Proxecto Epístola

----

Xohán Ledo (1917-2006)

Foi o primeiro deseñador e portadista da Editorial Galaxia.
Epístolas
21 Destinatario/a [10]
Remitente [11]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1978-12-01 Remitente
de Xohán Ledo, a Luís Seoane
Vigo
Bos Aires
Orixinal

Epístola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 01/12/1978

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 01/12/1978



1-XII-78
Querido Luis:

Crarexaria primeiro que era eu quen agardaba carta tua, non é que ma deberas, pois sabia por Domingo e Dónega que estabas moi atafegado, e a tua carta é pra min unha gozosa confirmación de que mantés as tuas forzas. Emporiso, nen me sinto agraviado, nen cheguei a sentirme esquecido.
Pareceme moi boa a tua insistencia no tema dos retratos; non deixo de considerala unha das tuas teimas mais xenerosas. Tes un interes real e direito polas xentes que sempre me emocioa e enleva. Decátome vendo o teu de que o meu é ben pequeno. Non sei, fixen poucos retratos e sempre ocasionalmente, somentes lembro con certo cariño unha silueta de Pondal escribindo de pé, e mais ainda un de Lamas Carvajal que non tendo ó meu ver valor estético, por outra banda, pareceme que responde a isa realidade que dis tí perciben os ollos e pola que xusgamos aos homes; e tratándose dun morto que non coñecin, teño que ademitir que axustase á irrealidade que pra min é Lamas Carvajal: unha ánima. Dos outros non fiquei moi contento e, abofé, mesmo teño esquecido habelos feito. Poderíamos falar de represion freudián dun soterrado sentemento de habelos traicioado.
O Freud e mais a beata consideracion do empedrado dos camiños do inferno poden chegar a ser consoladores, pero non absolutorios. Agora mesmo ven de aparecer no Grial, despois de moito tempo, un pequeno escrito meu adicado a Colmeiro. Forase demorando pola miña culpa, pois que posto a escribir ensarillei algo ambicioso de mais: unha disertacion encol da paisaxe pictórica rematada con unha consideracion da pintura paisaxistica galega. Ben, feita a primeira parte, a paisaxe pictórica, e prantexada a segunda, a paisaxe galega, decateime que pra lle dar ao seu cabo natural compria recurrir a unha abondosa ilustración –xa sei que posibel botando man á dotacion dos museus galegos– pro que convirtía un artigo nun libro. Cortei e peguei, pretendendo artellar, e publicouse un artigo que me tirou o desacougo e pensar polas demoras e desleixamento no comprimento da miña primeira intención pro que non chegou a ser un escrito equilibrado e lucidío.
Deiqui a pouco, como saberás, votarase a Constitucion; que non contenta a ninguen, o cal faime temer por ela. Pragmaticamente debera ser a miña opinion que mais val malo coñecido que o peor por coñecer; pro non deixo de sentireme amolado. A outra novedade é a reaparición do Partido Galeguista, que tampouco miro con optimismo. Hoxe é dia de laios. Véxoo moi virado á dereita pro meu gosto, por parte da intervención –avisada, insinuada ou verdadeira– de xentes recen chegadas ao galeguismo dan pra min un resultado desilusionador, ou cando menos desconfiado. Figurome que cando abro os ollos a lus de mencer percebo como compañeiros da viaxe no tren xente que deberon subir nas sombras da noite. Non e que en caso algun goste eu de facer coutos –pretender que vou ao meu tren– nen pretenda pedir cerimonias purificadoras –un spray por se chegan contaminados– ou pedir certificados de pureza de sangue; eu deixarei que me conten a súa vida, pero o que non quero é que veñan, de primeiras, a explicarme a miña. Vendo como os partidos, dende o comunista ao de Alianza Popular, defenden autonomias e usan a lingua galega –o que considero como un triunfo postreiro do vello partido– coido que era necesario un Partido Galeguista mais desacordado con eles, afirmando rudamente a sua raigaña galega e, levando á estremosidade o seu popularismo galego –labregos, mariñeiros e mais o obreiro baixo– e o afastamento de todo camiño capitalista.
Ledome de saber que pensas na volta definitiva á Terra. E xustamente porque penso na tua utilidade pra Galicia, unha utilidade que tí non podes medir, e unha utilidade que, dígoo, non vai ser toda a que é posibel aproveitar. Serás ti quen te vacíes como un limon, é o teu costume sen remedio.
Unha forte aperta e agarimos pra tí e Maruxa de Mimi, dos meus fillos e meus.

Ricardo.

1978-12-00 Remitente
de Xohán Ledo, a Luís Seoane
Vigo
Bos Aires
Orixinal

Epístola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 00/12/1978

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 00/12/1978

Nadal 78

Querido Luis:

Chegaronme as Imagenes de Galicia que agradezo moito e foron celebradas por todos. Celebración polo galano, e unha grande ademiración pros grabados tan abertamente fermosos, e pra a lección de historia, lección de fondo e inmensa. Digo inmensa e sei que o que digo, pois que a cordialidade e o amor non teñen metro. Todos damos gracias.
Mandei xa a miña aportación ao homaxe que fan os arquitectos a Maside. Fio que poida resultar un libro atinado e asisado amais de suficentemente completo ao repartirense entre varios o labor. Como xa saberás, remataron a sala no Museo de Castrelos, coido telo escrito e a impresión é moi boa, pesia ao acugulamento de obras na sala Maside e nas outras, que non deixa de ser esmagante pra a vision. A nova instalación do Museo do Castro deixa mais acougo, e a presentación é xa en principio moito mais animadora; cando chegue a ficar asentada, sera unha groria ver o Museo.
Mimi, Trichi, Ilda, Mima, Alberte e mais eu facemos votos pola vosa felicidade e bó cabo das vosas esperanzas pro ano 1979.
Unha forte aperta.

Ricardo.

1978-10-20 Destinatario/a
de Luís Seoane, a Xohán Ledo
Bos Aires
Vigo
Orixinal

Epístola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 20/10/1978

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 20/10/1978


Buenos Aires, 20 de Outubro de 1978

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Querido Ricardo:

Non sei si estou en débeda contigo ou si ti me debes carta. Penso que mais ben, pódese afirmar, a primeira dúbida. Non o sei. Pasaron uns meses coa rapidez de dias, de traballos e exposicións. Fixen mostras, cinco, tres en Buenos Aires e duas fora, en Rosario e La Plata, de pintura e grabados. E non sei a data aínda, pois teño tamén outra de grabados no Museo de Santa Fe. Por outra parte, no mes que ven, en Novembro, sale o libro de grabados Imágenes de Galicia, editado por unha editorial arxentina. Comprende 72 xilografías e un prólogo meu sobre Galicia como tema e sobre o grabado. Este derradeiro publicado fai, creo, vintecinco anos, do prólogo do outro albume do que tiña feito 70 exemplares, prácticamente descoñecido. Os temas son históricos, lexendarios, de costumes, etc. Quero voltar ao tema histórico apenas tratado en Galicia no XIX e recoller o que podemos chamar mitoloxía galega que, en canto a demos ou persoaxes nocentes aínda eran vixentes na miña infancia. Matino agora cuasi vello o importante que é documentar gráficamente o pasado dunha terra como Galicia, abandoaba por séculos e rota na sua cultura. Tratados os temas coa libertade expresiva do noso tempo. Nos grabados, en canto aos temas, seguín o que comenzara a facer nos tapices. E lembrei sempre as tuas testas en papel cortado dos precursores tan boas de dibuxo, tan parecidas ao persoaxe, Pastor Diaz, Curros, etc, e moi importantes como documentos gráficos que concretan os rasgos dos retratados superando o retrato fotográfico, tan vacilante e deformador físico, pois a máquina reproduce unha realidade que non é a que perciben os nosos ollos e pola que xusgamos aos homes. Gostaríame moito que fixeras unha iconografía galega dende o século XVIII deica os mortos do XX. Algo do que fixeron Picasso e Matisse coas cabezas de Góngora e Ronsard, Baudelaire e Poe, no caso de Matisse. Podería ser un tomo moi interesante e que iniciase unha coleición de tomiños de dibuxos e grabados referentes ó pasado de Galicia. Que a Lumia, o Nubeiro, ou o Cura de Fruime, tivesen cada un a sua documentación gráfica feita por un artista.
De Galicia non sabemos nada mais que o que nos dixo Domingo cando estivo en Buenos Aires. De ahí non chega nada e as axencias ocúpanse soio de custións xenerais de España e, en todo caso, de Catalunia (sic) e Euzkadi, nada de Galicia.
Nos estamos en loita co desexo de quedarnos definitivamente en Galicia, que matinamos sería este próisimo ano, ou de ir novamente por un ano, ou cuase, e voltar no 80 pra sempre. Por outra parte eu son xa inútil pra Galicia, como en xeral os que vivimos fora tanto tempo. Temos incluso un xeito de ver os problemas totalmente difrentes.
Escribe. Perde en esto un pouco de tempo en algún fin de semana.
Unha grande e garimosa aperta pra Mimí, os fillos e pra ti, de Maruxa e miña.

1978-04-05 Destinatario/a
de Luís Seoane, a Xohán Ledo
Bos Aires
Vigo
Orixinal

Epístola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 05/04/1978

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 05/04/1978

Buenos Aires, 5 de Abril de 1978

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Querido Ricardo:

Supoñemos estaredes xa gozando da primavera, da vosa casa e do mar. Que tí estarás traballando en pequenas cousas da obra que che resta por facer na casa, e pintando o mar, tan dificil de pintar, tanto como o lume e o ar, tendo un sempre que recurrir a liñas convencionales, ou a min eso paréceme. Eiquí entramos no outono, unha estación tamén belísima, con antecedente, neste ano, dun vran moi desigual, de grandes choivas, ventos impresionantes, desbordes dos rios e grandes inundacións, chegando nas ruas de algunhas cidades a un metro e medio de auga que matóu xente, gando e arruinou fogares. América é esto, un continente enorme con grandes accidentes xeográficos tamén grandiosos: terremotos, desbordamentos de ríos, ventos, choivas que non rematan de parar, e un mar tamén de tormentas. Todo esto influie no home americán, nas suas desigoldades de carácter, no seu aventureirismo.
Pola miña parte non me repoño da desesperanza de que falaba na miña carta anterior e a desgana para todo, e que en parte ten orixen na frustración política de Galicia. Cada vez estou mais convencido do erro que foi dar por rematada a laboura do Partido Galeguista. Para construir un estado e erguer unha nación ten un que se ocupar desta soia finalidade, os programas económicos e sociaes veñen logo de conquerida esa primeira finalidade. Nos deixamos de formar parte da categoría que tiñamos de sempre xuntamente con Catalunya e Euzkadi, para estar á par das rexións administrativas do resto de España. Non somos mais, en canto á consideración dos políticos de Madrid, que os murciáns ou valencianos. Eu estou de acordo coa visión que transmites da actualidade política española en relación co problema da nacionalidade. E tamén coa autosuficiencia dos galegos, os mais mozos sobre todo con respecto ás esperencias do pasado que non consideran sirvan como aporte importante para hoxe. Tamén con respecto á obra de Castelao, vixente na sua actualidade, como moi poucas obras, porque ven tratando problemas non limitados polo tempo e nin siquera na noticia exclusivamente do dia. Esquécense os seus discursos parlamentarios, como tamén os de Picallo, os de Otero e outros que trataron os problemas vivos de Galicia, os que aínda continúan hoxe. O noso Estatuto fora feito por xentes de partidos, sobre todo pola xente do Partido Galeguista, por especialistas e técnicos e moi pouco cambiou o mundo occidental dende entón no aspecto político, sobre todo no aspecto administrativo, e, non embargantes, os parlamentarios galegos, semianalfabetos en parte nestas custións, síntense con azos para redactar un novo sin poñer en discusión o do plebiscito do 36. Tamén como ti farei o que poida, mentras poida, por Galicia. Adiqueille toda a miña vida pasada e continuaréi, aínda quedándome soio. Estou desespranzado e síntome frustrado na miña acción en ouxetivos que proietei perante moitos anos pra o futuro, mais quedará de tí, de min, de todos nos, os que quedamos do vello galeguismo, esta entrega a Galicia i esta laboura feita, matino, en peores condicións que os da xeneración anterior a nós. Eles non viron a posibilidade tan inmediata de resolver os problemas de Galicia e tampouco a división minifundista da política galega. Tampouco poido Galicia nunca ter un representante capaz de enchela de vergoña como Victoria Fernández España, según as noticias que chegan a Buenos Aires.
Ti tes que pintar, grabar e dibuxar. Tes xa feito algúns dos cadros, grabados e dibuxos mais belidos do arte galego. Pero penso, perdóname, que eres o que menos traballaches, polo que sexa. Aproveita ahora o tempo. Este tipo de traballos é o que quedará de nós. Escribe encol do arte galego. Escribe.
Non podo decir mais. Unha aperta moi grande para tí, Mimí e os fillos, de Maruxa e miña. Temos ganas de voltar unha tarde, non sabemos cando, á vosa casa fronte ó Atlántico, entre Baiona e A Guardia, con todos vos:

1978-04-00 Remitente
de Xohán Ledo, a Luís Seoane
Vigo
Bos Aires
Orixinal

Epístola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 00/04/1978

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 00/04/1978



Abril, 1978

Querido Luis:

Coido que xa terás novas da marcha das cosas na Terra. Saberás do nombramento de Marino Dónega. Non sei como chegou a cousa, maxino que con gran intervención de Domingo e, si non entendin mal, interpretei o que din os periodicos ca abstencion, cando menos, de Paz Andrade. Pra min dentro de tantas notas negativas supon unha raiola de claridade, maxino que, cando pouco, a sua presencia servirá pra que ises outros xunteiros que gostan falar da sua galeguidade, poida tomarselles a palabra e conseguir que o amosen nalguns feitos. Poida que logo, mais adiante, chegue a ter consecuencias politicas ainda meirandes, maxino que obrando como catalizador, ou como conciencia vixiante, pra que as frustaciós previstas, as por vir, callen nunha posicion mais nidiamente galega dos dirixentes politicos que arrodean a Xunta. Fio en que a sua actitude e mais o seu obrar será un exempro e un guieiro, e abrirá un camiño. Penso maormente en que os seus compañeiros de Xunta son parlamentarios e, pra remate a custion resolverase nas Cortes, e logo de discutir as autonomias de Cataluña e Euskadi. No meu entender, istas discusiós, chegada a hora, van estar tinxidas pola cooracion politica daquel xusto intre –economia, orde pubrico, paro, forza sindical, etc., mais a repercusion directa no goberno da situación– enton poida que a situación galega correspondente leve aos diputados –pesia as posiciós que está procurandose o goberno, e mais ainda a dereita, pra discutir dende elas as autonomias–: primeiro, non permitir que Galicia sea afastada ou alonxada de leis favorecedoras doutras terras, logo que, non sometendose manseliñamente aos dictados centrás dos partidos, poidan chegar a ser causa ou favorecedores dun ampro movimento galego.
Non teño falado con Dónega, e do seu nombramento non sei mais que o que escrito na prensa, emporiso toma conta de todo isto como lucubraciós miñas baseadas no home.
O tempo en Galicia sigue sendo de invernía os mais dos dias. Chuvia e frio, pouco é o que pode aproveitarse do sol e a calor. Pesia todo, imos os sabados e domingos á nosa casiña. Sen que a meteoroloxía nos impida o goce da animada visión do mar, coores, lus, forza, acougo, as impresións mudanse dun dia pra outro, dunha a outra hora. Coido que pra tí, como o é pra min, iste tempo negado ao forte sol, pola riqueza dos grises, ou a densidade dos verdes e azues mariños, xunto da manifestacion do poder das ondas é o millor espectáculo natural. Confio e espero os dias en que poidamos gozalo xuntos.
De todos nos e pra Maruxa e pra tí, unha forte aperta e todo o noso afecto.

Ricardo
Mimi

1978-03-08 Remitente
de Xohán Ledo, a Luís Seoane
Vigo
Bos Aires
Transcrición

Transcripción da epistola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 08/03/1978

8-3-78

Querido Luis:

Pra min sempre é unha ledicia ter novas tuas. Ainda cando como agora escribes magoado pola desesperanza. Teño a desesperanza por unha podremia que vai roendo na ialma e a escurece, emporiso sei que isa lus tua, ben probada tantos anos, non se deixará vencer nen desviar. Disa lus temos necesidade pra que te encenda a tí e nos alumee a outros de nos que sempre soupemos do amor conque foi dada. E sempre agardamos a saberte de novo beira do mar dos ártabros.
O tempo non vén sendo tan bó como maxinas, hai ben pouco tivemos un temporal moi fermoso; pra velo dende a casiña. Unha brilante exhibicion da forza do mar, batendo non furioso, senón poderoso contra dos penedos coma un ciclope cego que crebase rexas cadeas e pretendera mover a terra ca puxa do seu peito.
Eu, como sabes, non podo ser un bó comentador politico, entre outras razos porque non me movo nisas augas e sementes son movido por elas. Estou mergullado e podo chegar a sentireme afogado, pro para falar atinadamente encol delas, compriria velas abeirado ou dominándoas.
No meu sentir pois, o da autonomía, estase preparando como unha nova frustacion, mais outra. Vai chegar, cando chegue, lastrada por loitas e amaños que teñen en conta sucesos e intereses alleos ou alonxados de Galicia, fabricada dende Madride e atendendo ó proveito de partidos para toda España. Fanse regateirias, e fanse partillas cas rexiós: eiqui eu podo, e deixo de facer isto pra tí deixares facer acolá, onde tí podes, estoutro. Andase sen vontade de camiñar, dase un paso pra pisar ao de diante, movese ou parase pra amolar, e non por pretension firme de servir a Galicia. O tema das autonomías vaise levando do xeito mais de favor pros anti. En Cataluña, en Euskadi, en Galicia semella seguirse mais un proceder gubernamental, pensar que o millor e ver vir o tempo, e aproveitar entullos –Tarradellas pra parar ós esquerdismos, Navarra pra deter aos vascos, os socialistas pra frear a nacionalistas, os obreiros emigrados fronte dos obreiros nacionalistas, logo a ETA, CNT, FAI frente de velidades nacionalistas dos capitalistas– que señan reás ou estean agrandados non importa a ninguen, porque os partidos da oposicion metense no xogo e non saben sair dil.
E non millora a vision e comportamento dos partidos apelidados galegos. A cousa chega a sere mais ruin e cativa. Poñen peso en miudezas e entollen todo por rigorosidade en demasia cara un futuro ao que, por outra banda, non saben amosar mais que vagorosamente e xeneralizando. E moito menos queren servirense da esperencia do pasado. Primeiro por vaidade, logo autosuficiencia, e mais ainda por iñorancia, isa esperencia é cousa de outros e non lles val. Maxino agora mesmo que se lles dixeras de aproveitar un feixe –des, vinte, trinta, ou os que fosen—de dibuxos de Castelao como panfleto pra entrar na concencia dos mariñeiros, o problema da pesca axitado hoxendia por un tratado con Marruecos e unhas discusios –perdedoras, non hai que decilo– cos paises europeus, dirian que era cousa “vella e pasada”, e nembargantes a fame e o desprecio dos mariñeiros segue sendo igoaliña que hai cincoenta anos. Castelao é bó pra mitoloxías se o usan, pro o seu verbo combativo non se acolle nen sequer pra amosar que podemos repetire as verbas e istas non poden quedar disfrazadas ou acochadas por “casas do mar” ou “creditos á pesca”.
Non sei, vexo oxe mesmo nos diarios que logo dunhas semans de xuntanzas en prol da fusion do PSOE de Felipe Gonzalez e o PSP de Tierno Galvan, chegaron a acordar unha “decraración de principios” na que se afirma que o partido socialista é: “un partido de clases, de masas, marxista y democrático” e que “no pactará con el capitalismo”. Foi necesario comezar por ahí, ainda...
Ben, estácheme saindo unha carta con cara pesimista e non me defendo dele. Pro si quero crarexar que non me leva a seguir a famosa leria do “no es eso, no es eso” como non son Ortega y Gasset, non podo pecharme na miña oficiña filosofica e decirme: alá eles, por min que se maten. Seguirei poñendo o meu pequeno labor ao servicio de calquera cousa que estea marcada co nome de Galicia, fiando en que poda ter algunha utilidade pra outros, e se non fose eisi, sei cando menos que gardo fidelidade á laboura de moitos que soñaron ou profetizaron o fermoso futuro que quero pra min e pra nosa terra.
Todos nos, pais e fillos, os lembramos. Recibide Maruxa e tí unha forte aperta na agarda de vos ver de novo.

Ricardo

1978-02-28 Destinatario/a
de Luís Seoane, a Xohán Ledo
Bos Aires
Vigo
Orixinal

Epístola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 28/02/1978

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 28/02/1978


Buenos Aires, 28 de Febreiro de 1978

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Querido Ricardo:

Estou en débeda con todolos amigos, especialmente contigo a quen teño que agradecer algunhas das xornadas mais fermosas de Galicia, por todalas tuas atencións personaes e polos traballos que me adicaches, entre eles esa xoia de monografía manuscrita que constitúie unha das obras de arte mais orixinales da Galicia de hoxe. Gostaríame moito que pintases, mais este traballo teu, o mesmo que a carpeta que se publicóu en Ediciós do Castro, son ben representativas do teu talento e arte. Non embargantes, tes que pintar. Debes facelo porque Galicia necesita das xentes que poidan dar unha nota de galeguidade no seu arte deducindo a sua diferenciación do propio esprito de cada artista seu.
Eu comezo novamente a traballar, síntome absolutamente soio, lémbrome de vós, de Del Riego, de ti, de Dieste, de Domingo, de Piñeiro e de Dónega... Penso que os meus soños nacidos aquí en Buenos Aires, de crear pequenas obras que axudasen a trocar Galicia nun centro cultural serio na penínsua, malográronse. As que se fixeron convertíronse en afiches, en carteles, ou están camiño de se trocar en eso. Mais non quero falar desto. Agora, de Galicia, non teño mais noticias, non sei si está actuando algunha Xunta de Galicia ou non. Si se puxeron de acordo na sua composición. Si o pobo está contento coa sua pre-autonomía. Eiquí non se sabe nada. Soio se sabe dos actos de violencia, e, aparte de Madrid, de Catalunia (sic) e Euzkadi. Faría falla estudar a constitución dunha axencia de información que servise ás colectividades de emigrantes e aos grandes xornaes donde residen éstes. As xentes sorpréndense moito de saber que o goberno concedeu a preautonomía a Galicia. Eu xa non teño mais azos pra proieitar nada, non embargantes penso que sería relativamente fácil creala.
Supoño que aínda en inverno gozaredes do mar aberto, das vagas e das tormentas, na vosa espléndida casa da costa. Nos temos frente as nosas fiestras o espectáculo do Río da Plata, cambeante de coores, unhas vegadas coor terra e outras violeta ou azur, e dun ceo outo e moi estrelecido. Mais, tanto Maruja como eu, sentimos nostalxia de aquel anaco de océano que vemos dende as nosas fiestras de A Coruña.
Unha gran aperta para Mimí, pra ti e os vosos fillos de Maruja e miña.

1976-01-28 Remitente
de Xohán Ledo, a Luís Seoane
Vigo
Bos Aires
Orixinal

Epístola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 28/01/1976

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 28/01/1976



Vigo, 28 xaneiro 1976

Querido Luis:

Recibin o teu Nadal. Recibin a tua carta. Recibin, chegou hoxe o teu Insectario.
Ben. Por todo elo, téñoche de dar unha ves mais as gracias. Por todo elo, teño unha ves mais que dar conta do meu reconocemento. Como sempre amosas a tua derramada xenerosidade e un aprecio por min que quixera certamente ser merecente.
Fíxose a presentación do Index na librería Arenas da Cruña, foi unha cousa sinxela e mais ben intima, ainda sobrepasando as posibilidades que ofrecian os meus dibuxos. Garcia Sabell pronunciou unha fermosa disertacion chea de atinadas suxerencias esteticas e antropoloxicas baseandose nunha interpretacion, moi falagadora pra min, dos dibuxos.
A min o libro gustoume moito cando o vin, e non poido por menos de facerme sentir certo orgullo persoal; pois fixeche cos dibuxos un fermoso libro. Non cheguei a maxinar tal posibilidade, ainda sabendo ben do teu labor como diseñador de libros, ainda conocendo toda isa mañífica obra esparexada en cartafoles de grabados, e dibuxos con seu derradeiro eslabon niste Insectario que agora teño diante. Que fermosa imaxinacion, que fermoso traballo, que de suxerencias nises bechos. Mais gracias ainda, non polo galano, senon polo don da tua obra polo agrandamento que nos da ao esprito, polo esparexemento dos nosos ollos.
Eu quixera que o meu Index poidera levarte un algo de todo iste agradecemento, eu quixera que tivera o poder de falar de ademiracion con que enxergamos todos a tua obra e que non é doado cheguemos a poñer enteira nas palabras. Palabras... palabras... sí, pero en verdade sentementos.
E mais nada por hoxe. Gracias.
Unha forte aperta de todos nos pra Maruxa e mais pra tí.

Ricardo

1976-01-12 Destinatario/a
de Luís Seoane, a Xohán Ledo
Bos Aires
Vigo
Orixinal

Epístola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 12/01/1976

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 12/01/1976


Buenos Aires, 12 de Xaneiro de 1976

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Meu querido amigo:

Duas verbas pra che decir que estou moi agradecido polas tuas atencións. Pola espléndida monografía do libriño da Coruña e pola tua adicatoria do teu album, unha das obras máis singulares que se fixeron en Galicia, a que terá de se engadir ao meu regreso, os dibuxos espléndidos que me deixaches a noite do homenaxe a Del Riego e que foi lástima non tivesen sido incluídos no teu álbum. Non teño noticias de Isaac, ¿fíxose a presentación dél?. Cecais o formato houbese podido ser un pouco mais maior. Nono sei. Supoño terás recibido o album meu publicado en Madrid, Insectario. Deixeille o encárrego, o mesmo que o envío de outros exemprares, a Inés Canosa que está a cárrego de “Sargadelos” de Madrid.
Eu repítoche o meu agradecimento. Unha aperta grande de Maruxa e miña pra tí, Mimí e os teus. Envexámosvos o inverno de Galicia.

1972-00-00 Remitente
de Xohán Ledo, a Luís Seoane
Vigo
Bos Aires
Orixinal

Epístola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 00/00/1972

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 00/00/1972




1972

Querido Seoane:

Somentes quero con poucas verbas decirche a miña doorida impresión pola agresión de que foches vítima. Non tiña noticias diste lerio até que chegou a tua carta.
Coido que o ataque á tua persoa, ó teu traballo, ó teu comportamento por desaforado, inxusto e aleve non pode ecoar no mais mínimo, non xa naqueles que teñen a tua amistade entre os valores da vida, senon que nen tan siquera nos que de lonxe poideron, poden chegar a un conocemento xeral da tua laboura, xa que logo ista ten de seu creto dabondo pra non sere perciso un maor achegamento ou intimidade persoal. Isto, penso eu, abonda pra que non deas máis siñificación e conta ao sucedo. Non vexo xeito de nos liberar de xentes desencamiñadas polo seu natural andar torto, e polo veliñoso rebordar da fel. Tampouco sei coma non topar co elas no noso andar, pois ainda querendo apartarnos do camiño delas, e facéndoo, sempre han vir ó noso pra cando menos enoxarnos ca sua presencia.
Agardo que o testemuño dos teus amigos, dos que saben verdadeiramente algo de tí, dos que coñecen a tua xenerosidade, dos que ouservan a tua derramada adicación dos millores faceres do esprito en bos e maos tempos, agardo, digo, que ise testemuño chegue a esvair o acedume que te causaron.
Unha forte aperta, e os nosos saudos, de Mimi e meus, pra tí e Maruxa.

Ricardo

Como verás polo enderezo, mudamos de piso. Agora vivimos no 4º dereita da mesma casa.

1969-03-29 Remitente
de Xohán Ledo, a Luís Seoane
Nova York
Vigo
O Castro [parr. Osedo, conc. Sada]
Orixinal

Epístola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 29/03/1969

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 29/03/1969

RICARDO GARCÍA SÚAREZ/Enfermedades del Pulmón y Corazón/JOSÉ ANTONIO 28, 2º IZQ/VIGO


29-III-69

Querido amigo:

Acabo de recibir unha nota de Paco, nela díme que non estaredes en Osedo os días que nos pensabamos visitaros.
Como Paco deixou a nota por marchar de viaxe, non podo poñerme de acordo nunha nova data. Cando o fagamos, xa terás noticias nosas.
Recebin onte unha carta de Isaac, e agardaba a chegada dos grabados pra escribir dándovos ó tempo que acuse da chegada as miñas gracias. Coido que a viuda de Beiras xa o fixo, pro non podo deixar de repetir o meu agradecemento persoal pola vosa xenerosidade.
Da portada pro libro de Marcial Suárez xa te diría Paco que eu estarei moi felís ca tua aportación ó millor locimento dos nosos libros. Eisí as miñas ilustraciós colleran un valor, pola compaña, que non tiñan.
Lembranzas e unha forte aperta pra todos vos.

Ricardo

Cando cheguen os grabados, avisarei delo

1969-03-20 Destinatario/a
de Luís Seoane, a Xohán Ledo
O Castro [parr. Osedo, conc. Sada]
Vigo
Orixinal

Epístola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 20/03/1969

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 20/03/1969

LABORATORIO DE FORMAS/OSEDO/LA CORUÑA/TELÉFONO 23/SADA


El Castro, 20 de Marzo de 1969

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Meu querido amigo:

Remítoche dous grabados meus pra o Instituto Beiras. Cicáis sexa pouco, nono sei, mais non conto con mais obra eiquí –óleos– que non teña xa dispostos pras eisposiciós fora de Galicia. De calquer xeito o Instituto pode contar conmigo pra algunha xestión que poda facer en Buenos Aires. O precio dos grabados son 5.000 pesetas cada un, menos do precio que os vendo en Buenos Aires e noutras partes, mais si che parece moito ponlle tí o precio. Si se venden os cartos son íntegramente pra o Instituto, e si non se venden, queden de propiedade díste.
Nos marcharemos deiquí o sete ou oito do mes que ven. Vinde. Rematei de facer pra un teatro universitario de Coímbra os telós, figurís e máscaras pra Os vellos non deben de namorarse. O teatro diríxeo o catalán Ricardo Salvat, e fixen pra Sargadelos, aparte algús diseños, as cabezas pra xarras de Castelao, Valle Inclán e Unamuno. Penso que lles conseguín parecido. Marcial Suárez quere que faga os dibuxos e tapa pra o libro que ten de publicar en Galaxia. As ilustraciós fágollas, mais a tapa dependo de que tí o permitas. Contéstame.
Unha aperta de Maruja e meus pra Mimí e pra tí. Saúdos de Isaac, quen tamén enviará unha obra tan pronto volte de Valencia, onde se inaugura unha mostra de cerámica:

1969-03-08 Remitente
de Xohán Ledo, a Luís Seoane
Nova York
Vigo
O Castro [parr. Osedo, conc. Sada]
Orixinal

Epístola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 08/03/1969

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 08/03/1969

RICARDO GARCÍA SÚAREZ/Enfermedades de Pulmón y Corazón/JOSÉ ANTONIO 28, 2º. IZQ/VIGO



8 marzal 69

Querido amigo:

Escriboche somentes pra te remesar istas solicitudes, non vou engadir ren ó que nelas podes ler. Van destinadas a tí e mais a Isaac. Nelas estou comprometido por amistade, irmandade, con Anton Beiras polo intres en non deixar esmorecer unha obra de toda unha vida, a mais do posible futuro beneficio pra, digámolo inda que soe algo solemne, a humanidade.
A miña aportación persoal, uns pequenos cadros, val ben pouco; e fora de botar unha man, tal como se me pediú, á tarefa, non aporto cousa mais que a de escribirnos a vos, Isaac e mais tí, ista carta pra que teñades conecemento da cousa, xa que non pode ser unha recomendación pra algo cuia importancia non deixaredes de perceber ca xenerosidade de sempre, o voso amor a Galicia e a fidel memoria da amistade.
Unha forte aperta.

Ricardo

Lembranzas de Mimi. E miñas e mais dela pra Maruxa.
Estou agora sen auto, agardando que me den un novo. Emporiso, o choio da nosa visita non sei se poderá facerse a tempo, denantes de que tí marches.

1968-03-29 Destinatario/a
de Luís Seoane, a Xohán Ledo
Bos Aires
Vigo
Orixinal

Epístola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 29/03/1968

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 29/03/1968


Buenos Aires, 29 de Marzo de 1968

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Meu querido amigo:

Acabo de leer a tua nota que fixeches sobor do meu álbum O pulpo. Agradézocha moito, pois parecen ademáis moi ben vistos os grabados. Sinceiramente penso que deberías escribir e pintar máis. E unha lástima que non o fagas. Xa coñezo os motivos, mais coido que poderías sacrificar algún tempo pra destiñalo á pintura e a escribir arredor de temas de arte. Perdóname por este consello. As notas tuas son moi boas, non coñezo a ninguén en Galicia que poda facer notas semellantes encol de cuestiós artísticas. En xeral, fáltalles a túa formación –moi importante– de pintar.
Estou expoñendo estos días unha serie de 50 grabados no Museo de Bonn e chegáronme notas moi eloxiosas dos diarios alemás i en xulio fago unha mostra retrospectiva da miña pintura nunha galería deiquí. Mostrarei cen ou máis óleos. Xa che enviaréi o catálogo e tamén un exemprar de Retratos furtivos, outros cen dibuxos feitos polos cafés de moitos sitios. A Díaz Pardo deixeille 54 feitos en Galicia co ánimo de publicalos ahí, xa que levan leendas en galego. Esto é todo por hoxe. Soio quería agradecerche o teu comentario e dar mostras de que miña muller i eu non vos olvidamos e vos enviamos unha forte aperta:

1965-07-10 Destinatario/a
de Luís Seoane, a Xohán Ledo
Bos Aires
Vigo
Orixinal

Epístola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 10/07/1965

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 10/07/1965


Buenos Aires, 10 de Julio de 1965

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Meu querido amigo:

Recibín, fai uns días a monografía de Galaxia, espléndida, agradézoche moito a tua intervención, gustoume moito a tapa e a diagramación tipográfica, pra min é a millor das que fixéchedes diste carácter. Gustoume tamén moito o texto de García Sabell. Escribinlle hoxe sobre esto a Del Riego. Penso que foi un acerto situar as reproduciós no centro do libro separando o texto galego do castelán, e gustoume tamén moito a distribución da tapa e os seus coores. A Del Riego tamén lle escribo sobor da última eisposición de Laxeiro. Moi ben, a millor, pra min, de cantas fixo eiquí. Está tendo gran éisito. Traballou moito nos últimos tempos e busca mais atinadamente novas formas e coores. Pola miña parte pinto e grabo. Enviareiche, tan pronto teña por quen, un dos novos grabados meus, un pouco difrentes aos anteriores.
De novo, agradézoche moito canto fixeches por min, e recibide Mimí e ti unha aperta de Maruja e miña. Escríbeme algunha vez que teñas folgar. Outra aperta de:

1965-01-25 Destinatario/a
de Luís Seoane, a Xohán Ledo
Bos Aires
Vigo
Orixinal

Epístola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 25/01/1965

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 25/01/1965




Buenos Aires, 25 de Xaneiro de 1965

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Meu querido amigo:

Eiquí quedou por unha confusión que non me perdono o exemplar de Homenaje a Venecia destinado a tí. Onte, revisando unha morea de paquetes no me estudio, atopeime, co disgusto que podes maxinarte pois tiña creído estaría xa no teu poder. Supoño que xa o terás visto, pois envieille un exemplar a Paco. Trátase de once grabados en cor nos que intento ofrecer unha versión de Venecia. Tés que perdoarme por non telo remitido denantes, supoñía que o tiña levado ao correo o mesmo día do de Del Riego. Traballo bastante. Dende que cheguei fixen tres murales, gravei ise novo álbum, mais outro, Bestiario, que sairá no próisimo mes. Calculamos que pra setembro estaremos novamente en Galicia co propósito de quedarnos o mais tempo posíbel. Lembrámonos de todos vós, e a tí, e mais a Mimí, estamos Maruja i eu moi agradescidos pol-as vosas atenciós. Un destes días enviareille a Del Riego unha lista de publicaciós miñas, de dibuxos e grabados, e unha lista de exposiciós, etc., pra compretar a monografía de Domingo, que me escribíu fai poucos días e dime que por estas datas entregaba o seu traballo a Galaxia. Si che escribo que sinto facerche traballar no coidado dela, mentiría. Estou contento de que ti proyectes e cuides da edición.
Unha grande aperta pra Mimí e pra ti de Maruja e miña:

1964-00-00 Remitente
de Xohán Ledo, a Luís Seoane
Nova York
Vigo
Bos Aires
Orixinal

Epístola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 00/00/1964

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 00/00/1964

EDITORIAL GALAXIA S.A./Reconquista, 1/Telefono 18204/VIGO





Querido amigo: [1964]

Recibin o teu libro de grabados que foi moi do noso agrado, de Mimi e mais de min, amolos dous agradecemos moito o regalo. Hai grabados mañificos non somentes pola teinica, senon pola grandisima emotividades dos mesmos; pros que coñecemos a Venecia é realmente unha cidade ensoñada a que nos chega dende a tua obra, a suxerencia é direita e podente.
Andamos, Paco e mais eu, as voltas co libro dos teus grabados xa estan preparados os grabados e agardamos polo testo que dixo Domingo nos remesaría un distes dias. De seguida, farase a impresion. Confiemos en que seipamos e podamos facelo todo o ben que merece o tema.
Que traballes moito e con proveito. E agardando a vosa volta recibide Maruja e tí unha forte aperta e a nosa amistosa lembranza.

Ricardo García Suárez

1963-10-26 Destinatario/a
de Luís Seoane, a Xohán Ledo
Madrid
Vigo
Orixinal

Epístola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 26/10/1963

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 26/10/1963




Madrid, 26 de octubre de 1963

Sr. D. Ricardo García Suárez
Vigo

Meu querido amigo:

Agradézoche moito o que fas por mín. Onte, denantes de chegar a tua carta, envieille cinco fotografías de grabados a Del Riego pra tí. Hoxe recibo a tua carta e ahí van algús datos:
Libros e álbumes de grabados en madeira, aparte de outros libros e álbumes meus de dibuxos, serigrafía e litografía, 18 en total, son:
Siete grabados en madera con ¡He, los toros!, poemas de Rafael Alberti. Emecé Editores. Buenos Aires 1944.
María Pita e tres retratos medievales, con poemas de Lorenzo Varela. Ediciones Resol. Buenos Aires 1944.
Doce Cabezas, prólogo do autor. Ediciones Bonino. Buenos Aires, 1958.
La dama y otros grabados, con poemas de Lorenzo Varela. Ediciones Stilcograf. Buenos Aires 1959.
El Toro Júbilo, prólogo do autor. Ediciones del Castro. Osedo-Coruña, 1963.
O Meco, prólogo do autor. Ediciones del Castro. Osedo-Coruña. 1963.

Libros ilustrados. Entre outros grabados en madeira:
Lonxe, poemas de Lorenzo Varela. Ediciones Botella al Mar. Buenos Aires.
Llanto por Ignacio Sánchez Mejías, de Federico García Lorca. Editorial Losada. Buenos Aires 1961.
Del diario poético de Miguel de Unamuno. Editorial Losada. Buenos Aires 1961.
La Insepulta de Paita de Pablo Neruda. Editorial Losada. Buenos Aires 1962.
Sobre los Angeles de Rafael Alberti. Editorial Losada. Buenos Aires 1962.

Soio representado con grabados, e indepedente das participaciós con óleos, participei nas seguintes coleitivas:
1958.- V Bienal de Cincinnati, USA.
1959.- Unión Panamericana, Washington.
1960.- Grabado Latinoamericano. Nueva York.
1961.- Grabado argentino. Tokio.
1961.- Grabado argentino. Berna.
1962.- Grabado argentino. Londres.
As mais importantes personaes de grabado.-
1961.- Galería Sudamericana. Nueva York.
1962.- Galería Bonino. Buenos Aires.
1963.- Galería Engelbertz. Ginebra.
Están representados os grabados en Museo de Arte Moderno de Nueva York; Metropolitan Museum, de Nueva York, Children´s Museum, de Detroit; Museo Nacional de Bellas Artes, de Buenos Aires.
Moitas gracias, e lembranzas aos amigos e pra Mimí de Maruja e miñas. Ti recibe unha grande aperta de:

1963-00-00 Remitente
de Xohán Ledo, a Luís Seoane
Nova York
Vigo
Madrid
Orixinal

Epístola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 00/00/1963

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 00/00/1963

EDITORIAL GALAXIA S.A./Reconquista, 1-Teléfono 18204/VIGO

ca. 1963

Querido Luis:

Escríbote á casa do Marcial Suárez porque non teño a tua direición en Madrid e dime Xosé Suárez que atopas a cotio ó seu irman.
Quixera que, se podes, mandes a volta de correo unha nota cos libros ilustrados con grabados e as esposiciós de grabados (cas datas) pra poñer coma cabo do meu escrito. Se tamén tes a man fotografias dos grabados da esposición da Cruña e queres envialas, mirarei de usar delas, pois que o tempo empurra polo aquel da censura que fána en Madrid. Eu xa fixen un testo e poño unhas ilustraciós tiradas dos libros que teño, todo vai xa na imprenta prás probas que pasarán na censura, pro coido que poderei facer algunha alteración.
Lembranzas pra Maruxa de Mimi e mais miñas.
Unha forte aperta.

Ricardo

1960-09-13 Destinatario/a
de Luís Seoane, a Xohán Ledo
Bos Aires
Vigo
Orixinal

Epístola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 13/09/1960

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Luís Seoane, a Xohán Ledo en 13/09/1960


Buenos Aires, 13 de setiembre de 1960

Sr. D.
Ricardo García Súarez
Vigo.

Querido amigo:

Xa debería teros escrito denantes de hoxe, mais fun deixando correr os días con preguiza de facelo, aínda quedando cos amigos como pouco atento e desagradecido. Pra mín a ida a Galicia, aparte da ledicia de voltar a ver aos amigos e familiares, foi algo que me intranquilizóu. Hoxe, pasado xa un pouco de tempo desde que volvín, cóstame aínda traballo retornar á miña vida normal. Non podo decirvos en que reside ista intranquilidade nin as miñas dúbidas. Dende logo teño a satisfaición de ter estado con todos vos e de recibir probas da vosa amistade. Eu quixera que vos tivésedes a seguridade da miña. De tí conservarei sempre o belo paisaxe que me ofreciches, a carón das obras que mais estimo. E lembrei ise xantar na tua casa, con Celso Emilio Ferreiro, Del Riego e as donas, coma unha das atenciós que máis me comprometen, por toda a amistade e cordialidade que siñificou, e por ter sabido lembrar todos xuntos a Maside, o grande amigo de todos nós, que nunca máis poderemos esquecer e que, no outro paso meu por Vigo, apenas puden abrazar. Non quería decirche mais que isto. Agradecervos a vosa amistade, decirche canto estimo o teu cadro, e pedirvos que nos teñades sempre presentes. Unha aperta de Maruja e miña pra tua dona e pra tí, e recibe forte abrazo de:

1956-07-00 Remitente
de Xohán Ledo, a Luís Seoane
Vigo
Bos Aires
Orixinal

Epístola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 00/07/1956

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Transcrición

Transcripción da epistola de Xohán Ledo, a Luís Seoane en 00/07/1956



Vigo, mes de Santiago do 1956

Sr. Don Luis Seoane

Querido amigo:

Recibin o teu libro Na brétema, Sant-Iago e moito agradecinno.
Hai xa anos que poiden ver e lér un libro teu, unha monografía sobre do Pascin, estaba eu entón en Bilbao, i era o libro cáseque a primeira nova que me chegaba da tua vida en América. Tiven daquela unha alegría, que logo veuse maor lendo outros teus libros e vendo dibuxos e sabendo tódalas novas do teu imenso traballo artístico. Todo fíxome máis que voltar os ollos e o corazón atrás, aos anos de Compostela; deixoume ollar e gozar do teu trunfo, ollar e gozar dunha grande obra artística, saber da permanencia inabalabel dunha vontade a traveso dun vento marteiro, das mordeduras dunha emigración non querida. E tróuxome a dozura de saber que nun tempo vindeiro poderemos non falar dise tempo compostelán callado na lembranza, senon falar do froitecer distes anos agromentos. É un trunfo sobor da morte: trunfo teu e de Galicia, o que eu coidaba tiña de celebrar con todas e cada unha así noticias que ía tendo de tí. Todo isto cavilei co teu libro na mán, namentras vou pasando as follas, e logo que o pechei e deixei estar dediante dos meus ollos, cas verbas e os grabados teus xa no corazón.
Gracias por toda a ledicia, e o goizo que a tua obra e iste derradeiro libro venme dando. E ten sabido que sempre me terás á tua disposición, non pra te pagar o favor, que non podería, senón pra te amosar que non traballas e lembras de Galicia en balde.
Unha forte aperta de

Ricardo García.