Proxecto Epístola

----

Juan Compañel (1829-1897)

Fillo dos libreiros e impresores Francisco Luis Compañel e Jacoba Rivas, irmán do tamén impresor Joaquín Compañel e de Peregrina Compañel, amiga de Rosalía de Castro. Foi cuñado de Alejandro Chao e amigo de Manuel Murguía, cos que ideou iniciativas políticas e culturais como o xornal La Oliva. É sobre todo lembrado por ser o impresor do libro fundacional do Rexurdimento galego: Cantares gallegos (1863). Debido ao peche do negocio familiar en Santiago (“Viuda e Hijos de Compañel”), a comezos dos anos cincuenta o mozo Juan Compañel vivía en Madrid, onde chegaría a fundar o seu primeiro negocio editorial (1855). Xa en Vigo, dirixiu La Oliva e, desde 1859, foi propietario do xornal El Miño. Entre outros axentes significados do Rexurdimento, este medio acolleu as sinaturas dos irmáns Antonio e Francisco María de la Iglesia, Eduardo Pondal, Manuel Murguía, Rosalía de Castro e Aurelio Aguirre. Ademais dos Cantares gallegos, Juan Compañel deu ao prelo libros tan salientables para o XIX galego como La primera luz (1859), ou o Diccionario de escritores gallegos (1862) de Manuel Murguía. Entre 1873 e 1897, o impresor exerceu a súa profesión na illa de Cuba, desde onde participou en empresas editoriais como La ilustración gallega y asturiana.


Fontes

Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2012). Murguía. Vigo: Galaxia.
Martínez González, Xurxo (2012). “Juan Compañel Rivas (1829-1897). Alén do editor do Rexurdimento”. Grial. Revista galega de cultura, n.º 195, pp. 106-117.
Martínez González, Xurxo (2013). “Juan Compañel, o editor de Cantares (I)”. Faro de Vigo (3 de outubro).
Martínez González, Xurxo (2013). “Entre La Oliva e El Miño”. Faro de Vigo, (24 de outubro).

Epístolas
0
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]