PROXECTO EPÍSTOLA

----

TEMÁTICA: Coloquio Internacional de Estudos Luso-Brasileiros

Reunión de especialistas na cultura portuguesa celebrado no ano 1966 en Harvard (USA). En anos pasados celebrábase en Coimbra (1961 e 1963), Lisboa (1957 e 1959). No IV Coloquio foi invitado Ramón Piñeiro.
Epístolas
2
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1966-10-01
Carta de Piñeiro a Seoane. 1966
Santiago de Compostela
Nova York
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1966 en 01/10/1966



Compostela, 1-X-66


Sr. D. Luis Seoane
Montevideo, 1985, piso 13, dept. 68
Buenos Aires

Benquerido Seoane:

Estuven ausente de Compostela durante tres meses. Acabo de chegar de volta. Entre as cartas que me agardaban, atópomeme con unha tua de presentación de González Lanuza. Sentín ben non cadrar eiquí con il, pois certamente gustaríame conocelo persoalmente.
Eu estuven nos EE.UU. Por rara coincidencia, recibín simultaneamente duas invitacións pra ir alá: unha de Emilio González pra dar un curso sobre Ortega i outro sobre o ensaio español contemporáneo na Escola Española de Middlebury –onde conocín ó profesor Castagnino– e outra invitación da Universidade de Harvard pra tomar parte no vi Coloquio Internacional de Estudos Luso-Brasileiros. O Coloquio foi interesante pola numerosa e calificada concurrencia. Houbo por primeira vez, unha sesión galega. Falouse galego en Harvard.
Tíñanme dito que pensabades vir. Xa vexo que eso ocurrirá a fin de ano. Alegrarémonos moito de vos ver.
Apertas nosas pra os dous

Ramón

1966-11-25
Carta de Piñeiro a Seoane. 1966
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Piñeiro a Seoane. 1966 en 25/11/1966


Compostela, 25-XI-66

Benquerido Luis:

Recibín as duas monografías sobre o teu arte. Foi unha leda, emocionante sorpresa, despois de varios meses de incomunicación. De vez en cando, chegábame o rumor de que ibas vir e afincar en Sada. Despois dixéronme que pasaríades por eiquí agora a fin de ano. E, nesta agarda un tanto imprecisa, chegaron as duas fermosas monografías que, certamente, fan enormemente viva a tua presencia. Unha presencia que xa ten o valor indiscutíbel da perennidade a través da obra.
Pola nota que figura na monografía de Ediciones Esquema XX, vexo que tiñas preparada unha xeira polos EE. UU. e que se interrumpíu. Síntoo, porque estou seguro de que chamaría a atención e interesaría alí a tua obra. Eu estiven por alá dous meses e medio e, polo que vin, coido que lles interesaría o teu arte. Fun dar un curso sobre Ortega e máis asistir ó vi Coloquio Internacional de Estudos Luso-Brasileiros. Con tal motivo, estiven en varios sitios e sempre percibín unha gran curiosidade polo arte moderno e mesmo polas formas máis vangardistas.
A monografía de Bonino é interesantísima polo seu caráiter antolóxico de cáseque 20 anos de labor. Algunhas das láminas en color –por exemplo a nº V, ou a nº VI– engaiolan pola súa serena armonía. Verdadeiramente, eiquí en Santiago debería de haber unha gran sala adicada á tua pintura. É unha pena que haxa tanta obra tua polo mundo adiante e tan pouca en Galicia. Está ben, moi ben, que a haxa polo mundo adiante, pro está mal que o país non se ocupe de conservar pra sí parte desa obra.
Saúdos garimosos a Maruxa e de Isabel pra os dous. Pra tí, unha forte e cordial aperta do teu amigo certo

Ramón Piñeiro