Fundación Luís Seoane

----

Alberto Castro Couso (1924-)

Artista visual, moita da súa actividade artística desenvolveunas na colectividade galega colaborando co seu pai, fundador do Centro de O Grove, Sociedad de Fonsagrada e Centro Lucense. Desde 1974 reside en Vigo onde en 1977, fundou coa súa muller Ana Pasarín o taller “Abracadabra”.
4 Mencionado/a [4]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1974-04-17 Mencionado/a
Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1974
Nova York
Bos Aires
Vigo
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1974 en 17/04/1974

Buenos Aires, 17 de abril de 1974
Sr. D. Francisco Fernández Del Riego
Vigo

Meu querido amigo:
Recibín fai xa uns vinte días a tua carta. Agradézoche a reseña que ides facer dos meus álbumes derradeiros; e, no que se refire ó artigo de Corredor Matheos, o crítico de arte de Barcelona, apareceu no nº 27, Novembro do 73 en Bellas Artes 73 e teno Isaac en Sargadelos. Penso que é importante non soio pola autoridade que ten pola sua laboura de historiador de arte e crítico en Barcelona e Madride, senón tamén polo xeito de “situarme” en relación co arte galego e peninsuar. Podes pedirlle a Isaac que te remita unha fotocopia. Él remitíuma a mín. En canto ó “noso novo Curros” como o calificaron, refírome a C. E. F., non me preocupa moito o que escribíu. Proba o seu resentimento. Primeiro penséi en escribir un pequeno artigo referíndome ós seus romances de guerra, o que podería probar a sua precedencia, senón fose que ó mesmo tempo pubriquéi, en publicaciós galegas deiquí, algúns poemas referidos a Bóveda, a unha cubana da Cruña, etc., que non citei nunca e que quedan esquecidos. Gostaríame, eso sí, que pubricásedes o estudo que fixo Luz Pozo Garza, que a mín, aparte do agasallo que supón, paréceme un bon intento de facer unha cousa seria. Aledoume moito que se venda, aínda que sexa de a pouco, Comunicacións mesturadas. Preparo o segundo tomo que levaréi conmigo cando volte a esa. En canto ó libro sobre Maside teño moitas notas tomadas e refírense a Maside e tamén á nosa época compostelán. Vai ser encol do dibuxo social e grabados de Maside e ten de ser un traballo preliminar do gran libro que se faga mais tarde. Non teño mais que poñerme a escribilo defiñitivamente, prácticamente está feito.
Aledounos a todos moito o éxito da reedición do libro de narraciós en castelán de Dieste, é un grande libro. Leín as críticas do A.B.C., Informaciones, La Vanguardia, e as duas páxinas que lle adicáchedes en La Voz. Góstame moito que en xeral tivesen os críticos fixado a sua atención no aporte que Galicia fai á literatura española, o galeguismo que aportan obligados como están a escribir en castelán pra poder vivir do seu oficio de escritores.
O que me pon nunha situación difícil é Carballo Calero o ter aceptado vir no mes de Xulio. Trataréi de velo, mais non acudiréi a nengún dos actos que faga no Centro Galego, pois fai anos que non vou a ningún e nada me fará cambear. Por ahí debe de andar Castro Couso que non ten interés algún como dibuxante e pintor e que é un “servidor” de Valentín Fernández. A miña proposta de becas feita fai anos rematóu nesta que lla diron a un que non pode aproveitala.
A quen se ve moi mal é a Emilio Pita. Pergúntome polo seu libro e díxenlle que pensábades publicalo. ¿Por qué non o facedes?. É un libro pequeno e de un home como Pita a quen Galicia débelle moito polo seu traballo arreo encol déla. Ten unha arterioesclerosis moi avanzada.
Apertas pra os dous, Evelina e tí de Maruja e miñas:
Seoane

[Escrito a man na marxe superior dereita:] Montevideo, 1985-13º-Dpto. 68

1974-05-30 Mencionado/a
Carta de Fernández del Riego a Seoane. 1974
Nova York
Vigo
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Fernández del Riego a Seoane. 1974 en 30/05/1974

EDITORIAL GALAXIA, S.A./ Reconquista, 1/Teléfono, 218204/ VIGO
30-maio-1974
Sr. D. Luís Seoane
Buenos Aires
Meu querido amigo:

Xa vai pra un mes que recibín a túa carta. Seguindo as indicacións que me facías, pedinlle a Isaac unha xerocopia do artigo de Corredor Matheos. Pareceume moi interesante. Sairá reproducido, na súa maior parte, no número de Grial que está no prelo. Pra que non aparezan dúas cousas xuntas no mesmo número, deixéi pra o seguinte os comentos dos teus derradeiros albums de dibuxos.
Por aquí andivo, nefeito, Castro Couso. Porén, eu non o vin nin soupen del máis que o que teño lido na prensa. Parece que foron Mon e Naya os que o acompañaron e lle prepararon unha mostra dos seus traballos.
Non me esquezo da edición do libro de Pita. Confío en que aló pra o outono esteña na rua. Pesie ao afecto que por el sinto, cústame moito dar este paso. Pola sinxela razón de que temos en turno de publicación unha ducia de volumes de versos, cuia aparición vou demorando, e cando os poetas vexan editado o libro de Pita reaccionarán moi mal. Sobre todo porque hai algún que agarda dende hai máis dun ano.
O outro día estiven en Padrón con Dieste e Isaac, que foron acompañados das suas mulleres pra asistir ao acto do Pedrón de Ouro que lle concederon a Álvaro Gil. Tamén estivo Valentín e moitos amigos. Por certo que alí nos amostraron o libro de Luís Villaverde encol dos mariscos, que acababa de publicárese.
Pesie á fermosa xeira aberta polos nosos veciños, as cousas por aquí siguen máis ou menos o mesmo. A ver si cando tí veñas se deseñan outras perspectivas.
E nada máis por hoxe. Con garimososo saúdos a Maruxa, e de Evely pra os dous, recibe a forte aperta de sempre, de
Paco

1974-06-05 Mencionado/a
Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1974
Bos Aires
Vigo
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1974 en 05/06/1974

Buenos Aires, 5 de Xuño de 1974
Sr. D. Francisco Fernández Del Riego
Vigo

Meu querido amigo:
Recibín a tua carta do 30/V que agradezo moito. Dinlle unha alegría a Pita, moi envellecido, con unha arterioesclerosis bastante avanzada, coa noticia da publicación do seu libro. Pídoche agora que non esquenzas de que o libro de Pita leva no poder de Galaxia dende 1971, é decir, fai mais de dous anos, e que esos mozos de que falas teñen unha vida pra esperar e viven en Galicia onde poden atopar xeitos de publicar os seus libros aparte de Galaxia, debendo ter en conta o que fixeron por Galicia xentes como Pita, vivindo lonxe, desamparados de calquer axuda e estímulo perante coarenta anos. Agora mándoche un traballo pra Grial sobre a pintura mural en xeral e os meus murales. Creo que pode sere moi útil e reveladora, en canto ós pintores que cito, do traballo déles en Buenos Aires. Con ela remítoche unhas fotografías, as únicas que teño neste intre, que se refiren a algún deles. Penso que incluie noticias interesantes. Gostaríame moito que me escribiras decíndome que te parece.
Xa foi Castro Couso a Galicia, un miña-xoia, e agora vai Valentín a recibir un novo “espaldarazo” dos intelectuales que atope pra servilo.
Pola miña parte traballo arreo. Teño unha exposición en Agosto, outra de dibuxos en Montevideo nos derradeiros días de Xulio e estou a facer uns grabados en madeira ilustrando unha obra do século pasado da literatura arxentina pra unha edición de bibliófilos.
Onte recibín unha nota moi eloxiosa publicada en Informaciones encol de Comunicacións mesturadas, que firma G.F.B. [Gustavo Fabra Barreiro] e non sei quen pode ser. Remitíuma Isaac e é do 23/V.
Esto é todo hoxe. Contéstame, dime o teu parecer encol do traballo que te remito.
Unha grande aperta pra Evelina e pra tí de Maruja e miña:
Seoane

1974-10-15 Mencionado/a
Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1974
Nova York
Bos Aires
Vigo
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1974 en 15/10/1974

Buenos Aires, 15 de Outubro de 1974
Sr. D. Francisco Fernández Del Riego
Vigo

Meu querido amigo:

Recibín a tua do 29/IX. Comprendo o teu cansancio, fixeche en todos estes anos moito mais por Galicia do que ten feito posibremente calesquera outro da nosa xeneración. Pasou pra ti un cuarto de século arreo, os que veñen atopan moito feito e un día terán de che facer o homaxe que mereces. Pola miña parte estou canso e enmais síntome desilusionado. Lémbrome das cartas amargas de Maside, non as reléo, non quero releélas, paréceme que perdín a miña vida.
De Valentín [Paz Andrade] non sei nada, nin siquera a qué foi a Venezuela. Recibín dél unha tarxeta de saúdos dende Caracas. Tampouco sei nada do que pasou co outro Valentín e o Presidente do C. Galego en Galicia. Supoño que os terán agasallado como representantes da emigración sen se ter enterado do que verdadeiramente son. Pasou por ahí [Emiliano]Pita en non recibíu agasallo de ninguén. Martínez Risco e Naya parece ser que son os que estabelecen os valores galegos da emigración. O homaxe a Pita, o que mais agradecemos, él e nós os que ficamos en Buenos Aires, é a edición que vos lle facedes. O seu enderezo é rúa de Hipólito Irigoyen 3560-5º piso, Nº 17. Díxenlle por teléfono que pedías o enderezo pra lle remitir o libro e emocionóuse, non podía falar, está moi envellecido. O libro é o seu homaxe á gran cidade onde viviron, traballaron e morreron millóns de galegos que axudaron a facela. Onde morrerá él mesmo e cecáis nós. E, a traveso dese libro, o noso homaxe. Agradecémoscho todos os que aquí vivimos. El chegóu de cuasi neno e toda a sua vida soñou con Galicia. Mais ¿pra qué che digo todo esto? ti o sabes e o comprendes. Quen non pode entendelo, pois pra eso ten de sentir amor e ter unha moral, é o noso novo poeta de Celanova que ahí está en Madrid meténdose en pubricacións diversas cos emigrantes, sin ter mais resposta que a de un semanario de eiquí.
Non escribo mais, tiñan de ser duas liñas co enderezo de Pita e póñome a queixarme, que é outro síntoma de desilusión. Escríbeme cando poidas. Recibide Evelina e tí a aperta amiga de Maruja e miña:
Seoane
[Escrito a man na marxe inferior dereita:] Montevideo, 1985-13º-Dto. 68