PROXECTO EPÍSTOLAS

----
Epístolas
Mencionado/a [1]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1980-05-10 Mencionado/a
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1980
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1980 en 10/05/1980

Guadalaxara, Nova Galiza, 10 de maio do 1980




Benquerido amigo Valentín:

Recibín a túa do vinteún de abril e fólgome moito coas novas que me das da túa futura viaxe a Valdeorras. Gracias de antemao pola intervención que vas a ter na homenaxe que, en parte, vai a ser adicada a min. Supoño que nas lápidas porán «rúas» e non «calles», pois coido que ao noso bon amigo Gayoso, ao que desexo lle deas unha forte aperta no meu nome, non lle pasará inadvertido ese detalle. Xa me contarás. Sigo a libar paseniño (coma compre facer coa poesía) no teu fermoso libro.
Aceito con gosto a túa encomenda de dados para o teu futuro libro Castelao na luz e na sombra e nesta mesma carta adxunto algúns que desexo che sexan proveitosos. Dende logo o Soto é o que máis coñece das xeiras de Castelao pola América do Norte e por Cuba, xa que el foi o seu compañeiro nelas. Mais Soto tamén anda a facer un libro (millor dito, xa o ten feito segundo di el) sobre Castelao, no que sostén a tese de que o noso heroi era marxista ou, polo menos socialista, e non sei ata que ponto estará disposto a proporcionar os moitos dados que sen dúbida ten. Por se lle queres escreber o seu enderezo é: Marsella, 76, México, 6, D.F. O de Roxelio é Torquemada 118, Imprenta, Méx-8, D.F. Ehí, na Terra, podes ver ao meu amigo e compadre Francisco Mares, ao que penso que ti tamén coñeces: vive no Carballiño, Mosquera 34 (comercio) ou Margarita Taboada 73, que é onde ten o seu domicilio. O Mares era, na emposta da viaxe de Castelao, un membro moi activo das Sociedades Hispanas Confederadas e pódeche dar novas e enderezos de xente que as complete. Confidencialmente: se che interesa fala coel, xa que, por terse formado nas Américas, non se desenvolve moi ben por carta.
A carta de Castelao que che trascrebo en parte, dirixiuma cando eu estaba en Francia nos fins da guerra; nela pregúntame por amigos comúns e fálame doutras cousas que non xulgo interesantes para os fins que persigues de escolma de dados da súa viaxe polas Américas.
Da vida e traballos de Castelao en Bos Aires supoño que terás elementos de abondo para o teu libro. Eu teño xornáis e revistas daqueles tempos e supoño que ti tamén os terás.
Castelao, Picallo, Ríos e Villanueva, digo, Villaverde, xunto con Ramón Cabanillas, fillo, xantaron na miña casa cando fixeron a viaxe a México na emposta da celebración das Cortes republicanas. Falamos de moitas cousas que non lembro e daquela presenteille ao escultor mexicano Ignacio Asúnsolo, autor do monumento a Obregón. Emporiso lémbrome ben de que Castelao tomaba con humor e dinidade a xenreira que lle manifestaba Pedro Longueira, xenreira que aparece patente nas notas que che adxunto. Agardo que che sirvan de algo e, se atopo algunha cousa máis que poida servirche para o teu libro prometo enviarcha.
Ando a facer unha escolma de todos os meus poemas de loita e sátira que me gostaría publicar e, aproveitando a viaxe que vai facer á Galicia o vrao vindoiro o amigo Ramón Esturau, vou a mandar por el todo ese material. E quixera que se puxera en contacto contigo e con algúns outros amigos, para ver se é posible e comenente publicalo.
¿Qué me podes contar do grupo «Realidade Galega» de que me falaron?

Saúdos cordiais da miña muller e meus para a túa dona e fillo.

Unha moi forte aperta para ti do teu sempre amigo

Florencio