PROXECTO EPÍSTOLA

----

TEMÁTICA: Haiga

Trátase dun coche grande de luxo que penetrou na cultura popular polos emigrantes retornados de América.
Epístolas
1
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1958-02-11
Carta de Seoane a Piñeiro. 1958
Bos Aires
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Piñeiro. 1958 en 11/02/1958

Buenos Aires, 11 de febreiro de 1958

Sr. D.
Ramón Piñeiro
Santiago de Compostela

Meu querido amigo:

Agradézoche moito as frases garimosas inxustificadas polas que siguen, que me adicas na primeira parte da tua carta que acabo de recibir, pois estiven fora dista cidade unhas semáns. Mais non podo ademitir en silenzo as da derradeira parte, eistranamente inxénua, de dita carta, na que te refires ao editorialista de G. E., e nas que usas, ademáis dun lenguaxe que non corresponde, uns conceptos trabucados e alonxados no meu caso da realidade.
1) O que chamas tí a confusión “arte-literatura-loita de clases-revolución”, no ten ren que ver coa posición estética nin política do “pueril” editorialista de G. E., é decir miña, a que te refires. Si algunha vez tiveses perdido tempo ollando o que fixen no terreo da pintura ou escribindo, tes que ter ollado que non é fácil clasificarme, nin desexo que me clasifiquen ledamente no meu traballo, e pódese notar que non descoñezo as tentativas estéticas que poidan ser unha novedade nos días que vivo, eisperimentando nalgunhas delas cando me pareceron serias. Falarme a mín desa confusión de fai vinte ou trinta anos e simplemente por non ter dialogado nin por carta endexamáis conmigo, nin térese tomado a molestia de ollar o que fago. Esa posición que tí tes por confusa e rematada descoñecendo a sua vitalidade aitual, gústenos ou non, sigue levantando polémicas, continúa sendo respetábel e non “puro anacronismo” como tí dís. Supoño que non terás por rematado xa a Sartre e aos seus meditando –e facéndoa– nunha literatura, (nin aos realistas norteamericáns, nin aos neorrealistas italiás), sumerxida en aición.
2) A xusticia social como tema ten de encher aínda moitas páxinas, unhas boas, e outras coma tí dís “propaganda”, sin que perdan novedade. A sua novedade ten pol-o menos os séculos do Novo Testamento e namentras eisista dalgún xeito a inxusticia non ten de transformarse en tema de cabaleiría. Algunhas das mellores páxinas da nosa literatura do xix nasceron con ese tema. En canto ós fins a que te refires, “o servicio de fins distintos”, no meu caso o servicio ten un nome, Galicia, e os fins un programa, o que nos fixo irmáns que tí deberas non esquencer, e que pola tua carta pensaría que estás esquecendo. Calquer outro nome que lle poñas ó meu servicio e aos meus fins sería coincidente co que lle poder pór a policía, por exemplo; e tí, estou seguro, non eres capaz deso.
3) Non creo dende logo que os rapaces de hoxe pensen coma fai vinte ou trinta anos. Algús dos rapaces a que te refires son esaitamente un verdadeiro anacronismo, son mais vellos que nós, e dende logo non viven en Europa. Dígoo polo que parecen pensar. Si poidese falar con eles demostraríallo. Escribirlles dame preguiza. Eu vivo en Buenos Aires, e vivo polo tanto independentemente da xeografía –a xeografía humán e cultural dunha cidade é as veces cousa distinta á xeografía dun estado– en Europa. Aparte de que eu son fondamente europeo, sabendo, penso, por qué. Non estou tan seguro que sexan europeos no senso do pensamento aitual, moitos países, cidades, vilas, etc., da penínsua; mais ben, si fas aistración da xeografía, poderían ser polo que se vé unha provincia ou unha cidade do norte arxentino ou de Bolivia. Cochabamba, da que falaba Unamuno. Escríboche esto margurado. Os homes maduros en edade pensamos desde logo en moitas cousas de xeito distinto aos días da nosa mocedade, (pra mín estes días no senso do traballo e da inquietude, penso non pasaron) mais a distinción non se refire ao que era verdade, verdade sin tempo nin data, naqueles días. O noso pensamento, o dos que estamos fora, evolucionóu como evolucionóu o voso, vivindo cada un as suas propias esperencias en terras de Europa ou de América, da América americán, por decílo así, e da América europea. A esperencia histórica/coleitiva e universal é a de cada un, esta rodeada das circunstancias que o destino lles deparou. Mais si cando te refires de que vivides en Europa a tua afirmación tén un sentido peiorativo, estás trabucado en canto a esta cidade. Nos trinta ou mais teatros que eisisten nela, profesionaes i esperimentaes, podemos ver millor ou peor representado todo o teatro europeo desde os crásicos deica Esperando a Godod1, ou as obras de Ionesco. En pintura estase ao día e o mesmo ocurre en literatura. Temos, pois, oportunidade de adherirnos á derradeira escola con tempo si nos peta. En todo caso con retraso duns días. Supoño que pasará o mesmo en canto ás cencias, non o sei. Dígoche esto polo posíbel estancamento estético a que pareces referirte poda ocurrir en un. Eu estou ao día, penso, non por moda nin afán de novedade, sinón porque vivo a miña época.
4) Si o estancamento refírese a lembranza e trátase en canto ao tema, non podo ademitir esa inxenuidade túa. Supoño que basta con citarte o exempro de Proust e Joyce. Sinón se refire a eso non sei a que podes referirte cando dís “estancarse” nunha etapa da sua vida “que pode ser a mocedade quedando un convertido paradóxicamente nun vello”. Mais penso que a calquera cousa a que te refiras, forma ou tema, é posíbel que sexa máis ridículo cando se ten unha vida feita, o que supón unha obra sinón feita en desenrolo, poñerse cosméticos que o simulen mozo. Non. A mocedade e a vellez non é nin o cándido exemplo que tí pos nin este con que te podo responder. Eu penso de acordo con Martín du Gard, e si queres con Iñacio de Loyola, que todo pensar, creer e ver, non é nada si un non pode convertilo en acto, refírome á eisistencia e ao pensamento.
5) En “amarga soedade” no que se refire a Galicia estamos todos en xéral os que nos topamos eiquí. A soedade é unha condición que acompaña á proscripción. Mais tamén en mais “amarga soedade” poden sumilos a falla de diálogo, e a tua carta non é unha invitación a él, dos que están na terra. Tí nin eu non poseémos a verdade absoluta, nin a nosa esperencia é escrusivo refrexo da verdade, nin podemos tomar en ningún intre sin faltar, –e o galego é cursidoso de non faltar– aititudes inxustificadas de mestres, sobor de todo cando non se mediron suficientemente terreo do saber e da esperencia as forza[s] de un e outro, do que toma a aititude de guiar cas do presunto guiado. Lémbrome dun estudante de dereito da miña época que desdeñaba a unha peña de café porque nela nos sentabamos mozos de preocupaciós distintas y (sic) algún sin preocupación algunha, porque non leíamos, decía él, Gracian. El debe continuar lendo a Gracian, supoño que entre tinto e tinto, e conmovéndose por xestos supostamente fidalgos. Algús daquela peña fixeron unha obra á medida sua por Galicia. Outros déronlle a vida. Dende logo aquel estudante non era entón un persoaxe de Gracian e nono foi despois, polo que sei.
Resúmen: Non teño outra filiación política que a que tiña fai vintedous anos. Defendo as nosas verdades dentón porque continúan sendo verdades. Algunhas dende moi vello tempo. Defendo aquelo que o programa do G. imponía aos seus afiliados no que ten de permanente, e aitúo con libertade que me dá a desfeita e a pasividade dos que coma eu compartiron aquela irmandade. En canto ás novedades estéticas, a moda e as circunstancias do mundo penso que estou ao día. Podo orientarme sobor dunha corbata, dun libro, dun cadro, da política en canto á moda. No relativo a Europa non todo o que está en Europa é Europa no senso de civilización e da cultura. As Hurdes, por eisempro, non son Europa no que entendemos por ela. Referíndose a América ten de terse ollo. Eisisten moitas Américas, tantas ao menos coma Europas, e América non é dende logo o analfabeto europeo que volta cun “haiga” e cartos, e que non deixou de sere analfabeto aínda que teña moitas virtudes. Este persoaxe queren evitalo por igual os americáns e os europeos. Mais pra moitos de ahí parecen ser os únecos galegos que eisisten aquí. Con respeito á mocedade non ademito mais mocedade que aquela que ten a xenerosidade de defender con actos as súas conviciós, comezando, naturalmente, por ter conviciós. A vellez pra mín aínda non sei o que é aínda peiteando canas, e as obras que millor me representan, penso, están por facer. O tema desa obra pode ser no porvir por igual a descrición pintada ou escrita da folla dun arbre, o voo dunha mosca, ou o asesiñato en masa dun pobo iñocente, e pode ter tamén por igual unha forma descritiva hermética ou relatárese en estilo naturalista ou periodístico. Pode non ter tema.
Desafogado de todo esto invítote a voltar á cordialidade que nunca nos separou e a matinar que as rifas prodúcense por mal entendidos e entre xentes que se estiman e queren, e mentras tanto recibe unha aperta moi forte e fonda de verdade de

[Escrito a man]
Contestación de Luis Seoane á carta de Ramón Piñeiro do 30 de xaneiro de 1958.




1. O título correcto da obra é Esperando a Godot.