PROXECTO EPÍSTOLAS

----

0 MENCIóNS A José Villaamil y Castro (1838-1910)

Bibliotecario, arqueólogo e historiador, autor de valiosos estudos de arte, arqueoloxía e bibliografía, a maior parte deles sobre Galicia

Nacido en Madrid de familia mindoniense, en 1852 o pai, viúvo, instálase cos dous fillos en Mondoñedo, onde José desenvolveu a súa afección á historia, a arte e a arqueoloxía de Galicia. Como autodidacta mergullouse nas súas investigacións arqueolóxicas da provincia de Lugo e abandonou os estudos regulares, mais a falta de titulación non impediu que o seu traballo fose ben recibido pola Academia da Historia. En 1859 cun oficio recoñece a calidade do seu traballo sobre o bispo de Mondoñedo Paio II, en 1964 noméano auxiliar para examinar os documentos históricos do Arquivo provincial de Lugo e, por último, o 26 de xaneiro de 1866 foi nomeado membro correspondente polos seus méritos nos estudos históricos que culminaran co libro Crónica de la provincia de Lugo. Casa o 15 de agosto de 1865 polo que a visita de Villaamil a Compostela acompañado da muller que dá orixe á nota de Rosalía de Castro debeu producirse arredor da primavera de 1866 e queda descartada a posibilidade de que se producise na Semana Santa de 1865. Probablemente nesa estadía compostelá completa o estudo sobre a catedral publicado ese mesmo ano na imprenta de Soto Freire: Descripción histórico-artística-arqueológica de la catedral de Santiago. En 1869, examínase de bacharelato en Lugo e a continuación na Escola Diplomática de Madrid, onde obtén o título de arquiveiro, bibliotecario e anticuario. En 1873, redactada a “memoria” dos documentos históricos do Reino de Galicia, incorpórase ao Arquivo Histórico Nacional e abandona definitivamente Galicia. Exerceu de bibliotecario na Universidade de Salamanca, nas facultades de Farmacia e Dereito da Universidade Central de Madrid, no Arquivo Xeral das Indias en Sevilla e na Biblioteca Nacional. Na capital doutorouse en dereito civil e canónico pola Universidad Central e impartiu docencia de paleografía na Escola de Diplomática e de historia de España na Escola de Institutrices. Foi membro correspondente de diversas academias e sociedades científicas, entre elas a Real Academia Galega e a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, e autor de centos de estudos publicados en libros ou xornais como El Museo Universal, La Ilustración Gallega y Asturiana, Galicia Histórica ou Galicia Diplomática.


  • Fontes:

    • García Doural, Andrés (2016). «Villaamil y Castro y Argomoso». Miscelánea Mindoniense, 29 marzo. Blog. [consulta 10-6-2020]
    • Manso Porto, Carmen (1974). «Villaamil y Castro, José». Gran Enciclopedia Gallega, vol. 30. Gijón: Silverio Cañada editor, p. 122-123.
    • Manso Porto, Carmen (2013). «José Villaamil y Castro y la conservación del patrimonio monumental y artístico de la provincia de Lugo». Rudesindus. Revista de arte y cultura, 9, p. 239-266.
    • Manso Porto, Carmen. «José Villaamil y Castro». Diccionario Biográfico electrónico. [consulta 10-6-2020]



Epístolas
Destinatario/a [1]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]