máis que a propia Venecia. Ise é un dos prodixios do arte verdadeiro: sobrevivir ó seu creador i ós motivos que o inspiraron.
Dígoche que me gusta moito o teu álbum venecián. Si algunha vez for a Venecia –desgraciadamente é moi pouco probábel–, seguro que ollarei e vivirei o seu ambiente “a través” dos teus grabados e da impresión que deixaron no meu esprito.
Os nosos saúdos garimosos a Maruxa e de Isabel pra tí. E xunto co agradecemento máis sinceiro, recibe unha forte aperta do teu amigo

Ramón Piñeiro

1965-09-20 Mencionado/a
Carta de Piñeiro a Seoane. 1965
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1965 en 20/09/1965



Compostela, 20-IX-65
Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires

Benquerido Seoane:

Hoxe recibín de Galaxia a monografía dos teus grabados e pasei un par de horas felices ollando as láminas e léndo o espléndido prólogo que lles puxo Domingo. Quedoume o esprito invadido dun estrano e delicioso pracer, talmente como si tivera batido súpetamente con un requintado i escintilante tesouro. Por eso, sinto a íntima tentación de che escribir unhas liñas de cordial felicitación i ó mesmo tempo de sincera gratitude, porque o tesouro, obra do teu traballo creador, é pra todos nós e pra todolos que veñan detrás de nós. O prólogo de Domingo é un breve, agudo e certeiro ensaio que servirá de pauta interpretativa da tua persoalidade e da tua obra, poisque os seus criterios de valoración son atinados e lúcidos.
Xa sei que estás novamente ao fronte da revista do Centro Gallego. Alégrome pola revista e polo prestixio que eso lle dá ao Centro. Figúrome que pra tí, no orde persoal, non deixará de ser unha carga de traballo.
Eiquí en Compostela, tivemos –e aínda temos– un ano de moito rebumbio coas romaxes xacobeas. Confiamos en que tamén vós aparezades calquera dia por estas ruas.
Moitos saúdos a Maruxa e de Isabel pra os dous. Pra tí, unha forte e cordial aperta do teu amigo

Ramón Piñeiro

1966-11-25 Mencionado/a
Carta de Piñeiro a Seoane. 1966
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1966 en 25/11/1966


Compostela, 25-XI-66

Benquerido Luis:

Recibín as duas monografías sobre o teu arte. Foi unha leda, emocionante sorpresa, despois de varios meses de incomunicación. De vez en cando, chegábame o rumor de que ibas vir e afincar en Sada. Despois dixéronme que pasaríades por eiquí agora a fin de ano. E, nesta agarda un tanto imprecisa, chegaron as duas fermosas monografías que, certamente, fan enormemente viva a tua presencia. Unha presencia que xa ten o valor indiscutíbel da perennidade a través da obra.
Pola nota que figura na monografía de Ediciones Esquema XX, vexo que tiñas preparada unha xeira polos EE. UU. e que se interrumpíu. Síntoo, porque estou seguro de que chamaría a atención e interesaría alí a tua obra. Eu estiven por alá dous meses e medio e, polo que vin, coido que lles interesaría o teu arte. Fun dar un curso sobre Ortega e máis asistir ó vi Coloquio Internacional de Estudos Luso-Brasileiros. Con tal motivo, estiven en varios sitios e sempre percibín unha gran curiosidade polo arte moderno e mesmo polas formas máis vangardistas.
A monografía de Bonino é interesantísima polo seu caráiter antolóxico de cáseque 20 anos de labor. Algunhas das láminas en color –por exemplo a nº V, ou a nº VI– engaiolan pola súa serena armonía. Verdadeiramente, eiquí en Santiago debería de haber unha gran sala adicada á tua pintura. É unha pena que haxa tanta obra tua polo mundo adiante e tan pouca en Galicia. Está ben, moi ben, que a haxa polo mundo adiante, pro está mal que o país non se ocupe de conservar pra sí parte desa obra.
Saúdos garimosos a Maruxa e de Isabel pra os dous. Pra tí, unha forte e cordial aperta do teu amigo certo

Ramón Piñeiro

1967-01-05 Mencionado/a
Carta de Seoane a Piñeiro. 1967
Madrid
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Piñeiro. 1967 en 05/01/1967





Madrid, 5 de Enero de 1967

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Mi querido amigo:

Dos líneas de prisa. Llegué a Madrid hace tres días y alquilé un pequeño departamento en Paseo del Dr. Esquerdo 75, 3º, derecha., teléfono 273,54,14. Me gustaría verte si vienes a Madrid en los próximos meses. No iré a Galicia hasta Abril o Mayo.
Un gran abrazo para Isabel y para tí de Maruja y mío deseándoos un feliz año de 1967:

1968-02-20 Mencionado/a
Carta de Seoane a Piñeiro. 1968
Bos Aires
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Piñeiro. 1968 en 20/02/1968



Buenos Aires, 20 de Febreiro de 1968

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Meu querido amigo:

Déboche carta dende fai un mes aproximadamente. Fun deixándoa dun día pra outro obrigado polo traballo. Dende que cheguei non fixen outra cousa que traballar. Teño en Xulio unha grande eisposición eiquí dunhas cen obras, retrospeitiva, que abarca 20 anos de miña pintura y (sic) en setembro teño que ir a Lima invitado pola Universidade pra facer outra eisposición. Denantes, o catro do mes que ven, inaugúrase no Museo de Bonn unha mostra con 60 grabados, todo esto con outros traballos que agardaban o meu regreso. Voltarei a Galicia en outubro.
Recibín e lín o teu espléndido traballo de ingreso na Academia, e penso que é do millor, senón o millor, o máis fondo, que se fixo deica hoxe, o menos dos que eu coñezo. Mañífico, así mesmo, e xusto, o discurso de García Sabell. Supoño que sería un día, o da vosa leitura, memorábel na Academia. Agradézoche o envío. Felicitaciós moi sinceras. Paseino a algús rapaces deiquí pra que o lean.
Unha fonda aperta pra Isabel e pra tí de Maruja e miña:


Seoane

1971-03-31 Mencionado/a
Carta de Piñeiro a Seoane. 1971
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1971 en 31/03/1971

Compostela, 31-III-71

Querido Luis:

Acabo de recibir a tua resposta aos ataques que che fixeron nas páxinas de A Nosa Terra. Vexo que te magoaron –cousa ben natural–, e confésoche que o sinto moito, porque ninguén que te conoza pode facer outra cousa que desprecialos.
Si a limpa e fecunda emoción galega que foi enchendo a tua vida, e dándolle craro sentido á tua obra, non merece admiración e respeito a quenes a conocen, mal andan as cousas pra nós. E coido que ahí en Bos Aires teñen motivos pra conocela, de donde se sigue que as nosas cousas non andan ben ahí. Afortunadamente, os ataques non responden a un sentir colectivo. Estóu seguro de que se contarán cos dedos da man os que os suscriban, e sobrarán dedos. Non pode ser de outra maneira. Tanto ahí como eiquí somos moitos os que te conocemos, ou seña, moitos os que despreciamos por estúpidos tales ataques.
Alégranos saber que viredes en maio. E alegraranos moito máis poder darvos unha aperta máis forte e máis cordial que nunca.

Isabel e Ramón

1972-01-17 Mencionado/a
Carta de Seoane a Piñeiro. 1972
Bos Aires
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Piñeiro. 1972 en 17/01/1972


Buenos Aires, 17 de Xaneiro de 1972

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Meu querido amigo:

Recibín as tuas duas cartas e coa derradeira o recorte da entrevista a López Garabal encol do acordo dos albaceas sobor o destino da obra de Maside. Cando os albaceas se xuntaron en Santiago non eisistía, que eu sepa, nesta cidade museo algún de pintura e cando dispoñan de ditas obras facíano, polo menos eu, pensando en que Galicia enteira é unha cidade e que as obras dun artista o mesmo dá que estén en calisquera das suas poboaciós, Vigo, A Cruña, Santiago, etc. Cando Isaac e mais eu matinamos no Museo Carlos Maside decidímonos a facelo no Castro percisamente con ese criterio moi dacordo coas aspiraciós urbanísticas do noso tempo. Dentro de 20 ou 30 anos mais as distancias serán menores e mais a descentralización urbana. A mín danme ganas de rir cando os cruñeses queren sacarlle o que poidan á Universidade de Santiago, ou os vigueses ós cruñeses calquer industria ou escola téinica. O señor López Garabal debe entendere que o Museo de Santiago non eisiste aínda. Que si nunha época o aúntamento de Santiago fíxolle encárregos a Maside, logo do fallecimento déste con motivo da sua eisposición nesa cidade o aúntamento negóuse a pagar o catálogo, o úneco de Galicia. Pero o máis importante é que o Museo de Santiago non eisiste y (sic) eu pola miña parte estaría cecáis en contra da sua fundación. Abondan cos que hai en Galicia. Non se dixo en ningún intre polos albaceas que Santiago tivese sido allea á tendencia renovadora do pintor. Os que estimulábamos a Maside ou éramos de Santiago ou vivíamos alí. O que se dixo sí, é que pra vender ou traballar como artista gráfico tivo que vivir en Vigo. Non pretenderá ninguén que dous ou tres encárregos polo aúntamento poden xustificar nada.
Non sei por que escribo todo esto. Cecáis porque penso que todo o mal noso reside nas pequenas diferencias, nos resentimentos producidos por cousas miudas. Por esas “rencillas parroquiales de nuestros aldeanos” coma dí moi inxustamente López Garabal atribuíndolle ós aldeáns un xeito de aituar distinto ós cidadáns galegos, e sin matinar que en Galicia todos somos aldeáns.
Participéille os teus saúdos a Varela que chos agradeceu moito. Sempre se lembra de tí, de Fole, de Lois, e de outros amigos de Lugo. Non anda ben de saúde.
Unha grande aperta de Maruja e miña pra Isabel e pra tí:

Seoane.

1972-02-21 Mencionado/a
Carta de Piñeiro a Seoane. 1972
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1972 en 21/02/1972

Compostela, 21-II-72

Querido Luis:

Hoxe póñoche dúas liñas apresuradas para informarte de unha boa noticia: xa temos catedrático titular de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Compostela. Na semana pasada celebráronse en Madrid as oposicións, que Ricardo Carballo Calero ganou brillantemente. Eu asistín aos exercicios –e moitos amigos– e resultaba emocionante. Tres dos exercicios foron en galego. O tribunal estaba formado por Moralejo, Moreno Báez, Zamora Vicente, Alarcos e Filgueira como presidente (por renuncia de Dámaso Alonso).
Saúdos garimosos a Maruxa e de Isabel para os dous. Unha forte e cordial aperta do teu amigo

Ramón


Como o Carballo é amigo teu, por si lle queres escribir, mándoche o enderezo:
Carrera del Conde 4, 1º
Santiago de Compostela

1972-03-02 Mencionado/a
Carta de Seoane a Piñeiro. 1972
Bos Aires
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Piñeiro. 1972 en 02/03/1972


Buenos Aires, 2 de Marzo de 1972

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Querido Piñeiro:

Agradézoche moito a tua carta do 21/II/72, pois non tiña noticia nengunha de que as oposiciós de Carballo Calero poderían sere para estas datas, mais ben matinaba que terían de sere, non sei por qué, no vrau. Destaves non o vin, pois as moitas idas a Santiago foron sempre por breves horas e pra atoparme coa familia da que teño unha chea nesa cidade. Hoxe escríbolle felicitándoo. Penso que é unha moi boa adequisición pra Universidade. Noutras condiciós fai xa anos que tiña de sere cadeirádego da Universidade Compostelán.
Pola miña parte traballo illado. Renunciéi a unhas eisposiciós de obras miñas proieitadas polo Ministerio de Relaciós Exteriores deiquí polas razós que te imaxinarás i en solidaridade con outros pintores con obras censuradas polos seus temas. Mais estóu contento do traballo. Traballo tamén nunha escolma de crónicas que foron pra a radio deiquí referidas a cusas (sic) galegas e que cecáis remitiréille a Paco.
Trátase de crónicas encol de temas moi pouco tratados. Traballo, esto é todo, e remítolle as “Figuraciós” que podo a La Voz de Galicia.
Saúdos moi garimosos a Maruxa e meus pra Isabel, pra tua irmán e pra tí. Mais unha aperta grande pra tí de:

Seoane

1972-12-12 Mencionado/a
Carta de Piñeiro a Seoane. 1972
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1972 en 12/12/1972



Compostela, 12-XII-72

Benquerido Luis:

Onte chegounos, coma un paxaro latexante que viña de cruzar o Atlántico, o teu A maior abondamento. Estivémolo lendo pola noite. Hai dous poemas que me gustaron especialmente, O home que marcha, e mais Verdadeiro sucedido nun Nadal. Certamente, gustáronme todos, mais eses dous impresionáronme fondamente. Desde logo tamén ten forza sarcástica o poema satírico Terceiros, alcaiotes, primeira parte de Outro canto ós emigrantes.
Moitas gracias por este libriño tan xentil, portador dun vibrante mensaxe poético e plástico. Graciñas tamén pola xentil adicatoria.
Dixéronnos que viredes a Galicia no xaneiro. Alégranos moito.
Que teñades un feliz Nadal.
Apertas nosas para os dous.

Ramón
Isabel

1974-01-02 Mencionado/a
Carta de Piñeiro a Seoane. 1974
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1974 en 02/01/1974




Compostela, 2-I-74

Benquerido Luis:

Acabamos de nos enterar do falecemento da túa nai. Como sabemos por propia experiencia o que esa perda significa, comprendemos ben a vosa mágoa. E sabemos tamén que non hai palabras para podela curar. En realidade só o paso do tempo, ao convertir a presencia en lembranza, pode crear a necesaria serenidade para aceptar o feito. Entretanto, tedes que pensar que polo menos pasóu pola vida coa profunda satisfacción de sentir realizado o seu destino personal; e que puido disfrutar a felicidade de ver aos seus fillos asentados na vida. Ben seguro que ela non arelaba outra cousa que lle poidera proporcionar maior felicidade que esa.
Nestas horas penosas, queremos decirvos que compartimos moi sinceramente a vosa mágoa. De todo corazón vos desexamos serenidade para aceptar intimamente tan tremenda perda.
Fraternalmente vosos

Isabel
Ramón

1974-01-15 Mencionado/a
Carta de Seoane a Piñeiro. 1974
Bos Aires
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Piñeiro. 1974 en 15/01/1974

Buenos Aires, 15 de Xaneiro de 1974

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago de Compostela

Meu querido amigo:

Recibín a separata da tua resposta a Rodrigues Lapa que me parecéu moi boa e que suscribo íntegramente. Non me explico como Rodrigues Lapa poido manter esa posición coñecendo, como él evidentemente coñece, os esforzos galegos encol do idioma e as difrenzas xa fondas entre o galego e o portugués, moi similares por outra parte ás que van distanciando o brasileiro do idioma de Portugal, moito mais importantes das que poden separar o castelán dos países latinoamericanos do castelán. Engadindo que no caso brasileiro media a influencia do castelán, aínda que nunha provincia arxentina, Misiones, se incorpore o portugués, brasileiro pódese decir, á enseñanza por se extender este idioma ó territorio arxentino. Mais eu desto sei moi pouco. Paréceme moi craro o teu traballo, e non soio provisto de unha grande lóxica senón moi atinado con respecto á realidade galega.
Agradézovos moito as vosas condolencias polo pasamento da miña nai. Nos lamentámonos ter saído desa moi poucos días de que ocurrise, deixámola ben e non podíamos prevelo. Mais non podemos deixar de pensar nelo. Temos tamén que agradecérevos as vosas atenciós no tempo que estivemos en Galicia que foron moitas.
Unha grande aperta de Maruja e miña pra Isabel e pra tí de:

Seoane

1976-02-29 Mencionado/a
Carta de Seoane a Piñeiro. 1976
Bos Aires
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Piñeiro. 1976 en 29/02/1976


Buenos Aires, 29 de Febreiro de 1976

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago de Compostela

Querido Ramón:

Recibín duas cartas que agradezo moito, referidas a Insectario, e a noticia que me remites da mostra dos grabados de ese album na galería Mestre Mateo de A Coruña. Efectivamente non tiña noticia desto, supoñía que a farían mais ninguén me dixo que a estaban facendo. Entereime polo recorte da Voz que me remitiche.
Sigo con atención as noticias que chegan de España, que están inquedando a algunha xente de aquí, e tamén chegou algunha particular como a interrupción de un núcleo de estudantes en Santiago a Valenzuela, nunha conferencia sua, sin saber nos por qué ou sin sospeitalo. Das noticias de aquí non podo decirche nada. As que se publican son, en xeral, exactas, mais ben pálidas e poucas. A realidade e variedade delas é superior.
Eu traballo o que podo pechado no meu estudo, apenas vexo a ninguén e non saio casi nada á rúa. Teño tres mostras neste ano e agardo poder facelas. Non teño a seguridade tal como están as cousas, mais eu traballo.
Lembrámonos moito de todos vos, os amigos de ahí. Voltaremos no 77, cecáis en Xaneiro. Unha grande e agarimosa aperta de Maruxa e miña para Isabel, Sara e pra tí:

Seoane.

1976-05-07 Mencionado/a
Carta de Seoane a Piñeiro. 1976
Bos Aires
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Piñeiro. 1976 en 07/05/1976


Buenos Aires, 7 de Maio de 1976

A Ramón Piñeiro
Compostela

Querido Ramón:

Recibín a tua carta do 26/IV/76 e casi simultanemente a tua conferencia Lembrando a Castelao que me parece un dos aportes mais importantes feitos arredor desta gran persoalidade nosa e que axuda a aclarar moitas confusións a xente máis moza, o que non quere decir que non as aclare tamén a xentes da miña edade. Agradézoche a adicatoria polo que ten de fondamente amiga, incluso na sua esaxeración.
Nos aquí estamos vivindo un período de silencio arredor de calquer suceso interno i eu traballo todo o que podo, que cada dia vai sendo menos. Teño catro exposicións neste ano.
Non sei si terás visto a Varela. Matinaba atoparte en Santiago, mais tampouco sei si salíu de Madrid, pois denantes trataba de arranxar a sua situación.
Apertas de Maruxa e miñas para Isabel, Sara e para tí:

Seoane.

1976-12-15 Mencionado/a
Carta de Seoane a Piñeiro. 1976
Bos Aires
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Piñeiro. 1976 en 15/12/1976


Buenos Aires, 15 de Nadal de 1976

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Querido Piñeiro:

Soio duas liñas para agradecerche o envío da páxina da Voz de Galicia coa entrevista a Francine Sucarrat. Nos estaremos en esa dentro de poucas semanas. Inauguro agora eiquí unha nova mostra de pintura e nos primeiros días de Xaneiro estaremos na Coruña. Falaremos das moitas cousas que pasaron no 76. Entre elas da reunión que tivéchedes despois de coarenta anos Varela, Fole e tí. Para mín foi éste un ano de moito traballo. Estes días salíu un Bestiario que vos levarei. Hoxe nada mais. Supoño estará en esa Palmás. Escribíume fai poucos días.
Unha gran aperta de Maruja e miña pra Isabel, Sara e para tí:

Seoane.

1978-04-05 Mencionado/a
Carta de Seoane a Piñeiro. 1978
Bos Aires
Santiago de Compostela
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Piñeiro. 1978 en 05/04/1978


Buenos Aires, 5 de Abril de 1978

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Querido Piñeiro:

Recibín os recortes que me enviaches e unha nota na que evocas o plebiscito do 36. Pasaron, efectivamente, 42 anos dende entón e si ben a idea da autonomía é mais popular, matino, en troques, que as testas que a sosteñen son menos sabias, senón, ¿cómo é posible que o descoñecido señor Rosón, do que falan mal políticamente seus veciños emigrantes, sexa presidente da Xunta de Galicia, e non tí, que tanto traballaches nun medio tan dificil como o universitario durante trinta anos, ou Domingo, cuias dotes políticas eu coñezo dende a época da F.U.E. e cuia laboura de ensaísta, de conferenciante, etc., feita tamén dende entón é da mais importante da sua xeneración, e tamén é un parlamentario? ¿É que Galicia vai ter sempre en cada unha das provincias catro ou cinco concellos de cuios votos poder dispoñerse en unha elección pra erguer a categoría de parlamentarios a calquera? E posibre que dentro dun ano Galicia teña a sua autonomía. Mais ¿terá de ser con xente como a que agora compón a sua Xunta? Fágoche estas preguntas, non as contestes si queres. Eu, logo de ter traballado casi soio, sin medios, eiquí, e feito moitos plans que nunca se cumplirán para ahí, xa non espero nada senón o continuar grabando e pintando que parece ser o meu. Tampouco estou xa seguro. Agradezoche os recortes. Hoxe recibín o número 3 de A Nosa Terra, seguramente porque trae unha carta do lector Xosé Abraira, referíndose a A Nosa Terra de Buenos Aires, unha caricatura de aquela feita polas Irmandades da Fala e logo do Partido Galeguista. Ou cecáis pra que vexamos como se meten con Valentín, porque a historia da vida dos homes non conta.
Unha gran aperta pra Isabel, Sara e tí de Maruxa e miña:


[Escrito a man]
Agradezoche moito o envío dos recortes e a única información miña de Galicia.

1978-04-17 Mencionado/a
Carta de Seoane a Piñeiro. 1978
Bos Aires
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Piñeiro. 1978 en 17/04/1978

Buenos Aires, 17/IV/78


Querido Piñeiro:

Remitinlle a Xulio Maside, fai mais dun mes por certificado aéreo o 11 de Marzal, un traballo sobor do seu tio Carlos para un libro que tiña de se imprentar nesa. O envío leva esa data e o número de certificado no correo de Buenos Aires é o 1672. A pesares de lle pregar unha resposta inmediata por tratarse dun orixinal, aínda é hoxe o dia que non sei si o recibín ou non. Lamento ter que pregarche este novo favor de preguntarlle si o recibíu. O traballo está feito de presa, mais creo que pode interesar.

Recibide tí, Isabel e Sara a forte aperta de Maruxa e miña:


Seoane