Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Lois Tobío Fernández en 19/05/1997
Xosé Neira Vilas
Gres, 19 de maio de 1997
Sr. D. Luís Tobío
Madrid
Meu querido e recordado amigo:
Preparo un libro sobre o Primeiro Congreso da Emigración Galega, celebrado, como vostede ben recorda, en Buenos Aires, en 1956. Pensei que era bo deixar testemuña daquel evento, e cadra que eu gardo todo, absolutamente todo (prensa, fotos, testemuñas diversas, símbolos utilizados, etc) o relacionado con tal acontecer. Estimo que é o conxunto máis completo de documentos que existe en relación co Congreso aquel.
Vostede foi clave nel. Vostede redactou o temario, o manifesto e o regulamento. Vostede participou logo nas sesións, etc. Quixera incluir neste libro en preparación unha Memoria súa, pormenorizada de todo o acontecido. Para pedirlle eses documentos creo foron a Montevideo Prada e Abraira, ou non? Como foi a relacion de vostede coa nosa Comisión Organizadora? A corenta anos, que recorda? ¿Que valoración faría hoxe do desenvolvemento do congreso e das conclusións ou resultados? En fin, a vostede non teño que mandarlle un cuestionario con apartados ou preguntas escalonadas. Abonda con esta petición global e de sobras sei que o fará como vostede ten por costume traballar: con rigor e con esa boa memoria que conserva e exerce.
Agradezo de antemám a sua colaboración. Agardo noticias súas. Mentres, reciba unha aperta fraterna, cordial de
Xose Neira Vilas [sinatura autógrafa]
[na marxe esquerda do folio continúa o texto mecanografado]:
o meu enderezo: Gres - Vila de Cruces
36587 Pontevedra
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Lois Tobío Fernández en 28/10/1993
Santiago, 28 de octubro de 1993
Sr. D. Luis Tobío
Madrid
Meu querido amigo:
A súa fugaz estancia aquì deu tempo para pouco. Por outra banda estivo moi ocupado por esto do Seminario. E eu quixera ter conversado máis.
Quero adicarlle un dos meus artigos do Faro de Vigo dominical, e anque teño a ficha de Vde. que aparece na Gran Enciclopedia Galega, veño a molestalo para ampliar algunhas cousas.
1.- ¿Cantos anos estivo no exilio? ¿Foi de 1939 a 1963? Non veu a España en todo ese tempo?
2.- ¿Canto tempo estivo na Habana? Xa sei que tivo relacións con Ortiz, Portuondo, Roa. ¿Coo veu o ambiente intelectual cubano de entón, e a solidariedade cos republicanos españois? Xa nos contou que Lazaro Peña, secretario xeral da CTC intercedeu para que seu irmao Carlos fose a Cuba, ¿Foi exactamente asì o entendin mal? ¿Como era eso da Escuela Libre creada por vostede e outros –¿os ditos?– na Habana?
3.- ¿Como recorda a Castelao en N. York? Algunha anécdota. Xa teño presente que Castelao o presentou a vostede nalgunha conferencia. ¿De que falaba vostede nesa ocasión? ¿Foi máis dunha vez?
4.- O seu vinculo cos galegos do Uruguai, e coa audición Sempre en Galiza.
5.- Que pensa do Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado en Bs. As. en 1956?
6.- ¿Que significou América para vostede?
7.- ¿Vai moito por Viveiro? ¿Que significa para Vd. Viveiro?
8.- Teño en conta a sua amistade con sefarditas en Bulgaria
9.- ¿Que pensa do novo Seminario de E. Galegos?
Todo esto non vai con preguntas e respostas. Sintetizo eu a informaciòn e compleméntoa con outras fontes, como a GEG. Ilustrarei o traballo cunha caricatura moi boa que lle fixo Vizoso (e dixo que a Vde. lle gustara) e coa portada dun libro seu de Edic. do Castro.
Non se tome o traballo de repetir as preguntas. Abonda con que poña os números.
Agardo noticias suas. Disculpe a molestia. Reciba unha forte aperta de Anisia e de seu
Xose Neira Vilas [sinatura autógrafa]
Xose Neira Vilas
Instituto Galego de Información
San Marcos s/n - Santiago de Compostela
[na marxe esquerda do folio continúa o texto mecanografado]:
quero engadir:
10.- ¿Foi vde. o que propuxo o recorrido a Ortoño en 1923? Sua bisaboa irmá do crego Viojo, era así?
11.- ¿De Habana, de Bs. As., de onde as axudas en cartos ó SEG?
12.- Foron a pé a Ortoño, anotando cruceiros, etc. Cónteme.
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Lois Tobío Fernández en 28/07/1982
Habana, 28 de xulio de 1982
Sr. D. Luis Tobio
Madrid
Meu estimado amigo:
Ben me recordo de vostede, como se fose hoxe; daqueles dias do Congreso da Emigración (Bs. As. 1956), e do noso encontro na casa de Maria Valverde, en 1958. Leo os seus traballos, ás veces en "Grial", e sei que dende fai uns anos reside en Madrid. Eu andiven por ahí en setembro do 81, e supen de vostede por Inés Canosa, a través de quen lle envio a presente.
Veño a molestalo por esto: estou preparando un traballo sobre o Himno Galego (de Pondal e Veiga). Quixera facerlle a vostede algunha preguntas, como:
1.- Cando recorda teña sido primeira vez que o escoutou, que o cantou que soupo del (ano, circunstancias).
2.- ¿Recorda se o cantaban os estudantes universitarios da sua xeneración compostelana? ¿En que ano?
3.- Nas Irmandades da Fala, no Seminario de Estudos Galegos, no Partido Galeguista, que vixencia tiña? ¿Cantábase como Himno Nacional propiamente, ou como unha canción máis ou menos patriótica? ¿Con qué frecuencia e en qué circunstancias?
Amáis deso, toda outra información que vostede considere de utilidade arredor do tema.
E nada máis. Agardo noticias de vostede, o antes posible. Perdoe a molestia.
O meu enderezo postal: Apartado 4269
La Habana-4
Cuba
Reciba unha forte aperta
de seu amigo
Xosé Neira Vilas [sinatura autógrafa]
Transcripción da epistola de Lois Tobío Fernández, a Xosé Neira Vilas en 27/09/1982
27 setembro 1982
Sr. D. Xosé Neira Vilas
A Habana
Meu querido amigo:
Respondo con moita demora a sua carta por ter estado fora de Madrid todo o vran. Non é moito o que lle podo dicer verbo do que me pregunta. Non lembro cando escoitei por ves primeira o noso himno mais debeu ser nalgunha xuntanza da xente das Irmandadades da Fala en Santiago, alò polo ano 1920. Asistìn coma cativo curioso a algunha delas, seique no Teatro Principal e foi entón cando sentìn o primeiro aguilloamento galeguista.
A letra, sì, conocina denantes, pois vina nun nùmero do Boletìn da Academia galega que recibìa o meu pai, e mesmo deprendín un bon anaco dela. Gostoume.
O himno estaba prohibido cantalo en pùblico nos tempos da dictadura de Primo. Cantábamolo en privado nas pequenas xuntanzas de galeguistas. Cando se cantóu en público e masivamente por ves primeira foi na manifestación que se fixo en Santiago con estudantes e obreiros principalmente ao se proclama-la Repùblica. Alternaba co de Riego que algùns xulgaban máis a xeito por ter un ritmo menos demorado, máis propio dunha manifestación exultante coma aquela.
O que sì podo dicer é que o noso Himno sempre se cantóu coma atal e non coma unha canción máis ou menos patriótica: con gravedade e unción cáseque relixiosos.
Como ve non é moito o que lle podo dicer.
Aproveito a ocasión pra agradecerlle o moito e bon que anda a facer pola nosa cultura. Os dìas en que nos vimos están moi vívidos en min. Ainda uso a cotío un exemplar do Diccionario de Carré que leva este cuño: "Follas Novas". feira do livro galego. Asunción 3035. Buenos Aires.
Unha estreita aperta.
[sen asinar]
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane, a Maruxa Seoane en 22/03/1977
Habana, 22-3-77
Queridos Luis e Maruxa Seoane:
Estivemos por Galicia fai catro meses. Igual que en 1972 por pouco –esta vez non tan pouco– non coincidimos con vostedes na Terra. Pero as cousas son así. Sabemos que lle gusta o inverno e a nós, pola contra, góstanos o vrao, non o moito calor, pero si fuximos do frío. Novembre era xa un pouco máis alá das nosas posibilidades térmicas. Dende que un se vai aplatanando o sol é un amigo. Agora sabemos por carta de Isaac que andades por ahí.
En Madrid, na casa de meu irmao, atopeime con A maior abondamento, formidable poemario, pleo de interés, estético e testemuñal. Gracias por ese regalo, e por esa adicatoria, e por esa amistade que viña espresada con moito sentir na adicatoria e na carta. Por si fosen pouco os libros, estas adicatorias, estas palabras cordiales que nos chegan algunha vez, de tanto en tanto, temos as noticias do seu quefacer por meio de amigos comúns, e o óleo que temos diante na sala da nosa casa, e as portadas (ou tapas) de tantos libros que acotío manexamos. E Diálogo, ese mural de cerámica Seoane-Arranz, que algunha vez imos ver á casa que foi de Álvarez Gallego e que agora ocupan un matrimonio de velliños. (Por certo, a nome da Sección Gallega do Instituto de Literatura e Lingüística, que eu dirixo, propuxen en principio levar a estes velliños –totalmente insensibles– un paisaxe, calquera cousa e que nos entregasen o mural, pero fun cun escultor amigo e soupen que non se pode sacar, pois está unido, pegado á parede de tal maneira que se rompería en anaquiños, eso me dixo; e o que farei cando menos, é sacarlle unha foto, de ser posible en colores. Atope entre os papeles de Álvarez Gallego unha carta de vostede e soupen por elo o do tiduo da obra, fermosa obra).
Fai pouco fixen un traballo cun fotógrafo amigo: rescatar, copiar dibuxos e palabras consiñados nunhas servilletas-recordo daquel agasallo, daquela cea que nos deron vostedes, moitos amigos, en Buenos Aires, o 28 de xunio do 61. Rescatei dibuxos de Isaac, Laxeiro, vostede, palabras de Dieste, Baltar, Lorenzo Varela (a quen vin en Madrid en novembre 76 ). En fin, sobre todo esto, e o mural, etc., escribirei algún día e airearei estes dibuxos das servilletas, de gran contido emotivo pra nós ó tempo que fermosos.
Por aquí algo imos facendo, na sección dita, e na investigación arredor dos galegos de Cuba. A laboura é moi grande e penso que dea máis dun libro. Teño proieitos, varios proieitos, somente quero tempo, anos, vida pra levar todo a cabo. Non perdo de vista, craro é, todo o que importa hoxe a Galicia viva, o intre que ahí se vive, pero se me toca en sorte (penso que en moi boa sorte) vivir esta esperencia, revolucionaria, de camiño é bo traballar historiando, ou como queira chamárselle a andaina dos galegos.
E namais. De Anisia prós dous, Maruxa e vostede unha aperta, e outra aperta do voso
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane, a Maruxa Seoane en 24/06/1976
Habana, 24 de xunio do 1976
Queridos Luis e Maruxa:
Unhas letras que son ben pouco pra vos espresar canto vos lembramos. Non é literatura; é a pura, auténtica verdade (dentro de catro días, por exemplo, cumpriranse quince anos daquela despedida no restaurante Cuenca, que moito lembramos; catro servilletas adicadas están no noso poder e días atrás saqueille fotos a dibuxos e palabras). Logo hai outros motivos, outras noticias que nos acirran e traen a lembranza vosa: esposiciós, libros, traballos, éisitos (que nos aledan moi de certo) e tamén palabras directas e testemuños persoales como é o caso do derradeiro viaxe do meu amigo Lois, da UNESCO, a esa. Entregoume ese mañífico traballo que é Arte mural/La ilustración, garimosamente adicado, que contén –texto e reproduciós– a imprenta do seu quefacer tan singular i elevado. Formidable, esclarecedor traballo sobre arte mural seu e sobre a ilustración do libro. Quero decirlle que todos os seus libros, catálogos, grabados, etc. circulan máis do que pode supoñer. Unha chea de amigos están pouco menos ca pendientes do que sei de vostede, da súa andaina artística, da súa obra. E uns avisan a outros, e hai unha grande ademiración polo seu estilo, pola súa orixinalidade. (Fai menos de unha hora inda estiveron na miña oficina os diseñadores da revista do orgaismo onde traballo, ademirando o grabado que acompañan á monografía de García Sabell (a de 1965 sobre grabados).
Por Isaac, sabemos dos vosos viaxes. Soupemso no seu momento do malfadado acidente, do que desexamos non teña quedado en ningún dos dous secuela algunha. E máis recentemente tamén nos dixo dunha ciática que o tiña a vostede algo amolado. Sei por un amigo que eso doi de raio. Pero o mesmo Isaac nos contou que cando se foron pra Bos Aires xa andaba ben.
Un médico do meu povo mándame os suplementos de La Voz de Galicia, onde vexo acotío as súas Figuraciós, que vou coleccionando. Formidable xeito de periodismo, pra o que ten demostrado vostede unha auténtica vocación.
De nós: Anisia a escribir pra nenos. Saíron recentemente dous libros dela aquí (amais do de Arealonguiña con dous contos dela en galego). Eu: escribindo sempre algo, e pubricando sempre algo tamén; libros en Galicia e algo de xornalismo aquí. As Memorias sairán este ano en Roma, en italiano. Talvez vaian a outros idiomas. En Portugal, tamén. Traballo noutras cousas, e non soio de ficción. Xa veremos que irá saíndo.
Seguimos de perto os aconteceres de ahí. Doinos o que pasa, dende hai uns anos, esa sangue sin sentido que se verque a diario, esa inestabilidade, esa inflación incontrolada. En fin...
E namais por hoxe. Apertas de Anisia pra os dous. E pra os dous unha aperta garnde, tensa, fraterna de
X Neira Vilas
Se lle queda algún exemplar de A maior abundamento ¿sería moito pedir que lle mande un exemplar a meu irmao a Madrid? El ten maneira de facermo chegar deseguida. Jesús Neira, Ponferrada 44-2º Barrio del Pilar, Madrid-29, España. Cualquier libro, cualquier papel, cualquier catálogo, poño por caso, é unha boa vía. Moitas gracias, moitas. (Vin o comento de Luz Pozo e interésame vivamente ler esa nova entrega poética súa).
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Maruxa Seoane, a Luís Seoane en 27/09/1974
Habana, 27 de septiembre do 1974
A Luis Seoane (e a Maruxa)
Buenos Aires
Queridos amigos:
Chegou Luis López, o da UNESCO. Encantado das atenciós de vostedes, da vosa cordialidade. Luis é un rapaz de moita valía. Xa estivera aquí cinco anos atrás con Ramón Chao, o xornalista galego de Triunfo e de La Voz de Galicia, que escribe dende París. Ramón sustitueu a Luis no trafego que este tiña na Radiodifusión francesa. Faloume Luis de que están vostedes ben; aledámonos certamente. Falamos moito da obra de vostede. Amostreille libros de tapas, monografías, poesía, todo. Falamos da súa radical postura, do seu enorme labor editorial, de Galicia emigrante, das empresas culturales galegas xeneradas por vostede. Luis é do Bierzo e ten moita afinidade con Galicia. Díxome que lle tiña deixado un disco do Amancio Prada con poemas en castelán e galego musicados e cantados por el (por Amancio, craro). Aquí pasamos todas as canciós por La voz de España, audición semanal na que se fala moi seguido de Galicia.
Luis tróuxome tamén un álbum precioso. O álbum que vostede nos ousequia (dunha edición tan breve e siñificativa; en breve quixen decir, de somentes 40 exemplares) de Intentando golpear ideas, esa serie de formidables, siñificantes grabados que refrexan, con arte de moita calidade –como é o arte de vostede– un tema moi de sempre e moi aitual (e pra vostede moi sentido porque nesas xeiras andivo nos tempos mozos) como é o das loitas estudiantiles. Aitualísimo prólogo, orixinal espresividade a destes grabados que realmente golpean ideas coa súa vital presencia, co seu movimento. Gracias por este singular agasallo e pola fervorosa, fraterna, adicatoria. Orgulosos estamos de poseer esta xoia, editada por esa nova empresa, de curioso nome que é Cuco rei. É vostede un creador desbordante, inagotable.
De nós, nada novo. Anisia a escribir pra nenos. (Gañou meses atrás o Premio Nacional de Literatura (narrativa pra nenos) da Unión de Escritores de Cuba polo seu libro Los cuentos del compay Grillo, que incruie un viaxe pagado a un país socialista). E eu, sempre escribindo algo en galego, facendo algo de xornalismo literario aquí, e rexindo a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística. Agora estamos adicándonos moito ós índices de publicaciós galegas de Cuba (publicaciós que cheguei a catalogar un total de 62 tiduos, que non é pouco). Por certo, sería bo que o Instituto Argentino de Cultura Galega fixese trafegos similares, digo eu. Índices de publicaciós galegas da Arxentina. Penso na utilidade de Índices de Galicia emigrante e de Céltiga, por exemplo.
Non soupen máis do Ramón Temes. Dixo que viría outra vez a Cuba, pero, se veu, non soupen, e supoño que, se tivese vido, visitaríanos. Déanlle nosos saúdos.
Namais por esta vez. Agarimos de Anisia. Agarimos aos dous. Gracias por todo, en primeiro lugar, por esa amistade consecuente, iniciada hai algo máis de vinte anos (foi a fins do 53 que nos conocemos).
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Maruxa Seoane, a Luís Seoane en 13/06/1974
La Habana, 13 de junio de 1974
A Maruja y Luis Seoane
Buenos Aires
Queridos amigos:
Aprovecho el viaje de mi amigo Luis López Álvarez, buen poeta (autor de Los comuneros y otras obras) y funcionario de Cultura del Regional Latinoamericano, de la UNESCO, para enviarles un saludo cordial, fraterno.
Les ruego se sirvan orientar a Luis en lo que respecta al quehacer cultural de los españoles en la Argentina (personalidades, instituciones diversas, editoriales, etc.) y también sobre la actividad cultural específica del país.
Os escribimos a través de Ramón Temes. Por cierto, dijo que volvería a Cuba, pero no lo hemos vuelto a ver.
De nosotros: Anisia obtuvo el Premio Nacional de narrativa para niños. Sigue trabajando siempre en esa dirección (dice que “los adultos no le interesan”, desde el punto de vista de su vocación). En estos días, salen dos libros míos en Lugo y en Madrid. En Celta: A marela taravela (novela para niños) y en Akal: Lar (una especie de poemas en prosa, evocaciones locales, de mi pueblo, y familiares, resumen de impresiones de mi regreso a Galicia después de casi 24 años de ausencia). Ustedes recibirán oportunamente ambos libros.
Mi fuerte miopía en el ojo derecho derivó en una catarata de lenta evolución, que después de unos años de soportarla, en febrero pasado, me la operaron. Quedé muy bien, recuperé la vista ampliamente. Y ahora trato de acostumbrarme a los lentes de contacto.
Espero que Luis esté totalmente recuperado del accidente y que siga trabajando con esa dinámica de siempre.
No recuerdo si les dije que en la casa donde vivió Álvarez Gallego localicé el mural (Seoane-Arranz) Diálogo. Está en un lugar de la casa que apenas se ve, y a la familia que ahora reside allí poco le importa (es una familia compuesta por un matrimonio, ancianos, gente muy modesta); trataré de que pase de algún modo, a través de la Sección Gallega, al Instituto de Literatura y Lingüística.
Y nada más, amigos, por hoy.
Los recordamos mucho.
Reciban un abrazo fuerte, entrañable, de Anisia y de
José Neira Vilas
Les enviamos unos trabajos plásticos de Vietnam del Sur.
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Maruxa Seoane, a Luís Seoane en 29/03/1974
Habana, 29-3-74
Queridos Maruxa e Luis:
Por Ramón Temes sabemos que estades en Bos Aires, e que estades ben, logo do malfadado aicidente. Aledámonos certamente. Moncho tróuxonos fermosos catálogos e deliciosos Rifurtivos e unha estupenda monografía editada por Bonino, adicada. Gracias por todo.
Eu estou convalencendo dunha operación de catarata prematura. Vou ben, pero estarei algunhas semanas máis alonxado da aitividade normal na casa. Anisia gañou o Premio Nacional de Literatura pra nenos. O premio consiste na edición do libro e un viaxe a un país socialista. Eu teño pra saír (maio) en Galicia unha novela pra nenos e un libro de prosas curtas sobre o meu retorno no ano 72. Traducín ó castelán Historia de emigrantes e foi finalista no concurso da Casa de la Américas. Un conto (El ahorro) integraron unha antoloxía de varios autores e países. Tamén outiven accésit no concurso La edad de oro cun libro de poemas pra nenos, en castelán (Arco Iris). En fin, algo imos facendo.
A Sección Galega, moi ben. Atopeime cun interesante escultor nado en Teo: Mauel Pascual. Estudaremos a presencia de Souto en Cuba. Sobre outras aitividades, van recortes de prensa.
Temes estivo na nosa casa. Falamos de vostedes amplamente.
Localicei, na casa onde viven A. Gallego, o seu estupendo Diálogo sobre lousas de Arranz. Verei de darlle un destino mellor.
¿Que foi de Cuco Rei? Víraa anunciada, pero non soupen máis. ¿Vai adiante?
E namais, queridos, entrañables amigos. Pra outra escribiremos máis longo.
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Maruxa Seoane, a Luís Seoane en 11/11/1973
Habana, 11-11-73
A Maruxa e Luis Seoane
Coruña
Queridos amigos:
Onte recibimos carta de Isaac, e por ela soupemos do malfadado acidente. Non poden maxinar canto o lamentamos. Anisia e mais eu estivemos a cavilar arreo en vostedes, a falar de vostedes. Dinos Isaac que Maruxa vai ben, pero que Luis crebou unha perna e unha man –as dereitas– amais doutras lesiós. Esto ten que ser pra vostede, Luis, algo tremendo, non somente polo que representa en molestias unha recuperación desta índole, senón tamén por a súa dinámica, polo seu quefacer constante, por ese traballar sin descanso tendo que agora aturar unha inmovilidade seguramente prolongada. Esto debe ser torturante. En fin, busquemos a parte boa do lerio: un aicidente desta magnitude poidera ter sido fatal (penso en Aníbal Ponce, en Camus, en Martín Santos...) e por fortuna non o foi. Viven! Témolos! Uns trastazos, duros de curar, pero que sabemos que curan, que é cuestión de unhas semáns de paciencia. A vida soe gardarnos esas solpresas, eses contratempos, pero o caso é que siga sendo vida. Ánimo, amigos.
Fai uns quince días chegoume de Galaxia Comunicaciós mesturadas. Estupenda coleición. Eu lémbrome de cando vin na casa de vostedes unha carpeta de anillas, de cuberta negra onde tiñan estes editoriales (ou como se chame) da audición Galicia emigrante (craro que esto foi alá polo 60 e dende entón escribeu moitos máis) e falamos da posible edición, pois eu que os escoitaba domingo tras domingo estaba entusiasmado co seu valor documental. Ratifico o mesmo entusiasmo agora que os vexo (a seleición que escolleu) en libro. Felicítoo por esa decisión. De seguro que o libro sobre Montenegro, o aventureiro aquel de fins do século XIX. Eu tiña lido o artigo de Vilanova e tiña engadido algús datos que se non consignan como é o de que en 1892 dirixeu na Habana un semanario tiduado La Voz de Galicia e que El brujo estaba dibuxado enteiramente por el (tiven fai poucos días exemplares de ambos nas miñas mans). Estes son detalles para engadir, pois o que di vostede e o que di Vilanova é amplísimo. Outro detalle: o cadro de Brocos La defensa de Lugo, coido que si, que houbo unha iniciativa de donación por parte do Centro Galego, pero non chegou a donarse, e inda fica no palacio do dito Centro, hoxe estinguido, sede da Sociedad de Amistad Cubano Española, onde hai outras obras. Algún día ampliarei un chisco este formidable traballo seu (eu case non sabía quen era Brocos) engadindo, por exemplo, canto pagou polo cadro o Centro Galego cando o mercou, etc. O cadro ocupa un lugar de preferencia no vestíbulo central, baixo o escudo de Galicia. Consérvase ben anque un destes días vou ir por alí con un profesor de artes plásticas e escultor amigo pra ver de analizar o seu estado detidamente, e tamén de outras obras (un retrato de Rosalía, outro de Concepción Arenal, Pastor Díaz, W. A. Insua).
De Galicia, mandáronme (Alonso Montero) a Figuración feita por vostede da miña persoa, pubricada en La Voz de Galicia. Gárdoa con agarimo, por ser de vostede a quen –fai falla repetilo?– aprecio e respeto fondamente. Hónrame moito as súas palabras alí verquidas. Palabras que sei son sinceiras; palabras de amigo.
Lémbrase da esposición de 1960 sobre o periodismo galego na Arxentina? Pois acabo de montar (agosto pasado) unha sobor do de Cuba, moito máis ampla aínda (mentras en Bos Aires abundan as revistas de sociedades, aquí destacan as revistas e semanarios independentes). Tomei, pra a crónica que escribín, unhas palabras súas porque resultan moi axeitadas. Vai recorte coa presente.
Namais. Que se poña ben axiña. Apertas fraternas ós dous, de Anisia e
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Maruxa Seoane, a Luís Seoane en 13/02/1973
A Habana, 13 de febreiro do 1973
Queridos amigos Maruxa e Luis Seoane:
Xa saberedes que Anisia e mais eu andivemos por Galicia. Pra min foi coma unha resurreución. Algo inexpricable. Foron cuasemente 24 anos de ausencia. Vivir longos anos en función dun país entrañable do que se non ten a presencia física, e voltar logo a recoñecelo é algo moi singular. Certo é que o país en si, o país físico, sería somentes unha parte se non fose polo home, o ser humán que o habita. E no noso caso, no meu caso, foi o reencontro coa familia, pais, seis irmaos (miña irmán nova tiña sete anos e anda por trinta), amigos (os que xa coñecía, como Isaac e Dieste, por exemplo) e os outros, os que foron xurdindo ó son de ideas comúns, inquedanzas comúns, ó son de libros, etc. Eran, pois, a miña xente, o país físico, os amigos, pero aínda eran moitas máis cousas, entre elas o contacto coa língoa. Escrebir nun idioma casi todos os días, idioma que non teño dende fai anos con quen utilizar en vivo, é algo estraño, e chegar de pronto ó esceario vivo desa língoa, parolar coa xente (non soio co home culto ou o que por patriotismo e hastra por esnobismo emprega hoxe o galego, senón co home común da aldea, coa muller común aldeana, cos nenos que anque na escola empreguen un castelán a remolque, no camiño da escola, e na casa, e nos agros falan un galego natural, tan natural coma cando eu me fun...). Todo eso, esa confrontación foi pra min emocionante ó tempo que necesaria. O tempo chegounos a pouco, non poidemos cumprir unha chea de invitación (coma a de Carmen e Rafael Dieste, de ir a Rianxo), non poidemos falar de vagar con moita xente amiga, non poidemos siquera adicar todo o tempo deseable á familia, non poidemos ver todas as persoas que quixeramos ver, pero unha das cousas que máis lamento e que foi relativamente pouco o tempo que adiquei a falar coa xente común da miña comarca. Andiven por agros e camiños, visitamos escolas, fun ós atrios das igrexas onde a xente parola, entrei en tabernas e feiras e un par de romarías, mais quedei con ganas de seguir falando, anotando, sentindo o vibrar da nosa língoa auténtica, viva, ferramenta entrañable dunha vocación de por vida.
Polo demais, agasalláronnos moito, atendéronnos cicais mellor do que merecemos. Hai xestos inesquecíbeles. Actos como o do Museo Carlos Maside ó que foi xente de casi toda Galicia, non moita, pero máis ou menos siñificativa. E nin falar das atenciós e agasallos e consideraciós que pra conosco tivo Isaac, no Castro, en Sargadelos, na miña propia aldeia (Gres, Ponte Ledesma) a onde foi o mesmo día da nosa chegada, dende a Coruña e estivo a tomarnos fotos con nosos, con meus pais. Isaac, por quen tivemos sempre grande ademiración e aprecio, quedou dende este viaxe unido pra sempre moi á beira do noso corazón, como amigo, galego, artista, creador en xeral. Poidemos ademirar a obra (na que vostede ten importante parte tamén) de Sargadelos, o Museo, o Castro, o Laboratorio de Formas, a galería de Barcelona (en Barcelona dimos o noso derradeiro abrazo a Isaac, Mimina, Inés) os plans da Escola Cerámica e do Instituto de Arte Galego, etc., etc.
Entre os nosos entrañables, faltaron vostedes. E que por pouquiño, pois disque en xaneiro chegaban a ahí. Que lástima. Pra outra será. Nós non podiamos demorar máis tempo. Aquí quedara o pai de Anisia, que inda que está ben ten moitos anos, e quedaron os meus compromisos de traballo, entre eles dúas esposiciós na Sección Galega. E viñémonos. Saímos de Madrid o 19-11.
E namais por hoxe, amigos. Moitas máis cousas quixerams decirlles. Pero mellor, en persoa. Non sei cando nin onde, pero será. Craro que si. E falaremos a treu.
Cariños de Anisia pra os dous. Unha aperta fraterna de voso sempre amigo leal
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane, a Maruxa Seoane en 30/05/1970
Habana, 30-5-70
Queridos Maruxa e Luis Seoane:
Supoñemos que están vostedes en Buenos Aires, pero ben sabemos que pode non ser así. Pode ser que estén no norde de América, en Suíza, Alemania, en fin... no mundo, nalgún ponto do mundo anque sempre en Galicia e sempre tamén en Buenos Aires. De cote vos sentimos moi perto de nós, asociados a toda imaxe elevada, a todo feito noble.
Coa presente, vai un recorte de España Republicana sobor do Museo de Arte Carlos Maside. Malia que non puido saír (asegún o director, non coupo) un recadro que prepara coa transcripción dun fragmento dunha monografía escrita sobre arte galego, editada polo Centro Lucense, coido que en 1961, onde vostede apontaba a necesidade dun Museo Galego especializado. Esta creación dagora paréceme estupenda. Colaborarei con vostedes. Ando a percurar artigos e incruso obras. (Dei cun traballo sobor do humorismo de Castelao –José Francés, El Fígaro, Habana 1921).
Na Sección Gallega do Instituto de Literatura e Lingüística da Academia de Ciencias, imos facer unha esposición de Tapas de Luis Seoane, ou Tapas de Seoane, ou Portadas de Seoane (o tiduo xa o veremos). É un centro cultural de prestixio. Ahí fixemos a esposición bibliográfica sobre Castelao, e a de Libros Gallego editados en América (que inda está andando).
De nós? Amais de todo o que supón o traballo neste país en Revolución, un traballo de emoción cotidiana, Anisia anda a escribir narraciós e teatro pra nenos. Eu: ten Isaac pra editar O cabaliño de buxo, e findei unhos poemas Poeta na Habana. Que hai de Cuco rei... (simpático título). Apertas fondas
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Maruxa Seoane, a Luís Seoane en 25/08/1969
Habana, 25 de agosto do 1969
A Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires
Queridos amigos:
Acabamos de recibir, garimosamente adicadas, estas fermosas imaxes, estes belidos grabados que compoñen Homaxe a un paxariño (fóiseme, na máquina o diminutivo, que non corresponde esaitamente ó tiduo; talvez polo tamaño pequerrecho do hornero). Se a presencia desta serie é unha festa pra os ollos, polo seu movimento e colorido, a presentación é algo emocionante, que non se lle podería ocurrir a quen non fose un moi auténtico poeta e un home con fondura humán. A anéidota é sinxela, mínima e a un tempo de solidaridade simbolizada na lembranza perpetua por ese pequeno ser irracional. Un pode deducir alusiós moi trascendentes destas poucas verbas. A traxedia da emigración, a ameaza do lume nuclear que pende sobor da humanidade, a lembranza perenne, de homaxe solidario i entrañable, os pantasmas prohibidos. Vaian as nosas conmovidas felicitaciós, Seoane, por esta entrega, tan sinxela e tan grande.
José Batlló vén xuntando poemas nos catro idiomas de Hespaña, de diferentes autores, a Che. Era pra facer un libro de homaxe, que se non puido editar a Peninsua. Mandouno a Cuba. Aquí, o Instituto do Libro ampliou o plan, engadindo poemas de autores de toda América, pero a costa de reducir os traballos dos autores hespañoles. En galego, por exemplo, había 12 poemas e irán cinco. É decir, a maoría quedou fóra (sin apelación, por problemas de limitación de papel, etc.). Con todo quedará unha intresante antoloxía. A min encargáronme a tradución dos poemas galegos, que aparecerán en bilíngoe. Hainos tamén, craro, cataláns e vascos, amais dos que están en castelán. Cos restantes poemas, a maoría, os non incruídos, farase unha modesta separata no quincenario España Republicana. Así o propuxen e acetáronmo. Na portada desta modesta separata (que lle mandarei cando apareza) vai o retrato feito por vostede, o da esposición de 32 pintores. Tamén o Homaxe ó Che, de Isaac, será incruído.
E polo de hoxe namais. Cariños pra os dous de Anisia. E unha cordial, fraterna aperta de voso sempre
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Maruxa Seoane, a Luís Seoane en 29/07/1969
Habana, 29 de xulio do 1969
Queridos Maruxa e Luis Seoane:
Soio dúas palabras esta vez, que podemos decirlles que en verdade o diga todo! Os dous están presentes nos máis variados intres do noso pensar, do noso eisistir. Porque dempois de tratar ó longo do tempo tanta xente, a peneira deixa na lembranza, na constante amistade uns poucos, moi poucos sempre. Tal nos acontece con vostedes e con pouqueniños máis.
De nós, novo, moi pouco. Dentro deste andar –de por si noviño e dinámico– da Revolución Cubana, facemos canto podemos, e do xeito que mellor podemos, sin deixar fóra, pola miña parte, como galego, as obrigas no meu país ó que, certamente, nos derradeiros anos somente lle veño dando algús libros –non sei se útiles ou non, polo de pronto no me fago demasiadas ilusión nese terreo– e penso poder darlle algún día o froito das miñas esperencias destes tempos e logares.
Coa presente, vai un traballiño curto de Anisia sobre nenos vietnamitas, e dúas fotos (non son gran cousa) nas que estamos os dous.
E namais. Reciban unha cordialísima e entrañable aperta, de Anisia e de
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane en 26/03/1969
A Habana, 26 de marzo do 1969
Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires
Meu querido amigo:
Antonte chegoume, de Montevideo, Historias de emigrantes. Foi motivo de singular emoción pra min. Unido a vostede estou dende os comenzos; dende que me decidín a saír á rúa (portada de Dende lonxe que lembro foime enviada por vostede dende Milán). É un síntese máis seguro se camiña ben acompañado. No caso deste derradeiro livro, o vencello é completo. E eu síntome delo moi feliz e honrado. Polo de pronto é o livro meu de mellor presencia, de mellor diseño e calidade gráfica. A estupenda portada (faime lembrar instantaneamente algunhas de Galicia emigrante, algún vitral e algún mural de Bos Aires, obra súa), os dibuxos interiores, todos eles unha acabada síntesis visual do drama migratorio, e polo tanto, en ensamblaxe perfeito cos temas das narraciós. E o prólogo. Ese texto (por demais eloxioso pra min e prá miña inda modesta andaina literaria) di verdades coma centellas; verdades tremendas e rotundas, necesarias. Estou dacordo enteiramente coel; suscríboo en todo o seu alcanzo, sin restarlle o máis mínimo matiz. Certo que en Galicia non se acaba de entender a emigración. Certo que persisten algús deses delincuentes coas súas donas medievales e os seus fidalgos trasnoitados. Certo que a temática do artista arrinca da unión entre os recordos. (Figurando recuerdos) e o país ou países onde se viveu e vive, no desterro. Certo o dos congresos estúpidos e o dos conferenciantes almidonados que iñoran a aportación dos emigrantes, e o dos axentes da hispanidade. Verdades que talvez lle doian a algús –que é necesario que lle doian a algús– e que están moi crara, moi oportunamente pranteadas.
Volto a decir: a presencia gráfica do livro é unha festa pra min (pra nós, pois Anisia está igoalmente entusiasmada e xa o andivo amostrando a ilustradores, tipógrafos, etc., do Instituto do Livro). Vese craramente –aparte das ilustraciós, dise tan pouco nesta vella frase...)
Naturalmente, estas historias non son todas as que poidese contar. Outras quedaron sin narrar. Talvez lle chegue o día. Bos Aires sigue pasando en min. Se teño folgo, voltarei ó tema da emigración galega nese contexto. Proieito (craro que inda pasarán seguramente anos –os meus proieitos son de longo alcance e escribo moi despacio, refago, boto, volto a empezar–) unha novela, máis horizontal con persoaxes múltiples e atmósfera porteña. Distinta, por tanto, na súa estroitura, na ambientación e na época a Camiño bretemoso. Desenrolaríase na década do cincuenta. En fin, veremos. Dende logo, anque vivín 12 anos en Bos Aires, nunha edade e nunhas circunstancias moi especiales de maor intrés. E de maneira singular pode contalas vostede (que xa o anuncia e teremos que tomarlle a palavra). Terá que falarnos en detalle do protestante da Arzúa e de Don Dios e de tantos e tantos aludos na revista do Centro Galego e en Galicia Emigrante (rev. E audición) vostede que tanto anos e con tanta sensibilidade percorreu a vida arxentina, e a dos galegos insertados nela. Esas súas historias agardamos, de maor intrés, estou certo (dígoo con ausoluta sinceiridade) que as que eu narrei ou poida aínda narrar.
Que podo engadir de nós? Seguimos a vivir intensamente, fervorosamente, esta esperencia, participando de cheo en tódalas tarefas que a construción dunha nova vida, dunha nova sociedade nos pon diante. Non perdemos, pois, a ocasión de asumir –á beira de todo un povo– a diñidade. Estas esperencias terán –ogallá sexa pronto– aplicación no noso magoado e postergado país; en Galicia i en Hespaña toda.
Teño un livro en Galaxia pra editar. Son 23 brevísimos contos, agrupados baixo o tiduo de A muller de ferro. É un realismo distinto. Fábulas (nalgunhas delas os persoaxes son animales, coma os do seu bestiario, de Galicia emigrante. Sairán tamén uns versos (un caderno con poucos poemas) en Monforte –Val de Lemos, que dirixe Manuel María– baixo o tiduo de Inquedo latexar (por eles adiante tamén anda Bos Aires). Disporei, naturalmente, que se lles manden cando sallan. Anisia deu romate a unha monografía sobre Vietnam, pra nenos e adolescentes. Farase unha grande edición. Está sendo ilustrada por un bo dibuxante. Tamén termiñou tres obras de teatro histórico, relacionado coas loitas e independencia cubana. Dous libros de contos infantiles, un meu e outro dela, agardamos que sallan nun soio volume dentro de uns meses.
E namais. Cómpre decir que tanto a Maruxa como a vostede os lembramos acotío? É doado maxinalo. Cuase non nos escribimos, pero ben sabemos canto nos une ós catro. Algún día, en calquera cidade (como di vostede) atoparémonos, e será longo o palique, unha conversa longa, de nunca acabar. Será.
Cariños de Anisia pra os dous. Meus saúdos moi cordiales pra Maruxa. E pra vostede unha emocionada e forte aperta do seu vello e sinceiro amigo
X. Neira Vilas
Queridos Maruxa e Luis Seoane:
No seu tempo, saeu o orixinal desta carta. Entre que lla dei a un que a ía botar fóra, e que vostedes estiveron ausentes tanto tempo (por carta de Isaac souben que até fai pouco ficaban na Coruña), temo que non teña chegado o seu poder. Daí que lle mando a copia da mesma.
E namais polo de hoxe. Cariños de Anisia pra os dous. E unha aperta moi cordial e fraterna de
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane en 02/08/1968
A Habana, 2 de agosto do 1968
Sr. D. Luis Seoane
Bs. As.
Meu querido amigo:
Non me é posíbel espresarlle canta emoción nos produxo a súa carta do 15 de xunio, que Camilo levou no seu viaxe e que Isaac nos mandou deseguida. Chegounos onte. Anisia, moi contenta, leuma por teléfono (igoal que o artigo radial sobor de Camiño bretemoso. Pola noite, tiven guardia de milicia e tróuxena comigo (denantes falamos longo de vostedes dous, cousa que facemos con frecuencia) e voltei a lela unha e outra vez –carta, artigo, notas no dorso do mañífico retrato do Che– e pareceume coma un símbolo o facelo con uniforme e fusil na mao, polo que ese mensaxe ten de loita, de afirmación combativa e pola conduta sin volta nin engruñamentos de quen mo dirixía.
Moito, moito tería que decir (e non diría grande cousa) arredor desa conmovedora carta. Falaba con Anisia desas cartas pensadas. Porque nos acontece outro tanto. Sete anos son moito tempo na vida dun ser aitivo, e no seu caso hai que multiplicalos por non sei canto pra ter unha ideia do seu trafego trascendente, en cifra e calidade. Souben dalgús viaxes, de esposiciós, de álbumes, pero é unha imaxe que soio podemos aproisimar coñecéndoo de antemán, como por sorte ocurre. Unha frase de Isaac nunha carta, outra nova, vainos servindo de información resumida. O demais, maxinámolo. E sin decatarnos cuase, cando algún amigo artista (pintor, escultor, dibuxante) vén pola nosa casa, solprendémonos amostrando livros de tapas, dibuxos, poemas seus. Días atrás ía camiñando pola rúa Obispo co escultor Delarra, Direitor da Escola San Alejandro e nunha livreiría de vello atopamos algús tiduos de Dorna, de Pomba, e veña falar das ilustraciós e demais. O cadro que nos regalou cando viñemos ocupa logar de preferencia no noso fogar. E até enmarcamos unha estampa de Nadal que vostede fixera pra Suchard (lémbraa?). Malia esas dúas oportunidades que non chegou a vir. Cantas cousas a verificar, cantos parrafeos e recordos, pero máis ca recordos, proieitos! Porque ese derrotismo de vamos pra vellos de que fala, penso que nin con cen anos chegarei telo. Lémbrome que xa vostede me comentaba eso cando voltou do viaxe de 1960. Ese derrotismo é a antítiesis do pensamento e da dinámica de vostede e estou ben certo que non cairá nel nin con cen anos de vida. Cómpre decir que non son somente os da súa xeneración. Hai algúns da miña (38 a 40 anos) que andan neso. Algunha frase, algún artigo, etc., sirveume pra comprobalo. E cousa curiosa! a de asociar eso ó comento de vostede do ano 60, denantes de ter recibido esta súa carta na que confirma esa teima dalgunhas xentes de por alá, rumo á momificación.
Por sorte, como vostede, non son así as novas xeneraciós (salvo algunha esceición que xa aludín). A mocedade, en sentido xeral, ten un ouxetivo. Sabe a onde vai. Estou en contaito con uns cantos valiosos, por suposto os máis radicales, incruso estudantes compostelanos aitualmente sancionados, e intérpretes de cancións de protesta ou da nova canción galega, ó xeito de Raimon. En fin, estou nese sentido moi ben informado. E xa que falamos de mozos, coñece vostede traballos de Basilio Losada? Criouse en Barcelona e alí é profesor na Universidade; dirixe tamén un Seminario de Cultura Galega. Menciónollo porque lle vén facendo xusticia á obra poética de vostede (revista La trinchera, Barcelona, xunio 1966: La poesía gallega de América, e revista Claraboya, León, septiembre-octubre/67. No extraordinario adicado á poesía galega). Pode imaxinar canto me aleda esa revalorización. Esta xusta ubicación de Fardel e Na brétema e As cicatrices equival a un recoñecemento individual e de camiño á obra do núcreo dos desterrados, que até non fai moito, en certos seitores, acetaban a medias, pese a tan rotundas mostras como se levan dado de aportaciós insoslaiables. En fin, que neste orde coma en moitos outros hai unha toma de concencia en Galiza que medra por días e que resulta un bon síntoma a autocrítica dalgús, como vén acontecendo. Penso que se aveciñan intres de interés, un porvir alentador.
É posíbel que estea no seu poder xa un livro meu inédito (Historias de emigrantes). Dazaseis contos ambentados e desenrolados en Bos Aires, con protagonistas galegos. Son historias breves. Penso que poden axudar á comprensión da vida do emigrante galego nesa cosmopolita cidade; da súa vida, das súas angurias, xa que non son precisamente trunfadores, tal como acontece na realidade coa maoría. En fin, non vou poñerme a latricar arredor dos contos agora. Foron por mao até Montevideo pra que dalí llos remitisen a un rapaz (Tony de Brito), amigo noso de confianza quen iría a velo a vostede a propósito? Dous a un tempo: desexo pra este livro unha introdución e unhas ilustraciós de vostede (sempre, craro está, que o traballo, é decir, este brazado de contos resulte realmente do seu intrés). Ambas cousas serían pra min de grande alegría. A dos dibuxos, non teño que espricala (a súa plástica está unida á miña modesta andaina literaria dende a portada de Dende lonxe, que me mandara de Milán, lémbrase? Dempois foi ese estupendo neno deitado da portada Memorias dun neno labrego). En canto á introdución ou prólogo, pois por esa coincidencia nosa en canto ó feito migratorio galego, á realidade concreta dos galegos de Bos Aires, tan coñecida e tantas veces e de moitas maneiras analizadas por vostede dende a radio, as revistas que dirixeu Fardel, Cicatrices, en fin, por todo eso, pola súa humanidade (e quedoume atrás o primeiro poema de Na brétema, ó citar livros). Tony levaralle, se non lle levou xa, o texto e, unha vez disposto todo, encargaríase de recollelo e mandalo a Montevideo, onde teño unha promesa (a medias) do Patronato da Cultura Galega (Canabal, etc.) de editalo. Tomei en firme esta meia palavra e agardo que cristalice. A eles mandeilles tamén unha copia do texto. Veremos. Tamén intresa –e xo advertín a eles– indicaciós topográficas, de diseño e demais (como lle digo a vostede na carta que vai co texto).
Esta mañán mandei a reproducir o retrato de Che. Mandei sacar varias copias (pois a que vostede madou, Anisia quere enmarcala pra ter nós). A interpretación é formidable, o retrato ten a dozura dos ollos del, o seu xesto, que facendo presencia cuase viva, mantendo ese equilibrio de presente, vivo e o tempo lexendario. Podería falar en estenso desto non soio polas fotos, e retratos de todo tipo que vemos a diario nas paredes, nas revistas e álbumes, por milleiros, senón porque eu tratei persoalmente ó heroi, varias veces en diálogo persoal direito, e perante tres anos en reunión cada dous meses. Esa imaxe a un tempo severa e cordial (como aparez nun retrato grande que teño diante neste instante, no meu despacho do Ministerio) está lograda no seu retrato. Anque algo atrasada, penso dar a noticia da esposición, etc. e pubricar este retrato. Tamén mandei unha copia (a primeira xestión será esta) á Comisión Nacional de Homenaxe, onde se vén recollendo todo o relacionado con Che (xa pasei alí: un poema de Novoneyra, outro de Manuel María, en galego, un artigo de Blanco Amor, un dibuxo de Isaac, etc.).
Xa vostede debe saber que Isaac editou na Coruña (mellor dito, reeditou) as Memorias dun neno labrego. Por razós dunha regulaciós de correos aínda non vin o livro. Mandoume tres exemplares por avión e non o recibín. Penso telos nestes días. Dime Alonso Montero que quedou un livro moi fermoso. Con Isaac (home a quen ademiro, e que apreciamos de verdade, e que, igoal que vostede sigo a cavilar de onde saca tempo pra facer tanto, teño correspondencia regularmente. A empresa de Sargadelos (en cuio desenrolo tamén está vostede o que me aleda certamente) constituie unha iniciativa formidábel e un esforzo tenaz. Sei do Laboratorio de Formas (teño os catálogos), etc.
De nós? Sería longo falar, anque talvez nada novo diriamos, pois supoñémolos informados en certo modo, por Isaac. Anisia, na súa especialidade: literaria infantil. Colabora co Instituto do libro, fai algo de asesoría nas orgaización infantís, na radio, TV, etc. Eu, metido nos convenios e protocolos de colaboración centífico téinica co esterior, e cos lerios de Organismos Internacionales (un trafego que me gosta, debo añadir), no Ministerio da Industria Básica, e facendo algo de xornalismo variado. Derradeiramente, como me estou adicando máis ó galego, no tempo que me queda livre, voume limitar a unha seición semanal, breve, de caráiter humorístico no semanario Palante, satirizando vellas taras, egoísmos, etc., que perduran na xente a pesares dos cambios sociales, da nova estroitura: tamén o burocratismo, etc. Proieito levar a cabo algo en torno a Galiza aquí. Sería longo espricar o por que, pero en síntesis é: incorporar o tema de Galiza, súa literatura, etc. a un orgaísmo oficial, como poidera ser a Universidade, o Instituto de Literatura e Lingüística, etc. Veremos. Hai que partir cuase de nada, de moitísimos menos, craro do que se tería que partir pra unha iniciativa semellante en Bos Aires. Do que salla, tereino informado.
E abonda! Non, non abonda. Vexo que inda non falei do artigo radial sobre Camiño bretemoso. Gracias, moitas gracias por todo o que dixo desta noveliña e da miña persoa. Percurarei non defraudalo. Fago, deliberadamente e dentro do que as miñas forzas dan, unha literatura nefeuto, popular. Quero que a xente me entenda. Que os obreiros e labradores, se cabe, poidan ler. No caso do galego, intresa non soio polos temas, senón tamén polo feito de que a xente leia na língoa que fala. Téntame, ás veces, algunhas modas ou estilos, pero volto a pensar inevitablemente no noso povo. Gracias polo que di arredor de Follas novas, etc.
Agora si. Vaia pra Maruxa e pra vostede unha aperta moi garimosa e cordial, de Anisia e de
Xosé Neira Vilas
O Día das Letras Galegas fixen unha semblanza de Curros, pola radio, e lin en galego varios poemas del.
Hai aquí un tal José Seoane (será parente seu?) que leva pubricados dous livros sobre investigaciós folklóricas, na Universidade Central (un sobre medicina popular e outro Cuentos de aparecidos). Non o conozo. Vive en Santa Clara ou por alá.
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane en 04/07/1968
A Habana, 4 de xulio do 1968
Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires
Meu querido amigo:
Escribinlles en avril pasado, a través de Isaac. Recibiron a carta? Agora volto a facelo, de modo máis direito. Comenzo por presentarlles a Antonio de Brito (fillo de portugués e galega), amigo entrañábel dende fai dez anos e que o sigue sendo de xeito cabal. Confíe nel, pois, en todo sentido.
Tony (como lle chamamos familiarmente) lévalle o texto do meu livro máis recente: Historia de emigrantes. Un livro relativamente curto. Son 16 historias de galegos emigrados en Bos Aires. Percurei varias cousas: ambiente de cidade cosmopolita nestes relatos (os meus contos anteriores discurren no ámbito rural). Cada historia non é somente a dun individuo, senón que aparez no contexto migratorio en mestura con outros galegos e inda con emigrantes doutras latitudes (xudeos, italianos, paraguaios, etc.). Os seus protagonistas non son trunfadores, senón os da maoría: obreiros, criadas, etc. Carecemos en Galiza dunha literatura galega de cidade. Neste caso, a atmósfera é de cidade, pero na América (na meirande cidade galega). A procedencia dos persoaxes é rural deliberadamente (rural é a maoría dos nosos emigrantes, craro). O desprazamento aldeia-cidade é sempre motivo de análise arredor da adaitación, pero neste caso o desprazamento non é á Coruña ou a Santiago ou a Vigo, senón a unha cidade moito mor, cosmopolita, de certo, na outra banda do mar. En fin, todas estas pequenas consideraciós responden ó meu propósito (logrado ou non, deso non podo ou falar), e soio pode engadir que se trata dun dos meus livros máis queridos (e non por ser o máis recente), e talvez o que máis traballo me deu. Quixen levar ó prano literario a emigración en Bos Aires e non precisamente a por de ricos e banqueteiros e moñifates, que de todo hai, senón desa maoría que poucas veces (con esceición de vostede mesmo en Fardel... por exemplo, e poucos casos máis) foron tidos en conta polos creadores galegos.
E agora veño a preguntarlle esto: Quero que vostede faga pra el unha portada e algús dibuxos pra ilustraciós interiores. Mais: quero (direi por que: a súa comunión con Bos Aires, o seu fondo coñecemento dese cidade, a tenrura ou como se chame con quen ten enfocado sempre os problemas da nosa emigración no ámbito porteño, etc., etc.) quero, digo, unha introdución ou prólogo seu pras Historias. Por derradeiro: quero o seu diseño en canto a tamaño de livro, tipo de letra (tería de ser máis ben tirando a grandeira, xa que o texto é pouco) e demais, pra que este traballo galego-rioplatense, ou galego-porteño salla o mellor posíbel. Esas tres cousas lle pido.
En principio, as Historias serán editadas polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo. O amigo de Brito estará en contaito con vostede e tan axiña como todo estea, recollerao e ocuparase do envío pra liberalo a vostede dese trafego.
Polo de hoxe, esto é todo. Escribireilles máis longo pra falar de nós, do noso quefacer, anque Tony pode decirlles algo, pois temos correspondencia seguida.
Cariños pra os dous de Anisia. Miñas lembranzas a Maruxa, e pra vostede unha aperta fraternal de sinceiro amigo
X. Neira Vilas
[Escrito na marxe esquerda:] Coñece a edición eistraordinaria da revista poética Claraboya (León) onde aparecen poemas seus e fala amplamente de vostede Basilio Losada? Coñece o artigo deste mesmo autor sobre a poesía galega na América de La trinchera? Tamén nel se refire á súa poesía.
Transcripción da epistola de Luís Seoane, a Xosé Neira Vilas en 15/06/1968
Buenos Aires, 15 de xunio de 1968
Sr. D. Xosé Neira Vilas
Habana
Meu querido amigo:
Fai anos que tiña de escribirlle. Debín facelo moitas veces. Unha delas cando recibín un recorte dun diario ou revista adicado a min, e onde vostede deixouse levar pola amistade pra facer eloxios da miña laboura. Outras vegadas cando, ó meu turno, e moi xusticieiramente, teño escrito sobre vostede pra Galicia emigrante con motivo sempre de libros. Mais eu son un vago e tardo moito en escribir unha carta. Como tódolos vagos, perdo moito tempo e pra unha carta materialmente escrita nun intre calquera fun esquecendo dúceas delas que matinei nas horas máis inconcebibles que no meu pensamento tiñan xa forma de carta e nas que se decían ó meu parecer, cousas interesantes. Mais esquecidas logo. A vostede xa lle teño remitido un tomo de moitas páxinas, tantas matinei en todos estos anos. Téñolle falado de todo o que interesarlle a vostede e interésame a min, de arte, de política, de Galicia, da coleitividade deiquí, de libros, dos intelectuales galegos, das xentes galegas en xeral... Faleille do que fixen en tantos anos, moitos cadros, exposiciós, álbumes, viaxes, novos murales... todo o que un vai facendo impaciente, con présa como mascando chicle tontamente pra queimar enerxías e imprimirlle un senso á propia vida, ou tratando de descubrir cal é ise senso, com a pode xustificar un si pode xustificala. A vostede pregunteille polos traballos que facían Anisia e vostede, polos que tiñan feitos ó chegar, por tódalas espranzas que vivimos xunto eiquí encol do porvir dese país i, en xeral, de tódolos pobos, por todo aquelo que nos incumbe máis fondamente. Unha ou dúas vegadas puiden ter ido a esa e por diversas circunstancias, traballo, non cheguei a ir. Non sei si voltarei a ter outra oportunidade.
Galicia foi pra min en algús aspeitos unha decepción. A frase dita máis acotío polas xentes da miña xeneración é “xa vamos vellos...”. Eu non tiña pensado endemais na edade como unha cárrega deica o ano 60 en Galicia. Todos repetían, “xa vamos vellos...” i eu, probe de min, non o estaba entón e sigo sin notalo e traballo tratando de millorar no que fago, inventando ou tratando de inventar novos medios de eispresión, como fai moitos anos, cando colgaba os meus dibuxos na parede do Café Español de Santiago, tratando agora de facer en Galicia algo novo, acompañado a Díaz Pardo, que tamén esquece o tempo no traballo. “Xa vamos vellos”, parecía ser a divisa de Galicia no ano 60. No 68, xa todo cambiou, eisiste unha espranza, bulen os mozos e os que se sentían vellos entón teñen oito anos máis e levan camiño de momificarse. En xeral, con eisceciós, as xentes da miña xeneración son en Galicia moi vellas e teñen o medo a todo dos vellos. Medo a que un aire ou calquer cambio os mate. Lévome ben con todos, mais non podo falar con eles de aitualidade. A carón deles envellezo repentinamente e lembramos o pasado i estou a punto de decir como eles, “xa vamos vellos...”, e ficar sin espranzas, sin urxencia, sin respostas, perdida a fe. Mais todo está cambiando tamén en Galicia e moita xente moza está renovando as mentalidades detidas no tempo. Estanse facendo cousas interesantes e destacándose xentes novas de verdadeiro valor que a un danlle polus pra o traballo. En Buenos Aires, xa vostedes saben. Medra eistraordinariamente o movimento cultural, hai máis concertos, máis teatros, máis cines, e pra cuestiós de arte hai unhas setenta galerías. Faltan outras cousas tan importantes como istas, tódalas que vostedes coñecen. En canto á coleitividade millor é non falar. Eu estou arredado. Agora van facer uns xogos florales, con raíñas e frores naturaes, como é lei, patrocinados pola Academia Galega e as entidades máis importantes da coleitividade, excluíndo o Centro Galego. Os mentores son Valentín Fernández e penso que Regueira, e os cartos ponos M. Puente. Valentín Fernández é agora o inteleitual dos centros provinciales. Eu propuxen que en lugar dos xogos florales fixesen un torneo, tamén lembrando o medioevo, a lanza i espada, con armaduras, nun campo de fútbol, de Boca ou de Racing, por exempro, entre dous calesquera nemigos. Non me fixeron caso e, non embargantes, penso que tería maior expectación que os cantos a Galicia, á muller galega, etc. Ben, isto é todo por hoxe. Do meu traballo non teño moito que decire. O 1º de xulio inauguro unha grande eisposición retrospectiva, 120 cuadros, de 1948 a 1968. Iste ano xa fixen dúas eisposiciós, unha no Museo de Bonn i outra eiquí. O ano pasado fixen tres en Alemania e unha en Madrid. Tamén escribo algo. Traballo. Non sei si esta carta ten algún intrés pra vostedes. Mais por ista vez, non a deixo soio pensada. En todo caso, os lembramos, que os queremos moito, que ficamos convencidos que calquer día voltaremos a coincidir en calquer cibdade. Nós, de algún xeito, sempre sabemos de vostedes. Procuraremos no porvir enviarlles noticias nosas. Réstame decirlle a sorpresa que Maruxa i eu tivemos coa adicatoria de Camiño bretemoso. Non sabemos como agradecela. Emocionounos fondamente. Moitas gracias.
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Maruxa Seoane, a Luís Seoane en 03/04/1968
3 de abril do 1968
A Maruxa e Luis Seoane
Bos Aires
Queridos amigos:
Escribinlles fai tempo, vía O Castro. Anque non souben de vostedes direitamente, teño noticia do seu quefacer. Viaxes, esposiciós (teño diante o catálogo da coleitiva de Quixote, que me mandou Isaac). Vexo cada tanto mostras do seu arte, pequenas mostras que son unha síntesis refrescante dese seu longo e intenso e maduro andar (Galicia Hoy, Viaje a Sargadelos, Antoloxía de Castelao, pra falar soio de tapas; e eses murales de novo estilo como os que aparecen en Galicia Hoy). En veces, revolvendo en librerías de lance daquí, poden verse dibuxos seus, tapas súas, e un alédase, naturalmente, coma se batese co autor na rúa. Vai pra sete anos que non os vemos. Lémbrome daquela noite no restaurante de Cangallo ou Sarmiento, non sei ben, onde nos agasallaron uns cantos amigos de certo. Laxeiro recitou en checo, e Maruxa cantou A miña burriña, etc., que Anisia adeprendeu moi asentada e inda repite cada tanto. Era o 28 de xunio, data galega moi sinalada, e tamén por eso a lembro.
Souben por Isaac desa esposición de homaxe ó Che; da formidábel interpretación de vostede no seu lenzo; dos vinte minutos que durou todo, en fin. Quixera facer algo sobor deso, e quixera, sobor de todo, dar conta á Comisión de outo nivel creada pra perpetuar a memoria deste home eistraordinario (a quen tiven o privilexio de tratar), a que recolle tódolos feitos e homaxes que se lle rinden. Podería mandarme (a través de Isaac) catálogo –de habelo–, e onde non, nomes dos artistas participantes, sala, data en que se celebrou, etc. E se é posíbel, unha fotografía do cadro de vostede.
Dime tamén Isaac que vostede se ocupou da miña noveleta Camiño bretemoso na audición galega que escribe. Sería moito pedir que me mande unha copia do texto? Hei de agradecerllo, pois a súa opinión intrésame particularmente (metinme con Bos Aires, a Patagonia, etc. de anos atrás e non sei que pensará vostede de tal empresa, arriscada, por certo). De camiño (e tamén se non é pedir demais) prégolle que me mande o comento, tamén radial, que –dixéronme– fixo arredor do meu libriño de contos tiduado Xente no rodicio. E disculpen tanto pedir...
De nós tería tanto que decir... Vivimos esta esperencia histórica, día a día, que é unha formidable escola; escola até nos erros, nas cousas que, ás veces, saen tortas. Polo demais, somos milicianos, labregos por tempadas, xornalistas, un pouco de todo según as necesidades e as circunstancias do momento. Como trafego constante, Anisia escribe pra nenos (radio, teatro infantil, algo de biografías e traballos de divulgación –un xeito de monografías breves) no que é cuase unha especialista. Eu, no Ministerio de Industria Básica, na Direición de colaboración técnica (protocolos de colaboración, orgaísmos internacionales, etc.) e parellamente xornalismo en veces, cando teño tempo. Tamén –talvez por contaxio con Anisia– escribo ás veces pra pequechos. Pubricouse meu En el zoológico (libriño pra pequerrechos de 4 anos) e está no prelo Aventuras de juguetes (6 contos pra o mesmo nivel, co que compartimos o segundo premio nun concurso Anisia e eu alá polo ano 65); en fin, algunhas cousas máis, e por suposto sigo a escribir en galego, pois eso é consustancial coa miña vida. Teño feito algo máis e moito proieitado que se irá cristalizando. Eso, en poucas palavras, é o que podo decir como resume da nosa andaina por estas terras (non tan quentes como se di: 12-28 grados).
Agardo, pois, novas de vostedes a través de Isaac. Entramentras, reciban os dous cariños de Anisia e unha aperta de
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane, a Maruxa Seoane en 19/01/1967
A Habana, 19 de xaneiro do 1967
A Maruxa e Luis Seoane
Galiza
Moi queridos amigos:
Sabemos de vostedes por Isaac. Sabemos do viaxe a México e a Norteamérica e a Alemania. En fin, penso que todo elo será de grande importancia pra vostede. Seoane, pro seu quefacer artístico, prá súa pintura, xa universal. Por todo elo, aledámonos sinceiramente.
Isaac dime que, se quero escribirlle, podo facelo ó Castro, pero non sei se a presente lles chegará ou non, debido precisamente a que non sei por onde andarán. Nunca estiven no Castro, pero teño pra min que debe ser un logar acolledor (sobor de todo polos amigos que alí se reunirán; un xeito de Donselar, non si?). Certo é que alí non estarán todos. Varela sigue en Bos Aires. Baltar voltou pra alá. De Dieste tiven carta fai pouco. Aledoume moito, pois facía tempo que non sabía del (nin de Carme).
Souben (non me lembro agora como) que vostede se ocupou nunha das audiciós de Bos Aires do meu pequeno livro Xente no rodicio. E quixera ter, se lle non é moi molesto, o texto daquel comento, porque estimo moito todo o que vostede (pola súa agudeza crítica) poida ter dito. Sería posible que mo mandase? Gracias.
E polo de hoxe namais. Agardo noticias de vostedes. Entramentras, reciban vostede e Maruxa lembranzas de Anisia e de voso amigo
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane en 05/06/1966
A Habana, 5 de xunio do 1966
A Maruxa e Luis Seoane
Bs. As.
Queridos amigos:
¡Tanto tempo, tantas cousas acontecidas! Vai –parece mentira– pra cinco anos que non nos vemos. Cumpriranse o próisimo día 28 (cea nun restaurante da rúa Sarmiento. Gardamos con agarimo a servilleta con dibuxos de Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo, e palavras de Dieste, Varela, Baltar).
Está demais decir que os temos decote presentes. Máis do que poden imaxinar. Sin darnos conta, de pronto a un amigo que chega con inquedanzas plásticas (o escultor Delarra, e outros) comenzamos a ollar tapas de livros, e Libros de tapas, grabados en metal e madeira, o fermoso óleo que penda na parede do noso fogar. E falamos (murales, editoras, xornalismo, Galicia emigrante). Todo. Recentemente deuse aquí por radio a noticia de exposición coleitiva en Bos Aires na que vostede tomou parte. Refírome á de homaxe a Vietnam. Con ese motivo, escribín un sinxelo artículo que se pubricará no diario Juventud rebelde (único diario nacional da tarde), nestes días.
Anque non tiñamos correspondenza direita, sabemos que están vostedes ó tanto do noso quefacer, por Isaac. Isaac é unha das persoas con quen mantemos (de todo o ámbito da nosa limitada correspondenza) un contaito máis seguido. A dinámica de Isaac é asombrosa. Un día escribe dende o Castro; outra vez de Madalena; de pronto dende París, ou Madrid. E logo esa dinámica que trascende das súas cartas, ese andar polos máis diversos vieiros da aición creadora. Na aitualidade, sintetizando, facemos: Anisia: de responsable de redaición dun semanario infantil, e escribindo teatro pra nenos, xénero no cal especializouse certamente. Eu: a cargo dun departamento (denominado de Convenios y Protocolos) na Direición de Colaboración Técnico Científica do Ministerio de Industrias; e fago xornalismo variado (temas literarios, reportaxes no ámbito da industria, e humorismo –neste raro xénero mantiven as seiciós fixas Tribuna de quejas e Variaciones sobre el mismo tipo, e agora pubrico, con frecuencia cuase semanal estas: La voz de las cosas e Buro-crónicas, nos semanarios El sable e Palante, respeitivamente; son con temas de críticca, ridiculizando o burocratismo, etc. Galicia está presente arreo en moitos dos meus traballos (Valle Inclán, poesía galega, humor galego, poemas galegos de Lorca –dos que fixen unha tradución que se pubricou con introito na Revista da Universidade Central–, etc.). E, por suposto, seguir escribindo en galego (estou cunha serie de contos que poderiamos chamar simbolistas. Dei romate a unha noveliña e a un manoxo de poemas. Tamén, un pouco pra competir con Ani, escribo pra nenos. Xuntos (cousa moi pavera por certo) compartimos un premio nacional o ano pasado con cadanseu libriño de contos. Anisia pubricou Becados, uns relatos estudiantiles e eu En el zoológico, un contiño curto e moi ilustrado pra nenos pequerrechiños, do cal fixeron uns corenta mil exemplares. E está é a nosa vida, unida á aitividade social diversa (milicia, etc.). Penso que lles puiden dar unha ideia aproximada do noso andar por estas terras, onde se vive moi intensamente. Seguramente, parecidas a aqueles anos, vividos por vostedes, previos a 1936.
A Habana é unha cidade limpa, fermosa, con xente leda. Aquí hai un dito que todo se tolera menos cair pesado. Vese España nos costumes, moito máis que no conxunto de Bos Aires. Todo o que é español valórase e trascende na xente o orgulo de orixe. Non hai no orde cultural a profundidade que se pode ter (en) Bos Aires, pero a cidade absorbe, atrapa ó que chega, sin que el se decate. A xente é hospitalaria, en todo o país.
No orde galego (pouco podo decir nunha carta), hai oitoxenarios e algúns que teñen algús anos menos, pero dificilmente se atope un que baixe de 60. Us non están dacordo co sistema anque ben mirado non os perxudicou, pero torceulle os seus propósitos. Por exemplo, un antigo propietario de dúas ou tres casiñas pasaba traballos pra cobrar o alquiler, e agora ten asegurada renda vitalicia sin traballo ningún máis que ir a buscala. Pero moitos preferían ter máis incomodidade. Outros, nin arre nin xo, coma se vivisen noutro mundo. E moitos máis están plenamente integrados e síntense realmente crase (teño pensado se tería certo intrés escribir uns reportaxes a galegos que desempeñan postos de responsabilidade neste instante). Ó mellor concreto un livro algún día con ese tema.
E namais. Cariños de Anisia. Saúdos aos amigos comúns. Un abrazo forte de
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane en 21/03/1964
A Habana, 21 de marzal de 1964
A Luis Seoane e señora
Madrid
Amigos moi queridos:
Parece que foi onte cando deixamos Bos Aires, e vai pra tres anos. Parece mentira. Sempre tiven unha noción fuxidía do tempo, porque decote me parece escaso, pero nestes trinta meses a cousa resultoume máis veloz ca nunca. Tanto hai que facer e crear aquí e tan a gosto se fai, que non se sinte o paso do tempo. Porque aituar en Cuba, anque se trate do labor máis modesto, é sentirse útil, sentirse protagonista de algo, moi importante no seu conxunto. Este país é un laboratorio en moitos aspectos. E é o centro do mundo nalgúns outros. E o caso é que o povo –antes degradado e corrompido– síntese aitor desto, sinte o seu camiño como seu, como propio. Esto faime lembrar, anque máis por referenza que por esperencia propia, o primeiro quinquenio dos anos trinta, vividos por vostedes. Talvez aquelo fose máis importante, pero é o mesmo entusiasmo creador.
Percurarei sintetizar o noso quefacer aquí. Eu sigo na Empresa Automotriz, do Ministerio de Industrias, agora a cargo do departamento de Intercambio, que comprende as seiciós de Abastecimientos (compras), de Entrega de Productos (vendas) e Xurídica. As Empresas chámanse Consolidadas porque abranguen producciós afís. Hai 52 Empresas industriales, divididas en Básicas e Lixeiras. Esta (Automotriz) ten 23 fábricas de productos diversos e neste ano incorporaranse sete máis, entre elas dúas totalmente novas, con tecnoloxía checa, de buxía de encendido e bicicletas, e outras máis de carrocerías pra ómnibus. Manexo ben este mecanismo, anque ten a súa complexidade, debido ó tempo que levo aquí, e eso permíteme adicar enerxías ás miñas cousas (enerxías e tempo, que no comenzo nin tiña). Escribo unha seición fixa na revista Bohemia (sae cada quince días) chamada Tribuna de Quejas, onde satirizo o burocratismo, os malos métodos de traballo, etc. Son unha especie de precursor nesta maneira de criticar dende dentro. Tamén pubrico cada tanto artigos no diario El Mundo sobre temas literarios, e outros. Dei remate á novela galega Camiño bretemoso (o protagonista é un galego, un emigrante frustrado que chegou á Arxentina alá polo ano 1914 e pasou gran parte da vida na Patagonia). Escomencei este traballo alá (en Bos Aires) e trouxen o resto de material accesorio que me facía falta. Deille remate fai máis dun ano. Tamén terminei un livro de contos (Xente no rodicio), un livro breve, con 16 narraciós. Teño en proieito algúns cadernos de contos pra nenos, en castelán. Concedéronme un premio nun concurso literario de Ministerio de Educación, por un texto de lectura pra 5º grado. E esto, en síntese é todo.
Anisia tamén escribe. Colabora mensualmente na revista Mujeres, con temas latinoamericáns (folklore, tradiciós, historia, etc.) Outuvo un premio de teatro infantil e outro de centos, tamén pra nenos. Traballa na Editora Juvenil, como coordinadora de ediciós, con Herminio Almendros (amigo de Otero Espasandín) e con Carpentier que é o director da Editorial Nacional. Dende fai catro meses por encargo de Carpentier quedouse a cargo da Editorial (de administradora) pra superar certas dificultades, pero xa feita unha reestructura, nova, anque tamén colaborei, volta nestes días ó seu trafego na juvenil, que é o que lle intresa realmente.
Esta é en síntesis á nosa vida, o que pode engadirse aitividade en milicias, círculos de estudos políticos, etc. Como digo no comezo: un vivir intenso e agradable.
Souben do seu premio e felicítoo sinceiramente. Tamén da esposición de grabados de Coruña e da de Madrid. Pero sei que en tres anos –dacordo coa súa capacidade inmensa de traballo– a súa obra vai máis alá destas dúas grandes mostras. Sei que lle non gosta escribir cartas, pero quixera ter unha moi longa, con moitas novas, sobre todos os problemas de cultura galega, obra súa, perspectivas do livro galego en Galiza e Bos Aires, situación aitual da plástica galega, etc., etc. E tamén dos nosos políticos. Todo o que vostede creía interesante.
E por hoxe namais. Cariños de Anisia e pra Maruja. Unha grande aperta de
Xosé Neira
[Manuscrito na marxe esquerda:] Calle 4 nº 19- Apto. 13 Vedado- La Habana- (Cuba).
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane en 04/07/1961
Habana, 4 de xulio do 1961
A Maruxa e Luis Seoane
Buenos Aires
Queridos amigos:
Dempois dun viaxe estupendo, antonte chegamos a Cuba. A esta Cuba revolucionaria na que hoxe é un privilexio residir e participar do seu intre histórico. Botamos un día enteiro en México. Estivemos con C. Velo e con Soto. Percorremos a cidade, mañífica por certo, coa promesa de visitala con máis vagar. Tres cousas nos ademiraron: a cidade universitaria (talvez unha das mellores do mundo), a Plaza de Armas, cos edificios que a rodean, e os murales de Rivera, Siqueiros e Orozco. Eu coñecía a reprodución de algús, principalmente de Diego Rivera, pero velos direitamente é quedarse asombrado.
En México, tamén estiven con Arturo Souto no seu taller. Confidencialmente, debo decirlle, e xa mo adiantaran Velo e Soto, que Souto áchase dende fai tempo sofrindo un xeito de doenza sicolóxica. Unha tremenda neuralxia que o fai indifrente, medoso –disque nin siquera atravesa soia a rúa– e con períodos nos que perde a memoria. Pinta pouco. Repite dende fai anos que vai ir a espoñer a unha galería de Madrí. Perguntoume vagamente por vostede, por Varela e por Dieste.
Que podo decirlle de Cuba? Moito, a pesares de que son horas apenas as que levo aquí. Onte fun a un acto no mañífico teatro da C.T.C. Falaba un mozo de arredor de vinte anos sobre pranificación económica. Asistían unhas dúas mil persoas. Hoxe fala Fidel por radio e TV. Tamén hoxe asistirei a un acto orgaizado pola asociación norteamericana Amigos de Cuba que funciona nesta cidade. Conmemoran a independencia dos EE.UU. cun acto púbrico de adhesión á Revolución Cubana. Desto non se fala fóra. Esa parte das casas dos millonarios do barrio de Marianao foron abandonadas polos seus donos, e están ocupadas polos diplomáticos dos países socialistas e por Escolas de arte. Destas hai máis de trinta. Asisten a elas, e nelas dormen e comen guajiros que siguen un curso de tres anos. Adequiren cultura xeneral e principalmente música, danza, artes plásticas, etc. Proveñen de tódalas provincias e a elas voltarán pra seren alí mestres, cada coal na súa discriprina. Escomenzan o seu labor ás seis da mañán cantando a Internacional. Aquí as libreirías teñen de todo sin restriccións de ningunha caste. Cada coal pode opinar do que queira; certo é que os contrarrevolucionarios son tan poucos que nin se notan, pero a ninguén molestan polas súas ideias. Esto é cuase increíbel, se temos en conta que se vive un intenso proceso revolucionario, aturan bloqueos de toda caste por parte dos Estados Xuntos...
Pra que se dea unha idea da dinámica revolucionaria, poreilles dous exemplos: nunha tarde –a de onte– asistín á creación do Consolidado da Industria Automotriz, elixiuse o persoal, instalouse todo un piso de oficiñas e celebráronse tres xuntanzas con donos de talleres de diversos accesorios mecánicos. O outro é que en sete días costrueuse un aeródromo especial pra que o cosmonauta Yuri Gagarin, a quen veremos o 26 na Habana poida aterrizar cos cinco potentes avións que o acompañan na súa visita e que se supón serán donados a Cuba. A campaña de alfabetización marcha moi ben. Pra fin de ano non quedará un soio cidadán que non sepa ler e escribir. Hai un exército de 100 mil mestres voluntarios, que se instalan nas casas e ensinan, ás veces, a familias enteiras. Se non hai logar, dormen fóra e naturalmente comen por conta do Estado. Outra cousa moi curiosa é que até os delincuentes están coa Revolución. Os presos da cárcere da Habana desfilaron o 1º de maio. Traballan, e do que gañan, fan aportes pra mercar tractores, etc. O tesoureiro é un preso que foi condenado a non sei cantos anos por roubo. Tería moitas cousas máis pra decirlles. Cousas verificadas por min. Cousas increíbeles. E o máis asombroso é que este povo, antes anarquizado, corrompido, viciado, preguiceiro, vive con enerxía a súa Revolución. Fala de invasións, pero non lle teme. Está armado. Ten concencia do seu destino. Asisten tódolos días a cursillos, conferencias, mercan livros, falan de divisas, de planificación, de problemas moi serios e de política internacional coma quen fuma. E protagonizan a Revolución cantando. Un povo sin prexuicios, nin pra vestir, nin pra comer, nin pra falar. Reaízan as cousas máis trascendentales cunha naturalidade desconcertante. Entrevistas de empregados de baixa categoría con altos xefes en mangas de camisa, tutéanse todos (sin que deixen de respetarse), vense, se cadra, ministros a pé e obreiros manexando un cadillac que lle emprestaron, que había a man, que rubeu a el porque o achou primeiro e está apurado, etc. Non eisiste a burocracia ó xeito tradicional. Nestes dous días asistín a varias xuntanzas moi serias e pra tratar problemas non menos serios relacionados coa producción e todo se resolve con outimismo, con eficacia, sin perda de tempo. Hai xente que traballa até quince horas por día. Ninguén fala de xorne, nin de horas extras. O traballo máis alá das oito horas é vontario, pero ninguén se limita a esas oito horas. Non eisisten jefes, senón compañeros responsables.
E polo de hoxe, namais. Cando falo tanto en dous días, non sei o que terei que decir cando leve aquí un ano.
Prégolle informe desta carta a Dieste, Varela, Laxeiro, Díaz Pardo. Estou asentándome aquí e non teño tempo pra escribir a un por un. Gracias.
Lembranzas de Anisia. Un saúdo cordial, fraterno pra vostedes dous, de
Neira Vilas
Xosé Neira Vilas
Avenida 5ª A 6209. Miramar, Marianao, La Habana, Cuba.
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane en 02/02/1961
Buenos Aires, 2-2-1961
Querido Seoane:
Xa vostede sabe que son pouco espresivo, e que persoalmente, talvez, non lle houbese dito nada. Pero teño que manifestarlle, anque sexa probemente, con catro palavras esquirtas a miña fonda gratitude polo traballo que vostede fixo pra audición radial do C. Lucense, a propósito do meu livro. Nel verqueu conceitos que, talvez, me queden grandes. Son verbas de amigo –que moito me honra por selo–, pero ó mesmo tempo, verbas graves, sempre sinceiras, que comprometen o meu futuro e xa inevitábel quefacer literario e cívico. Tratarei de non defraudalo.
Coido terlle dito que desboto os comprimentos de rotineira, con dentes regañados e corazón frío. (E neso creio semellarme a vostede). Por eso, logo de escoitar o seu comentario, i eludindo o anacrónico moitas gracias, quero, si, decirlle que entrou até o cabo dos máis sutiles resortes sicolóxicos nos que percurei asentar ó protagonista, así como na realidade social en que este se desenvolve. Anque debo engadir que non me solprende en demasía esa perceición, pois xa tiña testemuño anterior dela no esceicional dibuxo que sirve de amplo cancelo ás Memorias.
E namais... por hoxe.
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane en 24/04/1960
Buenos Aires, 24 de avril do 1960
Sr. D.
Luis Seoane
Madrid
Querido amigo:
Recibín antonte a súa moi grata, datada en Venecia. E co-ela o dibuxo prá tapa do meu livro. É magnífico! Axeitadísimo! E nises cores –azul e laranxa– vai quedar precioso. Mañán entrégame a proba o grabador. Francamente, non sei como xuntei audacia para irlle co-ista nova canga... Pero xunteina, e vostede, xeneroso e traballador, atendeu coa habitual xentileza a miña teima. Estoulle outamente agradescido.
Logo da primeira carta, da que vostede mencioa, escribinlle outra (tamén a Basilea, naturalmente), porque aquela, despois de pórlle franqueo de certificada, guindeina distraído no buzón. Si é que lle chega, pois, non faga caso dela. Ten data 13 de avril.
Eiquí lembrámolos arreo. Inda hoxe, Anisia e mais eu, logo de escoitar Galicia emigrante parolamos sobor das utilísimas e inéditas ouservacións súas por Europa en relación con Galicia (o museo de Basilea, o de Lisboa, algunhas fachadas de Suíza, o livro de Tavares Rodrigues –que eu non coñezo–, etc.) Ogallá vostede se decida cando volte a escribir e pubricar un libro que recolla todas isas agudas esperencias.
Chegouse a Peña cultural gallega Rosalía Castro, en Rosario. Asistín á súa fundación e pronunciei unha confrenza sobor A cultura galega na hora aitual. Son cuase todos arxentinos de orixen galego. Están ben ourentados. Teñen un periódico mensual (Aquí Galicia) do que vai saír xa o 2º número.
Onte estivemos Anisia, eu e o e embaixador de Cuba no Teatro del Pueblo. Falando de vostede con Barletta, da súa obra diversa, díxome que non perdía o mentes de poder levar a escea La soldadera. Quedei en levarlle mañán El irlandés...
E por hoxe, non lle dou máis lata.
Nosas garimosas lembranzas prá señora Maruxa e vostede reciba unha forte aperta do seu invariábel amigo:
Transcripción da epistola de Luís Seoane, a Xosé Neira Vilas en 14/04/1960
Venecia, 14 de abril de 1960
Sr.
José Neira Vilas
Buenos Aires
Estimado amigo:
Envíolle o dibuxo pró seu libro. A súa carta seguiume hasta Milán, pois chegou a Basilea cando xa tiña partido desa cidade. Non teño as dimensiós do seu libro. Prégolle que vostede lle poña os centímetros de acordo co de Anisia, de xeito que non queden brancos ás beiras. A disposición tipográfica, a mesma indicada pra o outro libro. Perdóeme o retraso.
Unha aperta con saúdos pra súa dona e tódolos que me lembren, do seu amigo:
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane en 22/03/1960
Buenos Aires, 22 de marzo do 1960
Sr.
Luis Seoane
Suiza?
Querido amigo:
Anque cun pouco de tardanza, veño acusar recibo da súa moi atenta e do dibuxo pro libro de Anisia. É precioso. Siñificativo. Acorde co tema. E a combinación de cores queda de primeira. Amais de no-los dous, tivo ocasión de ponderalo o inxenieiro Díaz, quen colaborou conmigo encarregando o clise en Caparrós. Agradecémoslle infindamente a súa atención.
Á impresión do livro de Ani asociouse un problema –si queremos chamarlle así–: a posibilidade de que un manuxo de poemas meus agrupados baixo o rótulo de Dende lonxe.
(... vou a ti dende lonxe.
Rubo a ti por unha escada de verbas coruscantes.
Casa pasada un hino,
cada chanzo un latexo.
Levo nunha estrela
o mensaxe dos teus fillos desterrados
que che son fideles
máis alá dos reloxes e do mar.)
(fragmento)
poida imprentarse a seguido do dela. Desa maneira, sáenme os dous máis baratos. Levo falado co inxenieiro Díaz desta imprenta e quedamos en non perdela de vista pra cando veña vostede, pois resulta máis económica que Rivera. E, se se trata dun plan editorial e non dun soio libro, máis económica aínda, naturalmente.
Eu teño outro livro (breve tamén) de poemas, en concurso, co mentes de incruílo na coleición a herba de namorar, pero deso xa falaremos tamén. Un máis, de contos, estouno preparando.
Pero voltando a Dende lonxe, veño a pedirlle unha ilustración, do caráiter do do de Anisia, quero decir, pra igoales dimensións, formato de livro, etc. Quizais vostede lle desagrade ista segunda molestia, pois maxino súa intensa actividade e traqueteo, mais prégolle encarecidamente que, si non é un imposíbel, mo mande. E unha impertinencia complementaria: o máis antes que poida. Con toda a franqueza que vostede me coñece, dígolle que me dá non sei que chegarlle co isto, pero no plan que estou de editar axiña iste tomiño, non me queda outro remedio, xa que non quero outra ilustración que non sexa a súa.
Celebramos que o pasen ben, e que ista xira consagre definitiva e rotundamente –feito que arelamos e descontamos– o seu arte na Europa.
Por hoxe namais. Agardo con inquedanza as súas noticias. Cordiales saúdos meus e de Anisia pra señora Maruxa.
Transcripción da epistola de Luís Seoane, a Xosé Neira Vilas en 02/03/1960
Basilea, 2 de marzo de 1960
Sr. D.
José Neira Vilas
Buenos Aires
Estimado amigo:
Vai con esta a viñeta pra a tapa do libro de Anisia. Supoño que chega a tempo que ten de ficar ben. Terá de levar un centímetro menos que o ancho de tapa i os cores están pensado sobre papel branco ou cartulina branca. Abaixo fágolle un dibuxo de como ten de situarse a viñeta. Fixan os dibuxos en negro que aforra cartos nos clisés no que se refire á seleición de cores. Que o ingeniero Díaz, que coñece esta téinica lle esprique, ou que faga o favor de acompañalo ao grabador, Caparrós, onde traballamos pra Citania. Déixolle en branco no orixinal o espacio pra poñer os centímetros. Que o grabador lle faga a proba de cores pra a imprenta. Perdóneme todas estas consideracións. Escribo de présa. As miñas cousas, deica agora, mui ben.
Un saúdo pra tódolos amigos e un especial pra súa dona e vostede da miña e de min:
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane en 12/02/1960
Buenos Aires, 12 de fevreiro do 1960
Sr. D.
Luis Seoane e señora
Polo mundo...
Queridos e lembrados amigos:
Que tal? Que tal os picoutos de Suiza? Que tal a Europa do 60? Tan frívola como algúns din? Tan recomposta por fóra i en avante espritoal como eu sospeito? Que tal o viaxe?
Ben, non quero fadigalos con parolas intrascendentes. De eiquí, nin novas que merezan ser contadas. Atafégannos dúas cousas: o mal chamado plan económico (?) e un sol adoecido que se chantou nos 32/35 grados. Que se lle vai facer! Entramentras, ahí debe a xiada barrer orellas. Pois si, 32/35 e non o fai por menos. E pra distraernos contamos con diarios que en letras grandes nos falan dun submarino pantasma alá por Golfo Nuevo.
Quero (queremos) saudalos, desexarlles unha feliz estada e un venturoso retorno. E tamén quero recordarlle, Seoane, e non se me alporice, pois non fago máis que colaborar coa súa memoria, a promesa da viñeta que quedara en facerme pra o libriño de Anisia, quen rabea por pubricalo o máis axiña posibre. Ben comprendo que están vostedes disfroitando un xusto e ben gañado descanso, de xeito que fagan de conta que son unha formiga tirolesa que os vai a impertinar, e non un amigo pesado.
E namais por hoxe. Agardo súas noticias... co dibuxo de marras, porque senón quen atura a miña costela, contaxiada de vezos revolucionarios...
De nolos dous, pra vostedes dous unha tenra e garimosa lembranza.
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane en 09/11/1959
Buenos Aires, 9 de novembro do 1959
A
Luis Seoane
Capital
Meu distinto e ademirado amigo:
Acabo de ler e cerrar o seu quente –quente por novo e por aceso –livro de poemas As cicatrices–. Dende logo algo así esperaba cando vostede anunciou a pubricación. Algo así, dixen, mais eso non prevé a novedade, a frescura, a renovada emoción poética; partía eu desa sospeita con moita lóxica porque había antecedentes dabondo pra cavilar sobre o novo mensaxe. E véñenseme agora á memoria en lembranza sintética os rótulos de Eiquí morreu Ramón Cernadas, Cantiga ós emigrantes, O cabaleiro vagamundo, Desterrados, A oración do artista que volta. O primeiro e os dous derradeiros chegáronme moi adentro, sin escruír sin subvalorar o acimbre nin a esencia das demais composicións de Fardel... e Na brétema...
As cicatrices está na mesma liña. Naturalmente, pois de sempre e pra sempre coñece vostede o seu camiño o que é fidel cunha conduta invariábel, dunha soia peza, como se di. Entendo –no meu quizais pequeno entender– que toda obra de arte, máis alá do seu valor estético, debe estar avalada e garantizada pola moral (ou como queira chamarse) do seu creador, e soio acada plenitude cando hai afinidade, casamento entre ela i-el. Poida que isto non sexa ausoluto pra un crítico formal; pra min é defiñitivo, termiñante. (Penso en Casals, Picasso, Machado). O home debe ser antes que nada home, e a partir dalí, da súa decencia e integridade, pode ser escritor, músico, pintor, labrego ou ferreiro, según a súa vocación, capacidade ou circunstancia.
Eu quixera decirlle moitas cousas. Persoalmente non podo, polo meu temperamento, e dende logo tampouco poderei nunha nin en dez cartas. Son moi pouco comunicativo. Non intento compararme con vostede, pero sospeito que temos caráiteres afíns. Hai homes de por dentro e homes de por fóra. Eu non sei en que grado, pero perteñezo ós primeiros. Vostede, tamén (e perdoe se non está dacordo co meu razoamento). Vostede é dunha intensa, volcánica vitalidade interior. Eso é o que trascende da súa obra. E ademais detesta, coma eu, a oratoria musical e baldeira. Somos anti-actores. Eu quixera decirlle canto ademiro, comprendo e agradezo a súa diversa, moimental e increíbel obra. E considérome afertunado por tal comprensión, pois a teima de crasificar lévanos xeralmente a considerar a un pintor, pintor; a un poeta, poeta; a un xornalista, xornalista; etc. E namais. Vostede é realmente un caso difícil pra quenes intenten un estudo compreto, panorámico do seu quefacer. Xa é moito pórse a inventariar a súa variada aitividade. Porque logo dos oficios viran as facetas ós suboficios e será cousa de non acabar.
Mais voltemos á poesía que en vostede é unha aititude incrasificábel, xa que ela abrangue, subordina, felizmente, non soio os seus versos, senón tamén a prosa (teatral, narrativa, xornalística, xornalística-radical), o dibuxo, a pintura, etc., etc., cadrando naquelo de Unamuno: “quien no vive religiosa o poéticamente es un tonto”, concepto que comparto, naturalmente. As cicatrices, repítolle, non é pra min un imprevisto, anque si un novo e moi valioso chanzo que confirma a vostede unha vez máis como positivo e outro valor entre os poetas galegos contemporáneos. E conste que non son dos que xogan coas verbas. E se vostede ou outro me pedise que documentase tal afirmación, esgrimiría unha ringla de rotundos elementos, o primeiro dos cales sería a Sinceiridade cristaíña que deitan os seus poemas. A seguido, virían outras cualidades de non menor valor, anque sempre sometidas a dita que é, coido eu, fundamental.
Perdoe tanta lata, amigo. Lin dun tirón As cicatrices –tíduo acertadísimo–; a impresión da súa lectura levoume a escribirlle, e xa ve, faleille de canto hai menos do livro en concreto. E que pra velo ben a fondo hai que darlle siquera dous repasos de vagar. A adicatoria é de singular tenrura. Os tres poemas do grupo Os torques conteñen un engado épico de orixinal feitío. E dos demais, quédome con todos anque preferentemente con ise heroi saudoso, Silenzo, Noso pobo e Ollade a Galiza. Istes dous derradeiros xa están adscriptos á miña antoloxía mental.
Recolla miña máis fervorosa e fraternal noraboa.
E un forte abrazo
José Neira Vilas
[Anexo.]
[Mecanografado.]
As cicatrices
Poemas de Luis Seoane-Editou Citania
Acaba de aparecer un novo livro de Seoane. Un novo tiduo que sobrepase os vinte, entre monografías, dibuxos, narraciós, teatro e poesía. Increíbel, asoballante fecundidade creadora. Paralelamente, Seoane dirixe revistas e audiciós radiaes, crea un estilo de pintura mural, funda editoriaes, orgaiza esposiciós, impón súa modalidade gráfica ó livro arxentino, etc., etc.
En poesía concretamente leva pubricado Fardel de eisilado (Ánxel Casal), Na brétema, Sant-Iago (Botella al mar), e, agora, o do epígrafe. Do primeiro aínda temos presente aquel longo poema tiduado Eiquí morreu Ramón Cernadas, e tamén Cantiga ós emigrantes. Do segundo, véñensenos á memoria espontaneamente tres fermosos e siñificativos rótulos: O cabaleiro vagamundo, Desterrados, e Oración do artista que volta.
As cicatrices está na mesma liña. Na liña de conducta do autor, endexamais desmentida e si confirmada en cada xesto, en cada trazo, en cada páxina. Seoane é sinceiridade e decencia. E isa integridade reforza, solidifica o valimento de que por si ten a súa obra. O home debe antes que nada ser home, e despois será músico, pintor, funcionario púbrico, labrego ou ferreiro. O oficio terá sempre a impronta de quen o desempeña. Todo o quefacer de Seoane está avalado, garantizado por isa limpa e perenne aititude. As cicatrices móstranos ademais dun poeta rebelde –no mellor sentido– a un poeta maduro, seguro do destino que recrama a poesía nestes tempos de urxencias e desacougos.
Iste novo poemario comeza con Adicatoria, de singular tenrura, sinxeleza, amor á Terra:
A ti, Galiza
dun home teu lonxano
nascido nunha habitación de emigrantes
O tríptico Os torques (A diadema de Ribadeo, Guerreiros contra a mar, A Medamus) ten un engado épico de que non atopamos semellanza en galego. Ahí xúntase a erudición coa emoción do pasado lonxano de Galicia, en equilibrada e poética armonía. E sigue unha ringla de poemas (O pasado, Ise heroi soidoso, Consinias, No combate, Silenzo, etc.) dinos todos eles de ingresar nunha antoloxía da poesía útil e necesaria desta época.
Vexamos:
Ollade a Galiza erguerse paseniñamente
de tódolos supricios.
Construíndo
antre o desamparo e a inxuria
o propio universo.
Ou ben, en Noso pobo:
Un pobo vivindo na anarquía
dende fai mil anos.
Antres embargos,
vilanías,
benzoarios,
herdanzas,
repartos...
En Seoane, a poesía abrangue, subordina toda a súa diversa obra. Poeta sempre. Acadrando así na sentencia do xenial Unamuno: “Quien no vive religiosa o poéticamente, es un tonto”. Poeta é máis ben un estado ca un oficio. Poeta non é o que fai unicamente versos, e incruso abundan os verseadores que non merecen acretarlle tan elevada denominación. A poesía de Seoane abrolla tamén nos lenzos, nas paredes, nos grabados en metal e madeira, na prosa xornalística e, en fin, en todo o seu quefacer. Seoane, en sanción consagratoria dos nosos mellores críticos, fica na galería dos poetas outos da Galicia de hoxe, e os seus poemas ocupan lugar destacado nas antoloxías máis rigurosas. O autor de As cicatrices leva dito fai tempo o que entende el por poesía: “Un poema non pode ser soio un prisma de cores, un xeito de xuntar verbas fermosas e producir soídos; e o berro de un home, o esgazamento que producen no seu esprito os feitos do pasado, trocados en eternidade”.
As cicatrices –tiduo acertadísimo– é un valioso aporte ás letras galegas, e non pasará desapercibido para todos aqueles que son sinceiros consigo mesmos e lles preocupa de veras o drama secular do noso povo.
[Manuscrito:] Amigo Seoane:
Mándolle unha copia desta nota que sobre As cicatrices escribín pra Lugo.
Transcripción da epistola de Xosé Neira Vilas, a Luís Seoane en 04/10/1956
Bos Aires, 4 de outono do 1956
Sr.
Direitor de Galicia emigrante
Oncativo 1935
CIDADE
Da miña meirande estima:
Práceme acompañar a presente, dúas colaboraciós destiñadas a isa prestixiosa revista. Trátase de un conto (A volta) e unha nota biográfica (Os sete seudónimos de Crespo Borbón).
Naturalmente, vostede decidirá se istes traballos son ou no de intrés pra pubricar en Galicia emigrante.
Sin máis, fago axeitada a oportunidade pra reiterarlle a miña consideración.