Fundación Luís Seoane

----

Edgar Allan Poe (1809-1849)

Escritor, poeta, crítico e xornalista romántico.
2 Mencionado/a [3]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1978-04-05 Mencionado/a
Carta de Seoane a Dónega. 1978
Bos Aires
A Coruña
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Dónega. 1978 en 05/04/1978

Buenos Aires, 5 de Abril de 1978

Sr. D. Marino Dónega
A Coruña

Querido Dónega:

Recibimos a tua carta do 7 de Marzal. Enchéunos de contento o recibila, e de ter noticias vosas e de algúns amigos. Nos estamos preguiceiros para escribir cartas e xa matinamos con ledicia nas respostas que recibiremos con novas noticias. Alegréime moito do ingreso dos novos académicos, pois os tres, por distintas razóns, merecen a designación. Tiven noticias da designación de Rosón para Presidente da Xunta de Galicia e perdín xa calquer clase de fe no porvir desta. Sempre pensei que os parlamentarios galegos, por moi romos que fosen, serían capaces de xunguirse para designar unha persoalidade do seu país. García Sabell ou Ramón Piñeiro tiñan de ser, ó meu xuicio, os candidatos mais claros, entre os poucos que pode contar a Galicia de hoxe, con unha conducta de moitos anos ao servicio dos ideales galeguistas. Alegreime tamén da noticia de que de vez en cando ves a Dieste, tan xenerosamente comunicativo do seu grande talento e intuición. Cando chegou a Buenos Aires deslumbróu ao público dunha sociedade cultural de aqueles anos, polo 1939 ou 1940, coas suas conferencias encol de Velázquez e Edgar Poe. O análisis da pintura de un e o desmiuzamento de técnica narrativa de Poe, foi extraordinaria. Causou sorpresa, como anos mais tarde a que pronuncióu encol da laboura das Misións Pedagóxicas durante os anos da República. Dieste é un dos mais grandes exemplos do inxenio galego, e, tamén o é da disipación dese talento en conversas con amigos e tertulias. Moita xente débelle moito. Moitos que hoxe trunfan en Madrid ou en México, ou en Buenos Aires. Un dos seus grandes méritos é a xenerosidade. Estimulóu a moita xente para que escribisen ou pintasen. Débenlle moito os pintores, mais tamén bastante os escritores dos que foi amigo.

De Isaac non sei nada dende fai un mes aproximadamente. Debe estar moi ocupado. Eu estou matinando publicar unha nova revista semestral, Cuco Rei que siga a de seis páxinas feita xa fai moito.

Cóntame do viaxe a Salamanca e dime si pode haber convivencia en España de culturas.

Unha gran aperta para Fernanda, Milagro e Fernando, e para tí de Maruxa e miña:

1978-10-20 Mencionado/a
Carta de Seoane a Ledo. 1978
Bos Aires
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Ledo. 1978 en 20/10/1978


Buenos Aires, 20 de Outubro de 1978

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Querido Ricardo:

Non sei si estou en débeda contigo ou si ti me debes carta. Penso que mais ben, pódese afirmar, a primeira dúbida. Non o sei. Pasaron uns meses coa rapidez de dias, de traballos e exposicións. Fixen mostras, cinco, tres en Buenos Aires e duas fora, en Rosario e La Plata, de pintura e grabados. E non sei a data aínda, pois teño tamén outra de grabados no Museo de Santa Fe. Por outra parte, no mes que ven, en Novembro, sale o libro de grabados Imágenes de Galicia, editado por unha editorial arxentina. Comprende 72 xilografías e un prólogo meu sobre Galicia como tema e sobre o grabado. Este derradeiro publicado fai, creo, vintecinco anos, do prólogo do outro albume do que tiña feito 70 exemplares, prácticamente descoñecido. Os temas son históricos, lexendarios, de costumes, etc. Quero voltar ao tema histórico apenas tratado en Galicia no XIX e recoller o que podemos chamar mitoloxía galega que, en canto a demos ou persoaxes nocentes aínda eran vixentes na miña infancia. Matino agora cuasi vello o importante que é documentar gráficamente o pasado dunha terra como Galicia, abandoaba por séculos e rota na sua cultura. Tratados os temas coa libertade expresiva do noso tempo. Nos grabados, en canto aos temas, seguín o que comenzara a facer nos tapices. E lembrei sempre as tuas testas en papel cortado dos precursores tan boas de dibuxo, tan parecidas ao persoaxe, Pastor Diaz, Curros, etc, e moi importantes como documentos gráficos que concretan os rasgos dos retratados superando o retrato fotográfico, tan vacilante e deformador físico, pois a máquina reproduce unha realidade que non é a que perciben os nosos ollos e pola que xusgamos aos homes. Gostaríame moito que fixeras unha iconografía galega dende o século XVIII deica os mortos do XX. Algo do que fixeron Picasso e Matisse coas cabezas de Góngora e Ronsard, Baudelaire e Poe, no caso de Matisse. Podería ser un tomo moi interesante e que iniciase unha coleición de tomiños de dibuxos e grabados referentes ó pasado de Galicia. Que a Lumia, o Nubeiro, ou o Cura de Fruime, tivesen cada un a sua documentación gráfica feita por un artista.
De Galicia non sabemos nada mais que o que nos dixo Domingo cando estivo en Buenos Aires. De ahí non chega nada e as axencias ocúpanse soio de custións xenerais de España e, en todo caso, de Catalunia (sic) e Euzkadi, nada de Galicia.
Nos estamos en loita co desexo de quedarnos definitivamente en Galicia, que matinamos sería este próisimo ano, ou de ir novamente por un ano, ou cuase, e voltar no 80 pra sempre. Por outra parte eu son xa inútil pra Galicia, como en xeral os que vivimos fora tanto tempo. Temos incluso un xeito de ver os problemas totalmente difrentes.
Escribe. Perde en esto un pouco de tempo en algún fin de semana.
Unha grande e garimosa aperta pra Mimí, os fillos e pra ti, de Maruxa e miña.