Epistolario de Ricardo Carballo Calero

----

Historia da Literatura Galega Contemporánea

[libro] Obra escrita en 1963 por Ricardo Carballo Calero e reeditada en 1975 e 1976.
Epístolas
4
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1960-09-30
Carta de Carballo Calero a Seoane (1960)
Lugo
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Carballo Calero a Seoane (1960) en 30/09/1960

Lugo, 31 [sic] de setembro de 1960

Sr. D. Lois Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:

Foi pra min unha ledicia recibir a túa carta. As túas verbas cariñosas –sentimental como eu son segredamente– énchenme de emoción. Es demasiado xeneroso ao lembrar con agrado unhas horas pasadas con un home envellecido e malencólico, pantasma de sí mesmo, supervivinte doutros tempos i estrano nístes. Só a resurreición do pasado, na persoa dos vellos amigos apertados dempóis de longa ausencia, torna a infundir algún quentor na miña friaxe. Se non me atopaches enteiramente cadavérico, como xustificadamente podía temer, a iso se debería. Houbera querido ter pra vós o agasallo dun pulso máis rexo, dun trato máis tónico. A miña soedade interior non é pra cultivar en mín unha sociabilidade que nunca poseín en grao sobresaliente. O certo é que a túa muller e ti deixáchedes na miña lembranza o mellor dos recordos; e María comparte enteiramente istes sentimentos. Sempre vos consideraremos dous irmáns, e onde queira que voltemos a nos ver, será pra nós un grande contento vervos.
Tardéi en che contestar mergullado na posta en marcha do Colexio no novo curso, o que sempre crea problemas máis dificis e pertubadores do que pode sospeitar quen non conoza as peculiaridades do caso. O meu traballo é dabondo esmagador, si se ten en conta que non podo escusarme de complicalo coas tarefas literarias que se me encomendan e que é o único que dá unha sombra de xustificación á miña vida. Mentras a Historia da Literatura que ando a facer non esteña rematada, teño hipotecada a miña esistencia. I eso vai pra longo.
Supoño que terás recibido o meu discurso de ingreso na Academia Galega, que trata sobre as fontes de Rosalía. Debíncho mandar, se non lembro mal, estando ti en Europa. Non sei se cho mandei ao Centro Galego. Coido que sí, o mesmo que outro exemprar que adiquéi a Blanco Amor.
Aínda non recibín a Obra Completa de Cabanillas, que ten xa moita xente por eiquí. En vista de elo, escribín ao Presidente do Centro, rogándolle que intervira persoalmente pra que cesara ista anomalía. Ao día seguinte, recibín carta de Emilio Pita, na que iste bo amigo me asegura que non tardaréi en recibir o volume. Polo de agora, non o teño. Logréi ver dous exemplares: o que se lle mandóu a Del Riego e o que se lle mandóu ao Director da revista Vida Gallega. Agardo que de calquer xeito non se demorará moito a chegada do meu exemprar.
Na túa carta, me falas de que por correo aparte me envías as túas obras de teatro. Non me chegóu nada diso; pero dende logo, La Soldadera i El irlandés astrólogo ma adicaches e regalaches en Lugo, xuntamente con As cicatrices. Como teño tamén Na brétema, Santiago e Fardel de emigrante, [sic] a túa bibliografía está bastante completa na miña libraría. Sempre leeréi con pracer o que queras me mandar.
María i eu vos enviamos apertas de todo corazón.

R. Carballo

1966-06-15
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966)
Lugo
Oviedo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1966) en 15/06/1966

Colegio Fingoy, Lugo, 15 xunio 1966

Sr. Don Xosé María Álvarez Blázquez
Oviedo
Meu querido amigo: Estiven no Convento de San Francisco de Santiago pra localizar as “Sumptuosas fiestas”. Teño xa a signatura do volume, e na primeira ocasión consultaréino pra ver se hai nil algo que che interese. Non o puiden facer na primeira visita por falta de tempo. Conservo todas as papeletas pra evacuar as consultas cando sexa posibre.
Fai xa tempo dabondo que consultéi o manuscrito de Carré, e as miñas lembranzas do mesmo son debis. Pero non cabe dúbida que se eu atopara nil copia de testos galegos descoñecidos, hobéraos citado. Lembro que cita algunhas estrofas de “Os rogos” que non figuran en “El idioma gallego”; pero disto xa fixen uso na miña “Historia”, e xa que tes o testo íntegro agora, non hai máis que falar. Coido que, efeitivamente, niso de gran número de follas soltas en galego antre 1808 e 1823, ten que haber un pouco de fantasía. En todo caso, Carré non as tiña á vista ao redactar o seu traballo. Sen dúbida houbo algo, e algo se conservará, pero ninguén sabe ónde, e só a sorte pode depararnos cicáis algún exemprar.
Non deixaréi de lle falar a Carré como me indicas. En Boel non estiven. Ise día actuéi en Santiago. Fai tempo que non vou á Academia. Cando se presente a ocasión, trataréi do asunto.
Xa non me acordaba da miña referencia á carta de Fandiño. Vina na Academia, e xa que mo afiuzas, correxín o erro de cita no meu exemprar da “Historia”. É un erro estrano, porque a cita é de primeira man. Pero istas cousas pasan.
Verbo de Sir Robert Wilson xa chegara eu á conclusión de que o sainete de que fala Salinas tiña que se referir aos acontecimentos do ano 23. Pero que satirice aos liberás do ano 12 non quer decir que a acción se desenrole nisa data, senón que ataca aos “doceañistas”, é decir, aos que en 1820 puxeran en vigor a Constitución do 12. Polo tanto, teño, efeitivamente, que revisar o párrafo, pois, fora por imprecisión das miñas fontes, fora por interpretalas mal, admito a posibilidade de que a obra sobre Wilson fora anterior á de Fandiño, escrita no 12; o que vemos que non é probable. Creo recordar que Wilson participóu tamén na guerra da Independencia; pero todo fai supor que o sainete perdido se refería aos tempos do Cen mil fillos de S. Lois.
Podo falar sen incomenente coa Bibliotecaria de Lugo i encarregarlle que che mande unha fotocopia do testo de Pintos, anuncio da segunda setena, pubricado en “La Aurora del Miño”. Se ela non o pode facer, por non ter organizado o servicio, podo pedir que o faga a un fotógrafo. Axiña que dispoña de tempo faréi a xestión. Xa comprenderás cómo ando de trafegos nistes finás de curso. Tes que aturar que tarde en comprirche as encomendas, pero ten a seguridade de que se me das tempo iréi facendo o que poda.
Supoño que aínda estarás en Oviedo. Comunícame os teus cambios de endrezo.
Unha aperta.
Ricardo Carballo Calero.

1972-03-09
Carta de Carballo Calero a Seoane (1972)
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Carballo Calero a Seoane (1972) en 09/03/1972

Instituto Nacional de Enseñanza Media “Rosalía de Castro”/ Profesorado/ Santiago de Compostela]


9 marzo 1972

Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:

Recibín a túa carta de felicitación con motivo das oposicións derradeiramente celebradas para cubrir en propiedade a cátedra de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago.
O amigo Piñeiro, coa súa admirable dilixencia, fixo chegar a nova aos catro puntos cardináis, segundo resulta das mensaxes que me veñen todos os días.
Realmente, a noticia é importante, pero non polo feito episódico de ter sido eu o protagonista cáxeque involuntario dos feitos, senón porque Galicia necesitaba e reclamaba desde hai tempo que se proveera esa cátedra. Eu pouco máis poderéi facer do que xa viña facendo. Intentaréi, como traballo inmediato, completar a miña Historia da Literatura Galega Contemporánea. Polo de agora, nin xiquera toméi posesión do cárrego, pendente de trámites administrativos.
A miña dona agradez moito os teus saúdos. De nós dous recibídeos moi cariñosas a túa dona e ti. E máis unha aperta moi forte do teu vello amigo.

R. Carballo

1973-11-12
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1973)
Santiago de Compostela
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1973) en 12/11/1973

Santiago 12 novbr. 73

Querido amigo:
Antre os libros que no seu día me proporciounou a editorial para preparar a miña Historia da Literatura, figuraba un que segundo creo, faicilitaches ti. Unha vez que o utilicei, devólvocho, co meu agradecento, por correo aparte. ¿Quererías acusarme recibo?
Cordialmente,
Ricardo Carballo