PROXECTO EPÍSTOLAS

----

2 MENCIóNS A Juan Clemente Zamora

Epístolas
Destinatario/a [1]
Mencionado/a [2]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Mencionado/a
Carta de Alfonso R. Castelao a Lois Tobío Fernández, sen data.
Nova York
A Habana
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Alfonso R. Castelao a Lois Tobío Fernández, sen data.

Frente Popular Antifascista Gallego
AFILIADO A SOCIEDADES HISPANAS CONFEDERADAS
147 COLUMBUS AVENUE
ESQ. W. 66TH ST. 3RD FLOOR
NEW YOR CITY

Os galegos que andan po lo
Mundo e a única reserva que
nos queda para reconstruir
o noso Fogar desfeito.
— Castelao

A Lois Tobio Fernandez
Meu querido amigo e irmán: Velahi che vai a carta para Zamora. Non teño a súa dirección, pero axiña podes dar con él perguntando na Universidade. Debes falar con él e ao mesmo tempo buscar outras axudas que poderás atopar falando con Alvarez Gallego e cos da "Casa da Cultura". Non creo que atopes dificultades para revalidar o teu título deseguida e dispois entrares pol-a porta grande na Universidade. O que me preocupa é Álvarez Gallego que non pode demostrar oficialmente a súa condición de abogado e pol-o tanto non poderá revalidarse e gañar a vida coa súa verdadeira profesión.
Eiqui ando a tombos, loitando coa xente. Da Franza non chegan máis que malas novas e o veneno das calumnias contra todos. Todos se están enchendo de merda e un xa non sabe qué facer e que pensar. Estou atristurado e de Franza non fan máis que pedirme diñeiro para pasaxes. Esto faime pensar que todos pensan de min que teño diñeiro ¿Creerán que tamén son ladrón? Pois eu poderei vivir catro ou cinco meses e se non atopo traballo terei que morrerme de fame.
Eiqui xuntamos 5000 dolares e agora din que se non acepto a presidencia da Comisión xa non recadaremos máis. Eu son agora o home que pode facer miragres. Non creo que poida facelos.
Estou triste. New York pésame moito. A xente d-eiqui non ten moral ningunha e antre tanta loita eu creo que non saberei defenderme.
A ver cando me escribes a prol da vosa vida en Cuba.
Se tiveras algún tempo creo que debías empregalo en inxertar [?] aos galegos e incorporarte ao novo movimento porque eu creo que para contar con América é indispensable entenderse con nós. Esto pol-o menos é o natural.

Unha forte aperta de teu irmán

Castelao [sinatura autógrafa]

141-West-85 St.
New York City

[Ao final do folio onde está escrita a carta aparece a seguinte lenda:]
AYUDANDO A ESPAÑA, AYUDAREIS A LA LIBERACIÓN DE GALICIA

1939-04-27 Mencionado/a
Carta de Alfonso R. Castelao a Lois Tobío Fernández, 1939.
Nova York
A Habana
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Alfonso R. Castelao a Lois Tobío Fernández, 1939. en 27/04/1939

Querido Tobío: Escribinche ó hotel Royal Palm e mandeiche a carta de presentación a Zamora. Velaí che vay outra por se aínda non recibiches a outra.
Eiqui chegaron moitos: Emilio González, Vilches, Méndez, etc. etc. O Álvarez del Vayo ven invitado –según din– pol-o North American Committee. Eu chameino máis de catro veces por teléfono; pero endexamais está. Coido que se garda da xente. Eu tiña o encargo de invitalo a ir a esa; pero tiven que escribirlle porque non atopei modo de falar con el. De todos xeitos non teño intrés en verme con el e falarlle.
Eiqui os asuntos d-aquela Asamblea a que asistiches non se cumpliron. Os máis entusiastas esmoreceron ao ver que podían salvarse indose a México. Eu son o que queda para traballar, e agora ando casa por casa recadando cartos. Xa temos uns cinco mil dolares.
Da Franza escríbenme pedíndome diñeiro. Pedíndome diñeiro a min. Todos me escriben para que os axude. Pol-o visto pensan que eu estou rico porque roubei o que pedín para Hespaña. Alá pagan aos diputados i-eu non cobrei un céntimo dende que saín dalá. E según me contou Emilio González somentes pagan aos diputados que viven en Francia. Eu non me queixo. Estou en New York onde atan os cans con chourizo. Estou ben.
Escribimos a moita xente pedindo axudas para os nosos refuxiados. Escribíume o xeneral Asensio e máis eu (somos dous que unen [?] o Frente Popular gallego para este mester). A primeira carta que se recibeu é a de Prieto e para que te decates mándoche unha copia da contestación que me dirixen a min.
Agora ven Negrín e veremos se poido falar con él.
Eiqui inténtase formar unha Xunta cos empregados da Embaixada e Consulado e os diputados que residimos en New York. O xeneral Asensio faloulle directo a Vayo e Vayo díxolle que era mester agardar por Negrín. Eu non sei que facer. Don Fernando será Presidente honorario.... Unha coña compreta. O probe de Don Fernando (refírome ao esprito e non á faltriqueira) dixo que se aleda moito da creación dunha Xunta porque así terá a quén entregarlle a bandeira da Embaixada porque non sabe que facer con ela...
Eu aínda non sei como vou a gañar a vida. Coido que o Comité de Axuda de Washington me mandará a California en viaxe de propaganda e que terei ocasión de facer unha esposición de dibuxos en Los Ángeles. Se os artistas do [¿?] se volven tolos e queren mercarmos poderei vivir algún tempo mais sen lavar pratos n-un resturant. Se durante este mes fracaso como dibuxante será mellor que pense en fuxir d-eiqui axiña. E ¿a onde irei?, quen me dera ir a Bos Aires!
Eu lémbrome moito de Xerardo Álvarez Gallego e non sei se poderá defenderse ahi. Cando o atopes dalle alentos, porque ben-o merece. Ahi fixo unha laboura enorme e foi tratado sempre con inxusticia.
Creo que atoparás no Royal Palm a outra carta que che mandei. Preséntate a Zamora e xa me contarás. Eu non sei ben os modos de escribir cartas de presentación; pero creo que ti suplirás todo falando en ton catedrático.

Unha forte aperta do teu irmán
Castelao [sinatura autógrafa]
New York 27 abril 1939

[ANEXO:][Carta manuscrita co escudo da II República e co membrete:]

EL DIPUTADO A CORTES
POR
PONTEVEDRA


Sr. Don Juan Clemente Zamora
Mi querido amigo: te presento al Dr. Luis Tobio Fernández que perteneció al Cuerpo Diplomático y fue Secretario General del Ministerio de Estado. Fué antes profesor en la Facultad de Derecho de Santiago de Compostela. Se trata de un entrañable amigo mío a quién quiero como un hermano. De sus méritos no puedo hablarte en esta carta que él habrá de leer antes de entregártela; pero basta que te lo presente y que entableis amistad para que te percates de su valimiento. Lo único que puedo afirmarte –avalándolo por escrito y con mi firma– es que se trata de una persona intachable y de una formación espiritual que pocas veces se encuentra.
Mi amigo se ha refugiado en tu país después de haber cumplido con su deber de republicano español. Como todos nosotros, los españoles leales, necesita comenzar de nuevo su lucha por la vida. Tu puedes serle muy útil desde tu puesto universitario y a tu amistad lo entrego, seguro de que lo atenderás como si se tratara de mi mismo.
Te abraza, muy agradecido, tu viejo amigo

Alfonso R. Castelao [sinatura autógrafa]
New York - abril 1939