PROXECTO EPÍSTOLA

----

TEMÁTICA: Exposición de Luís Seoane. Vigo. 1970

[evento cultural] Luís Seoane, pintura, grabado. Exposición na Galería Roizara de Vigo.
Epístolas
3
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1970-09-28
Carta de Seoane a García Sabell. 1970
Bos Aires
Santiago de Compostela
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a García Sabell. 1970 en 28/09/1970

Buenos Aires, 28 de setembro de 1970

Sr. D. Domingo García Sabell
Santiago


Meu querido amigo:

Recibín fai mais dun mes os versos de don Ramón. Perdóame por non che ter escrito denantes. Fóiseme pasando o tempo entre o moito traballo e a preguiza que ás vegadas ten conta de nós. Pode sere que a preguiza sexa de algún xeito unha especie de meiciña á que me fai falla acolarme nela. Inauguro unha eisposición de óleos o dia 6 do mes que ven, teño outra de grabados en novembro e denantes do fin de ano debo facer un mural, logo pasaremos o vran eiquí e despois retornaremos a Galicia a pasar o mais tempo posíbel. Teño moitas ganas de emprender contigo a editorial de bibliófilos matinando na penínsua enteira, esplícome, incluíndo Portugal. Pode sere moi importante. Vai tí pensando en libros de non moitas páxinas. Eu tamén farei unha lista. Mais xa falaremos desto con acougo.

Unha aperta de Maruja e miña pra Elena e pra tí e os teus:


Seoane.

1970-12-17
Carta de Paz Andrade a Luís e Maruxa Seoane. 1970
Nova York
Vigo
Nova York
Bos Aires
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Paz Andrade a Luís e Maruxa Seoane. 1970 en 17/12/1970


Vigo, 17/Nadal/70

Sr. don LUIS SEOANE LÓPEZ
Montevideo 1985, p. 3º dp. 68
BUENOS AIRES

Queridos Luis e Maruxa:

Xa que non teremos a dita de vos ter na Terra agora que ven o Nadal, queremos que ao menos teñades algunha nova de nós. Non poden ser tod-o boas que quixeramos, máis cada un ten de aturar a su[a] sorte.
A convalecencia do cabezaleiro vai pouco a pouco. Ainda non se foron todal-as presas do corazón desafinado. Como vedes esta é unha gaita ben mala de temprar. Penso que o resgate do ritmo sen anormalidade algunha ainda se demorará algunhas semans, e xa me daría por contente.
A nai de Pilar sufréu, aos poucos dias de vir pra Samil, onde estamos ainda, unha hemiplexia. Xa vos decatades do que un tal doencia supon, maiormente par-a filla, que leva unha tempada tan dura como valeirosa. Maiormente porque tal como as cousas viñeron pouco os demais podemos axudal-a.
Veu as nosas maos Cuco-Rei, cheo de contido e sabor. Imos afeitos a tanta insipidez que as follas da tua xoaniña –así lle chamabamos de nenos en Pontevedra– enchéunos de ledicia e gozo. Demos a ler noso exemprar a alguns amigos, vibradoiros na mesma corda. Teño que agradecer moito o teu comentario sobre La marginación de Galicia, no que o libro acada unha interpretación [c]erteira, si ben sexa por demais xenerosa. O poema de Lorenzo Varela é maxistral, ademais de inspirado e valente. En xeneral todo o contido do numaro, traslucente a tua mao, é merecente do noso reconocimento. Quero decir, dos que ainda querendo non poderiamos escribir o que canta Cuco-Rei.
Isaac e Mimina estuveron recentemente duas veces na nosa casa. Mimina con certa preocupación pol-o seu ril, na dubida de se deixar extirpalo ou non. Onte inauguróuse a túa exposición en Vigo, na nova Sala. Ainda non pudemos visital-a. Pilar porque leva mais d-un mes sen apartarse da doente. Eu pol-o d-agora non debo subir escadas, e tratase d-un segundo piso. Cecais denantes de que se cerre podamos chegarnos aló.

Nosos mellores votos de venturanza pra vos no Nadal e Aninovo, co-as mais cordiaes apertas de

Mª Pilar
Valentín


[Manuscrito:] Apertas

Alfonso

1971-03-04
Carta de Seoane a Pereira Caamaño. 1971
Bos Aires
Montevideo
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Pereira Caamaño. 1971 en 04/03/1971


Buenos Aires, 4 de marzo de 1971

Sr. D. Fernando Pereira
Montevideo

Querido amigo:

Remítolle a miña carta de agradecemento ó Presidente do Patronato D. Abelardo Cerdeira e á Xunta Direitiva, e adxúntolle a carta que fixen pública con unha resposta ós que fan A Nosa Terra.
Todo esto é moi triste. Matino que, coa laboura feita por min, boa, regular, ou mala, mais sempre adicada a eisaltar a Galicia, merezo un ataque maior, polo menos en canto a espacio nese periódico, que Fraga Iribarne, ou os moitos que se comportaron coma nemigos da terra dende fai moitos anos. Mais deixemos esto. De Méndez Ferrín sei que está facendo xestiós pra poñelo en libertade. Eu fixen no mes de decembro unha mostra de óleos e grabados na Galería que inaugurou a súa dona en Vigo. Farei nos transcurso deste mes os dibuxos e a tapa pró libro que vostedes van a editar. A min parésceme moi bon e con moito gusto colaborarei na súa edición. Eu marcharei na primeira quincena de abril pra Europa. O día 6, aínda non está confirmada a data, faise no Museo de Arte Moderno deiquí unha grande mostra retrospeitiva de douscentos grabados meus.
Neste intre recibo outra súa. 1) Non estarei en Buenos Aires en xulio, posibelmente estarei en Galicia. 2) Teño feita a miña resposta agradescendo a carta do Patronato. 3) Mais arriba escríbolle que farei os dibuxos neste mes, percisamente porque marcho. Penso que teñen de editarse.
Si podo serlles útil en Galicia, sereino con moito gusto.

Saúdos a tódolos amigos desa e ós meus, e reciba unha forte aperta:

[Seoane]