PROXECTO EPÍSTOLA

----

TEMÁTICA: Café Suizo (Santiago de Compostela)

[negocio] Local situado na rúa Nova, un local situado nos baixos da Sociedad El Recreo e que desaparecería coa Guerra Civil. Son destacadas as tertulias de intelectuias e universitarios nos anos trinta.
Epístolas
2
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1962-01-23
Carta de Seoane a García Sabell. 1962
Bos Aires
Santiago de Compostela
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a García Sabell. 1962 en 23/01/1962

Buenos Aires, 23 de xaneiro de 1962

Sr. D.
Domingo García Sabell
Santiago

Querido Domingo:

Tiven noticias fai poucos días do fallecimento da tua nai, e queremos Maruja i eu estar presentes contigo e os teus niste intre. Eu conocina fai moitos anos, é posíbel que tí non te lembres, na tua casa, xunto co fato de amigos, non sei si todos, que nos xuntábamos no Café Suizo. Tiñamos ido contigo unha tarde a escoitar música. ¿Cantos anos hay? Quizáis trinta. Tiñamos todos vinte anos ou arredor diles. Tua nai foi pra min coma unha visión silenciosa e chea de encanto, e dende entón quedou na miña lembranza xunguida á música de Debussy que penso escoitei isa tarde por vez primeira.

Quería decirche soio isto ao tempo que Maruja i eu participamos da vosa door.

Unha aperta forte de:

Seoane.

1962-02-26
Carta de García Sabell a Seoane. 1962
Nova York
Santiago de Compostela
Bos Aires
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de García Sabell a Seoane. 1962 en 26/02/1962

26-II-1962
Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires

Querido Luis:

A túa carta conmoveume fondamente. Tes a mellor das memorias, a memoria entrañabel. Eisí se esprica isa fermosa lembranza da nosa mocedade que traba no teu esprito a música de Debussy ca figura esvaída de miña nai.

¡Si souperas deica que punto a morte de miña nai revolveu en min tódolos pousos da miña ialma! Habería que falar moito diste sucedo. Da serea enerxía con que afrontou o pasamento, da leición que a todos nos donou ca sua derradeira dignidade humán, da sua elegante conformidade, ¡qué sei eu!
E de pronto, apareces tí e falas da nosa xuventude, das xuntazas en Xelmírez, da tertulia no Suizo. Agroma en mín unha época de ledicia i espranza. Ledicia porque o mundo i a nosa Galicia –a túa e a miña– andaban farturentas de vida. Espranza porque os rapaces matinábamos –os rapaces coma tí e coma eu– en ampriar e fecundar isa vida. Tiñamos sensibilidade, concencia dos problemas da terra –que son os do pobo– i unha moi concreta arela de xustiza. Xustiza en todo. Na cultura e no que non é cultura –si hai algo que nono seña. En fin, o tempo foi pasando. Tí convertíchete nun gran pintor. Eu, nun médico metido no seu burato. Pro os dous seguimos sendo novos. Porque seguimos creendo nas mesmas cousas. E porque sabemos, con saber que se non formula en palabras, que a nosa mocedade non está perdida de todo.

Unha forte, unha conmovida aperta de

Domingo

Apertas tamén de Elena e miñas pra Maruja.